Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 09 de setembro de 1999 Páx. 11.100

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 1999, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector do comercio da pel da provincia da Coruña.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector do comercio da pel da provincia da Coruña que tivo entrada nesta delegación provincial o día 7-7-1999, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Comercio del Calzado, e da parte social por UGT, CC.OO., CIG e USO o día 28-5-1999 de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 13 de xullo de 1999.

María Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo para as empresas do sector do comercio da pel da provincia da Coruña 1999-2000

Artigo 1º.-Ámbito funcional e persoal.

O convenio será de aplicación para as empresas dedicadas ó comercio de artigos de pel que se rexan pola ordenanza de traballo para o comercio e para tódolos traballadores afectados por elas.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

Será de aplicación obrigatoria en todo o territorio da provincia da Coruña. Aplicarase, así mesmo, ós centros de traballo situados na citada provincia, aínda cando as empresas tivesen domicilio social noutras non afectadas, así como as empresas de nova instalación que estean incluídas no seu ámbito territorial e funcional.

Artigo 3º.-Vixencia.

O convenio páctase por dous anos, desde o 1 de xaneiro de 1999 ata o 31 de decembro do 2000. A denuncia poderá levala a cabo calquera das partes mediante notificación á outra, cunha antelación mínima de tres meses ó remate da súa vixencia.

Artigo 4º.-Comisión paritaria.

Constituirase unha comisión integrada por representantes dos empresarios e dos traballadores para a interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do convenio, entre as centrais UGT, CC.OO e CIG e a Asociación de Empresas de Comercio de Calzado.

Parte empresarial:

Vicente Villar Pispieiro.

Francisco Mosteiro Ponce.

Francisco Javier González Outomouro.

Parte social:

Carmen Iglesias Almeida (UGT).

José Ramón Grela Castro (CC.OO.).

Lois Soto Sabio (CIG).

Ricardo Rodríguez Rodeiro (USO).

Artigo 5º.-Revisión salarial e garantía.

No segundo ano de vixencia revisaranse as táboas salariais co IPC previsto para os orzamentos xerais do Estado, incrementado nun punto e medio. No suposto de que o IPC real superase o previsto, revisaranse as táboas salariais coa diferencia, para os únicos efectos da negociación do seguinte convenio.

Artigo 6º.-Normas supletorias.

En todo o non previsto neste convenio observarase o disposto no Estatuto dos traballadores e no acordo para a substitución da ordenanza de comercio, publicado no BOE, do 9 de abril de 1996, por resolución da Dirección Xeral de Traballo do 21 de marzo de 1996, quedando a citada ordenanza como norma supletoria.

Capítulo II

Condicións económicas

Artigo 7º.-Salarios.

A partir do primeiro ano de vixencia deste convenio reputaranse como mínimos legais os soldos en períodos mensuais que se detallan na táboa salarial anexa a este convenio.

Para o segundo ano de vixencia, as táboas salariais do anexo incrementaranse co IPC previsto nos orzamentos xerais do Estado para o ano 2000 máis en punto e medio.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécese para tódolos traballadores afectados por este convenio o dereito a percibir tres pagas extraordinarias completas durante o ano. Unha no mes de marzo, que corresponde á que como participación de beneficios sinalaba a ordenanza laboral de comercio, outra no mes de xullo e outra en Nadal. Todas elas aboaranse sobre os salarios deste convenio, incrementadas, se é o caso, pola antigüidade.

Artigo 9º.-Premios de antigüidade.

Os cuadrienios que sinala a ordenanza laboral para o comercio serán do cinco por cento sobre os salarios deste convenio.

As retribucións por este concepto non poderán supera-lo 60% do salario base.

Artigo 10º.-Complemento de transporte.

Establécese un complemento de transporte equivalente a 5.678 pesetas/mes.

O dito complemento non se incluirá nas pagas extraordinarias.

Artigo 11º.-Horas extraordinarias.

Son de carácter voluntario, retribuiranse cun incremento do 75% do salario que correspondese a cada hora ordinaria, respectando os límites, en canto a número, establecidos no artigo 35 número 2º do Estatuto dos traballadores e demais disposicións do dito artigo.

Para efectos da recarga de cotización establecida polo Real decreto 1858, do 29 de agosto, consideraranse neste sector como horas extraordinarias estructurais e, polo tanto, non suxeitas a recarga, as realizadas durante o período que media entre o 21 de decembro e o 6 de xaneiro. Suprimiranse as horas extraordinarias habituais.

Para efectos de remuneración das horas traballadas durante este período, as empresas, de acordo cos traballadores, poderán substituí-lo pagamento das horas pola concesión de horas de asueto, sempre que se manteña a proporción de 1 hora e 45 minutos de asueto por cada hora traballada.

Artigo 12º.-Licencias retribuídas.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e tempos seguintes:

a) Dezaseis días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional por un período determinado aplicarase o que dispoña, en canto duración da ausenica e á súa compensación económica. Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do vinte por cento das horas laborables nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador á situación de excedencia, regulada no apartado 1º do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador, por incumprimento do deber ou desempeño deste, perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario ó que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Dous días ó ano para asuntos propios, retribuídos, logo de solicitude e aceptación por parte da empresa.

As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller pola súa vontade poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada laboral en media hora coa mesma finalidade.

Quen, por razóns de garda legal, teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Artigo 13º.-Premio de xubilación anticipada.

As empresas aboaranlles un complemento de xubilación a aqueles traballadores que, con dez anos de antigüidade como mínimo nela, se xubilen de mutuo acordo coa empresa. A súa contía irá en función da seguinte escala:

-Por xubilación voluntaria ós 60 anos: 14 mensualidades (salario e antigüidade).

-Por xubilación voluntaria ós 61 anos: 11 mensualidades (salario e antigüidade).

-Por xubilación voluntaria ós 62 anos: 8 mensualidades (salario e antigüidade).

-Por xubilación voluntaria ós 63 anos: 5 mensualidades (salario e antigüidade).

-Por xubilación voluntaria ós 64 anos: 3 mensualidades (salario e antigüidade).

Unha vez fixada a contía do premio, a empresa poderá fracciona-lo pagamento ó longo dun máximo de 12 meses. Para a súa recepción, terá que solicitarse no prazo de tres meses desde o cumprimento da idade e seis meses máis. O traballador que non solicitase a xubilación, perderá o dereito a este complemento.

Ós 64 anos poderán facer uso os traballadores da xubilación especial co 100% dos dereitos pasivos, e as empresas deberán contratar en forma simultánea traballadores desempregados rexistrados na oficina de emprego, para calquera das modalidades de contrato vixentes na actualidade, agás as contratacións a tempo parcial, por un período mínimo de duración, en todo caso, superior ó ano.

Artigo 14º.-Premio de xubilación.

As empresas daranlle ó persoal que se xubile unha gratificación dunha mensualidade do seu salario,

sempre que superen os quince anos ininterrompidos de antigüidade na empresa. Este premio elevarase a dúas mensualidades se supera os vinte anos nas mesmas condicións.

Artigo 15º.-Subsidio por matrimonio.

O persoal de ámbolos sexos con máis de tres anos en activo na empresa terá dereito a percibir, en caso de matrimonio, quince mil pesetas.

Artigo 16º

Ó persoal que se atope incorporado ó servicio militar, aboaráselle o 25% do salario anual que lle corresponda por este convenio, e ratearase o pagamento polos meses efectivos de servicio, a non ser que, de mutuo acordo, empresa e traballador pacten outra forma de pagamento.

Artigo 17º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo en cómputo anual para 1999 e 2000 será de 1.818 horas, equivalente a corenta horas semanais desde o luns ás catorce horas do sábado. Se durante a vixencia deste convenio se modificase a xornada máxima legal, a xornada pactada neste convenio adaptarase ás novas normas, logo de reunión da comisión paritaria.

No caso de que algún establecemento de tipo grandes almacéns ou similares estivese autorizado para abrir ó público os sábados pola tarde e o levase a efecto, as empresas reservaranse o dereito a prolonga-la xornada durante a tarde do sábado, respectando en todo caso a xornada anual establecida neste convenio.

As cidades de Ferrol e Santiago de Compostela manterán a xornada de traballo que habitualmente veñen desenvolvendo.

Artigo 18º.-Vacacións.

Mantéñense os períodos de trinta días naturais de vacacións establecidos na ordenanza de comercio.

Para a elección do período de desfrute de vacacións, establécese unha quenda rotatoria, deixando a salvo o establecido ó respecto polo artigo 38.2º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 19º

Os delegados de persoal terán dereito a quince horas mensuais para o exercicio das súas funcións.

Nas empresas con tres ou máis afiliados a unha central sindical que represente, polo menos, o 10% do cadro de persoal, recoñeceráselle á dita central a facultade de poder designar entre eles un representante como interlocutor ante a empresa, con facultade para recadar cotas.

Artigo 20º.-Seguro de accidente.

As empresas subscribirán un seguro de accidente que cubra os seguintes riscos durante as 24 horas do día:

a) Morte por accidente.

b) Invalidez absoluta e total por accidente.

O capital asegurado será de 1.000.000 de ptas. en ámbolos casos.

As empresas que contratasen o seguro correspondente cunha compañía aseguradora non responderán subsidiariamente en ningún caso do pagamento da indemnización correspondente ós accidentes aquí previstos.

Este seguro entrará en vigor, neste primeiro ano de existencia, dous meses despois de publicarse o convenio no BOP.

Artigo 21º.-Cláusula de desvinculación.

As empresas que tivesen perdas durante os exercicios de 1997 e 1998 e as previsións para 1999 e 2000 fosen similares, poderán prescindir da aplicación dos salarios pactados neste convenio. Poderán acollerse tamén a este beneficio aquelas empresas que durante o exercicio económico estean suxeitas a regulacións de emprego por causas económicas.

No prazo de dous meses desde a publicación deste convenio, as empresas que pretendan acollerse a esta cláusula deberán presentarlle a solicitude á comisión mixta do convenio ante a que deberán acreditar, no caso de sociedades e empresas obrigadas pola normativa fiscal a leva-la contabilidade, as contas anuais presentadas no rexistro mercantil e as declaracións correspondentes presentadas ante a axencia tributaria. As demais empresas deberán acreditalo mediante a documentación que acredite suficientemente a súa situación a xuízo da comisión.

Poderase solicita-la presencia dos representantes dos traballadores, así como de documentación aclaratoria que se considere necesaria.

De non existir acordo no seo da comisión mixta, as partes acordan o sometemento á arbitraxe do AGA.

As empresas acollidas a esta cláusula, de acordo cos traballadores, poderán aplicar incrementos salariais menores ós aquí pactados ou, mesmo, non incrementa-los salarios durante a vixencia do convenio.

Tódolos membros da comisión, así como os seus asesores, quedan obrigados a manter na maior reserva a información recibida, observando o maior sixilo profesional.

Artigo 22º.-Contratación temporal.

Son traballadores eventuais aqueles admitidos para atenderen as esixencias circunstanciais do mercado, acumulación de tarefas ou pedidos, aínda tratándose da actividade normal da empresa, sempre que así conste por escrito.

Os traballadores así contratados terán os mesmos dereitos e igualdade de trato que os demais traballadores do cadro de persoal, agás as limitacións que se deriven da natureza e duración do seu contrato.

O contrato previsto no artigo 15.1º b) do ET poderá ter unha duración máxima de trece meses dentro dun período de dezaoito meses.

Artigo 23º.-Contratación indefinida.

As empresas obríganse a ter unha porcentaxe de emprego fixo, respecto do cadro de persoal total, de polo menos un 50%.

Por petición da representación legal dos traballadores, as empresas entregarán por escrito á dita representación, semestralmente, a relación de traballadores coa modalidade de contrato que ten cada un deles. A comisión paritaria poderá requirir ás empresas a mesma información.

Así mesmo, de acordo co establecido na letra b) do punto 2 da disposición adicional primeira da Lei 63/1997, ámbalas partes coinciden en que, durante toda a vixencia deste convenio, será posible a conversión de tódolos contratos temporais celebrados durante a vixencia deste convenio, no contrato para o fomento da contratación indefinida, regulado pola dita disposición.

Artigo 24º

En caso de que non se cumpra o establecido no artigo 23, as empresas terán que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores.

Táboas salariais 1999

CategoríaSalariosCómputo

anual

Axudante84.2361.331.676
Dependente de 22 a 24 anos86.4411.364.751
Dependente maior de 25 anos93.3371.468.191
Xefe de sección98.5921.547.016
Xefe de almacén114.9281.792.056
Xefe de sucursal114.9281.792.056
Encargado xeral131.1852.035.911
Encargado de compras e vendas104.6171.637.391
Mozo de almacén84.2361.331.676
Corredor de praza98.1431.540.281
Auxiliar caixa de 18 a 20 anos84.2361.331.676
Auxiliar caixa de 20 a 22 anos85.2051.346.211
Auxiliar caixa de 22 a 25 anos87.2681.377.156
Auxiliar caixa de máis de 25 anos88.0971.389.576
Contable caixeiro98.4171.544.391
Xefe administrativo120.8551.880.961
Oficial administrativo93.3381.468.206
Auxiliar administrativo84.2361.331.676
Escaparatista94.4331.484.631
Complemento de transporte5.678