O Concello de Cervo (Lugo), en sesión celebrada o día 22 de setembro de 1995, aprobou o proxecto de paseo marítimo do Torno, San Cibrao, termo municipal de Cervo e na sesión do día 17 de outubro de 1998 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu documentación complementaria para correcta tramitación do expediente, con data en entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 27 de setembro de 1999.
Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.
A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 17 de xuño de 1999.
Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque o estado de abandono e ameaza de ruína dos inmobles estremeiros supoñen un perigo para os viandantes que transiten pola zona.
A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de xullo de mil novecentos noventa e nove,
DISPOÑO:
Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Cervo (Lugo) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de paseo marítimo do Torno, San Cibrao, termo municipal de Cervo.
Santiago de Compostela, dous de xullo de mil novecentos noventa e nove.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Jesús Carlos Palmou Lorenzo
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais