Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 10 de marzo de 2000 Páx. 3.261

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 2 de marzo de 2000 pola que se regulan as condicións ás que deberán adaptarse as experiencias piloto realizadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo en materia de rehabilitación de vivendas situadas en núcleos rurais e zonas históricas.

A Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo, inclúe entre as funcións para desenvolver por este organismo tanto a rehabilitación pública de vivendas e equipamentos como a recuperación e protección das zonas históricas e o fomento da mellora e da rehabilitación da vivenda rural.

Deste xeito, o IGVS, no marco das súas competencias, pretende levar a cabo experiencias piloto orientadas á recuperación de núcleos rurais e de zonas históricas que permitan rexenerar e reactivar estas áreas co fin de atraer cara a elas novos habitantes, ó mesmo tempo que se recuperan as formas tradicionais de asentamento e o legado arquitectónico de Galicia. Preténdese, así mesmo, que estas intervencións públicas poidan servir de referencia e estímulo á iniciativa privada, establecendo uns estándares de calidade que fixen o modelo de actuación para posteriores intervencións.

Por outra banda, e para facilitárlle-lo acceso á vivenda ós sectores máis novos da poboación, preténdese destina-las vivendas resultantes prioritariamente a mozos de idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos dotando, ó mesmo tempo, a zona dun dinamismo do que agora carecen.

En virtude de todo o anterior e logo dos informes preceptivos e en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O IGVS poderá promove-lo acondicionamento do contorno e a rehabilitación de vivendas situadas en núcleos rurais en estado de abandono ou semiabandono ou en zonas históricas de núcleos de poboacións, sempre que estas constitúan experiencias piloto orientadas á mellora, conservación e recuperación do patrimonio destas zonas e que revistan un interese específico arquitectónico, social ou urbanístico.

Artigo 2º

As vivendas resultantes desta actuación terán a consideración de vivendas de protección pública, determinándose na súa cualificación o réxime xurídico delas.

Artigo 3º

O réxime de adxudicación destas vivendas poderá ser:

a) En propiedade.

b) En alugamento.

Artigo 4º

Os prezos de venda e renda destas vivendas fixaranse atendendo a criterios de custo da actuación e ingresos ponderados do adxudicatario.

Para tal efecto elaborarase un estudio económico de cada actuación onde se fixará o valor de cada vivenda e os prezos de venda e renda segundo tramos de ingresos.

Artigo 5º

Estas vivendas estarán destinadas a unidades familiares con ingresos anuais ponderados inferiores a 5'5 veces o SMI e, con carácter prioritario, a mozos de idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos.

Terán carácter preferente na adxudicación aqueles solicitantes que, cumprindo os requisitos establecidos para o acceso a estas vivendas, transmitisen previamente ó IGVS unha ou máis vivendas obxecto da actuación de rehabilitación.

Artigo 6º

Para a adxudicación destas vivendas fixaranse uns criterios obxectivos de selección dos beneficiarios que, en todo caso, deberán atender ós seguintes puntos:

1. Composición da unidade familiar.

2. Ingresos ponderados de unidade familiar.

3. Condicións de habitabilidade da vivenda na que residen.

4. Réxime de tenza da vivenda que habitan.

5. Residir ou te-lo traballo no municipio onde se sitúan as vivendas ou nos municipios do contorno no caso de rehabilitación de núcleos rurais.

Disposición adicional

Facúltase o director xeral do IGVS para dictar cantas disposicións sexan necesarias en desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2000.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda