Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 31 de xaneiro de 2000 Páx. 1.204

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 4 de xaneiro de 2000 pola que se establece o rexistro e depósito das actas de designación dos delegados de prevención.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 29.1º atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, a competencia de execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios correspondentes a este ámbito.

A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, define os delegados de prevención como os representantes dos traballadores, con funcións específicas en materia de prevención de riscos no traballo, regulando no seu artigo 35 e na disposición adicional cuarta o mecanismo para a súa elección. Esta lei tamén regula o sistema de elección, competencias, funcións e garantías destes delegados de prevención, así como a súa participación nos comités de seguridade e saúde e as súas relacións coa Inspección de Traballo e Seguridade Social.

En consecuencia, considérase necesario crear un instrumento que, en materia de representación dos traballadores nas empresas, permita coñecer en todo momento a situación e o número destes representantes así como servir de soporte a accións de formación e información.

Este instrumento é o rexistro e depósito das actas de designación de delegados de prevención.

Polo anteriormente exposto, e consultado o Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito e dependencia orgánica.

Dentro do rexistro de representantes legais dos traballadores que xestionan as oficinas públicas de rexistro dependentes das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, créase unha parte destinada ó rexistro e depósito das actas de designación dos delegados de prevención das empresas galegas, no ámbito correspondente á Comunidade Autónoma de Galicia, que dependerá da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-Funcións das oficinas públicas do rexistro.

a) Rexistrar e deposita-las designacións efectuadas.

b) Facilitar, se procede, a información que poida recada-la Inspección de Traballo e Seguridade Social, empresas, traballadores, ou os seus representantes legais, sempre que teñan a consideración de interesados, en relación ós rexistros e depósitos efectuados e conforme o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada parcialmente pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

c) Emiti-las certificacións pertinentes que sexan solicitadas polos organismos públicos ou particulares con capacidade para instalas.

Artigo 3º.-Procedemento.

O trámite para proceder ó rexistro e depósito das actas de designación de delegados de prevención será o seguinte:

1. Efectuada a designación do delegado ou delegados de prevención, tanto a empresa afectada, como os designados persoalmente ou a través dos seus representantes, poderán comunicarlla á delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, na provincia onde se producise tal designación, conforme o modelo que figura no anexo I.

2. En caso de dúbida ou discrepancia sobre o contido da acta, a delegación provincial realizará as actuacións pertinentes para a súa debida constancia, non procedendo ó rexistro e depósito ata que esta non se presente debidamente cuberta e asinada por quen corresponda.

3. As actas de designación serán depositadas e custodiadas nas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, sempre que reúnan os requisitos sinalados no punto anterior.

4. Cumprido o trámite do rexistro e depósito da acta de designación, a delegación provincial competente procederá de oficio a emitir certificación individualizada das persoas designadas que figuran na acta, conforme o modelo do anexo II.

5. As actas serán actualizadas conforme as notificacións que periodicamente efectúen os interesados.

Artigo 4º.-Dereito de acceso.

As delegacións provinciais serán as unidades ante as que poden exercerse os dereitos de acceso, rectificación ou cancelación de datos persoais, previstos na Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, sobre regulación do tratamento automatizado dos datos de carácter persoal, así como do previsto no artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Comunicacións.

Para efectos de seguimento e control do rexistro e depósito das actas de designación de delegados de prevención, as delegacións provinciais comunicarán ás inspeccións provinciais de Traballo e Seguridade Social e ás áreas de seguridade e hixiene no traballo e demais organismos que corresponda na comunidade autónoma, as incidencias que se produzan.

Disposición transitoria

As delegacións provinciais procederán a rexistrar e ó posterior depósito das actas de designación de delegados de prevención presentadas con anterioridade á entrada en vigor desta orde, nas delegacións provincias, nas áreas provinciais de seguridade e hixiene no traballo e en calquera outro rexistro público, calquera que sexa o formato e o contido delas. Así mesmo poderán expedi-la certificación destas actas prevista no artigo 3º.4 desta orde.

Non obstante o anterior, as delegacións provinciais poderán solicitar do traballador designado ou da empresa afectada, a formalización dos datos conforme o modelo normalizado, de acordo co previsto no artigo 3º.1 desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Relacións Laborais para dictar no ámbito das súas competencias as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2000.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais