Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 12 de abril de 2000 Páx. 5.142

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 77/2000, do 25 de febreiro, polo que se declara monumento natural o Souto da Retorta, no concello de Viveiro (provincia de Lugo).

A protección e conservación do noso patrimonio natural é un mandato recollido no artigo 45 da nosa vixente constitución e unha necesidade para asegura-la pervivencia dos nosos ecosistemas.

As competencias en materia de protección do medio ambiente e da paisaxe fóronlle conferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo artigo 27.30º do Estatuto de autonomía, asumidas pola Xunta de Galicia a través do Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño.

A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres,

define no seu artigo 16.1º os monumentos naturais coma espacios ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza, que merecen ser obxecto dunha protección especial. A dita protección dispénsase a través da oportuna declaración de monumento natural que, segundo o artigo 21.1º da mesma lei, correspóndelle á Comunidade Autónoma no que o ámbito territorial se encontre situado.

O eucaliptal de Chavín, tamén coñecido polo nome de Souto da Retorta, é un predio situado a carón do río Landro, onde se sitúa un rodal de eucaliptos extraordinario con algún pé dos de maior envergadura de Europa, entre eles, o exemplar coñecido coma El Abuelo cun perímetro de 7,55 m e unha altura de 61,78 m, ós que acompaña a vexetación típica da fraga atlántica. Ademais da lanzalía e esvel

teza de determinados exemplares de eucaliptos, cómpre destacar a lonxevidade dalgúns outros que superan mesmo os cen anos.

En canto ás súas características xeolóxicas, cómpre sinalar que a case totalidade do predio está formado por rochas graníticas hercínicas do tipo granito parautóctono.

Por orde da Consellería de Medio Ambiente do 31 de maio de 1999 someteuse a información pública e posterior trámite de audiencia ós interesados o informe para a declaración do Souto da Retorta como monumento natural, sen que rematado o prazo do citado trámite de audiencia fosen presentadas alegacións.

Por estas razóns, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de febreiro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. De acordo coa Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, declárase como monumento natural o Souto da Retorta, situado na parroquia de Chavín, concello de Viveiro, cunha superfice de 3 ha, 18 áreas e 78 centiáreas.

2. A declaración como monumento natural implica a protección pola Administración dos procesos ecolóxicos esenciais e dos sistemas vitais básicos existentes na zona, mediante a regulación da utilización ordeada dos recursos, que garantan o aproveitamento sostible das especies e dos ecosistemas, e a súa restauración e mellora, para facer efectiva a preservación da variedade, singularidade e beleza do seu ecosistema natural e paisaxe.

Artigo 2º

Os límites do monumento natural, representados graficamente no anexo I, son os seguintes:

-Norte. Río Landro.

-Sur. Canle de auga da antiga fábrica de luz de Chavín.

-Leste. Canle da fábrica e predio dos herdeiros de José Barro.

-Oeste. Río Landro.

Artigo 3º

1. A declaración do Souto da Retorta como monumento natural non impedirá as actividades que non menoscaben os valores naturais que fundamentan a protección que con este decreto se pretende. En concreto poderán levarse a cabo traballos silvícolas, diminución de matogueiras, limpeza de sendas, poda, eliminación de pés, e outros traballos que colaboren ó mantemento deste monumento natural.

Para o resto das actividades requirirase, con carácter previo, autorización da Consellería de Medio Ambiente, sen prexuízo dos permisos, licencias e demais autorizacións que sexan esixidos por outras disposicións legais.

2. En todo caso non se poderán realizar en todo o ámbito do monumento natural as actividades seguintes:

a) A realización de acampadas ou campamentos.

b) As actividades de desmonte ou realización de terrapléns.

c) Os vertidos de lixo, cascallos e residuos sólidos en xeral, así como o establecemento de cualquera tipo de vertedoiro de lixo no interior do monumento.

d) A realización de queimas.

e) A colocación de carteis e anuncios publicitarios, agás os que teñan relación coa defensa e sinalización do propio monumento natural.

f) A extracción de area e o recheo das zonas húmidas.

g) A modificación das canles públicas.

h) As explotacións e actividades industriais e agrarias.

i) A instalación de tendidos eléctricos.

j) Os aproveitamentos mineiros de xea presentes na área.

k) A realización de edificacións permanentes de calquera tipo.

l) O estacionamento e circulación de vehículos fóra dos camiños e vías existentes, agás os vehículos e maquinaria propios da actividade agrícola e forestal.

3. Os aproveitamentos forestais autorizaranos, de se-lo caso, o órgano competente en materia forestal, tralo informe favorable do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural.

Artigo 4º

A infracción do réxime de protección establecido ou a non observancia da normativa vixente serán sancionadas de acordo con disposto na Lei 4/1989, do 27 marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestre, ou nas normas que, de se-lo caso, poidan substituíla e demais disposicións que a teor da natureza da infracción resulten aplicables.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións necesarias para desenvolve-lo presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de febreiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente