Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 04 de xaneiro de 2000 Páx. 66

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 342/1999, do 16 de decembro, sobre horarios, quendas de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia.

A Lei galega 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, regula no seu artigo 17 o horario e servicios de garda das oficinas de farmacia, tomando como base a liberdade e flexibilidade de horarios e xornadas.

Co fin de lle garantir á poboación unha atención farmacéutica permanente, a devandita lei atribúelle á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a facultade de establecer, unha vez oídos os colexios oficiais de farmacéuticos, os horarios mínimos de atención ó público. Así mesmo, a disposición derradeira primeira da lei autoriza a Xunta de Galicia para o seu desenvolvemento.

Por isto, resulta necesario establecer unha regulación que, con carácter de mínimos, garanta a atención continuada á poboación, regulando a xornada e horario das oficinas de farmacia, así como as correspondentes quendas de urxencia e vacacións.

Ó mesmo tempo establécense mecanismos para mellora-la coordinación ante a posibilidade, derivada da referida liberdade e flexibilidade de horarios de que as oficinas de farmacia prolonguen a súa actividade por riba dos mínimos que se fixan neste decreto.

Así mesmo, para garantía dos usuarios e para dotar de maior racionalidade ó sistema, establécese a obrigatoria uniformidade de réxime do horario ampliado.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, oídos os colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia, e de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de decembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a regulación dos horarios de atención ó público nas oficinas de farmacia así como as quendas de urxencia e vacacións.

Artigo 2º.-Xornada e horarios mínimos de atención ó público.

1. A xornada de atención ó público nas oficinas de farmacia será de 35 horas de luns a venres e de 4 horas o sábado.

O horario mínimo, establecido de xeito uniforme en cada zona farmacéutica ou conxunto de zonas farmacéuticas lindantes ou próximas, realizarase entre as 9 e as 14 horas e entre as 16 horas e as 20 horas.

2. Para tal efecto, as oficinas de farmacia deberán permanecer abertas ó público os días laborables, de

luns a venres, como mínimo durante sete horas, comprendidas entre as 9 e as 14 horas e as 16 e as 20 horas.

3. Os sábados laborables deberán permanecer abertas un mínimo de catro horas comprendidas entre as 9 e as 14 horas.

4. Co fin de facilita-lo acceso dos usuarios ó servicio farmacéutico, os horarios mínimos deben ser uniformes dentro da mesma zona farmacéutica, correspondéndolles ós colexios oficiais de farmacéuticos a súa fixación de acordo co establecido neste decreto.

Artigo 3º.-Horario ampliado.

1. As oficinas de farmacia poderán permanecer abertas ó público fóra dos horarios ou xornadas sinaladas como mínimos no punto anterior.

En todo caso, o horario ampliado deberá coincidir co horario enteiro establecido para as urxencias diurnas e/ou nocturnas, tanto en días laborables como en festivos.

2. As oficinas de farmacia que opten polo establecemento dun réxime de apertura máis amplo có sinalado con carácter de mínimos deberán manter ese réxime permanecendo abertas polo menos durante un ano natural, entendendo por tal o perídodo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do mesmo ano, debendo comunicar tal opción con carácter previo durante o mes de outubro á División de Farmacia e Productos Sanitarios do Sergas a través dos Colexios Oficias de Farmacéuticos.

3. Así mesmo durante o dito mes, tales oficinas deberán comunica-las variacións que se é o caso pretendan realizar sobre o horario ou xornada que teñan establecidas, ou a súa intención de non continuar co dito réxime.

4. As oficinas de farmacia que opten polo establecemento dun réxime de apertura máis amplo có sinalado con carácter de mínimo deberán contar con alomenos dous farmacéuticos, no caso de que o horario ampliado coincida co horario enteiro establecido para as urxencias diurnas ou nocturas, e con tres farmacéuticos no caso de que o horario ampliado coincida co horario enteiro establecido para as urxencias diurnas e nocturnas.

Artigo 4º.-Servicio de urxencia.

1. Á marxe do horario regulado nos artigos 2º e 3º, e co fin de mante-la continuidade do servicio, estableceranse servicios de urxencia atendidos por un sistema de quendas.

Considérase quenda de urxencia diurna aquela que se realice dun xeito continuado e ininterrompido durante toda a xornada diurna, dando comezo na hora normal de apertura establecida en xornada matinal para as farmacias da zona farmacéutica, e finalizando ás 22 horas.

Considérase quenda de urxencia nocturna aquela que se realice desde as 22 horas ata a hora normal de apertura establecida en xornada matinal para as farmacias da zona farmacéutica.

2. O servicio de urxencia realizarase en calquera caso coa presencia física do farmacéutico. Só por circunstancias excepcionais, axeitadamente acreditadas, de illamento da oficina de farmacia ou penosidade se poderá autorizar, por proposta do colexio oficial de farmacéuticos, a realización de quendas de urxencia localizadas, sempre que quede garantida a presencia física do farmacéutico na dispensación.

En todo caso, deberá resultar garantida a localización do farmacéutico por parte da poboación, debendo quedar acreditado tal extremo no expediente de autorización.

Artigo 5º.-Organización das quendas.

1. Corresponderalle ó colexio oficial de farmacéuticos de cada provincia propoñe-las quendas de urxencia de acordo cos criterios contidos neste artigo, para a súa autorización pola Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, logo da tramitación da División de Farmacia e Productos Sanitarios do Sergas.

2. A organización das quendas de urxencia realizarase de forma que permita en todo momento a cobertura das necesidades asistenciais da poboación, tendo en conta as características xeográficas e demográficas de cada zona farmacéutica.

3. Na organización das quendas de urxencia poderase autoriza-lo establecemento de quendas entre oficinas de farmacia abertas ó público en zonas farmacéuticas lindantes ou próximas, sempre que se respecte a distancia máxima de 15 quilómetros entre as oficinas.

4. Nas zonas farmacéuticas urbanas os mínimos para o establecemento das quendas de urxencia axustaranse ós seguintes criterios, sen menoscabo do previsto nos puntos 5 e 6 deste artigo:

Poboación

Nº oficinas

farmacia de

urxencia diurna

Nº oficinas

farmacia de

urxencia nocturna

De 30.001 a 70.000 Habit.11

De 70.001 a 150.000 Habit.32

Desde 150.000 Habit.53

A localización das oficinas de farmacia de urxencia establecerase de forma que se garanta a adecuada accesibilidade da poboación.

5. Poderanse establecer, se fora necesario, servicios de reforzo ininterrompidos para atende-la demanda asistencial extraordinaria.

6. As zonas farmacéuticas semiurbanas con tres ou máis oficinas de farmacia terán, polo menos, unha en servicio de urxencias.

7. As zonas farmacéuticas rurais terán polo menos unha farmacia en servicio de urxencias, sen prexuízo do disposto no número 3 deste artigo.

8. Para os efectos do cómputo do número mínimo de oficinas de farmacia en servicio de urxencia poderanse ter en conta as que permanezan voluntariamente abertas en horario ampliado.

Artigo 6º.-Vacacións.

As oficinas de farmacia poderán cesar temporalmente nas súas actividades durante o período vacacional máximo dun mes sempre e cando queden debidamente cubertas as necesidades de atención farmacéutica durante as 24 horas do día. Correspóndelles ós colexios oficiais de farmacéuticos propoñerlle á consellería, a través da División de Farmacia e Productos Sanitarios do Sergas, as quendas de vacacións entre as farmacias interesadas en desfrutalas.

Permanecerán abertas polo menos o 50% das oficinas de farmacia de cada zona farmacéutica.

Non poderán cesar na prestación do servicio por motivos vacacionais aquelas farmacias que voluntariamente realicen horarios ampliados a teor do establecido no artigo 3º deste decreto.

Artigo 7º.-Información dos horarios.

As oficinas de farmacia están obrigadas a expoñer permanentemente en lugar visible desde o exterior o seu horario ordinario de atención ó público. A información sobre tódalas oficinas de farmacia en servicio de urxencias ou con horario ampliado figurará en tódalas establecidas na zona farmacéutica, tamén en lugar visible desde o exterior.

Artigo 8º.-Calendarios de quendas de urxencia e vacacións.

No mes de outubro de cada ano, os colexios oficiais de farmacéuticos remitiranlle á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais as correspondentes propostas de calendarios de quendas de urxencia das farmacias da provincia correspondentes ó ano seguinte. Así mesmo, remitirán con dous meses de antelación os peches que se propoñan con motivo do período de vacacións.

As modificacións que se produzan, por motivos xustificados, nas quendas establecidas deberán ser autorizadas en igual forma pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 253/1996, do 20 de xuño, polo que se determinan os horarios mínimos de apertura, así como os criterios que deben rexer para o establecemento de quendas de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia, o Decreto 446/1996, do 20 de decembro, polo que se modifica o anterior e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de decembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais