A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura (BOE nº 235, do 1 de outubro), ten a titularidade do inmoble situado na rúa San Lázaro, 107, termo municipal de Santiago de Compostela (A Coruña).
Mediante o Decreto 108/1995, do 31 de marzo, (DOG nº 79, do 25 de abril), acordouse a mutación demanial do dito inmoble, co fin de destinalo a sede dos órganos administrativos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
O Consorcio de la Ciudad de Santiago de Compostela solicitou da Consellería de Economía e Facenda a cesión dunha parcela de terreo que forma parte do dito inmoble, para construcción dunha residencia ou albergue xuvenil de peregrinos.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que ten na actualidade adscrito o inmoble, informou favorablemente a desafectación do dominio público e posterior cesión da antedita parcela, de conformidade co disposto no artigo 24 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, de Patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.
O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos
da lexislación de expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.
O punto segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo da instrucción do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.
Na súa virtude, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintenove de xullo de mil novecentos noventa e nove,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Desáfectase do dominio público unha parcela para segregar do inmoble situado na rúa San Lázaro, 107, termo municipal de Santiago de Compostela (A Coruña), e que se describe como segue:
Parcela de terreo de 5.580 m de extensión que estrema: norte, predios particulares; sur, predio matriz con edificio da Comunidade Autónoma de Galicia; leste, pista; e oeste, con rúa da Vesada.
Artigo 2º
O ben inmoble antes descrito adquire natureza patrimonial, sen prexuízo do cumprimento da recepción formal por parte da Consellería de Economía e Facenda do ben desafectado de conformidade co disposto no artigo 27 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Santiago de Compostela, vintenove de xullo de mil novecentos noventa e nove.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
José Antonio Orza Fernández
Conselleiro de Economía e Facenda

