Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Martes, 02 de novembro de 1999 Páx. 12.817

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 1999, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Aguas de Fontenova, S.A. de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Aguas de Fontenova, S.A. (código convenio nº 3200022) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial, subscrito en representación da parte económica, pola dirección da empresa e, da parte social, polo delegado de persoal, o día 17-9-1999 e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores. Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios

da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 27 de setembro de 1999.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo para a empresa Aguas de Fontenova, S.A. Verín (Ourense)

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As disposicións incluídas no presente convenio regularán desde a súa entrada en vigor, a súa vixencia, as relacións laborais que nel se establezan entre a empresa Aguas de Fontenova, S.A. e o seu persoal.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Estará afectado polo presente convenio o persoal da empresa incluído no artigo 1º, agás as persoas que exerzan funcións de alta dirección e alto consello.

Artigo 3º.-Vixencia, duración e prórroga.

A duración deste convenio será de 12 meses, comezando os seus efectos económicos o día 1 de xaneiro de 1999 e rematando a súa vixencia o 31 de decembro de 1999.

O convenio prorrogarase tacitamente de ano en ano se non fose denunciado por calquera das partes con tres meses de antelación, polo menos, ó remate da súa vixencia. Permanecerá vixente o texto, ata a sinatura dun novo.

As condicións de denuncia serán as que determina o artigo 89 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

O incremento de salarios para 1999 será do 2,4%, que se aboará da forma seguinte:

a) A empresa aumentará un 2,1% sobre tódolos conceptos retributivos, que fará efectivo a partir da data da sinatura deste convenio, aboando os atrasos con efectos retroactivos ó 1 de xaneiro de 1999.

b) A empresa aumentará un 0,3% a maiores, sobre tódolos conceptos retributivos, que fará efectivo co aboamento da paga do mes de decembro de 1999, aboando os atrasos con efectos retroactivos ó 1º de xaneiro de 1999.

c) A representación legal dos traballadores/as acepta estudiar para o futuro que o incremento establecido no parágrafo anterior se poida condicionar á productividade da empresa.

No caso de que o IPC oficial de 1999, o 31 de decembro de 1999, fose superior ó (dous con catro por cento) 2,4%, revisaranse os salarios na súa diferencia e actualizaranse as táboas salariais de 1999, aboándolles ós operarios os atrasos correspondentes.

Artigo 4º.-Compensación e absorción.

As melloras resultantes do presente convenio serán compensadas e absorbidas ata onde chegue o cómputo anual con aqueloutras que puidesen establecerse por disposición legal ou que tivera establecidas a empresa, agás que expresamente se pacte o contrario.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para resolve-las dúbidas que puidesen xurdir sobre a aplicación do convenio constitúese unha comisión mixta composta polos/as vocais que interviñeron na negociación e elaboración do convenio.

Clasificación do persoal

Artigo 6º.-Novas categorías.

Por disposicións legais obrigatorias e por necesidades das empresas, faise necesario crear e definir novas categorías:

-Técnico titulado de laboratorio: é o que con título facultativo oficial realiza as funcións de analista de control de calidade, con responsabilidade, dependendo directamente da dirección da empresa.

-Laborante: é o productor experto en análises e traballo de laboratorio, que sen título facultativo leva a cabo as devanditas funcións ou como auxiliar do técnico titulado.

-Capataz: é o productor que ten ó seu cargo un grupo de persoas, as que dirixe e orienta na execución dos traballos dun determinado servicio.

-Peón: é o operario que executa os labores para a realización dos cales se require predominantemente esforzo físico, sen necesidade de práctica operativa ningunha. Esta categoría só poderá aplicarse ó persoal contratado por tempada para carga e descarga e non ó ingresado como fixo de cadro de persoal, como operario de embotellamento.

Xornada de traballo e vacacións

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo establécese en trinta e nove horas semanais de luns a venres.

A xornada de traballo máxima legal para 1999 será de 1.770 horas/anuais, distribuídas de luns a venres en cómputo semanal de trinta e nove horas, cos días máximos anuais que resulten.

O persoal de distribución e reparto, mentres estea adscrito a estes traballos, poderá ser excluído da xornada normal, sempre que de común acordo coa empresa se fixen as compensacións económicas para posibles variacións de xornada, tendo en conta as especiais características que presente a distribución e o reparto.

Artigo 8º.-Vacacións.

As vacacións anuais consistirán no goce de 30 días naturais. O salario que se percibirá durante o período de vacacións será o real estipulado no presente convenio. Todo o persoal poderá gozar dun período de 15 días de vacacións durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. Atenderase sempre á producción e á consideración da dirección, non podendo gozar máis de 4 productores as vacacións á vez, resultando un total de 8 productores por cada mes sinalado. Tódolos traballadores da empresa terán dereito anualmente a 1 día libre de permiso retribuído para asuntos propios, debendo comunicarllo á empresa con dous días de antelación.

Retribucións

Artigo 9º.-Retribucións.

A retribución convida constará de:

-Salario base.

-Complementos salariais.

Os traballadores/as que teñan que acudir ó médico especialista da Seguridade Social terán dereito ó percibo do seu salario, polo tempo que dure o dito desprazamento.

Artigo 10º.-Salario base.

O salario base será o que se especifica na táboa de salarios anexa.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Establécese un complemento de antigüidade que consistirá en trienios ó 4% sobre o salario base.

Artigo 12º.-Gratificación de carencia e incentivos.

Establécese o pagamento da gratificación de carencia de incentivos, como prima de productividade e asistencia.

A gratificación de carencia e incentivos consistirá no percibo por cada traballador individualmente e por día efectivamente traballado das cantidades que constan na táboa de salarios do presente convenio por este concepto.

Artigo 13º.-Sistema de incentivos.

A empresa poderá establecer calquera outro sistema de incentivos á producción que non poderán ser menores, en cómputo anual, ós establecidos neste convenio como gratificación de carencia e incentivos.

Os devanditos sistemas de remuneración por rendemento representarán como actividade normal de traballo a de 100 unidades do sistema centesimal ou 60 puntos Bedaux. A actividade óptima estará valorada en 140 unidades centesimais ou 80 puntos Bedaux.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

Consistirán en 3 pagas extraordinarias, de 1 mensualidade de salario base máis antigüidade cada unha, pagadeiras o 18 de marzo, o 18 de xullo e o 18 de decembro, respectivamente.

Artigo 15º.-Xubilación.

Todo/a traballador/a afectado/a polo presente convenio poderá solicita-la xubilación ós 64 anos de idade, de conformidade co establecido no Acordo Nacional de Emprego e no Real decreto do 20 de agosto de 1981.

Artigo 16º.-Premio de xubilación.

Ó cesa-lo traballador na empresa por xubilación, concederáselle unha indemnización do seu salario base máis antigüidade en proporción ós seus anos de servicio na empresa, de acordo coa seguinte escala:

5 anos: dúas mensualidades.

10 anos: tres mensualidades.

15 anos: catro mensualidades.

20 anos: cinco mensualidades.

25 anos: seis mensualidades.

De 30 en diante: unha anualidade.

Artigo 17º.-Gratificación de vixilancia e garda xurado.

En concepto de perigosidade establécese unha gratificación para os que exerzan as ditas funcións, consistentes no 10% do salario base.

Artigo 18º.-Auxiliares administrativos.

Os auxiliares administrativos, ós 6 anos de exerce-las ditas funcións na empresa, deberán ascender á categoría de oficiais administrativos.

Artigo 19º.-Seguro de vida e accidentes.

A empresa estará obligada a manter un seguro para todo o persoal afectado polo presente convenio que cubra as seguintes continxencias e coas seguintes indemnizacións:

-Morte por accidente: 2.000.000 de ptas.

-Invalidez permanente total: 2.000.000 de ptas.

-Morte por calquera outra causa: 1.500.000 ptas.

Os/as beneficiarios/as deste seguro serán o/a traballador/a asegurado/a ou o/a cónxuxe viúvo/a e, se é o caso, os dereitohabentes do/a asegurado/a. O prazo para concertar este seguro será de 30 días a partir da publicación no BOP e, en calquera caso, a partir dos tres meses da alta na empresa.

Artigo 20º.-Gratificación por matrimonio.

Tódolos traballadores cunha antigüidade de polo menos tres anos na empresa terán dereito, cando casen, a unha gratificación dun mes de salario base máis antigüidade.

Artigo 21º.-Incapacidade temporal.

Cando un traballador/a se atope en situación de IT percibirá o 100% do salario a partir da 2ª semana consecutiva en que se atope na devandita situación.

Artigo 22º.-Horas extraordinarias.

Durante a vixencia deste convenio realizaranse horas extraordinarias de carácter normal; sen embargo poderán realizarse as horas extraordinarias debidas a forza maior e as de carácter estructural.

Consideraranse horas extraordinarias motivadas por causa de forza maior as traballadas e empregadas na reparación de sinistros ou as que se realicen para prevelos e horas estructurais as que con carácter extraordinario e esporádico se efectúen no seo da empresa para cubri-la realización dun traballo que non foi posible prever nin substituír por contratacións temporais ou a tempo parcial, previstas na lei. Enviarase á Delegación Provinal de Traballo un informe mensual da realización e motivos destas horas e será realizado conxuntamente polos delegados e a dirección da empresa.

O incumprimento dos pactos deste artigo, así como todo o referente ó artigo 35 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, e Real decreto lei 1958, do 20 de agosto, considerarase unha falta grave para os efectos do disposto no artigo 37 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 23º.-Desconto en nómina da cota sindical.

A empresa, trala comunicación escrita ó traballador, procederá ó desconto na folla de salarios da cota sindical correspondente e ingresaraa na conta bancaria que se fará constar no escrito por petición do traballador e que corresponde á central sindical á cal está afiliado/a. A dita central sindical deberá cumpri-los requisitos establecidos na Lei orgánica de liberdade sindical.

No escrito de solicitude deberán constar claramente os datos do traballador/a a cantidade para descontar, o número de conta na que se debe ingresar e a sinatura de autorización.

Artigo 24º.-Dereitos sindicais.

O comité de empresa ou delegado de persoal deberán ser informados de calquera sanción imposta a un traballador antes de serlle notificada por escrito a el, que deberá estar presente, en todo caso, no momento de serlle notificada.

A empresa estará obrigada a entregarlles ós representantes a copia de cada contrato feito durante a vixencia do presente convenio. En caso de que non o fixese e incumprise algunha cláusula contractual, este pasará a ser indefinido.

Así mesmo, a empresa entregará trimestralmente o informe sobre a situación económico-financeira, mercado, vendas, futuro e conta de resultados de anos anteriores, tal e como prevé a Lei 8/1980 e Lei 11/1985, considerándose falta moi grave o imcumprimento das ditas normas e do estipulado no presente artigo.

Artigo 25º.-Compromiso de contratación indefinida.

Todo traballador/a que leve na empresa 12 meses ininterrompidos de contrato pasará a ser indefinido.

Cláusula derradeira

En todo o que non estea previsto no presente convenio haberá que aterse ó disposto na Regulamentación de establecementos balnearios do 3 de xuño de 1959 e na Lei 8/1980, do 10 de marzo.

O presente convenio é asinado pola empresa Aguas de Fontenova, S.A. e o representante dos traballadores/as no seo da devandita empresa, pertencente á central sindical Comisiones Obreras (CC.OO.). Tódalas partes con capacidade legal suficiente segundo o Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, do Estatuto dos traballadores.

En Verín, 15 de setembro de 1999.

Táboa salarial para 1999

Aguas de Fontenova, S.A.

S. basePCI

Persoal técnico
Licenciados titulados/as Super. 143.753---
Técnicos titulados/as 123.958---
Peritos e asimilados/as 123.958---
Non titulados
Encargado/a xeral 123.958---
Encargado/a de sección 116.040---
Persoal administrativo
Xefe/a de primeira 119.9701.583
Xefe/a de 2ª contable-caixeiro/a 85.7071.583
Oficial de 1ª 85.7071.583
Oficial de 2ª 85.7071.054
Auxiliar 85.707 735
Persoal mercantil
Xefe/a de vendas 123.958---
Inspector/a de vendas 85.7071.183
Persoal obreiro
Capataz 85.7071.183
Operario/a de embotellamento 85.707 735
Aprendiz SMI 735
Oficios varios
Oficial de 1ª 85.7071.183
Conductor/a-repartidor/a 85.7071.183
Oficial de 2ª 85.7071.054
Oficial 3ª 85.7071.054
Axudante 85.707 735
Conductor/a 85.707 735
Laborante 85.707 735
Persoal subalterno
Peón 80.653 735
Almacenista 80.653 735
Ordenanza-cobrador/a 80.653 735
Ordenanza 80.653 735
Vixilante 80.653 735
Porteiro/a e conserxe 80.653 735
Telefonista 80.653 735
Xardineiro/a 80.653 735
Limpador/a 80.653 735