Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 15 de maio de 2000 Páx. 7.583

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de abril de 2000 pola que se clasifica como de interese industrial a Fundación para la promoción de la Innovación, Investigación y Desarrollo Tecnológico en la Industria de Automoción de Galicia.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para la Promoción de la Innovación, Investigación y Desarrollo Tecnológico en la Industria de Automoción de Galicia, con domicilio en Vigo, rúa Avda. de Citröen s/n, edificio Zona Franca 1º (Pontevedra).

Supostos de feito.

1. Luis Eulogio Moreno Diéguez, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 5 de abril de 2000, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o 7 de marzo de 2000, ante o notario Álvaro Moure Goyanes, baixo o número 522 de protocolo por Luis Eulogio Moreno Diéguez que intervén ademais de por si, como xerente, en nome e representación da Agrupación Ceaga, Cluster de Empresas de Automoción de Galicia.

3. Segundo consta no artigo 3 dos seus estatutos o obxecto da fundación é contribuír ó fortalecemento, crecemento e mellora da competitividade da industria da automoción de Galicia mediante a promoción e prestación de sevicios de formación, información e asesoramento especialmente orientados á innovación, investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

O obxecto da fundación realizarase principalmente mediante a construcción, posta en marcha e xestión dun centro tecnolóxico para a industria da automoción de Galicia.

4. O padroado da fundación estará constituído por Javier Riera Nieves como presidente, o conselleiro de Industria e Comercio como vicepresidente e Luis Eulogio Moreno Diéguez como secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese industrial da Fundación para la Promoción de la Innovación, Investigación y Desarrollo Tecnológico en la Industria de Automoción de Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese industrial e a súa adscrición á Consellería de Industria e Comercio.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 25 de abril de 2000.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese industrial a Fundación para la Promoción de la Innovación, Investigación y Desarrollo Tecnológico en la Industria de Automoción de Galicia e adscribila á Consellería de Industria e Comercio, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública