Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 29 de febreiro de 2000 Páx. 2.710

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de febreiro de 2000 pola que se convoca concurso público para a adxudicación de dúas bolsas para realizar estudios relacionados coa Unión Europea no Colexio de Europa (Bruxes e Natolín) durante o curso académico 2000-2001 e se anuncia a súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31 establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988, Diario Oficial de Galicia do 17 de febreiro de 1988), transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (Diario Oficial de Galicia do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Colexio de Europa teñen asinado un convenio de colaboración, para así contribuír á formación dos nosos titulados universitarios e de profesionais coas institucións, o dereito e a economía europeas.

En virtude de canto antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócase concurso público para a adxudicación de dúas bolsas destinadas a titulados superiores en ciencias políticas e da administración, dereito, administración e dirección de empresas ou economía para realizar estudios de especialización en temas relacionados coa Unión Europea e o proceso de integración europeo, unha para o Colexio de Europa con sede en Bruxes (Bélxica) e outra para Natolín (Polonia).

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas bolsas con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.483.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, cunha contía máxima de 5.000.000 de ptas.

Artigo 3º.-Requisitos.

As bolsas poderán ser solicitadas por aqueles titulados superiores en ciencias políticas e da administración, dereito, administración e dirección de empresas ou economía, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacionais dun país membro da Unión Europea.

b) Ser estudiante galego e ter realizados os estudios nos últimos cinco anos ou estar realizando o derradeiro curso da carreira nas universidades do sistema universitario de Galicia ou de fóra de Galicia. Así mesmo, será imprescindible posuí-lo título de licenciado ou equivalente para obte-lo seu desfrute efectivo.

c) Acreditar, documentalmente, coñecementos satisfactorios de galego, inglés e francés.

d) Non ter desfrutado desta bolsa en convocatorias anteriores.

Artigo 4º.-Duración e contía.

A duración das bolsas é a dun curso académico completo (curso 2000-2001).

O importe de cada bolsa ascende a un total de 2.500.000 ptas. brutas, destinadas ó pagamento das taxas e estadía, que será efectuado en nome do bolseiro pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria directamente ó Colexio de Europa, unha vez que este comunique o seu importe.

A cantidade restante ata completa-lo importe total da bolsa, unha vez feito o ingreso en concepto de taxas e estadía, ingresaráselle ó bolseiro en concepto de axuda institucional para gastos de desprazamento e seguro. De acordo co estipulado no artigo 37 da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, poderase acordar, no momento da concesión un anticipo de pagamento de ata un 80%, e librarase o 20% restante no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as que foi concedida.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes, segundo modelo ED 429 A, que se publica como anexo I desta orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Universidades-Subdirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

As solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI.

b) Currículum vitae detallado académico e profesional, xunto cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

c) Certificación académica completa ou copia compulsada dos estudios realizados de ciencias políticas e da administración, dereito, administración e dirección de empresas ou economía.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados ou recoñecidos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e deberanse xuntar, se é o caso, as oportunas táboas de equivalencias oficiais das cualificacións.

d) Certificación ou calquera outro documento que acredite o nivel de coñecemento de galego, inglés e francés.

e) Declaración xurada conforme non percibe ningún outro tipo de axuda e conforme non realiza traballo remunerado.

f) Certificado de empadroamento.

g) Documento facilitado pola entidade bancaria ó nome do interesado, no que conste o código da conta do cliente que comprenda os códigos que identifican o banco, a oficina, o díxito de control e o número de conta no que se aboará o importe da axuda.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente:

Director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

Vocais:

Vicerrector de Estudiantes da Universidade da Coruña.

Vicerrectora de Estudiantes da Universidade de Santiago de Compostela.

Vicerrector de Estudiantes e Docencia da Universidade de Vigo.

Un funcionario do Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios.

Secretario:

Un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 7º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria e emendada, no caso de ser requirida, a documentación necesaria no prazo de dez días desde a súa notificación, a comisión avaliadora elaborará unha relación na que figurarán aqueles candidatos que conten co mellor expediente.

A selección realizarase tendo en conta o expediente académico, o currículum vitae e os coñecementos de galego, inglés e francés.

A nota media do expediente académico calcularase de acordo co seguinte baremo:

-Matrícula de honra: 4 puntos.

-Sobresaliente: 3 puntos.

-Notable: 2 puntos.

-Aprobado: 1 punto.

Segundo o plan de estudios que se teña cursado, esta nota media calcularase do xeito seguinte:

a) Estudios organizados por materias:

Media = suma das notas de cada materia / nº total de convocatorias empregadas.

b) Plans de estudios estructurados en créditos:

Media = (N1.P1 + N2.P2 + N3.P3 + ...) / (C1.N1 + C2.N2 + ...).

Onde:

N1 = nº de créditos de cada materia.

P1 = puntuación de cada materia.

C1 = nº de convocatorias empregadas en cada materia.

Unha vez que o Colexio de Europa confirme a selección dalgún dos candidatos propostos (máximo de 2), o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria procederá a resolver con carácter definitivo esta convocatoria mediante orde que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8º.-Obrigas dos bolseiros.

a) O bolseiro está obrigado a incorporarse ó centro correspondente ó comezo do curso académico 2000-2001, e deberá informar inmediatamente disto a Dirección Xeral de Universidades.

b) A Dirección Xeral de Universidades poderá, en calquera momento do curso, solicitarlle ó bolseiro un informe sobre as súas actividades. Así mesmo, poderáselles solicitar este informe ós responsables do programa de estudios. No caso de producirse unha avaliación desfavorable, poderá decidirse o cesamento inmediato da axuda e, incluso, a devolución das cantidades xa pagas.

c) O bolseiro comprométese a elaborar unha memoria cun resumo dos estudios realizados, así como de tódolos extremos que xulgue convenientes. A dita memoria entregarase ó remate dos estudios.

d) O desfrute da bolsa é incompatible coa realización de calquera traballo remunerado ou con outra bolsa.

Artigo 9º.-Aceptación da bolsa.

A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro no que se compromete a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nestas bases.

Disposicións adicionais

Primeira.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Segunda.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Terceira.-Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de catro meses, contados a partir do día seguinte ó do remate do prazo concedido para a presentación de solicitudes, de conformidade co establecido no Decreto 267/1994, do 29 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 26 de agosto), polo que se aproba a relación de procedementos iniciados por solicitude dos interesados, dos que sexa competente para resolve-la Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos que a falta de resolución expresa da Administración produce efectos desestimatorios ou estimatorios.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria