Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 28 de febreiro de 2000 Páx. 2.565

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 17 de febreiro de 2000 pola que se convoca a IX edición do Premio Manuel Colmeiro, orientado a distinguir estudios sobre a Administración pública de Galicia.

A orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia do 20 de marzo de 1992, pola que se creou o Premio Manuel Colmeiro (DOG nº 64, do 2 de abril), estableceu no seu artigo 21 o seu carácter anual, que alcanza no ano 2000 a súa novena edición. Esta convocatoria quere servir de lembranza e de testemuño de homenaxe á figura de Manuel Colmeiro.

En consecuencia, en uso das atribucións que teño conferidas e con fundamento na orde invocada,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócase o Premio Manuel Colmeiro, na súa novena edición, que se rexerá polas bases que se expresan a seguir:

Primeira.-O dito premio destínase a fomentar e distinguir estudios e traballos sobre a Administración pública de Galicia, desde unha perspectiva xurídica, económica, sociolóxica, etc.

Segunda.-Os estudios e traballos deberán ser inéditos.

Terceira.-Os traballos terán que entregarse en soporte informático feito en calquera dos sistemas usuais de tratamento de textos e tamén impreso en follas A4, a dobre espacio, e contar cunha extensión mínima de cen folios.

Nos traballos non figurará ningún dato persoal, debendo constar exclusivamente o seu título. Xunto co traballo presentarase un sobre pechado dentro do cal figurarán os datos persoais do autor e o título do traballo.

Cuarta.-Os traballos presentaranse na Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela), tendo de prazo ata o 30 de outubro deste ano.

Quinta.-O exame dos traballos presentados e, se é o caso, a adxudicación do premio corresponderalle a un xurado especial, que estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio na ámbito da Administración pública nomeadas polo conselleiro da Presidencia e Administración Pública. A composición nominal do xurado farase pública no momento da resolución.

Sexta.-O premio será único e indivisible, e nesta edición estará dotado con 750.000 pesetas.

Se o xurado o coida oportuno, poderá declara-lo premio deserto.

Sétima.-A decisión do xurado, que será inapelable, terá lugar o 21 de novembro e notificaráselles a tódolos participantes.

A entrega do premio terá lugar na data que se determinará oportunamente.

Oitava.-O importe deste premio e os gastos derivados del aboaranse con cargo ás dotacións orzamentarias da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2000.

Novena.-A EGAP reserva para si o dereito a publica-lo traballo premiado.

Os traballos non premiados seranlles devoltos ós seus autores, logo da petición expresa deles, no prazo de tres meses seguintes ó da data na que lles sexa notificada a decisión do xurado.

Rematado o devandito prazo sen que se solicite a devolución, poderase proceder á súa destrucción.

Décima.-A presentación do traballo para o premio implicará a aceptación polos seus autores destas bases.

As incidencias que poidan presentarse nos supostos non previstos nestas bases serán resoltas polo conselleiro da Presidencia e Administración pública.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública