Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 10 de novembro de 1999 Páx. 13.187

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 28 de outubro de 1999 pola que se convocan axudas para a protección integrada do viñedo mediante métodos biotecnolóxicos.

A Política Agraria Común tende a fomenta-las medidas de desenvolvemento dunha agricultura menos intensiva, o emprego de prácticas de producción que diminúan os efectos contaminantes, a conservación de terras agrícolas abandonadas e a xestión con vistas ó acceso do público e o ocio como instrumentos da política ambiental.

En particular, o Regulamento (CE) 2078/1992, do Consello, do 30 de xuño, promove métodos de producción agrícola propicios para o desenvolvemento dunha agricultura compatible coas esixencias ambientais e de conservación do espacio natural, establecendo un réxime de axudas, cofinanciadas polo FEOGA-Garantía, para compensa-las perdas de renda orixinadas pola reducción da producción ou o aumento de custos que supoñen os ditos métodos.

O dito regulamento, no seu artigo 3, puntos 1º, 2º e 3º, regula a aplicación por parte dos Estados membros do réxime de axudas a través de programas plurianuais de zona e, no punto 4, autoriza que estes establezan un marco regulamentario xeral que dispoña a aplicación horizontal na totalidade do seu territorio dunha ou varias das axudas previstas.

De acordo co anterior, o Real decreto 51/1995, do 20 de xaneiro (BOE nº 33, do 8 de febreiro) estableceu un réxime de medidas horizontais para fomentar métodos de producción agraria compatibles coas esixencias da protección e a conservación do espacio natural.

Por outra parte, a decisión da Comisión C(95) 18, do 19 de xaneiro, aproba o dispositivo de aplicación deste réxime de axuda en España, cun programa de medidas xerais aplicables en todo o territorio español e outro de medidas específicas aplicables en zonas seleccionadas, entre as que se atopan medidas para aplicar en zonas da Comunidade Autónoma de Galicia e con participación do FEOGA-Garantía nos gastos financiables.

Neste marco, o sector agrario de Galicia debe combina-la súa adaptación a sistemas productivos máis eficientes co mantemento dunha cultura agraria propia. O viñedo é un cultivo especialmente importante nesta Comunidade Autónoma, tanto pola extensión da superficie cultivada como polo número de tra

balladores empregados no sector, abarcando cinco denominacións de orixe en materia de viños. Co programa de axuda obxecto da presente orde preténdese racionaliza-lo emprego de productos fitosanitarios e de fertilizantes e manter e estimula-la multiplicidade de especies, diminuíndo o risco de toxicidade, para así lograr un producto de maior calidade e menores residuos.

De acordo co disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se creou o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, compételle a este a execución en Galicia das actuacións derivadas da aplicación da reforma da Política Agraria Común (PAC), inclusive as medidas de acompañamento, como neste caso as agroambientais, o que tamén se establece no artigo 5 do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que desenvolve a citada lei, así como no artigo 14 do Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e do propio Ilgga.

En consecuencia, ó abeiro do disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto da presente orde a regulación dos requisitos e o procedemento para a solicitude, tramitación, concesión e pagamento das axudas para a protección integrada do viñedo mediante métodos biotecnolóxicos, no marco do fomento das prácticas agrícolas compatibles co medio ambiente, ó abeiro do disposto no artigo 3 do Regulamento (CE) 2078/1992, do Consello, do 30 de xuño de 1992, que continuará vixente ata o 31 de decembro do presente ano.

Artigo 2º.-Finalidade.

Os fins perseguidos co establecemento deste réxime de axudas son os seguintes:

1. Mellora-la calidade da uva producida.

2. Diminuí-lo risco de atopar residuos de productos fitosanitarios na uva no momento da colleita.

3. Implantar, en amplas zonas de cultivo de viñedo, a utilización de métodos biotecnolóxicos de loita contra pragas e enfermidades respetuosos co ambiente e coa conservación do espacio natural.

4. Mante-la diversidade biolóxica no medio no que se aplique o programa.

Artigo 3º.-Ambito territorial.

Este programa aplicarase nas superficies incluídas nas denominacións de orixe de Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra, Monterrei e Rías Baixas.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións

de viñedo que cumpran os requisitos establecidos a continuación:

a) Reduci-lo consumo de productos químicos utilizados en tratamentos fitosanitarios nun 30%, como mínimo, e utilizar na loita química exclusivamente os productos fitosanitarios incluídos no anexo II, durante un prazo de cinco anos.

b) Se é o caso, desenvolve-lo programa de protección integrada do viñedo mediante métodos biotecnolóxicos, conforme as especificacións técnicas sinaladas no anexo I e no libro de campo especificado no anexo III, durante un prazo de cinco anos.

c) Dispor, directamente ou como membro dunha agrupación de defensa vexetal, asociación de tratamento integrado na agricultura (ATRIA), SAT, cooperativa ou outra agrupación legalmente constituída, dos seguintes medios e servicios:

c.1) Unha superficie total de viñedo, en couto redondo, igual ou superior a 5 ha, na que, polo menos, ó 85% estea incluída no programa.

c.2) Asistencia técnica na aplicación de tratamentos fitopatolóxicos.

c.3) Técnico competente para efectua-los controis fitosanitarios de seguimento da execución do programa.

c.4) Sistema de control e verificación da execución do programa.

d) Incluír no programa, polo menos, ó 50% da superficie da explotación destinada a viñedo, considerando sempre parcelas completas.

e) Somete-la maquinaria de aplicación a revisións periódicas cada dous anos, como mínimo.

f) Cumpri-las indicacións da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria canto á execución do programa e permiti-lo libre acceso á explotación dos técnicos responsables do seu seguimento.

g) Participar nos cursos de formación sobre técnicas de protección integrada dos viñedos que imparta a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

h) Subscribir un compromiso, directamente, ou a través de asociación correspondente, coa delegación provincial da consellería para a realización do programa.

Artigo 5º.-Contía da axuda.

Os beneficiarios deste programa poderán percibir unha das seguintes axudas, anualmente, por un período máximo de cinco anos:

a) Unha prima de ata 25.000 ptas./ha no caso de reducción dos productos para tratamentos químicos, como mínimo, nun 30% e utilización unicamente dos productos incluídos no anexo II.

b) Unha prima de ata 50.000 ptas./ha no caso de que, ademais da reducción de productos químicos, se empregen os métodos biotecnolóxicos de protección integrada especificados no anexo I.

En calquera caso, o límite máximo de subvención anual por explotación será de 2.500.000 ptas.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

No caso de que a asignación orzamentaria sexa inferior á suma dos importes das solicitudes, na concesión das axudas aplicaranse os criterios de prioridade que de seguido se indican:

-Dentro do artigo 4 c.1) terán prioridade as solicitudes nas que o couto redondo de superficie de viñedo sexa superior a 5 ha e ademais que o 100% da superficie estea incluída no programa.

-Dentro do artigo 4 c.4) letra d) terán prioridade as solicitudes nas que no programa se destine ó mesmo o 100% da superficie da explotación de viñedo, considerando sempre parcelas completas.

Artigo 7º.-Solicitude e documentación complementaria.

As solicitudes de axuda formularanse, en modelo oficial, polos titulares das explotacións conforme o anexo IV (A) e (B) desta orde. Así mesmo, tamén as poderán presentar las entidades indicadas no artigo 4.1.c da presente orde, sempre e cando os seus asociados confiran expresamente autorización para tal efecto.

Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

1. Fotocopia do DNI/NIF do titular da explotación.

2. Relación de parcelas de viñedo da explotación (anexo V).

3. Compromiso entre o solicitante da axuda e a agrupación, asociación ou sociedade na que se integra, pola que ambas partes asumen as súas obrigas canto ó desenvolvemento do programa, se é o caso (anexo VI).

4. Documento acreditativo da constitución legal de:

-Agrupacións de Defensa Vexetal ou ATRIAs, constituídas no seo dunha entidade agraria con personalidade xurídica.

-SAT.

-Cooperativa agraria.

-Outras agrupacións agrarias legalmente constituídas.

así como copia dos seus estatutos ou, no suposto de que nestes últimos non se prevexa o plan de actuación de asistencia técnica ós seus asociados na aplicación de tratamentos fitopatolóxicos, acordo do órgano rector no que se recolla a dita finalidade.

5. Certificación por órgano competente da agrupación, asociación ou sociedade, acreditativa da pertenza a ela do solicitante da axuda, se é o caso.

6. Acordo do órgano competente da agrupación, asociación ou sociedade, polo que asume o compromiso de seguimento e control da execución do programa mediante técnico competente, durante o

prazo de duración do programa, conforme as especificacións técnicas sinaladas no anexo I e lista de materias incluídas conforme o anexo II.

7. Plano do catastro do couto redondo e das parcelas incluídas no programa.

8. Certificación da entidade financeira indicando un número de conta, en formato código conta cliente, aberta a nome do solicitante para o ingreso da axuda.

9. DNI do presentador da solicitude e documento acreditativo da representación que alegue quen a presente en nome dos titulares das explotacións.

Artigo 8º.-Tramitación e control administrativo.

a) A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e os órganos periféricos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria funcionalmente dependentes daquela realizarán as funcións de tramitación previas á resolución e pagamento, así como as inherentes ó seguimento do programa, é dicir, efectuarán a recepción e rexistro e tratamento informático das solicitudes, a comprobación e verificación de que a documentación presentada está completa, solicitando, se é preciso, a documentación complementaria necesaria a fin de informa-la adecuación dos feitos que serven de base para a determinación da cantidade que deberá ser aboada a un beneficiario, conforme coa normativa comunitaria que resulte de aplicación e a estatal e autonómica que a desenvolven.

b) Posteriormente, elaborarán a proposta correspondente que, co visto e prace do delegado provincial, elevarán ó director do Ilgga para a súa aprobación, se procede.

c) Unha vez aprobadas as axudas formalizaranse os correspondentes contratos entre a D.X. de Producción Agropecuaria e os beneficiarios ou agrupacións.

Artigo 9º.-Control e seguimento do programa.

O control da aplicación do programa será efectuado polo técnico competente da agrupación á que pertenza o titular da explotación, e o seguimento da aplicación do programa, conforme os anexos I e II, documentarase nun caderno de campo segundo se indica no anexo III.

Os servicios técnicos dependentes da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria efectuarán as comprobacións técnicas que coiden oportunas para garanti-la correcta execución do programa, tanto mediante o exame do caderno de campo como mediante a toma de mostras e posterior análise.

Non obstante, o Ilgga poderá demanda-la realización daquelas inspeccións e controis adicionais que se consideren necesarios para comproba-lo cumprimento de calquera requisito esixido na normativa comunitaria, estatal ou autonómica que resulte de aplicación.

Artigo 10º.-Xustificación e aboamento da axuda.

1. A xustificación da execución do programa realizarase anualmente coa presentación polo intere

sado ou pola asociación á que pertenza dun informe técnico detallado para cada explotación, asinado polo técnico responsable do seu seguimento e control, no que se indique o nivel dos obxectivos acadados, antes do 30 de setembro de cada ano.

2. En todo caso, o pagamento anual da axuda estará supeditado ó informe técnico anual, elaborado por parte dos servicios técnicos dependentes da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, da execución do programa e do cumprimento dos compromisos asumidos. A dita certificación servirá de base para que o Ilgga efectúe, se é o caso, o pagamento da axuda.

3. Para os efectos previstos no parágrafo anterior, os titulares das explotacións beneficiarias das axudas deberán colaborar nas medidas que se adopten para o control e seguimento do programa. En particular, deberán permiti-lo libre acceso á súa explotación, a toma de mostras e exame de datos e rexistros ós técnicos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

4. Se da verificación e controis realizados se deducise unha execución non satisfactoria do programa e o incumprimento dos compromisos asumidos, reducirase, parcial ou totalmente, a axuda aprobada a percibir polo solicitante.

5. O prazo máximo no que se deberá dictar resolución será o 30 de decembro do ano en curso, entendéndose desestimadas aquelas solicitudes non resoltas expresamente no devandito prazo.

Artigo 11º.-Réxime sancionador.

1. Aplicaranse as sancións correspondentes, de acordo co establecido no punto seguinte deste artigo, cando se dea algún dos seguintes supostos:

-Que exista discrepancia entre a superficie declarada e a comprobada.

-Cando se observe incumprimento dos compromisos técnicos e ambientais.

-Que non se presentase a solicitude anual de renovación dos compromisos plurianuais.

2. Ante falsa declaración, ben deliberadamente ben por neglixencia grave, rescindirase o contrato, e o beneficiario non poderá reincorporarse ó programa ata que transcorran dous anos.

En todo caso será de aplicación o disposto no Regulamento (CE) 746/1996, en relación co establecido nos Regulamentos (CE) 3887/1992, 3508/1992 e 1648/1995 relativos ó sistema integrado de xestión e control.

Artigo 12º.-Compatibilidade e axudas máximas.

As subvencións reguladas na presente orde serán compatibles coas relativas á conservación do contorno paisaxístico e loita contra a erosión en viñedos da Ribeira Sacra, conservación da paisaxe e prevención da erosión en sistemas de pastoreo e para o fomento das razas autóctonas en perigo de extinción.

Así mesmo, serán acumulables ata as contías máximas previstas no Regulamento (CE) 2078/1992, do Consello, do 30 de xuño de 1992.

Artigo 13º.-Agricultor a título principal.

1. Cando o titular da explotación exerza a súa actividade como agricultor a título principal (ATP) de acordo coa definición do artigo 2 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, as contías establecidas das axudas incrementaranse nun 20%, tendo en conta o establecido no artigo anterior.

2. A xustificación da condición de ATP realizarase, como norma xeral, mediante fotocopia cotexada da declaración do IRPF do último exercicio do que xa rematase o prazo para a súa presentación en período voluntario, ou coa media das rendas fiscalmente declaradas como tales polo mesmo durante tres dos cinco últimos anos, incluíndo o último exercicio, exceptuando do cómputo os incrementos e diminucións patrimoniais. Para estes efectos, imputaránselle ó titular da explotación as seguintes rendas:

a) As da actividade agraria da explotación.

b) As procedentes doutras actividades empresariais ou profesionais, así como as orixinadas por traballos desenvolvidos fóra da explotación, incluídas as perdas e haberes pasivos que fiscalmente estea obrigado a declarar.

c) O 50% das producidas polo capital mobiliario e inmobiliario, no caso de réxime de gananciais, e o 100% das súas rendas privativas.

Deberase acompañar á citada xustificación un informe de vida laboral emitido pola Tesourería da Seguridade Social.

Artigo 14º.-Prazo e lugar de presentación das solicitudes.

As solicitudes de axuda presentaranse, preferentemente, nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. Ademais, poderanse presentar nas oficinas e rexistros previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes desde a publicación da presente orde.

Artigo 15º.-Financiamento das actuacións.

1. As accións previstas na presente orde financiaranse de acordo co convenio de colaboración establecido ou que se estableza entre a Comunidade Autónoma de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

2. O aboamento da axuda ó interesado poderá condicionarse á recepción pola Administración autonómica das transferencias correspondentes ás participacións do MAPA e do FEOGA-Garantía no seu financiamento.

3. No ano 1999, as axudas concedidas por primeira vez con cargo á presente orde, financiaranse con

cargo á aplicación orzamentaria 09.50.712 A.773.0 «Apoio á eficacia dos sistemas productivos» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o dito exercicio, dotado con 2.000.000 de pesetas para esta finalidade.

Artigo 16º.-Solicitantes de anos anteriores.

Os que xa foran beneficiarios destas axudas no ano anterior, cando non variasen as parcelas, nin outros medios nin métodos de producción no ano actual, poderán presenta-la solicitude correspondente sen incluí-los anexos V e VI, utilizando só o anexo VII.

Disposición transitoria

Tendo en conta que o Regulamento (CE) 2078/1992, do Consello, nº 30 de xullo, estará en vigor ata o 31 de decembro de 1999, os novos contratos asinaranse para este ano e incluirán o compromiso do beneficiario de integrarse e adaptarse ós novos plans que emanen do Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, do 17 de maio de 1999.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cando nun mesmo ámbito territorial coincidan accións relacionadas coa aplicación desta orde con outras que xurdan como consecuencia da aplicación do Regulamento (CE) 2080/1992, sobre forestación de terras agrarias, ou do Real decreto 378/1993, do 12 de marzo, polo que se establece un réxime de axudas para fomentar investimentos forestais en explotacións agrarias e accións de desenvolvemento e aproveitamento dos bosques en zonas rurais, coordinaranse as actuacións precisas para a aplicación de ambos regulamentos.

Segunda.-Ó procedemento para a concesión da subvencion regulada na presente orde seralle de aplicación o sistema de recursos establecidos no capítulo II do título VII da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Así mesmo, queda facultado para modificar, por resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os prazos de presentación das solicitudes ou calquera outra condición ou requisito dos establecidos nesta orde, cando se deban a modificacións habidas na normativa, estatal ou comunitaria, reguladora da presente axuda.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria