Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 03 de novembro de 1999 Páx. 12.862

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 25 de outubro de 1999 pola que se regula o funcionamento dos centros de acuicultura en augas continentais e o seu rexistro.

Os artigos 61 e 62 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio) establecen os principios básicos dos sistemas de control sanitario e do funcionamento dos centros de acuicultura en augas continentais, principios que requiren dun desenvolvemento normativo que regule os procedementos de declaración de enfermidades, de autorización para a inmersión de organismos vivos e de presentación da memoria anual de actividades.

Por outra banda, o Rexistro de Centros de Acuicultura, creado polo mesmo Decreto 130/1997, require dunha normativa que regule o seu funcionamento e demais características.

De conformidade co disposto no devandito decreto e no Decreto 482/1997, do 30 de decembro, corres

póndelle á Consellería de Medio Ambiente dictar cantas disposición sexan necesarias para a aplicación do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

Por todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Esta orde ten por obxecto o desenvolvemento e a aplicación dos procedementos de control sanitario e do funcionamento dos centros de acuicultura en augas continentais e a regulación do Rexistro de Centros de Acuicultura, en aplicación do establecido nos artigos 61, 62 e 63 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997).

Artigo 2º

Para os efectos desta orde terán a consideración de centros de acuicultura en augas continentais todo tipo de instalacións nas que se manteñan vivas especies que habiten ou poidan habitar nas augas continentais, así como os seus ovos ou gametos, con fins de producción, comercialización ou consumo, e nas que se faga uso das augas continentais tanto mediante captación coma mediante vertido de efluentes líquidos.

Artigo 3º

O punto 2 do artigo 61 antes citado establece que a aparición de calquera proceso patolóxico ou mortaldade anormal nas instalacións dun centro de acuicultura deberá pórse en coñecemento do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural. Para o cumprimento deste precepto empregarase o modelo normalizado que figura no anexo I desta orde.

Artigo 4º

Toda introducción ou expedición de esperma, ovos, embrións ou peixes vivos requirirá autorización previa da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural de conformidade co establecido no punto 3º do artigo 61 do devandito regulamento. A solicitude do permiso de inmersión de organismos vivos formularase co modelo normalizado que figura no anexo II desta orde, ó que deberá xuntarse a documentación acreditativa do estado sanitario dos organismos. No prazo de cinco días desde a recepción dos organismos, remitiráselle á citada dirección xeral a documentación sanitaria que acompañe ós organismos na súa entrada.

Artigo 5º

A memoria anual de actividades á que se refire o punto 3º do artigo 62 do regulamento citado cubrirase no modelo normalizado que figura no anexo III desta orde. Esta memoria deberá ser remitida á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural no prazo dun mes contado desde o cesamento das actividades ou desde a finalización do ano.

Artigo 6º

De conformidade co disposto no artigo 63 antes citado, o Rexistro de Centros de Acuicultura está adscrito á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natu

ral, que será a responsable da súa organización, mantemento e custodia.

Artigo 7º

Os titulares ou representantes legais dos centros de acuicultura en augas continentais deberán solicita-la inscrición do centro no rexistro e notificar calquera cambio nos datos que figuren nel.

Artigo 8º

O Rexistro de Centros de Acuicultura constará materialmente dun libro de rexistro cunha encadernación que garanta a súa integridade e con tódalas follas útiles numeradas correlativamente nun dos seus ángulos. No caso de ser necesario, o libro de rexistro poderá constar de varios tomos numerados por orde de antigüidade.

Na folla de portada do libro figurará unha dilixencia do secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente na que conste o número de follas, a numeración destas, o número do tomo e outras características descritivas do libro que garantan a súa integridade. No caso de seren necesarios varios tomos, cada un deles será dilixenciado de igual xeito.

Artigo 9º

Cada centro de acuicultura en augas continentais abrirá un folio no libro de rexistro e asignaráselle un número de rexistro diferente e correlativo. Todo asento relativo ó centro de acuicultura realizarase nese mesmo folio en liñas sucesivas, sen deixar ocos nin claros, e facendo consta-la data na que se realiza.

No caso de ser necesario, no pé de páxina faranse consta-los números de tomo e de folio no que se continúen os asentos. O folio no que se continúen os asentos encabezarase cunha referencia ós números de tomo e de folio no que foi rexistrado por primeira vez o centro de acuicultura.

Artigo 10º

No libro de rexistro figurarán os seguintes datos de cada centro de acuicultura:

a) Número de rexistro.

b) Situación xeográfica.

c) Datos básicos da concesión de augas e da autorización de vertido, co seguinte contido mínimo: data, organismo, caudal concedido, límites de vertido, períodos de vixencia.

d) Datos básicos da autorización de funcionamento, co seguinte contido mínimo: data, organismo, especies autorizadas, período de vixencia.

e) Clasificación: centro de ciclo cerrado ou centro de reproducción, de producción de crías ou de engorde.

f) Fins ou destinos da producción: autoconsumo, comercialización, repoboación ou investigación.

g) Código de identificación alfanumérico no que figurarán, ademais do número de rexistro, unhas claves relativas á clasificación e ós fins da producción.

h) Identificación da empresa e do seu titular: denominación da empresa ou nome do titular, número de

identificación fiscal e nome do representante legal da empresa.

i) Descrición das instalacións, na que figurarán, polo menos, os seguintes datos: superficie total das instalacións e superficie útil de cultivo, lonxitudes e superficies das canles de alimentación, distribución e desaugamento, superficie da balsa de decantación, descrición e superficie das instalacións auxiliares e descrición da circulación de auga nas instalacións.

j) Datos básicos do sistema de producción, co seguinte contido mínimo: ciclo de cultivo, superficie dedicada a cada fase do cultivo, capacidade de producción e carga instantánea.

Artigo 11º

Os asentos no libro de rexistro serán de tres clases: inscrición, anotación ou cancelación.

Artigo 12º

Os titulares ou representantes legais dos centros de acuicultura das augas continentais galegas solicitarán a inscrición do centro mediante o modelo normalizado que figura no anexo IV desta orde, ó que deberá xuntarse a documentación acreditativa dos datos que deben figurar no rexistro.

O expediente de inscrición tramitarase de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 28 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, e correspóndelle ó director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural dicta-la resolución que proceda.

Xunto coa resolución estimatoria remitiráselle ó solicitante o número de inscrición e mailo código de identificación do centro. A resolución denegatoria da inscrición deberá ser motivada e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Medio Ambiente.

A inscrición do rexistro formalizarase de oficio cando a Consellería de Medio Ambiente conceda a autorización de funcionamento dun centro de acuicultura de conformidade co disposto nos artigos 59 e 60 de Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997).

Artigo 13º

As modificacións de calquera dos datos consignados no libro de rexistro darán lugar á correspondente anotación.

Cando as modificacións non deban ser previamente autorizadas pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, o titular ou representante legal do centro de acuicultura porá en coñecemento da citada dirección xeral todos aqueles cambios que afecten os datos que constan no rexistro. Con tal fin presentará a correspondente solicitude no modelo normalizado que figura no anexo V desta orde no prazo dun mes desde o momento no que se teñan producido as modificacións.

No caso de modificacións que deban ser autorizadas, as resolucións dictadas darán lugar ás correspondentes

anotacións de oficio. Igualmente, anotarase de oficio calquera outra resolución administrativa ou xudicial da que teña coñecemento a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural. Nestes casos de anotación de oficio notificaráselle ó titular ou representante legal do centro de acuicultura a data e o contido da anotación.

Artigo 14º

As cancelacións realizaranse logo de solicitude do titular ou representante legal do centro mediante o modelo normalizado do anexo VI desta orde.

Artigo 15º

Poderán acceder ó libro de rexistro e obter certificacións tódalas persoas que o solicitasen por escrito, indicando os motivos da solicitude e mailos datos ós que se pretende acceder. A solicitude poderá ser denegada cando prevalezan razóns de interese público, interese de terceiros máis dignos de protección e nos supostos recollidos na Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 16º

O Rexistro de Centros de Acuicultura poderá instalarse en soporte informático. O sistema deberá garanti-lo cumprimento dos obxectivos e requisitos do libro descrito nos artigos anteriores.

Artigo 17º

No momento da inscrición no Rexistro de Centros de Acuicultura facilitaráselle a cada centro o modelo oficial de libro de rexistro de actividades ó que se refire o artigo 62 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997). O libro de rexistro de actividades será dilixenciado pola Consellería de Medio Ambiente e o seu funcionamento será regulado polo disposto no citado artigo 62 e mais polas especificacións do anexo VII desta orde.

Disposicións transitorias

Primeira.-Á entrada en vigor desta orde, os titulares ou representantes legais dos centros de acuicultura existentes nas augas continentais galegas deberán solicita-la inscrición no Rexistro de Centros de Acuicultura de conformidade co disposto no artigo 12º desta orde, debendo achegar copia das autorizacións e concesións administrativas do centro ou documentos que acrediten ter iniciados os correspondentes trámites. Neste último caso, nun prazo dun ano procederase á apertura do correspondente expediente de cancelación cando non se achegue a documentación definitiva.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor ós tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 1999.

Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO VII

Especificacións do libro de rexistro de

actividades de centros de acuicultura

en augas continentais

O libro de rexistro de actividades de centros de acuicultura en augas continentais conterá os seguintes formularios: entradas, saídas, limpezas e desinfeccións, patoloxías e mortaldades, tratamentos sanitarios, e visitas e inspeccións.

O libro deberá manterse permanentemente actualizado, e débense efectuar tódalas anotacións sen demoras inxustificadas. En todo momento as anotacións deberán corresponderse co número e tipos de peixes presentes no centro de acuicultura.

As anotacións deberán efectuarse preferentemente en letras maiúsculas e unicamente con bolígrafo ou

rotulador de tinta endeleble. En ningún caso se empregará un lapis ou calquera outro medio que permita o borrado.

No caso dun erro nas anotacións, deberá anularse con dúas raias diagonais a liña correspondente ou, se é o caso, a páxina enteira e comezar unha nova anotación. Prohíbese arrinca-las follas do libro, borra-las anotacións ou sobreescribilas.

O libro deberá conservarse en perfecto estado de uso no interior das instalacións do centro de acuicultura. Só poderá ser retirado das instalacións por persoal da Consellería de Medio Ambiente, debidamente acreditado, o cal deberá entregarlle ó responsable do centro un documento acreditativo da retirada do libro.

No caso concreto de dous ou máis centros de acuicultura que teñan o mesmo titular, cada libro de rexis

tro deberá estar depositado nas instalacións de cultivo correspondentes e nunca en instalacións ou oficinas comúns a tódolos centros.

Deberase notificar con antelación suficiente ó Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural a necesidade dun novo libro para poder continua-las anotacións.

Nos formularios de entradas anotarase a data, a especie, o nome do subministrador, o país e a zona de orixe e as características e o destino dos exemplares introducidos no centro. Toda entrada de organismos vivos deberá ser rexistrada, mesmo os procedentes doutros centros do mesmo titular. Cando se obteñan ovos no propio centro, rexistrarase como entrada a cantidade de ovos producidos, facendo constar como observación que proveñen de reproductores do propio centro.

Nos formularios de saídas anotarase a data, a especie, as características e o destino dos exemplares que saian do centro, facendo tamén mención á entrada da que proveñen os organismos. Deberá rexistrarse toda saída de organismos, vivos ou mortos, mesmo os que teñan como destino outros centros do mesmo titular.

Nos formularios de limpezas e desinfeccións rexistrarase a data, as instalacións ou o material tratado, as características do producto empregado e as dosificacións. Tamén se incluirán nestes formularios as limpezas e os baleirados da balsa de decantación, e farase constar como observación a cantidade de lama retirada e o seu destino.

Nos formularios de patoloxías e mortaldades anotaranse as datas de inicio e fin da patoloxía, a identificación dos exemplares afectados, a taxa de mortaldade, os signos clínicos, o diagnóstico presuntivo, o diagnóstico definitivo xunto coa data de realización e a identificación do técnico, e o destino dos exemplares mortos. Deberase anotar toda patoloxía e toda mortaldade anormal detectada, entendendo por mortaldade anormal aquela que causa unhas baixas superiores ó 0,5% ó día durante máis de tres días sucesivos. A taxa de mortaldade rexistrarase como porcentaxe total de baixas desde o inicio ata a fin da patoloxía.

Nos formularios de tratamentos sanitarios anotarase o tipo de tratamento, a patoloxía tratada, as datas de inicio e fin, a identificación dos exemplares tratados, as características do medicamento e maila posoloxía. Rexistraranse tanto os tratamentos por causa dunha patoloxía declarada (curativos) coma aqueloutros anteriores á aparición da patoloxía (preventivos), incluíndo en ámbolos casos os tratamentos subministrados xunto co alimento (pensos medicados). Nestes formularios tamén se rexistrará todo tipo de vacinas que reciban os peixes.

Nos formularios de visitas e inspeccións anotarase a data, o nome e os apelidos dos responsables da visita oficial ou da inspección, o organismo ó que estes pertencen e mailas sinaturas.