Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 21 de febreiro de 2000 Páx. 2.158

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 8 de febreiro de 2000 pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas e de bolsas correspondentes ó programa de estudios socioeconómicos e xurídicos do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico e se procede á súa convocatoria.

A Lei 12/1993, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promove-lo desenvolvemento económico, social e productivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ó logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta

de Galicia, na súa reunión do 18 de decembro de 1998, aprobou o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (1999-2001), que está integrado por programas xerais, sectoriais e horizontais e que ten como misión fundamental potencia-lo sistema ciencia-tecnoloxía-empresa de Galicia para convertelo nun elemento estratéxico ó servicio do desenvolvemento socioeconómico de Galicia.

Dentro dos programas tecnolóxicos horizontais figura o programa de estudios socioeconómicos e xurídicos. A xestión e o financiamento deste programa está encomendada á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvememento.

En consecuencia e para pór en marcha os instrumentos previstos no plan para a execución dos seus programas e, neste caso concreto, para a execución do programa de estudios socioeconómicos e xurídicos e como continuación das accións realizadas no ano 1999,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Anúnciase a convocatoria das axudas e bolsas que a continuación se indican, como instrumentos ordinarios do programa de estudios socioeconómicos e xurídicos e apróbanse e fanse públicas as bases polas que se rexerán as respectivas convocatorias que se inclúen como anexos desta orde, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia:

1. Axudas para grupos de investigación que traballen en investigación aplicada en temas socioeconómicos e xurídicos (anexo I).

2. Prórrogas das bolsas predoutorais para a realización de teses de doutoramento en temas socioeconómicos e xurídicos (anexo II).

3. Bolsas para realizar estudios de terceiro ciclo en programas de doutoramento relacionados co programa de estudios socioeconómicos e xurídicos do Plan Galego de IDT (anexo III).

Artigo 2º

Para a concesión das axudas convocadas no anexo I desta orde a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento destinará ata un máximo de 65.000.000 de ptas. que se imputarán á aplicación orzamentaria 04.07.432A.740.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2000 a 2002, de acordo coa seguinte distribución: 50 millóns de pesetas no 2000, 10 millóns no 2001 e 5 millóns no 2002.

Para as bolsas convocadas no anexo II destinarase ata un máximo de 2.835.000 ptas. con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma dos anos 2000 e 2001 (708.750 ptas. no ano 2000 e 2.126.250 ptas. no 2001).

As bolsas que se citan no anexo III serán obxecto de convocatoria posterior con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432A.480.0 dos anos 2000 e 2001, fixándose na convocatoria correspondente os fondos destinados a estas.

Tódalas cantidades antes citadas poderanse incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos.

Esta convocatoria axustarase ó disposto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PGIDT), e nas leis, decretos e ordes supletorias de rango nacional.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e tódolos actos administrativos que se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 4º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de 6 meses, contados a partir do día seguinte á data de peche da respectiva convocatoria.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO I

Axudas para grupos de investigación que traballen en investigación aplicada en temas socioeconómicos e xurídicos

Estas axudas teñen como obxectivo contribuír á formación de novos grupos así como prestarlles apoio a aqueles equipos de investigación xa existentes para o desenvolvemento de proxectos de investigación aplicada en temas socioeconómicos e xurídicos. As investigacións aplicadas de tipo socioeconómico non poden desvencellarse do seu contorno de aplicación e constitúen unha referencia necesaria para calquera iniciativa que se queira levar adiante en relación co desenvolvemento de Galicia.

Para os efectos desta convocatoria definense os seguintes conceptos:

a) Grupo de investigación: conxunto estable de persoas que, baixo a dirección continuada dunha delas, realiza coordinadamente e de forma habitual tarefas de investigación nun reducido número de liñas, afíns ou complementarias.

b) Equipo de investigación: membros dun grupo de investigación que, baixo a dirección dun deles, realizan ou solicitan un proxecto de investigación.

c) Proxecto de investigación coordinado: proxecto de investigación no que participan equipos de investigación que pertencen a grupos de investigación distintos que achegan coñecementos de campos diferentes pero que son complementarios en relación con ese proxecto.

d) Persoal con vinculación estable: persoal numerario, contratado laboral estable ou outras figuras equivalentes.

e) Persoal con vinculación: persoal con relación laboral ou contractual non estable, bolseiros predoutorais ou análogos. Non se considerará como vinculación dispor dunha bolsa de terceiro ciclo ou análoga agás naqueles supostos en que así o indiquen as correspondentes bases da convocatoria.

1. Grupos solicitantes.

Para poder participar nesta convocatoria os investigadores deberán integrarse en grupos que se han de manter, cando menos, durante o período de vixencia da axuda concedida, salvo circunstancias excepcionais acaecidas con posterioridade á aprobación desta e que deberán ser autorizadas expresamente pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento. Cada investigador só poderá formar parte dun grupo e cada grupo só poderá presentar unha solicitude nesta convocatoria, non computándose a estes efectos as axudas para solicitudes do V Programa Marco.

Para os efectos da presente convocatoria establécense os seguintes tipos de grupos:

1.1. Grupos en formación.

Trátase de investigadores que presentan propostas orientadas a crear grupos de investigación para desenvolver novas liñas de investigación aplicada en temas socioeconómicos e xurídicos, non cubertas por grupos existentes no seu contorno. Tamén poderán constituírse novos grupos respecto de liñas existentes se se alegan razóns circunstanciais de forza maior. No caso de grupos en formación cada grupo só poderá ter un equipo. Os novos grupos deberán cumprir como mínimo as seguintes características de composición:

1.1.1. O grupo terá como mínimo tres membros.

1.1.2. O investigador principal deberá ser doutor cunha antigüidade mínima de dous anos como tal

e deberá ter vinculación estable co correspondente organismo.

1.1.3. Os restantes membros (mínimo dous) deberán ser titulados superiores con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo. Para este caso e só para un deles, admitirase tamén como vinculación ser bolseiro de terceiro ciclo.

1.2. Grupos/equipos consolidados.

Trátase de grupos/equipos experimentados como tales e con coherencia interna. Neste caso cada grupo poderá ter mais dun equipo e todos eles deberán ter como mínimo as seguintes características de composición:

1.2.1. O grupo/equipo terá como mínimo tres membros.

1.2.2. O investigador principal deberá ser doutor cunha antigüidade mínima de catro anos como tal e deberá ter vinculación estable ó organismo ó que pertence.

1.2.3. Outro investigador deberá ser doutor con vinculación ó correspondente organismo e dedicación a tempo completo. No caso de que a súa dedicación non sexa a tempo completo deberá ser substituído por dous investigadores coas mesmas características pero con dedicación a tempo parcial.

Este/s investigador/es e o investigador principal deberán posuír experiencia investigadora afín ou complementaria.

1.2.4. Os restantes membros (mínimo un) deberán ser, como mínimo, titulados superiores con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo.

1.2.5. No caso de que o grupo/equipo teña algún proxecto vixente, para poder solicitar un proxecto nesta convocatoria o seu tamaño mínimo incrementarase incorporando, como mínimo, un titulado superior con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo (en total, catro membros).

1.3. Grupos/equipos de excelencia.

Trátase de grupos/equipos consolidados que cumpren unhas condicións mínimas en canto á súa composición e uns criterios preestablecidos de calidade.

1.3.1. Características mínimas de composición:

a) O grupo/equipo terá como mínimo cinco membros.

b) No grupo/equipo deberán figurar un mínimo de tres doutores:

b.1. O investigador principal deberá ser doutor cunha antigüidade mínima de oito anos como tal e deberá ter vinculación estable co correspondente organismo.

b.2. Outro dos investigadores deberá ser doutor cunha antigüidade mínima de seis anos e tamén con vinculación estable ó organismo.

b.3. Un terceiro doutor con vinculación e adicación a tempo completo.

c) Os restantes membros (mínimo dous) deberán ser, polo menos, titulados superiores con vinculación e dedicación a tempo completo ó organismo.

d) No caso de que o grupo/equipo teña algún proxecto vixente, para poder solicitar un proxecto nesta convocatoria o tamaño mínimo deste incrementarase incorporando, polo menos, un titulado superior con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo (en total, seis membros).

1.3.2. Criterios de calidade:

Para que o grupo/equipo poida ser considerado de excelencia, o conxunto dos seus membros deberá reunir polo menos catro dos seguintes criterios de calidade:

a) Catro sesenios recoñecidos.

b) Cinco teses de doutoramento dirixidas e lidas.

c) Doce publicacións de prestixio internacional que supoñan unha contribución real e non simple rutina.

d) Dúas patentes nacionais ou internacionais rexistradas.

e) Dirección de seis proxectos competitivos de ámbito nacional ou internacional.

f) Unha presidencia dun comité organizador dun congreso dunha sociedade internacional.

g) Ser membro do comité científico dunha revista de prestixio internacional.

h) Dirección de seis proxectos financiados por empresas.

1.4. Incorporación doutros membros ó grupo/equipo.

Para calquera das modalidades de grupos definidas anteriormente, o tamaño mínimo característico do equipo poderase incrementar, obviamente, por incorporación ó proxecto doutros investigadores que serán considerados para os efectos de avalia-la viabilidade do proxecto e de determina-lo importe da subvención concedida se cumpren o requisito de que as súas categorías profesionais (titulación, vinculación co organismo, etc.) son como mínimo igual ás que se lle requiren ó membro menos cualificado de tódolos que forman o equipo base. Como investigadores no proxecto solicitado poderán figurar outros titulados superiores sen vinculación, que non serán computados na valoración deste. Tamén poderán incorporarse asesores científicos e colaboradores para accións específicas pertencentes a outros grupos que

só serán considerados para os efectos da avaliación científico-técnica do proxecto.

2. Axudas ás que poden opta-los grupos e limitacións que afectan os seus membros.

2.1. Grupos en formación.

2.1.1. Axudas.

Os grupos en formación poderán solicitar unha axuda destinada á realización de actividades encamiñadas á formación do grupo e, polo tanto, unha axuda que só poderá ser solicitada previamente á obtención dun proxecto de investigación por parte deste. A contía máxima desta axuda ascende a un millón de pesetas por ano, para un período de dous anos e só se poderá conceder por unha soa vez.

2.1.2. Limitacións.

a) Non poderán concorrer a estas axudas aqueles grupos que xa desfrutasen de dous proxectos da modalidade A (equipos de iniciación á investigación) ou dalgún proxecto da modalidade B de convocatorias anteriores da Xunta de Galicia ou proxectos equivalentes doutros organismos, salvo circunstancias excepcionais que se acreditarán debidamente na correspondente solicitude.

b) Non poderán participar na presente convocatoria aqueles grupos que resultaran beneficiarios dun proxecto da modalidade A (programa de promoción xeral ou da investigación) ou dun proxecto de calquera programa do Plan Galego de IDT, de dous ou máis anos de duración, na convocatoria do ano 1999.

c) Os grupos en formación, e polo tanto os seus membros, mentres desfruten dunha axuda concedida ó abeiro desta convocatoria non poderán dispor (ou participar) doutro proxecto, independentemente de cal sexa o orixe do seu financiamento. Para os efectos desta convocatoria non se contabilizará a participación dos membros do grupo noutros proxectos vixentes concedidos previamente, agás os indicados na letra b), sempre que non sexan investigadores principais deles.

2.2. Grupos/equipos consolidados.

2.2.1. Axudas.

Os grupos/equipos consolidados poderán solicitar dous tipos de axudas e optarán nesta convocatoria só por unha delas:

a) Incentivos.

Os grupos/equipos consolidados que nas convocatorias do ano 1999 obtivesen un proxecto aplicado do Plan Nacional relativo a temas socioeconómicos e xurídicos (non se consideran os proxectos financiados con fondos FEDER, concedidos ó abeiro do Decreto 309/1997, do 25 de setembro), ou do Programa Marco Europeo poderán solicitar, en lugar dun proxecto de investigación, por cada un dos proxectos obtidos e vixentes, unha axuda destinada

a reforza-la capacidade competitiva do grupo. O importe máximo desta axuda, que abranguerá como máximo un período de tres anos, será de tres millóns no caso de proxectos do Plan Nacional e de cinco millóns no caso do Programa Marco e só se poderá conceder unha vez por cada proxecto.

b) Proxectos de investigación.

Os grupos/equipos consolidados poderán solicitar un proxecto de investigación dun importe máximo de catorce millóns de pesetas para un período de tres anos. Dentro deste límite o financiamento concederase en función da natureza do proxecto e as esixencias da investigación formulada, a calidade do proxecto, a calidade e tamaño do grupo e a duración do proxecto.

A axuda solicitada deberase referir a algún dos conceptos que se indican no punto 4 das presentes bases.

Co fin de favorece-la cooperación entre grupos poderanse presentar proxectos coordinados sempre que se trate de grupos que acheguen coñecementos de campos diferentes pero que son complementarios en relación co proxecto. Para cada un dos subproxectos que integran o proxecto coordinado requirirase un mínimo de dous investigadores, a saber:

-O responsable de cada subproxecto deberá ser doutor cunha antigüidade mínima de catro anos como tal e deberá ter vinculación estable ó organismo ó que pertence. Un deles será o coordinador do proxecto.

-Os restantes membros de cada subproxecto (mínimo un), deberán ser, como mínimo, titulados superiores con vinculación a tempo completo ó correspondente organismo.

2.2.2. Limitacións.

Os investigadores con vinculación estable ó correspondente organismo que figuren no proxecto, poderán participar simultaneamente noutros proxectos de investigación coas seguintes limitacións, computando o proxecto solicitado:

a) Se teñen unha antigüidade como doutores de catorce ou máis anos e vinculación estable poderán participar nun máximo de catro proxectos de investigación se a súa adicación é a tempo completo ó correspondente organismo e en dous se é a tempo parcial.

b) Se teñen unha antigüidade como doutores entre dez e trece anos e vinculación estable poderán participar nun máximo de tres proxectos de investigación se a súa adicación é a tempo completo ó correspondente organismo e en dous se é a tempo parcial.

c) Se teñen unha antigüidade como doutores entre catro e nove anos e vinculación estable, poderán participar nun máximo de dous proxectos de inves

tigación se a súa dedicación é a tempo completo ó correspondente organismo e nun se a dedicación é a tempo parcial.

Os restantes membros do grupo/equipo non incluídos nalgún dos tres apartados anteriores só poderán participar no proxecto que se solicita.

Ningún grupo/equipo consolidado poderá ter vixente máis dun proxecto financiado con cargo ó programa de estudios socioeconómicos e xurídicos, pero si poderá simultanear un proxecto do dito programa cun proxecto do programa de promoción xeral da investigación do plan, sempre que cumpra as limitacións específicas descritas anteriormente.

Con carácter transitorio e para os efectos desta convocatoria exclúense do cómputo de proxectos vixentes tódolos proxectos do Programa Marco. Tamén se exclúen os proxectos do Plan Nacional que rematen antes do 1 de xaneiro de 2001, os proxectos concedidos con fondos FEDER ó abeiro do Decreto 309/1997, do 25 de setembro, e calquera proxecto empresarial do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

2.3. Grupos/equipos de excelencia.

2.3.1. Axudas.

Os grupos/equipos de excelencia poderán solicitar dous tipos de axudas, debendo optar nesta convocatoria só por unha delas:

a) Incentivos.

Trátase do mesmo tipo de axudas descritas no punto 2.2.1.a) para os grupos/equipos consolidados e coas mesmas características e limitacións, agás que neste caso poderán ascender ata un máximo de catro millóns para proxectos do Plan Nacional e seis millóns para proxectos do Programa Marco.

b) Proxectos de investigación.

Os grupos/equipos de excelencia poderán solicitar un proxecto de investigación dun importe máximo de dezaoito millóns de pesetas para un período de tres anos. Dentro deste límite o financiamento será concedido en función da natureza do proxecto e esixencias da investigación formuladas, a calidade do proxecto, a calidade e tamaño do grupo e a duración do proxecto.

A axuda solicitada deberase referir a algún dos conceptos que se indican no número 4 das presentes bases.

Co fin de favorece-la cooperación entre grupos poderanse presentar proxectos coordinados sempre que se trate de grupos que acheguen coñecementos de campos diferentes pero que son complementarios en relación co proxecto. Para cada un dos subproxectos que integran o proxecto coordinado requirirase que os membros deste cumpran as condicións establecidas para os grupos de excelencia, podendo prescindirse dun dos investigadores que se indican no punto 1.3.1.

2.3.2. Limitacións.

Os investigadores doutores con vinculación estable ó correspondente organismo, que figuren no proxecto poderán participar simultaneamente noutros proxectos de investigación coas mesmas limitacións que as descritas para os grupos consolidados no punto 2.2.2.

Ningún grupo/equipo de excelencia poderá ter vixente máis dun proxecto financiado con cargo ó programa de estudios socioeconómicos e xurídicos do Plan Galego de IDT, pero si poderá simultanear un proxecto do dito programa cun proxecto do programa de promoción xeral da investigación do plan sempre que cumpra as limitacións específicas descritas anteriormente.

Con carácter transitorio e para os efectos desta convocatoria exclúense do cómputo de proxectos vixentes tódolos proxectos do Programa Marco. Tamén se exclúen os proxectos do Plan Nacional que rematen antes do 1 de xaneiro de 2001, os proxectos concedidos con fondos FEDER ó abeiro do Decreto 309/1997, do 25 de setembro, e calquera proxecto empresarial do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

2.4. Outras axudas: axudas para solicitudes do V Programa Marco.

Ademais das axudas descritas anteriormente e co fin de promove-la competitividade no V Programa Marco, os grupos/equipos consolidados e os grupos/equipos de excelencia poderán solicitar axudas encamiñadas a cubri-los gastos que supón a elaboración dun proxecto europeo. O importe máximo destas axudas será de 250.000 ptas. referidas os conceptos específicos recollidos nos puntos 4.4 e 4.5 das presentes bases, sempre en relación ós gastos de elaboración do correspondente proxecto. Estas axudas son compatibles coas axudas descritas nos puntos 2.2 e 2.3.

3. Solicitudes.

As solicitudes serán presentadas polo investigador principal do proxecto que deberá pertencer a unha das universidades do sistema universitario de Galicia ou a outros centros/organismos públicos de investigación radicados na Comunidade Autónoma. Cando no proxecto figuren investigadores que pertenzan a organismos distintos ó do investigador principal, estes terán que acredita-la autorización do seu organismo para participar no proxecto; estes investigadores non computarán para os efectos da composición mínima requirida a cada tipo de grupo/equipo solicitante.

O modelo oficial de solicitude número SOCX-1 (do que a cara externa se publica como anexo IV á presente orde), está á disposición dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, nos vicerrectorados de investigación das universidades

de Galicia, na Delegación en Galicia do CSIC, no Instituto Español de Oceanografía (Vigo) e en Internet nos enderezos http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm ou http://www.cesga.es/sxid.

Os solicitantes deberán realizar unha declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto de tódalas administracións públicas, utilizando para estes efectos o documento que se inclúe no modelo de solicitude. Así mesmo, deberán razoa-lo carácter aplicado e o interese socioeconómico do proxecto e considera-la posibilidade de explotación dos resultados e a súa posible transferencia á empresa.

As solicitudes presentaranse por triplicado no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999. No caso de que o director do grupo non participe na composición do equipo investigador requirirase o seu visto e prace á correspondente solicitude.

As solicitudes redactaranse en calquera das linguas oficiais da Camunidade Autónoma e, para o caso da lingua galega, deberán adaptarse ó disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982 do 17 de novembro).

Calquera solicitude deberá ser presentada co visto e prace do representante legal do organismo correspondente (rector, no caso das universidades).

O prazo de presentación de solicitudes remata o 21 de marzo de 2000.

4. Conceptos subvencionables. En xeral, as axudas solicitadas deberanse referir a algún dos conceptos que a seguir se relacionan, se ben cada tipo de grupo deberá ter en conta as limitacións que lle son específicas:

4.1. Persoal contratado especificamente para colaborar nas actividades de investigación do proxecto. Estes contratos serán incompatibles coa percepción de calquera outra remuneración. A contratación realizarase conforme os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

Poderá solicitarse persoal nas diferentes modalidades de axuda previstas neste anexo, agás para o caso de grupos en formación (punto 2.1) e para as axudas para solicitudes do V Programa Marco (punto 2.4).

O importe máximo por este concepto será de 5.100.000 ptas. para proxectos de tres anos, 3.400.000 ptas. para proxectos de dous anos e 1.700.000 ptas. para proxectos dun ano, e no caso dos incentivos de grupo/equipos consolidados ou de excelencia (puntos 2.2.1.a) e 2.3.1.a) das presentes bases) poderase imputar a este concepto ata o importe total de subvención permitida descontados os custos indirectos.

4.2. Material inventariable e bibliográfico indispensable para a realización do proxecto, debidamente xustificados. O material inventariable e bibliográfico adquirido con cargo a estas axudas será propiedade do organismo ó que pertence o investigador responsable do proxecto.

4.3. Material funxible.

4.4. Axudas de custo por desprazamento para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto.

4.5. Outros gastos (especificalos no modelo de solicitude).

4.6. Custos indirectos: imputarase por este concepto un 10% do custo total do proxecto, co fin de resarci-lo correspondente organismo dos gastos que a execución do proxecto leva implícitos.

5. Tramitación.

Se a documentación presentada estivera incompleta requirirase o solicitante para que no prazo de dez días a complete ou corrixa as deficiencias observadas, con advertencia de que, de non facelo, se lle considerará desistido da súa solicitude, procedéndose conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Aqueles investigadores que non cumpran os requisitos establecidos nas presentes bases serán excluídos e, no caso de que o grupo/equipo de investigación resultante non cumpra os requisitos mínimos esixidos a súa categoría (grupo en formación, grupo/equipo consolidado ou de excelencia), a solicitude será desestimada.

A ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que poidan acordarse outro tipo de actuacións.

Cando a temática do proxecto o aconselle, logo de informe do xestor do programa e audiencia ó investigador principal, o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá determina-lo trasvase de solicitudes presentadas ó abeiro desta convocatoria a outras convocatorias do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

6. Avaliación e selección.

A valoración das solicitudes presentadas relativas a proxectos de investigación será realizada por expertos externos designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento. Efectuada a valoración, a selección das solicitudes e a determinación, se é o caso, da contía da axuda será realizada por unha comisión de selección designada polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, un dos cales actuará como presidente e outro como secretario. Para a selección dos beneficiarios e a cuantificación das axudas de proxectos

de investigación teranse en conta, entre outros criterios, os seguintes:

a) A valoración científico-técnica realizada polos expertos como referencia fundamental.

b) A valoración dos resultados obtidos, polos investigadores que forman o equipo, en proxectos financiados anteriormente.

c) A coherencia dos obxectivos do proxecto cos obxectivos do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, programa de estudios socioeconómicos e xurídicos.

d) O interese, relevancia e oportunidade, dos obxectivos do proxecto cara á resolución de problemas do sector relevantes para a Comunidade Autónoma.

e) A incidencia que nos mecanismos de transferencia de tecnoloxía poidan te-los resultados do proxecto formulado a través de empresas ou ben directamente pola propia institución.

f) Para o axuste económico e cando sexa necesario como complemento do criterio a) terase en conta a calidade do proxecto, a calidade e tamaño do equipo e a naturaleza e esixencia da investigación que se vaia realizar.

A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva, podendo financiarse total ou parcialmente o orzamento presentado. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

O solicitante deberá comunica-la súa aceptación á concesión e á contía desta, para a realización do proxecto aprobado.

Para a selección dos beneficiarios e o establecemento da contía das axudas para a formación de novos grupos, os incentivos de grupos consolidados e de excelencia así como para as axudas para solicitudes do V Programa Marco (puntos 2.1.1.a), 2.2.1.a), 2.3.1.a) e 2.4 respectivamente), terase en conta fundamentalmente a calidade do grupo e as actividades que se pretendan realizar coa axuda solicitada.

7. Libramento da subvención.

A subvención será librada a través do organismo ó que pertenza o equipo investigador, conforme o plan de necesidades do proxecto subvencionado e de acordo coa normativa vixente.

Para poder proceder ó libramento dos fondos será necesario que a universidade ou organismo correspondente expida a certificación expresiva da realización do gasto ou, se é o caso, de ter adquirido o compromiso deste, acompañada dos informes parciais dos proxectos de investigación correspondentes, se os houbese. Ademais, no caso das axudas

recollidas no punto 2.4 requirirase documento acreditativo de ter presentado solicitude ó V Programa Marco.

Para efectua-lo derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

8. Seguimento do proxecto.

As axudas concedidas son compatibles con calquera outra destinada ó mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que as conceda, sempre que conxuntamente non superen o custo total do proxecto de acordo coas valoracións feitas polos expertos.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá utiliza-los procedementos que considere necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, poderá coñece-la marcha dos proxectos financiados e propo-la suspensión da axuda se da análise da marcha do proxecto se derivara unha mala utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos do proxecto.

Finalizado o proxecto a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento remitiralles ós investigadores principais un impreso normalizado, para que nel se fagan consta-los resultados obtidos no desenvolvemento deste, quedando os investigadores principais obrigados a presenta-lo dito impreso cuberto, nun prazo máximo de 3 meses desde a finalización do proxecto, a través do rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento. A información contida neste impreso será avaliada polo xestor do programa que, logo das comprobacións e aclaracións que sexan necesarias emitirá un informe sobre o cumprimento do proxecto, con destino á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento que poderá convoca-lo investigador principal, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución do proxecto e os resultados obtidos.

9. Difusión de resultados.

Os traballos e mailos resultados obtidos serán propiedade dos seus autores que no momento de facelos públicos, deberán facer consta-la referencia específica da axuda recibida da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Xunta de Galicia e deberán enviar a través do rexistro xeral desta un exemplar das correspondentes publicacións.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a informa-la Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento de calquera resultado útil obtido no desenvolvemento do proxecto incluída unha posible patente.

10. Incidencias.

Os investigadores que se integran ó grupo que resulte seleccionado quedan obrigados a manterse no dito grupo (e non poderán integrarse ou formar parte doutro grupo), durante o período de vixencia do proxecto financiado, salvo circunstancias excepcionais acaecidas con posterioridade á aprobación do proxecto e que deberán ser autorizadas expresamente pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases da presente convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas, segundo o disposto nos artigos 78.7º e 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

ANEXO II

Prórroga das bolsas predoutorais para a realización de teses de doutoramento en temas socioeconómicos e xurídicos

1. Solicitantes.

Aqueles beneficiarios dunha bolsa predoutoral de nova adxudicación, concedida por resolución da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento do 27 de xullo de 1999 (DOG do 6 de agosto) poderán solicita-la prórroga correspondente ó curso académico 2000/2001, sempre que aínda non rematasen a súa tese de doutoramento.

2.Solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial SOCX-2 (que se publica como anexo V á presente orde e á disposición dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e en Internet nos enderezos http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm ou http://www.cesga.es/sxid), presentaranse no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, modificado pola Lei 4/1999.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, acompañadas da seguinte documentación:

2.1. Memoria das actividades académicas e investigadoras realizadas durante o curso 1999/2000.

Deberá ir asinado polo bolseiro e co visto e prace do director/es do proxecto de investigación.

2.2. Informe (en papel oficial ou con selo do correspondente centro/departamento) do director/es no que se confirme que as actividades realizadas polo bolseiro durante o período de desfrute da bolsa en relación coa adquisición de contidos e destrezas de investigación foron adecuadas.

2.3. Memoria realizada polo bolseiro acerca do estado actual do traballo e plan de traballo durante a prórroga, co visto e prace do director/es.

2.4. Declaración de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de maio de 2000.

3. Tramitación.

Polos servicios administrativos da Secretaría Xeral de I+D procederase á revisión das solicitudes, comprobando se é correcta a documentación presentada. En caso contrario requirirase o solicitante para que achegue a documentación complementaria ou corrixa os erros detectados no prazo de dez días advertíndoo de que, de non facelo, se procederá conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

4. Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

4.1. Unha asignación mensual de 115.000 ptas. brutas. Esta cantidade poderá incrementarse para o ano 2001 no caso de existir crédito adecuado e suficiente co fin de consegui-la total homologación destas bolsas coas de formación de persoal investigador que convoque o Ministerio de Educación e Cultura para ese ano.

4.2. Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes, que se imputará á mesma aplicación orzamentaria que as bolsas.

5. Período de desfrute

A duración destas bolsas é de 12 meses, comprendidos entre outubro de 2000 e setembro de 2001.

6. Comisión de selección.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión constituída por cinco membros designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento; un deles actuará como presidente e outro como secretario. A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

7. Aceptación da bolsa.

A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro, no que se comprometa a cum

prir tódalas condicións recollidas nas presentes bases. Así mesmo, o bolseiro presentará declaración xurada na que conste que non realiza traballo remunerado nin desfruta doutro tipo de bolsa.

8. Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou co desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas, salvo co desfrute daquelas bolsas que se convoquen para cubrir algunha das accións formativas que o solicitante vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación), así como cos contratos derivados da aplicación do artigo 11 da Lei de reforma universitaria (Lei 11/1983, do 25 de agosto), do artigo 11.2º da Lei de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica (Lei 13/1986, do 14 de abril) ou da Lei de fomento da investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia (Lei 12/1993, do 6 de agosto).

Excepcionalmente poderanse conceder interrupcións no desfrute da bolsa por petición razoada do interesado, logo do informe do seu director de tese. As interrupcións non poderán ser nunca superiores a seis meses ó longo da duración da bolsa e as posibles renovacións non darán lugar en ningún caso á posibilidade de recupera-lo período interrompido.

No momento no que se produza a incompatibilidade no desfrute da bolsa, o bolseiro deberá comunicalo á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, procedéndose á suspensión da bolsa correspondente e adxudicarlla a outro candidato, de acordo coa lista de suplentes, se a houbese.

Para que o interesado poida ter dereito a percibi-las mensualidades correspondentes ó período anterior, á súa renuncia deberá presenta-la memoria da actividade realizada ata ese momento, asinada por el e co visto e prace do director da tese.

Así mesmo, no momento en que realice a lectura da súa tese de doutoramento deberá comunicalo e, no caso de que o bolseiro xustifique mediante un informe do seu director que participa noutras tarefas de investigación, poderase autoriza-la continuación do desfrute da bolsa ata o remate do período para o que se lle concedeu.

9. Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

O bolseiro estará obrigado a cumprir con aproveitamento as distintas etapas do proxecto de investigación, debendo axustarse ás normas propias do departamento ou centro de investigación onde aquel se realice, con dedicación exclusiva á súa función.

Antes de finaliza-lo segundo trimestre do período de desfrute da bolsa, terá que remitir á Secretaría Xeral de I+D un informe do labor realizado ata o momento. Nos 15 días seguintes á finalización da bolsa remitirá un informe final (máximo 5 páxinas) que resuma a totalidade do traballo realizado incluíndo, se é o caso, copia dos traballos publicados. Nos informes deberá figura-lo visto e prace do director do proxecto.

Os bolseiros adscritos á universidade poderán dedicar ata un máximo de 80 horas durante o curso académico á colaboración en actividades docentes con fins formativos, logo da conformidade entre o director do traballo e o departamento implicado. A concesión e desfrute dunha bolsa non establece relación contractual ou estatutaria co centro ó que quede adscrito o beneficiario, nin implica por parte do organismo receptor ningún compromiso en canto á posterior incorporación do interesado ó cadro de persoal deste.

Os bolseiros están obrigados a residir na Comunidade Autónoma salvo durante os períodos de formación ós que expresamente se lles autorice.

O bolseiro está obrigado a notificarlle á Secretaría Xeral de I+D a data de defensa da súa tese e a cualificación obtida. No suposto de que non realice a defensa da tese deberá notificalo igualmente, indicando as causas que motivaron a dita circunstancia.

Os bolseiros, antes do derradeiro pagamento, terán que remitir declaración complementaria de tódalas axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos ou sociedades.

10. Incidencias.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverá tódalas dúbidas e incidencias que se poidan presentar na aplicación desta convocatoria.

ANEXO III

Bolsas de terceiro ciclo en programas

de doutoramento relacionados co programa

de estudios socioeconómicos e xurídicos

do Plan Galego de IDT

Na convocatoria xeral de bolsas para realizar estudios de terceiro ciclo nas universidades galegas, con cargo ós fondos da Secretaría Xeral de I+D, convocaranse dúas bolsas destinadas a alumnos matriculados en programas de doutoramento impartidos nas universidades do sistema universitario de Galicia e relacionados co programa de estudios socioeconómicos e xurídicos do Plan Galego de IDT. Ademais, os bolseiros seleccionados deberán integrarse nun grupo de investigación dun centro público de investigación da Comunidade Autónoma.