O artigo 10 da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, sinala que o exercicio por toda persoa física o xurídica das actividades de pesca, marisqueo ou cultivos mariños require un título habilitante previo outorgado pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.
A citada lei indica que o recoñecemento da facultade para a posta en funcionamento e explotación dos establecementos de cultivos mariños e auxiliares a empresas de productos de acuicultura en terreos de dominio público ou privado, que non sexan marítimos ou marítimo terrestres, adoptará a modalidade de permiso de actividade.
Polo Decreto 193/1997, do 5 de xuño, determínanse as condicións para o outorgamento do permiso de actividade ós establecementos de cultivos mariños e auxiliares situados na zona terrestre, configurando o dito permiso como o instrumento básico para a regulación dos establecementos situados na zona terrestre e permitindo determinar tódolos que se encontran en funcionamento e explotación na zona citada.
Na medida en que para o outorgamento do dito permiso é necesaria a concorrencia de informes doutros organismos ou administracións, é conveniente proceder a desenvolve-lo procedemento para a tramitación dos expedientes administrativos para o outorgamento do permiso de actividade a establecementos de cultivos mariños (criadeiro, granxa mariña) e auxiliares (estación depuradora, centro de expedición, cetaria) na zona terrestre.
Por todo isto, e tendo en conta a disposición derradeira primeira do citado decreto,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Solicitudes.
1. De conformidade co disposto no Decreto 193/1997, do 5 de xuño, polo que se determinan as condicións para o outorgamento do permiso de actividade para os establecementos de cultivos mariños e auxiliares situados na zona terrestre, as persoas físicas ou xurídicas
que desexen pór en funcionamento e explotación un establecemento de cultivos mariños ou auxiliar na citada zona, deberán solicita-lo correspondente permiso de actividade a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, conforme o modelo de instancia que figura no anexo (I ou II segundo corresponda), á presente orde; sen prexuízo do título que habilite a ocupación do dominio público cando o establecemento requira a instalación de obras no citado dominio.
2. As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, xunto coa documentación correspondente, poderán presentarse:
a) No rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou nas súas delegacións territoriais ou comarcais.
b) Na oficina de tramitación única de industrias existente en cada delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio, de acordo co Decreto 223/1998, do 24 de xullo, polo que se crea a unidade de oficina de tramitación única de industrias e se regula a posta en funcionamento de establecementos industriais.
c) De calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 2º.-Documentación.
A) Establecementos que non precisan ocupación do dominio público.
A solicitude (modelo anexo I) irá acompañada do orixinal, ou fotocopia cotexada, e 3 (tres) copias da seguinte documentación:
1) Acreditación da personalidade do peticionario.
a) DNI do solicitante, se é persoa física. No caso de propiedade compartida, proindivisos ou gananciais, achégase DNI de tódolos copartícipes ou, de se-lo caso, de ambos cónxuxes.
b) Escritura de constitución ou modificación da sociedade, inscrita no Rexistro Mercantil, no suposto de sociedade mercantil e dos estatutos polos que se rexe, así como acreditación da representación e DNI do seu representante, no caso de persoa xurídica.
2) Xustificante do pagamento das taxas de tramitación administrativa.
3) Escritura pública que acredite a titularidade dos terreos. Se o solicitante do permiso non fose o titular deles, deberá achegar documentación que acredite o réxime de ocupación dos mesmos, e na que se incluía autorización expresa do seu titular para instala-lo establecemento e dedicalo á actividade solicitada durante, como mínimo, o período de vixencia do permiso.
4) Proxecto do establecemento, susbcrito por técnico competente, que incluirá:
a) Planos.
a.1) De situación, a escala non inferior a 1/25.000.
a.2) De emprazamento, con representación do deslindamento, de se lo caso, e da zona a ocupar, a escala non inferior a 1/5.000, coa clasificación e usos urbanísticos do contorno.
a.3) Topográfico do terreo sobre o que se situará o establecemento, a escala non inferior a 1/1000.
a.4) De planta xeral, no que se representan as instalacións e obras proxectadas.
a.5) De alzados e seccións características, coa xeometría das obras e instalacións.
a.6) Copia, en tamaño DIN A-4, do plano de planta xeral no que se representan as instalacións e obras proxectadas.
b) Información fotográfica da zona.
c) Orzamento, incluíndo o custo das unidades de obras, medicións e valor das obras que se van realizar.
5) Estudio económico-financeiro para un mínimo de cinco anos, subscrito por técnico competente, que analice a rendibilidade da explotación con base en dous escenarios económicos á alta e á baixa. Desenvolverá a evolución previsible da explotación, e conterá:
a) Relación de ingresos estimados.
b) Relación de gastos, incluíndo os de proxectos e obras e os de canons e tributos que hai que satisfacer, así como os de conservación, consumos enerxéticos, de persoal e outros necesarios para a explotación.
c) Detalle dos criterios utilizados para obte-los fluxos de caixa.
Cálculo do prazo estimado de recuperación do investimento, indicando o criterio utilizado.
d) Valor actual neto do investimento para cada un dos escenarios propostos.
e) Elaboración dunha conta provisional da tesourería.
6) Memoria técnico-biolóxica, subscrita por técnico competente, na que como mínimo se incluirá descrición detallada de:
a) Obras e instalacións, con referencia ó proxecto respectivo e indicación das superficies e capacidades nas zonas de producción ou estabulación.
b) Especie ou especies obxecto de explotación.
c) Circulación hidráulica, desde a toma ata o desaugadoiro. Deberá quedar garantido o sistema de eliminación de augas residuais, de acordo coas disposicións vixentes.
d) Actividade que hai que desenvolver e tecnoloxía empregada, incluíndo descrición do proceso.
7) Acreditación da dispoñibilidade da capacidade técnica axeitada ós requirimentos do establecemento de que se trate.
8) En proxectos de cría intensiva de peixes, declaración ambiental formulada polo órgano ambiental, ou determinación deste na que se sinale que o proxecto non debe ser obxecto de avaliación.
B) Establecementos que precisan ocupación de dominio público.
A solicitude (modelo anexo II) irá acompañada de:
1) Instancia (modelo anexo III) dirixida expresamente ó órgano titular do dominio, presentada ante a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.
2) Orixinal ou fotocopia cotexada e seis copias da seguinte documentación:
2.a) A requirida para a obtención do permiso de actividade, en establecementos que non precisan de ocupación de dominio público, de acordo co sinalado na letra A deste artigo.
2.b) Separata do proxecto, asinada por técnico competente e visada polo colexio profesional correspondente,
que comprenda as instalacións que se van situar no dominio público. Constará de:
2.b.1) Memoria descritiva das instalacións, coa lonxitude e diámetro das canalizacións.
2.b.2) Planos de planta e perfil lonxitudinal das canalizacións, así como sección de tipo da mesma co seu recubrimento, debidamente acotados e coas súas curvas de nivel e batimétricas.
2.b.3) Plano de planta xeral, no que se representan as instalacións e obras proxectadas, efectuado sobre o plano oficial de deslindamento, dilixenciado pola correspondente Xefatura Provincial de Costas (Ministerio de Medio Ambente), no que se reflictan as instalacións que se van realizar tanto en dominio público como no privado.
2.b.4) Orzamento das instalacións no dominio público.
2.c) De conformidade co disposto no Art. 88.1º da Lei 22/1988, do 28 de xullo, o peticionario deberá achegar xustificante acreditativo da constitución, ante o Servicio Provincial de Costas correspondente, da fianza ou garantía provisional correspondente ó 2% das obras ou instalacións que se van realizar no citado dominio.
2.d) Outros documentos que compoñen o proxecto básico ou de construcción de acordo coa lexislación vixente, precisos para resolve-lo expediente e non recollidos expresamente nos puntos anteriores.
Artigo 3º.-Tramitación.
1) Cando a documentación se presentase en rexistro dependente da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, este procederá á súa remisión a Dirección Xeral de Recursos Mariños, para tramitación da solicitude do permiso de actividade e concesión de ocupación de dominio público, de se-lo caso, e remisión da restante documentación, xunto cunha copia da solicitude da súa competencia, á oficina de tramitación única de industrias.
2) No caso de que a documentación fose presentada na oficina de tramitación única de industrias, esta enviará a solicitude do permiso de actividade coa súa documentación, xunto coa de ocupación do dominio público, de se-lo caso, á Dirección Xeral de Recursos Mariños.
3) Se a solicitude de iniciación non reunise os requisitos esixidos, requirirase o interesado para que no prazo de dez días repare a falta ou remita os documentos preceptivos, coa indicación de que se así non o fixera se considerará desistido da súa petición, logo de resolución, de conformidade co disposto nos Art. 71 e 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, citada.
4) O expediente someterase en todo caso a información pública. Para tal efecto anunciarase no Diario Oficial de Galicia a fin de que calquera persoa física ou xurídica poida examina-lo proxecto no lugar que se indique e formular alegacións no prazo de 20 días.
5) Para a tramitación requiriranse os informes preceptivos que se indican a continuación:
a) Servicios técnicos da consellería.
b) Concello no que se pretenda poñer en funcionamento e explotación o establecemento.
c) Outros organismos que se estime conveniente, en función da situación e características do establecemento.
6) Completo o expediente, elevarase proposta de resolución ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, logo de informe do Servicio Técnico Xurídico.
Artigo 4º.-Resolución.
1) A decisión sobre o outorgamento do permiso de actividade adoptará a forma de resolución do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.
Contra a resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ou recurso contencioso-administrativo ante a xurisdicción Contencioso-Administrativa, no prazo de dous meses, contados nos dous casos desde o día seguiente ó da súa notificación ou publicación, de conformidade co disposto no Art. 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e o Art. 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.
2) A resolución favorable publicarase no Diario Oficial de Galicia e fará referencia, como mínimo, ós seguintes puntos:
a) Titular do permiso de actividade, con indicación do DNI ou CIF.
b) Tipo de establecemento.
c) Actividade.
d) Especie ou especies autorizadas.
e) Localización.
f) Superficies: dominio público, dominio privado.
g) Características básicas das instalacións.
h) Capacidade do establecemento, se tivese finalidade productiva.
i) Prazo de outorgamento, con indicación da vixencia do título habilitante, e posibilidade de prórroga.
j) Prazo para a realización das obras e instalacións e para a posta en funcionamento e explotación.
k) Causas de extinción.
l) Condicións particulares baixo as que se outorga o título habilitante, de se lo caso.
3) A resolución desfavorable seralle notificada ó interesado.
4) O prazo máximo para notifica-la resolución expresa será de seis meses.
5) Aínda que o vencemento do prazo máximo sen notifica-la resolución expresa non exime a Administración da obrigación de resolver, de non producirse esta no citado prazo poderase entender estimada por silencio administrativo, salvo aquelas nas que a súa estimación tivera como consecuencia que se transfiran ó solicitante ou a terceiros facultades relativas ó dominio público, nese caso o silencio terá efecto desestimatorio.
Artigo 5º.-Execución das obras e instalacións.
a) As obras e instalacións poderán dar comezo no momento en que o titular dispoña das autorizacións preceptivas dos distintos organismos competentes na materia, levaranse a cabo de conformidade co proxecto aprobado e deberán quedar totalmente rematadas no prazo sinalado na resolución.
b) Os servicios técnicos da consellería poderán inspeccionar en todo momento a execución das obras para comprobar se se axustan ó proxecto aprobado. Se se
aprecia a existencia de desviacións sensibles no dominio público marítimo-terrestre, no volume edificable, na capacidade das instalacións ou na finalidade das obras autorizadas, en relación cos proxectos con base nos que se outorgaron as habilitacións, poderase acorda-la paralización das obras ata que se emenden os defectos observados.
c) Rematadas as obras, o titular solicitará por escrito á Dirección Xeral de Recursos Mariños o seu recoñecemento, que será practicado polos servicios técnicos, con asistencia do concesionario e dos seus técnicos, levantarase acta, que será elevada, xunto co plano ó director xeral para a súa aprobación, se procede. Na acta recollerase a superficie realmente ocupada polas obras e instalacións.
Se os servicios técnicos observaran que as obras poden supoñer unha modificación do permiso outorgado, o director xeral poderá aproba-lo recoñecemento final, se estima que a modificación non altera substancialmente o dominio público marítimo terrestre, o volume edificable, a capacidade das instalacións, ou a actividade autorizada, ou tramita-la súa legalización mediante o procedemento correspondente, ou dispoñer que as obras se axusten ó proxecto autorizado.
Se o mencionado órgano esixise ó titular que adapte as obras ó proxecto aprobado e este non o fixera no prazo que se establece, poderase declara-la caducidade do permiso de actividade, logo de audiencia do titular e demais trámites regulamentarios.
Artigo 6º.-Inicio da actividade.
a) O titular deberá comunicar, mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Recursos Mariños, a data de posta en funcionamento, que terá lugar no prazo máximo de tres (3) meses contados desde o día seguinte ó da aprobación de recoñecemento final das obras. O citado prazo poderá ser prorrogado, logo de petición do interesado, sempre que existan razóns que xustifiquen a demora no inicio da explotación.
b) Se transcorrido o prazo sinalado para a posta en funcionamento esta non se realizara por causas non xustificadas, a consellería poderá inicia-los trámites para a declaración da caducidade do permiso de actividade.
Disposición adicional
Única.-Esta orde non será de aplicación para o outorgamento do permiso de actividade para a posta en funcionamento e explotación de expositores, centros reguladores de crustáceos e depósitos reguladores na zona terrestre, que se regularán por disposicións específicas elaboradas para o efecto.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facultase o director xeral de Recursos Mariños a dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2000.
Amancio Landín Jaráiz
Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

