Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 26 de xaneiro de 2000 Páx. 1.043

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector do comercio de alimentación.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector do comercio de alimentación, con código 3600315, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 30-11-1999, subscrito en representación da parte económica pola Asociación de Maioristas de Alimentación e a Asociación de Detallistas de Alimentación de Pontevedra, e da parte social, polas centrais sindicais UGT, CC.OO, CIG, USO e FETICO, en data 11-11-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 2 de decembro de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito persoal e funcional.

Este convenio afecta no seu contido normativo a toda a provincia de Pontevedra e abrangue tódalas actividades do sector do comercio de alimentación nas que se inclúen maioristas e distribuidores, retallistas, supermercados e autoservicios e semellantes e, en xeral, tódalas empresas dos sectores do comercio de alimentación e comercio de gandería rexidas pola ordenanza laboral de comercio, a cal é aplicable subsidiariamente en todo o establecido no presente convenio e para todo o persoal destas.

Artigo 2º.-Vixencia.

A duración deste convenio será desde o 1 de xaneiro de 1999 ata o 31 de decembro de 2000. A denuncia do convenio entenderase validamente efectuada por calquera das partes, sempre que medie comunica

ción por escrito á outra parte antes do último mes de vixencia ordinaria do convenio.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas, compensación e absorción.

As melloras económicas obtidas neste convenio non poderán ser absorbidas nin compensadas por melloras voluntarias anteriores ou futuras.

Artigo 4º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo para tódolos traballadores do sector será de corenta horas semanais, de luns a venres, agás retallistas de alimentación, establecementos de cash-almacén, para os cales a xornada rematará o sábado.

Nos almacéns maioristas poderase ter un retén os sábados ata un máximo de catro persoas, rotativo e de acordo a empresa co comité; o remate da devandita xornada será ás doce horas.

Artigo 5º.-Vacacións.

Tódolos traballadores desfrutarán anualmente dunhas vacacións retribuídas de acordo coas seguintes condicións:

1. Terán unha duración de 31 días naturais, independentes da categoría profesional de cada traballador.

2. As vacacións poderanse desfrutar no transcurso do ano, sendo obrigatorio para a empresa conceder estas, polo menos nun 40% do cadro de persoal, durante o período abranguido entre o 15 de maio e o 30 de setembro, de xeito rotativo.

O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O traballador coñecerá as datas que lle correspondan dous meses antes, polo menos, do comezo do desfrute e anunciaranse no taboleiro de anuncios do centro de traballo.

3. Cando un traballador cese no transcurso do ano terá dereito á parte proporcional das vacacións.

Artigo 6º.-Horas extraordinarias.

De conformidade co disposto na Lei de xornada máxima, pode ser autorizada polo delegado de Traballo a realización de horas extraordinarias, que se retribuirán para o persoal indistintamente, cun aumento do 75%, retribuíndose co 150% as realizadas en domingo e días festivos.

Enténdese que tales recargas son establecidas con carácter xeral e mínimo, e poderán ser substituídas por outras superiores.

Os límites máximos de horas extraordinarias serán os seguintes:

-Día: 2 horas.

-Mes: 15 horas.

-Ano: 70 horas.

Artigo 7º.-Licencias e permisos.

O persoal da empresa terá dereito a licencia con soldo en calquera dos casos seguintes:

a) Casamento do traballador: 15 días.

b) Necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admiten demora: 2 días.

c) Morte ou enterramento de cónxuxe, pais, avós, fillos, netos ou irmáns enfermidade de cónxuxe, pais e fillo e parto da esposa: 3 días.

En caso de desprazamento por estes motivos, a licencia será de catro días, ampliables a cinco días, se o desprazamento é fóra da provincia.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito a unha licencia retribuída de dous días. A dita licencia non poderá ser acumulada en vacacións, pontes ou a calquera outra licencia. Tampouco se poderá desfrutar durante o mes de decembro, e deberá ser solicitada cunha antelación de cinco días. A súa concesión estará suxeita á orde de prioridade da solicitude, en caso de coincidencia de datas.

Artigo 8º.-Excedencias.

Poderán solicita-la excedencia voluntaria tódolos traballadores e traballadoras da empresa sempre que leven, polo menos, un ano de servicio.

A excedencia voluntaria concederase por prazo non inferior a dous anos nin superior a cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador ou traballadora, se transcorresen catro anos desde o final da anterior excedencia. Non se computará para ningún efecto o tempo que os traballadores e traballadoras permanecesen nesta situación.

Ó remata-la situación de excedencia, o persoal terá dereito a ocupa-la primeira vacante que se produza na súa categoría se non houbese traballadores e traballadoras en situación de excedencia forzosa.

A empresa concederá preceptivamente a excedencia voluntaria por un tempo non superior a un ano, cando medien fundamentos serios debidamente xustificados de orde familiar, terminación de estudios, etc.

Perderase o dereito ó reingreso na empresa, se non fose solicitado polo interesado ou interesada antes de expira-lo prazo que lle foi concedido.

Darán lugar á situación de excedencia forzosa calquera das causas seguintes:

a) Nomeamento para cargo que teña que facerse por decreto, por designación ou para cargo electivo.

b) Enfermidade.

c) Maternidade, por un prazo non superior a tres anos.

A esta última modalidade de excedencia poderán optar a nai ou o pai ós que afecte esta situación.

Artigo 9º.-Complemento de nocturnidade.

O complemento de nocturnidade percibirase na contía do 25% sobre o salario base de cada categoría. Os traballadores e traballadoras de nova contratación percibirano igualmente.

Os traballadores e traballadoras que teñan dereito a percibi-lo complemento de nocturnidade, perci

birano na contía establecida no texto do convenio e sobre o salario base mensual de trinta días, aboándose a pro rata do tempo traballado. O devandito complemento percibirase no mes de vacacións.

Artigo 10º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal afectado percibirá tres pagas extraordinarias consistentes nunha mensualidade dos salarios base vixentes en cada momento, maila antigüidade e melloras voluntarias que conceden as empresas. Estas serán aboadas:

a) Paga de verán: o día 18 de xullo.

b) Paga de Nadal: o día 22 de decembro.

c) Paga de beneficios: esta aboarase o día 1 de xaneiro e poderá prorrogarse ata o 31 de marzo.

Artigo 11º.-Condicións económicas.

O incremento salarial para o primeiro ano de vixencia do convenio será do 3%.

Acórdase unha revisión salarial para o suposto en que o IPC real supere a devandita porcentaxe.

Para o segundo ano, páctase un incremento salarial consistente no IPC previsto+0,25, cunha revisión na contía en que ó final do ano o IPC real supere o IPC previsto.

Artigo 12º.-Antigüidade.

Complemento de antigüidade: a contía do complemento de antigüidade será a que o 31 de decembro de 1994 figure en nómina como «plus de antigüidade» e aboarase nas 15 mensualidades.

Ós traballadores e traballadoras que o 31 de decembro de 1994 cumpran algún trienio aboaráselles este, cuantificándose a partir da referida data a antigüidade por cuadrienios, que empezarán a percibi-los traballadores e traballadoras que a partir da dita data comecen a xerar cuadrienios.

O dito concepto, denominado complemento de antigüidade, introducirase en nómina, o cal será cotizable e non será absorbible por ningún outro concepto salarial.

Será aplicado a este concepto o incremento pactado en cada negociación colectiva.

Antigüidade: en concepto de antigüidade establécense cuadrienios na contía dun 6% sobre o salario do convenio vixente en cada momento e para cada categoría.

Artigo 13º.-Axudas de custo.

Terán dereito a estas tódolos traballadores e tódalas traballadoras que, mediante orde expresa do empresario ou persoa que o represente, se vexan obrigados a realizar asuntos ou traballos de carácter profesional por conta e baixo a dependencia da empresa, con desprazamentos a lugares distantes do centro de traballo que imposibiliten o seu regreso e sexa preciso efectuar comidas fóra do seu propio domicilio ou teñan necesidade de desprazarse a localidades onde tamén lles esixa a misión encomendada unha permanencia que obrigue a tomar aloxamento.

A súa contía será a seguinte:

-Axuda de custo completa: 5.113 ptas.

-Xantar: 1.658 ptas.

-Cama: 1.452 ptas.

-Almorzo: 484 ptas.

-Cea: 1.519 ptas.

Artigo 14º.-Complemento asistencial en caso de enfermidade ou accidente.

Durante as situacións de incapacidade laboral transitoria as empresas aboarán desde o primeiro día o 100% do salario, podendo resarcirse as empresas coas cantidades que a Seguridade Social aboa como prestación pola dita continxencia.

Artigo 15º.-Axuda escolar.

Todo traballador ou traballadora que teña fillos e/ou fillas de ata 16 anos percibirá por concepto de axuda escolar a contía de 8.983 ptas. anuais por cada fillo e/ou filla. A dita cantidade aboarase ó comeza-lo curso. Será requisito indispensable que os fillos figuren como beneficiarios na cartilla da Seguridade Social do traballador.

Artigo 16º.-Complemento de incapacidade.

Tódolos traballadores e traballadoras que teñan algún fillo ou filla subnormal, diminuído físico ou minusválido percibirán a contía de 9.015 ptas. mensuais por cada fillo ou filla que se atope nas referidas circunstancias.

Artigo 17º.-Servicio militar.

O persoal abranguido neste convenio ten dereito a que se lle respecte o posto de traballo durante o tempo que dure o servicio militar e dous meses máis.

Así mesmo, o persoal que leve dous anos prestando servicio, durante o tempo que estea prestando o servicio militar ten dereito a percibir, como se estivese presente no traballo, o importe de dúas gratificacións extraordinarias fixas, verán e Nadal.

Artigo 18º.-Roupa de traballo.

As empresas estarán obrigadas a facilitarlles ós seus productores un mínimo de dúas pezas de roupa de traballo por ano. Ós choferes e repartidores facilitaránselles uniformes de traballo acondicionados ás temperaturas de verán e inverno, así como roupas de auga. O seu uso seá obrigatorio.

Así mesmo, o persoal terá a obriga de conserva-la roupa en bo estado. O traballador estará obrigado a comprala ó seu cargo por abandono ou neglixencia a el imputable, ou se as estragua de forma clara.

Artigo 19º.-Ingresos.

Terán dereito preferente para o ingreso, en igualdade de condicións, as persoas que desempeñasen ou desempeñen funcións na empresa con carácter eventual, interino ou contratado por tempo determinado e tamén os fillos dos traballadores e traballadoras da empresa, xa estean estes ou estas en activo, xubilados ou falecidos.

Artigo 20º.-Período de proba.

O ingreso entenderase provisional mentres non se cumprise o período de proba que para cada grupo profesional dos enumerados na clasificación profesional se detalla a seguir:

-Grupo I: 6 meses.

-Grupo II: 3 meses.

-Grupo III: 1 mes.

Artigo 21º.-Medidas disciplinarias.

Nos supostos de medidas disciplinarias por parte da empresa, tales como propostas de despedimento, sancións ou amoestacións formais, estas deben ser comunicadas por escrito ó traballador ou traballadora e ó comité de empresa ou delegados correspondentes. Nestes casos, o traballador ou traballadora, se fose chamado ou chamada pola empresa, poderá ser acompañado polos seus lexítimos representantes legais.

Artigo 22º.-Reparto.

As empresas maioristas recomendarán ós seus clientes a necesidade de que os locais onde teña lugar a recepción das mercadorías solicitadas reúnan as debidas condicións para tratar de evitar, no posible, tarefas que supoñan excesivo esforzo físico para os traballadores.

Artigo 23º.-Traballadores en cámara de conxelación.

O persoal que traballe en cámaras frigoríficas con permanencia nelas por un tempo, como mínimo, do 25% da súa xornada laboral, con independencia de que sexa dotado de roupa axeitada ó seu cometido, percibirá un plus do 25% do seu salario regulamentario.

Artigo 24º.-Retirada do carné de conducir e multas.

En caso de retirada do carné de conducir por causa non imputable ó traballador ou traballadora, a empresa comprométese a facilitarlle ó conductor afectado un posto de traballo idóneo, de acordo coa súa categoría profesional, sen que con iso vexa diminuído o seu salario.

As multas imputables ó traballador serán aboadas por este, en caso contrario pagaraas a empresa, quen tamén se fará responsable das multas orixinadas por exceso de carga, mal aparcamento en caso de carga ou descarga e número de viaxeiros excesivo que teñan a condición de ser persoal de servicio da empresa.

Artigo 25º.-Seguridade no posto de traballo.

A todo traballador ou traballadora que, por calquera causa xustificada non puidese seguir desempeñando o posto de traballo para o que foi contratado, a empresa estará obrigada a outorgarlle un dereito preferente de ocupación das vacantes que existan, sempre e cando as características do posto habilitado sexan aptas ás condicións físicas ou intelectuais do traballador.

Artigo 26º.-Afiliación sindical.

A empresa ten o deber de respecta-lo dereito de traballador á afiliación sindical libre.

As empresas deducirán das nóminas as cotas correspondentes ós afiliados a centrais sindicais. O traballador ou traballadora interesado/a na relación de tal operación remitiralle á empresa un escrito no que expresará con claridade a orde de desconto, o sindicato ó que pertence e a contía da cota correspondente.

Artigo 27º.-Garantía ad personam.

As condicións laborais pactadas neste convenio enténdese co carácter de mínimas, e deberán ser respectadas as condicións de todo tipo que veñan desfrutando os traballadores e traballadoras en canto sexan máis beneficiosas cás aquí establecidas.

Artigo 28º.-Visitas médicas.

En caso de saídas ó médico, a empresa aboará o tempo empregado cando a visita coincida co horario de traballo. Para o seu aboamento será precetivo que o volante estea sinado polo médico, á vez que datado.

Artigo 29º.-Gastos de locomoción.

Tódolos traballadores e traballadoras percibirán en concepto de complemento de locomoción a cantidade de 7.371 ptas. mensuais. Esta cantidade aboarase nos doce meses do ano.

Artigo 30º.-Comité de empresa.

A empresa facilitará local axeitado, no caso de que dispoña del, para as reunións e consultas do delegado ou comité de delegados cos traballadores e traballadoras, así como un taboleiro para poñer comunicacións, avisos, carteis, etc.

De acordo co establecido no artigo 68 e) do Estatuto dos traballadores, as horas retribuídas para a representación dos traballadores poderán ser desfrutadas por un ou varios membros dunha mesma organización sindical, sen excede-lo máximo total de horas ás que esta organización sindical teña dereito segundo os seus representantes dentro da empresa concreta na que se propón esta acumulación.

Artigo 31º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación, vixilancia e cumprimento do pactado por ámbalas dúas partes neste convenio, créase unha comisión paritaria que estará composta da seguinte forma:

-Presidente/a-secretario/a: a que o foi do convenio, Pilar Cancela Rodríguez.

-Tres vocais: en representación da parte social.

-Tres vocais: en representación da parte económica.

A referida comisión actuará no ámbito da súa competencia, sen invadi-las esferas daqueles organismos e xurisdiccións que teñan unha competencia determinada e concreta recoñecida na normativa de convenios colectivos.

Artigo 32º.-Xubilación.

A idade de xubilación obrigatoria será ós 65 anos, sempre e cando se reúnan os requisitos legais para acceder á correspondente prestación. A xubilación voluntaria será ós 64 anos, segundo a normativa legal vixente en cada momento, e de mutuo acordo, empresa e traballador, ós 60 anos, compensando a empresa as diferencias salariais e de cotización á Seguridade Social ata os 65 anos.

Artigo 33º.-Declaración de principios.

Os representantes sociais asinan este convenio, comprometéndose formalmente a realizar unha maior productividade que axude á supervivencia de tódalas empresas do sector. Por outra banda, a representación económica observará o estricto cumprimento do convenio, mellorando as condicións laborais de todo tipo e en xeral dos productores ó seu servicio. Ámbalas dúas partes recoñecen e son conscientes de que forman un todo para que a empresa poida proporciona-los elementos que corresponden a cada unha delas.

Artigo 34º.-Partes que o concertan.

Este convenio foi concertado pola Asociación Provincial de Empresarios Detallistas e Maioristas de Alimentación de Pontevedra e polas centrais sindicais UGT, CC.OO, CIG e FETICO.

Artigo 35º.-Recoñecementos médicos.

As empresas estarán obrigadas a facilitar un recoñecemento médico obrigatorio, con periodicidade mínima dun ano. Os traballadores e traballadoras someteranse voluntariamente ó dito recoñecemento.

Artigo 36º.-Prestación por quilometraxe.

Todos aqueles traballadores e traballadoras que teñan que realizar desprazamentos en vehículo propio en tarefas ou traballos encomendados directamente pola empresa percibirán 29 ptas./km, respectándose as condicións máis beneficiosas que viñesen desfrutando anteriormente ó asinamento deste convenio.

O anterior enténdese que non afecta a un traslado voluntario a outro centro de traballo.

Artigo 37º.-Traballadores e traballadoras eventuais.

Todos aqueles traballadores e traballadoras temporais e eventuais que a partir do 17 de xuño de 1988 superen tres anos de contratación, nunha ou varias das modalidades temporais de contratación actualmente en vigor, pasarán á situación de fixos.

Para efectos de cómputo da dita duración, contaranse os períodos de traballo efectivo, IT nas súas distintas clases e duración, e calquera circunstancia que leve consigo unha suspensión temporal do contrato de traballo (coa excecpción de calquera tipo de excedencia).

Para estes efectos, computarase como tempo traballado a permanencia en empresas filiais da principal.

Este artigo non será de aplicación a aqueles traballadores e traballadoras que cesen voluntariamente e retornen á empresa ou que sexan contratados ó abeiro do artigo 42º deste convenio na súa letra c.

Artigo 38º.-Premios por xubilación.

Se ó producirse a xubilación o traballador ou traballadora acreditase unha antigüidade na empresa de máis de trinta anos, percibirá por parte desta, nun único pagamento, un premio consiste nunha cantidade igual a unha mensualidade do salario real que viñese percibindo.

Artigo 39º.-Descanso semanal.

Cando, por coincidi-lo día de descanso semanal noutro festivo o traballador ou traballadora se vexa privado do seu desfrute, as empresas veranse na obriga de compensar a este con outro día de descanso en día laborable, nun prazo non superior a quince días, a partir da data do día que lle correspondese desfrutar.

Artigo 40º.-Dereito de información en materia de contratación.

Recóllese no presente artigo a Lei 2/1991, do 7 de xaneiro, sobre dereitos e información dos representantes dos traballadores en materia de contratación. Para a súa aplicación observaranse as seguintes condicións:

1. Este texto manterá a súa vixencia no convenio ata o momento da derrogación da Lei 2/1991, do 7 de xaneiro, no que quedará sen efecto.

2. O presente texto recollerá no seu contido calquera modificación que se produza no articulado da citada lei.

«Texto da Lei 2/1991, do 7 de xaneiro.

Artigo 1º

1. O empresario entregaralle á representación legal dos traballadores unha copia básica de tódolos contratos que deban realizarse por escrito, a excepción dos contratos de relación laboral especial de alta dirección, sobre os que se establece o deber de notificación á representación legal dos traballadores.

Co fin de comproba-la adecuación do contido co contrato á legalidade vixente, esta copia básica conterá tódolos datos do contrato a excepción do número do documento nacional de identidade, o domicilio, o estado civil e calquera outro que, de acordo coa Lei orgánica 1/1992, do 5 de maio, puidese afectar á intimidade persoal.

A copia básica será entregada polo empresario nun prazo non superior a dez días desde a formalización do contrato, ós representantes legais dos traballadores, os que a asinarán para efectos de acreditar que se produciu a entrega. Posteriormente a referida copia básica enviarase á oficina de emprego.

Nos contratos suxeitos á obriga de rexistro no Inem a copia básica remitirase xunto co contrato á oficina de emprego. Nos restantes supostos remitirase exclusivamente a copia básica.

2. O empresario notificaralles ós representantes legais dos traballadores as prórrogas dos contratos de traballo ó sque se refire o número 1, asó como as denuncias correspondentes a estes no prazo de dez días seguintes a quen teña lugar.

3. Os representantes legais dos traballadores deberán recibir, polo menos trimestralmente, información respecto das previsións do empresario sobre realización de novos contratos, indicando o número destes e as modalidades e tipos de contratos que serán utilizados, así como dos supostos de subcontratación.

Artigo 2º

Os representantes da Administración, así como os das organizacións sindicais e os das asociacións empresariais que teñan acceso á copia básica dos contratos, en virtude da súa pertenza ós órganos de participación institucional que regulamentariamente teñan tales facultades, observarán sixilo profesional, e non poderán utiliza-la dita documentación para fins distintos dos que motivaron o seu coñecemento.

Artigo 3º

1. O empresario, con ocasión da extinción do contrato, comunicaralle ós traballadores a denuncia ou, se é o caso, o aviso previo da súa extinción, e deberá xuntar unha proposta de documento de liquidación das cantidades que se deben.

O traballador poderá soliciti-la presencia dun representante legal dos traballadores no momento de proceder ó asinamento do recibo de liquidación, facéndose constar nel o feito do seu asinamento en presencia dun representante legal dos traballadores, ou ben que o traballador non fixo uso desta posibilidade. Se o empresario impedise a presencia do representante no momento do sinamento, o traballador poderá facelo constar no propio recibo, para os efectos oportunos.

2. A liquidación dos salarios que correspondan ós traballadores fixos descontinuos, nos supostos de conclusión de cada período de actividade, levarase a cabo con suxeición ós trámites e garantías establecidas no número anterior».

Artigo 41º.-Clasificación do persoal.

O persoal ó servicio das empresas afectadas por este convenio colectivo quedará encadrado nalgúns dos seguintes grupos profesionais, en función das súas titulacións académicas, aptitudes profesionais e contido xeral da prestación laboral requirida.

As definicións contidas para cada grupo profesional non son exhaustivas, senón meramente enunciativas.

Grupo I.

Están abranguidos neste grupo aqueles traballadores e traballadoras que coordinan, dirixen, establecen e crean políticas xerais, prácticas normativas e procedementos amplos, con alto grao de autonomía a partir de directrices xerais. Exercen a supervisión a través de mandos intermedios, co fin de consegui-los obxectivos operacionais marcados.

Grupo II.

Están abranguidos neste grupo aqueles traballadores e traballadoras cunha actividade que se desenvolve baixo especificacións precisas e con certo grao de autonomía, podendo coordina-lo traballo dun equipo, e para o seu desenvolvemento se requira unha pericia ou habilidade sistemática en actividades ou procesos técnicos, comerciais, informáticos ou administrativos, estando ou non estandarizados.

Grupo III.

Están abranguidos neste grupo aqueles traballadores e traballadoras en postos que se executan baixo instruccións concretas con dependencia xerárquica e funcional total.

Esíxese o coñecemento total o oficio e as funcións poden implicar incomodidade temporal ou esforzo físico.

A precedente definición de grupos profesionais non implica a derrogación das categorías profesionais e súa definición funcional contidas na vixente ordenanza laboral de comercio.

Artigo 42º.-Modalidades de contratación.

a) Contrato de formación.

Terá unha duración máxima de tres anos, cun salario do 90, 95 e 100% para o primeiro, segundo e terceiro ano respectivamente e en relación co salario base da súa categoría profesional.

b) Contrato en prácticas.

A retribución dos traballadores cun contrato en prácticas será do 100% do salario base da súa categoría profesional. A duración máxima deste contato será de dous anos.

c) Contrato eventual por circunstancias do mercado.

A duración máxima deste contrato será de 13,5 meses dentro dun período de 18 meses, cunha indemnización dun día de salario por mes traballado se o contrato é superior a seis meses.

Artigo 42º.Bis.-Estabilidade no emprego.

As empresas deste sector que conten con máis de 30 traballadores terán, a 31 de decembro do ano 2001, un cadro de persoal do 60% de emprego fixo.

Así mesmo, de acordo co establecido na letra B punto 2º da disposición adicional I da Lei 63/1997, ámbalas dúas partes coinciden en que durante toda a vixencia deste convenio (1999-2000) será posible a conversión de tódolos contratos temporais no contrato para o fomento da contratación indefinida regulamentado na devandita disposición.

Artigo 43º.-Mobilidade xeográfica.

a) Desprazamento. As empresas poderán despraza-lo seu persoal a outros centros de traballo distintos a aquel en que presten os seus servicios, fundamentando o dito desprazamento en razóns técnicas, organizativas, de producción ou de contratación.

b) Traslado. Enténdese por traslado ou desprazamento a outro centro de traballo que implique un camibo de domicilio. Un desprazamento implica cambio de domicilio cando o centro de traballo de novo destino diste máis de 40 quilómetros do seu centro actual ou do seu domicilio actual.

Para os supostos de traslados de persoal polos motivos establecidos na lei, establécense os seguinte mecanismos:

-Negociación preceptiva coa representación legal dos traballadores e traballadoras.

-Intervención dos mecanismos do AGA e, en caso de desacordo, da comisión paritaria.

-Recuperación do posto de traballo anterior en caso de laudo ou sentencia favorable.

-Aviso previo de 45 días.

-Prazo de incorporación ó novo centro de traballo de 30 días.

-Os traslados non terán unha duración inferior a doce meses nun período de tres anos.

-Se, por traslado, un dos cónxuxes cambia de residencia, o outro, se fose traballador da mesma empresa, terá dereito ó traslado á mesma localidade.

Os casos de traslado darán lugar ó devengo por parte do traballador ou traballadora trasladado/a dos seguintes conceptos compensatorios:

-Billete para o traballador ou traballadora e os familiares que vivan ás súas expensas.

-Transporte de mobiliario, roupa e utensilio de fogar.

-Indemnización consistente en dúas veces o salario base mensual de categoría profesional, nun único pagamento.

-Compensación durante doce meses da diferencia do custo de vivenda en alugueiro (vivenda das mesmas características).

-Notificada a decisión de traslado, o traballador ou traballadora poderá optar pola extinción do seu contrato, percibindo unha indemnización de 40 días de salario por ano de servicio, rateándose por meses os períodos inferiores a un ano e cun máximo de 24 mensualidades.

Artigo 44º.-Réxime disciplinario para o acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto á intimidade e/ou contra a liberdade dos traballadores e das traballadoras, conductas de acoso sexual verbais ou físcicas, serán conceptuadas como faltas moi graves, graves ou leves en función da repercusión do feito (poderá seguirse o réxime disciplinario establecido no acordo para a substitución da ordenanza do comercio). Nos supostos en que se leve a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa e/ou con persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu grao máximo.

O comité de empresa, os delegados de persoal, sección sindical e a dirección da empresa velarán polo dereito á intimidade do traballador ou traballadora afectado/a, procurando silencia-la súa identidade, cando así sexa preciso.

Artigo 45º.-Igualdade no traballo.

Respectarase o principio de igualdade no traballo para tódolos efectos e non se admitirá discriminación por razóns de idade, sexo, ideoloxía, raza, minusvalidez, etc.

Artigo 46º.-Cláusula de submisión ó AGA.

Diante da importancia que pode ter para a resolución dos conflictos laborais a elaboración do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos Colectivos de Traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CC.OO e UGT, as partes asinantes deste convenio durante a vixencia del acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que están formuladas.

Artigo 47º.-Prevención de riscos laborais.

Formación e crédito horario dos delegados de prevención.

Este punto ten como fundamento o desenvolvemento das facultades que á negociación colectiva concede a disposición adicional sétima do Real decreto 39/1997, polo que se aproba o Regulamento dos servicios de prevención na que se di que na negociación colectiva poderán establecerse os criterios polos que se decida o tempo e os medios de que disporán para o desempeño da súa actividade os traballadores designados polas empresas e os delegados de prevención en canto á planificación e formación en materia preventiva.

Así, establécese que no suposto de que a empresa non estea obrigada e non opte pola constitución dun servicio de prevención propio ou mancomunado, nin recorra a un servicio de prevención alleo, e a excepción daquelas empresas nas que o empresario poida asumir persoalmente a actividade de prevención, os delegados de prevención recibirán a mesma formación que os traballadores designados pola empresa para ocuparse da actividade preventiva.

A formación mínima, neste caso, será a sinalada no artigo 34 do Regulamento como funcións de nivel básico, co contido citado no apartado b) do anexo IV do mencionado regulamento dos servicios de prevención.

Nos demais casos, con independencia da modalidade de servicio de prevención que as empresas teñan, o empresario deberá proporcionarlles ós delegados de prevención os medios e a formación en materia preventiva que resulten necesarios para o exercicio das súas funcións.

A formación deberase facilitar polo empresario polos seus propios medios ou mediante concerto con

organismos ou entidades especializadas na materia e deberán adaptarse á evolución dos riscos e á aparición doutros novos, repetíndose periodicamente se fose necesario.

O tempo dedicado á formación será considerado como tempo de traballo para tódolos efectos e o seu custo non poderá recaer, en ningún caso, sobre os delegados de Prevención.

O tempo empregado no desempeño das súas funcións polos delegados de Prevención, como sinala o artigo 37 da Lei de prevención de riscos laborais, estará incluído no crédito horario que lle corresponda pola súa condición de representante legal dos traballadores, non obstante, non se imputará ó citado crédito horario o tempo empregado nos seguintes cometidos:

a) As reunións convocadas polos comités de seguridade e saúde.

b) As reunións convocadas polo empresario en materia de prevención de riscos.

c) Acompaña-los técnicos nas avaliacións de carácter preventivo do medio ambiente de traballo.

d) Acompaña-los inspectores de Traballo e Seguridade Social nas visitas que realicen ós centros de traballo para comproba-los cumprimentos da normativa sobre prevención de riscos laborais.

e) As visitas ós centros de traballo para coñece-las circunstancias que deran lugar a un dano na saúde dos traballadores unha vez que o empresario lles informara de tal acontecemento. Neste caso, os delegados de prevención deberán emitir informe detallando as características da visita efectuada e unha copia deste seralle entregada ó empresario.

Formación xeral sobre prevención de riscos laborais.

Tal e como especifica o artigo 19 da Lei de prevención de riscos laborais, deberase garantir que cada traballador reciba una formación teórica e práctica suficiente e axeitada en materia preventiva, tanto no momento da súa contratación, como cando se produzan cambios nas funcións que desenvolva ou se introduzan novas tecnoloxías ou cambios nos equipos de traballo.

A formación centrarase no posto de traballo ou función de cada traballador, adaptarase á evolución dos riscos e repetirase periodicamente cando sexa necesario.

En virtude do exposto, tódalas empresas incluídas no ámbito de aplicación do presente convenio deberán facilitar unha formación que reúna as seguintes características fundamentais:

a) Obxectivo: coñecemento por parte dos traballadores dos conceptos básicos en materia de prevención de riscos laborais e primeiros auxilios, cumprindo así o establecido nos artigo 19 e 20 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

b) Destinatarios: tódolos traballadores.

c) Contido:

-Aspectos xerais da prevención de riscos laborais.

-Riscos xerais do centro de traballo.

-Riscos específicos do posto de traballo.

-Actuación diante de posibles urxencias.

d) Periodicidade: á incorporación dos traballadores á empresa, así como cando se produza un cambio de posto de traballo e en calquera outra circunstancia que aconselle a actualización desta formación.

e) Equipos de protección individual e a súa utilización.

Paralelamente á formación que se imparta ós traballadores e cando non se poda eliminar ou limita-lo risco por outros medios, deberán utilizarse equipos de protección individual, como marca o artigo 17 da Lei de prevención de riscos laborais.

Os equipos de protección individual necesarios identificaranse a partir das avaliacións de riscos que se realicen na empresa. Cada posto de traballo terá determinado o tipo de equipo de protección individual que será obrigatorio ou recomendable utilizar segundo a tarefa que se estea realizando e vixiarase tanto que estes equipos cumpran os requisitos marcados na lexislación vixente como a súa utilización por parte dos interesados.

f) Avaliación e saúde dos traballadores.

A vixilancia da saúde dos traballadores ten como obxectivos fundamentais o poder actuar precozmente diante de alteracións da saúde destes, así como o control do medio de traballo a través das consecuencias que ten sobre eles. Por iso, as empresas garantirán ós traballadores ó seu servicio a vixilancia periódica da súa saúde, en función dos riscos inherentes ó seu traballo.

Os traballadores que así o desexen serán sometidos a recoñecementos nos que se revise o seu estado de saúde nos seguintes supostos:

1. Cando se incorporen a un posto de traballo.

2. Despois dunha ausencia prolongada.

3. A intervalos periódicos que se determinen nos protocolos sobre vixilancia da saúde que sexan elaborados pola administración sanitaria.

Estes recoñecementos realizaranse tendo en conta os riscos específicos ós que se atopan expostos os traballadores no seu posto de traballo, e os resultados terán a privacidade marcada no artigo 22 da Lei de prevención de riscos laborais.

As empresas e os traballadores, en materia de seguridade e saúde laboral, respectarán e cumprirán o establecido na Lei de prevención de riscos laborais e nos regulamentos que a desenvolven, permanecendo en vigor o establecido neste artigo durante toda a vixencia da citada lei. Así mesmo, o contido do artigo sufrirá as modificacións que a súa vez afecten a lei ou os seus regulamentos.

Disposicións transitorias

Primeira.-Ámbalas dúas partes se comprometen a incia-la negociación do convenio colectivo a partir da segunda quincena do mes de xaneiro de cada ano.

Segunda.-As partes asinantes deste convenio amosan a súa vontade de que a figura contractual prevista o artigo 42 c) se instrumentalice de acordo coa declaración de motivos contida nel. Para tal efecto, a comisión paritaria do convenio fará un seguimento específico, nos termos previstos no artigo 31 do propio texto, a través de reunións que se celebrarán por instancia de cada unha das partes asinantes.

ANEXO

Táboa salarial

CategoríaSalario base

Grupo profesional I

Nivel salarial A
Xefe/a de división120.726
Xefe/a de sección administrativa120.726
Xefe/a de persoal120.726
Xefe/a de compras120.726
Xefe/a de división120.726
Xefe/a de vendas120.726
Encargado xeral120.726

Nivel salarial B
Xefe/a administrativo/a116.491
Xefe/a de almacén116.491
Contable, caixeiro/a116.491
Oficial administrativo/a116.491
Operador/a máquinas contables116.491

Grupo profesional II

Nivel salarial A
Prof. de oficio de 1ª-chofer 1ª112.257
Xefe/a de grupo112.257
Viaxante112.257
Xefe/a de supermercado112.257

Nivel salarial B
Corredor de praza108.015
Vendedor/a, poxador/a e comprador/a108.015
Dependente/a maior108.015
Xefe/a de sección mercantil108.015
Encargado/a de establecemento108.015
Secretario/a108.015
Debuxante/a108.015
Xefe/a de sección servicios108.015
Visitador/a108.015
Xefe/a de taller108.015

Grupo profesional III

Nivel salarial A
Aux. caixa maior 25 anos*108.015
Profesional oficial 2ª-chofer 2ª105.898
Capataz103.782
Auxiliar103.782
Dependente/a103.782
Aux. Admin. ou perforista103.782
Mozo/a especializado/a103.782
Escaparatista103.782
Mozo/a103.782

Nivel salarial B
Auxiliar de caixa 20-22 anos*100.248
Auxiliar de caixa100.248
Axudante100.248

Nivel salarial C
Axudante/a97.430
Telefonista97.430
Vix. sereno, ordenanza, porteiro/a97.430
Cobrador/a97.430
Cosedor/a de sacos97.430
Conserxe97.430
Empaquetador/a97.430
Persoal de limpieza97.430
Aprendices (salario segundo texto convenio)

* Contratos antes de 13-9-1994