Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 12 de abril de 2000 Páx. 5.097

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 75/2000, do 23 de marzo, polo que se acordan as cesións do uso, a título gratuíto, de varios bens inmobles procedentes do patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Mugardos, Val do Dubra, Barreiros, Pantón, As Neves, Portas e O Rosal.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu punto tres establece que o Consello da Xunta, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles ós fins e servicios de interese xeral agrario. A dita cesión requirirá informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Os concellos de Mugardos, Val do Dubra, Barreiros, Pantón, As Neves, Portas e O Rosal solicitaron a cesión do uso dos inmobles sitos nos seus respectivos termos municipais e que pertenceron ás extintas cámaras agrarias locais, para destinalos a actividades de interese agrario.

Mediante os decretos 140/1997, do 5 de xuño (DOG nº 115, do 17 de xuño), 208/1997, do 24 de xullo (DOG nº 152, do 8 de agosto), 233/1998, do 30 de xullo (DOG nº 154, do 11 de agosto), e 222/1999, do 15 de xullo (DOG nº 147, do 2 de agosto), desafectáronse do dominio público, entre outros, varios inmobles que integraban o patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Mugardos, Val do Dubra, Barreiros, Pantón, As Neves, Portas e O Rosal.

Polas ordes da Consellería de Economía e Facenda, do 5 de setembro de 1997 (DOG nº 182, do 22 de setembro), do 10 de marzo de 1999 (DOG nº 57, do 24 de marzo), do 18 de xaneiro de 2000 (DOG nº 34, do 18 de febreiro) declarouse a alienabilidade dos anteditos inmobles.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da mencionada consellería tramitou o expediente de cesión do uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do Regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, e tendo en conta o informe favorable da, no seu día, Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintetrés de marzo de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdanse as cesións a título gratuíto que a continuación se relacionan:

1. A favor do Concello de Mugardos, do dereito de uso dun soar no sitio de Silveiro, parroquia de Franza, hoxe Avda. Francisco Vizoso, nº 5, no municipio de Mugardos (A Coruña), dunha superficie aproximada de

dous ferrados e medio ou 1.370 m. Sobre esta parcela construíuse un edificio de planta baixa de 150 m aproximadamente, dedicado a almacén e oficinas. Linda o conxunto: norte, Camiño dos Olmos; sur, estrada de Mugardos a Cabanas; leste, Antonio Vara Carpente; e oeste, Ricardo Vizoso Cancela.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Pontedeume no tomo 667, libro 72, folio 224, predio nº 5.387, inscrición 4ª.

2. A favor do Concello de Val de Dubra, do dereito de uso dun terreo que lle chaman Freán, no lugar e parroquia de Bembibre, municipio de Buxán, hoxe Val do Dubra (A Coruña), dunha superficie de 222 m. Linda: norte, camiño; sur, camiño; leste, terreo de Pablo Casais; oeste, Campo da Feira de Bembibre. Sobre este predio, cara ó noroeste, construíuse un edificio composto de dúas plantas, unha baixa e outra alta, de 100 m cada unha; linda polo norte coa beirarrúa do edificio e camiño, sur, leste e oeste, co terreo propio.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ordes no tomo 625, libro 78, folio 155, predio 1.416, inscrición 4ª.

3. A favor do Concello de Barreiros, do dereito de uso dun edificio de planta baixa e alta, que ten unha superficie total construída de 230 m, enclavado nun soar de 338 m, segundo recentes medicións, na parroquia de San Cosme, actualmente rúa Nova nº 73, termo municipal de Barreiros (Lugo). Estrema: norte, Concello de Barreiros, hoxe rúa Nova; sur, máis de María Cristina Pedrosa Posada, hoxe Luís López de Prado; leste, Concello de Barreiros; e oeste, de Rafael Palmeiro, hoxe José Palmeiro García.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ribadeo no tomo 680, libro 183, folio 100, predio nº 18.409, inscrición 1ª.

4. A favor do Concello de Pantón, do dereito de uso dun edificio de dous andares, baixo e alto, de 110 m por planta, construído sobre un soar sito no Campo da Feira de Pantón, parroquia de Ferreira, termo municipal de Pantón (Lugo), cunha superficie aproximada de 1.470 m, que linda: norte, estrada que cruza o campo da feira, hoxe paseo da Deputación; sur, campo da feira; leste, herdeiros de Manuel Fernández; e oeste, herdeiros de Jesús e Consuelo González.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Monforte de Lemos no tomo 694, libro 149, folio 77, predio nº 9.335-N, inscrición 3ª.

5. A favor do Concello das Neves, do dereito de uso dunha casa-habitación sita na rúa Santa Bárbara do municipio das Neves (Pontevedra), que ocupa unha superficie de 130 m, que está composta de: baixo-almacén de 96 m, primeira planta de oficinas de 96 m, e segunda planta vivenda de 110 m. Linda: dereita entrando, propiedade de Avelino Rey, agora Amalia Rey; esquerda, camiño veciñal coñecido por Travesía de Santa Bárbara; fronte, camiño público; e fondo, terreos de Elvira Rodríguez Rocha.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Ponteareas no tomo 559, libro 92, folio 158, predio nº 12.045, inscrición 4ª.

6. A favor do Concello de Portas, do dereito de uso dun predio situado no lugar de Rapeira, municipio de Portas (Pontevedra), dunha superficie de 480 m. Linda: norte, camiño entre terreo anexo á casa do médico;

sur, máis terreo propiedade do Concello de Portas; leste, proxecto de estrada; e oeste, camiño reservado para obras municipais. Sobre este soar construíuse un edificio de planta baixa de 160 m destinado a almacén e oficinas.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Caldas de Reis no tomo 618, libro 43, folio 91, predio nº 6.243, inscrición 4ª.

7. A favor do Concello do Rosal, do dereito de uso dunha casa, con terreo unido, sinalada co nº 15 da praza do Calvario da vila e municipio do Rosal (Pontevedra), mide todo 335 m, dos que 145 m son do terreo no que hai un pozo e un alpendre destinado a garaxe de 25 m; a casa mide 190 m. Linda: norte ou esquerda entrando, estrada do Estado ou avenida Ramón Franco; dereita entrando ou sur, valo do adro da parroquia; fronte ou oeste, praza do Calvario ou do Concello; fondo ou leste, predio matriz.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Tui no tomo 599, libro 58, folio 247, predio nº 2.829, inscrición 3ª.

Artigo 2º

As cesións de uso relacionadas no artigo anterior quedan sometidas ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación do inmoble a fins e servicios de interese xeral agrario.

b) A cesión do uso outórgase por un período de dez anos, contados desde a sinatura da correspondente escritura pública, prorrogable por períodos sucesivos da mesma duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da petición do cesionario con anterioridade ó vencemento do período anterior; queda excluída a tácita reconducción.

c) Se o dereito cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de dous anos, contado desde o outorgamento da escritura pública, deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebramento, ou se incumprise calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión e o dereito reverterá na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

d) Serán por conta do cesionario:

-Os gastos de conservación e mantemento do inmoble do que se cede o uso.

-Os gastos polos servicios con que conte o inmoble que se individualicen mediante aparellos contadores.

-As cotas dos tributos que poidan grava-lo inmoble.

e) As obras de adaptación, reparación e mellora do inmoble, que serán por conta da entidade cesionaria, requirirán a presentación do proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e, en ningún caso, poderán ser reembolsadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

f) O cesionario subscribirá unha póliza todo risco, de perdas ou danos materiais, polo importe do valor do inmoble segundo o reflictido no Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma. E outra póliza de responsabilidade civil que garanta posibles danos a terceiros por un importe mínimo de vintecinco millóns

de pesetas. A Comunidade Autónoma de Galicia será a beneficiaria e a asegurada, respectivamente, destas pólizas de aseguramento, que se manterán durante todo o período de cesión, prazo inicial e, se é o caso, prórrogas.

Artigo 3º

As devanditas cesións de uso formalizaranse mediante escritura pública subscrita pola Secretaría Xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario; serán por conta deste os custos de formalización.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, vintetrés de marzo de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda