Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Martes, 11 de abril de 2000 Páx. 5.005

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 70/2000, do 31 de marzo, polo que se modifica o Decreto 89/1997, do 10 de abril, que regula a cobertura con carácter temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo mentres non se cubran con carácter definitivo.

O Decreto 89/1997, do 10 de abril, regula a cobertura con carácter temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo mentres non se cubran con carácter definitivo.

Unha vez transcorrido un período de tempo constátase a existencia, en determinados centros de traballo, de razóns de urxencia e perentoriedade nas substitucións de traballadores debido, fundamentalmente, ás condicións dos usuarios dos ditos centros: nenos, menores, persoas que precisan asistencia ou persoas da terceira idade. Así mesmo, nese período de tempo observáronse cuestións mellorables na xestión en xeral das listas.

Polas anteditas razóns e coa finalidade de axiliza-la xestión, neses casos, das listas elaboradas ó abeiro do referido Decreto 89/1997, do 10 de abril, procede a súa modificación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, oída a Comisión de Persoal e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trinta e un de marzo de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifica-los artigos 1 e 2 do Decreto 89/1997, do 10 de abril, sobre cobertura temporal de postos de traballo mentres non se cubran con carácter definitivo, quedando redactados do xeito seguinte:

«Artigo 1º

1.1. O obxecto deste decreto é a regulación con carácter temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo, tanto naqueles reservados ós funcionarios como os reservados ó persoal laboral, mentres non se proceda á súa cobertura con carácter definitivo.

Tamén poderá utilizarse para as contratacións que se realicen ó abeiro do disposto no artigo 23 da Lei galega 7/1999, do 29 de decembro.

1.2. Atribúese á Consellería da Presidencia e Administración Pública a competencia para a convocatoria, elaboración, control e xestión das listas reguladas neste decreto.».

«Artigo 2º

Tal regulación realizarase por medio das seguintes modalidades:

-Para a cobertura dos postos reservados a funcionarios, pola prevista no artigo 7 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

-Para o persoal laboral, as modalidades contractuais previstas no Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, e, preferentemente, o contrato de interinidade.».

Artigo 2º

Engadi-lo punto 6 ó artigo 5 do Decreto 89/1997, do 10 de abril, sobre cobertura temporal de postos de traballo mentres non se cubran con carácter definitivo, coa seguinte redacción:

«Artigo 5.6.

Para a cobertura dun posto vacante, o órgano xestor das listas realizará o chamamento pola orde de prelación das listas elaboradas inicialmente, sen prexuízo de que os integrantes delas estean xa prestando os seus servicios na Xunta de Galicia en virtude dun chamamento anterior en calquera das listas reguladas neste decreto para calquera suposto distinto do de cobertura de praza vacante.

Se algún destes interesados acepta o chamamento para cubrir unha vacante, deberá presenta-la oportuna renuncia ó posto que estea a desempeñar.».

Artigo 3º

Engadi-lo artigo 15 ó texto do Decreto 89/1997, do 10 de abril, sobre cobertura temporal de postos de traballo mentres non se cubran con carácter definitivo, coa seguinte redacción:

«Artigo 15º

1.a) Establécese un sistema de xestión de listas especial para supostos de substitucións urxentes e imprescindibles para o bo funcionamento do servicio, de empregados públicos que estean en situación de incapacidade temporal que se prevexan como máximo de quince días de duración; así como, se isto fose posible, nos casos de licencia por falecemento ou enfermidade grave ós que se refire o artigo 22.b do vixente Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, que se dean nas categorías e os grupos destinados nas seguintes consellerías:

-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en tódolos seus centros de ensino:

Na categoría 6 (educador) do grupo II; e nas categorías 4 (coidador/a auxiliar), e 5 (oficial 2ª cociña) do grupo IV; categorías 1 (axudante cociña) e 11 (limpador/a) do grupo V; e corpo subalterno-grupo E-de Administración xeral da Xunta de Galicia.

-Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, en tódolos seus centros de servicios sociais:

Nas categorías 2 (ATS/DUE) e 6 (educador) do grupo II; categorías 14 (xefe/a de cociña), 54 (ETAR) e 65 (oficial 1º cociña) do grupo III; categorías 3 (auxiliar de enfermería e coidador), 4 (coidador/a auxiliar) e 5 (oficial 2º cociña) do grupo IV; categorías 1 (axudante de cociña e camareiro/a-limpador/a), 3 (ordenanza) e 12 (peón) do grupo V.

-Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en tódolas súas garderías e centros de menores:

Nas categorías 6 (educador) e 40 (mestre especialista de educación infantil) do grupo II; nas categorías 50 (técnico especialista en xardín de infancia) e 65 (oficial 1º cociña) do grupo III; nas categorías 4 (coidador/a auxiliar) e 5 (oficial 2º cociña) do grupo IV; e nas categorías 1 (camareiro/a-limpador/a, axudante cociña, pranchador/a lavandeiro/a), e 3 (ordenanza, vixilante nocturno) do grupo V.

b) Este sistema de xestión de listas aplicarase tamén nos supostos de substitucións urxentes e imprescindibles para o bo funcionamento do servicio, nos casos de ausencias dun máximo de quince días de duración de funcionarios do corpo facultativo superior -grupo A- da Xunta de Galicia, especialidade veterinarios con destino en lonxas e matadoiros da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

2. O dito sistema especial de xestión de listas terá as seguintes especificidades:

a) Despois da oportuna e específica convocatoria, elaboraranse listas especiais para estes supostos, categorías e grupos. Para a elaboración destas listas respectarase a orde de prelación e a alternancia resultante de aplica-lo establecido no artigo 12 deste decreto.

b) Nestas convocatorias só poderán participar aqueles que figuren nas listas definitivas de admitidos que se elaboren como consecuencia de convocatoria inmediatamente anterior realizada segundo o establecido no artigo 3 deste decreto. A puntuación e prelación de cada un dos interesados en figurar nestas listas especiais será a mesma coa que xa figure nas listas elaboradas segundo o dito artigo 3 deste decreto.

A inclusión nestas listas non dará lugar ó cobramento de taxa.

c) Estes interesados poderán solicita-la súa inclusión nos ámbitos territoriais que desexen entre os que se oferten en cada categoría ou grupo, independentemente dos que se solicitasen nas listas xa elaboradas.

d) As listas ás que se refire este artigo son totalmente independentes das reguladas segundo os artigos anteriores; e, consecuentemente, as incidencias e situacións que se produzan debido á súa xestión non repercutirán nas reguladas segundo os ditos artigos anteriores.

e) Os chamamentos ós integrantes das listas especiais reguladas neste artigo realizaranse por medios

telefónicos ou, se é posible, telemáticos, de acordo co que dispoña a convocatoria. Estes chamamentos, así como as comunicacións cursadas, faranse constar mediante dilixencia do empregado público encargado das listas nun libro rexistro.

Nas convocatorias das listas especiais reguladas neste artigo sinalarase expresamente que o sistema que se vai seguir será o telefónico ou, de ser posible, o telemático; de tal xeito que os solicitantes aceptarán o sistema establecido no parágrafo anterior no momento en que presenten a solicitude de admisión nas listas. Na solicitude farán constar necesariamente un único número de teléfono de contacto.

f) Quen renuncie por calquera causa ou non fose localizado persoalmente cando se realice un chamamento, pasará a ocupa-lo último lugar da súa lista no ámbito territorial correspondente.

Quen, despois de acepta-lo chamamento, non compareza excluirase da lista correspondente en tódolos ámbitos territoriais.».

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para que dicte as disposicións e adopte as medidas necesarias para o desenvolvemento e a aplicación deste decreto.

Santiago de Compostela, trinta e un de marzo de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública