Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Luns, 23 de agosto de 1999 Páx. 10.508

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 3 de agosto de 1999 pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. Manuel Antonio Silva Romero, en escrito do 22 de xullo de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 30 de xuño de 1999, ante o notario Domingo Enrique Gutiérrez Aller, co número mil cincocentos noventa e dous do seu protocolo, por José María Hernández Cochón, que intervén no exercicio do seu cargo, en nome e representación da Xunta de Galicia.

3. Segundo consta no artigo 4.1º dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a realización de actividades de xestión, coordinación, consultoría, docencia e investigación prioritariamente en materia de atención extrahospitalaria no caso de emerxencia e urxencia sanitaria, así como no campo dos coidados críticos e na atencion sociosanitaria, promovendo a eficacia, eficiencia e seguridade do sistema sanitario.

Para tal fin, xestionará a Central de Coordinación de Urxencias Médicas regulada na Orde do 9 de outubro de 1995.

4. O padroado da fundación estará constituído polos membros sinalados no artigo 9 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais coma regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 26 de xullo de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese sanitario a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública