Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Mércores, 29 de decembro de 1999 Páx. 15.254

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 336/1999, do 9 de decembro, polo que se aproba a rehabilitación do escudo heráldico e maila bandeira do Concello de Mondoñedo (Lugo).

O Concello de Mondoñedo (Lugo) considerou conveniente organizar correctamente o seu escudo heráldico e a bandeira municipal para perpetualos con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, co seu correspondente brasonamento e representación gráfica, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro; e mais no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, visto o informe, do 2 de novembro de 1999, emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de decembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aproba-la rehabilitación do escudo heráldico do Concello de Mondoñedo (Lugo), que quedará organizado do seguinte xeito: de gules (vermello), o cáliz de ouro (amarelo), sumado da Sagrada Forma de prata (branco) e acompañado de sete cruces deles, tres en cada flanco e unha na punta, esta flanqueada das letras M e O de ouro. Ó timbre, coroa real pechada.

Artigo 2º

Aproba-la rehabilitación da bandeira do Concello de Mondoñedo (Lugo), que quedará organizada do seguinte xeito: sobre pano vermello, o cáliz de amarelo, sumado da Sagrada Forma de branco e acompañado de seis cruces tamén de branco, tres á hasta e tres ó batente.

Santiago de Compostela, nove de decembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais