Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Xoves, 18 de maio de 2000 Páx. 7.818

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2000 pola que se procede á publicación da addenda ó convenio subscrito o 5 de xullo de 1999 entre o Ministerio de Xustiza e a Xunta de Galicia para colaborar na xestión e inspección da prestación social dos obxectores de conciencia.

Subscrita unha addenda ó convenio entre o Ministerio de Xustiza e a Xunta de Galicia para colaborar na xestión e inspección da prestación social dos obxectores de conciencia, e en cumprimento do disposto no artigo 8 punto 2º da Lei 30/1992, do 26

de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, efectos dos convenios, resolveu proceder á publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da devandita addenda, que para tal efecto figura como anexo a esta resolución.

O que se fai público para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2000.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

Addenda ó convenio subscrito o 5 de xullo de 1999 entre o Ministerio de Xustiza e a Xunta de Galicia para colaborar na xestión e inspección da pretación social dos obxectores de conciencia.

En Madrid o 16 de marzo de 2000.

REUNIDOS:

Dunha parte Manuel Fraga Iribarne, presidente da Xunta de Galicia, en virtude da competencia que lle outorga a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e doutra parte Margarita Mariscal de Gante y Mirón, ministra de Xustiza, en virtude da competencia que lle outorga o artígo 13.3º da Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración xeral do Estado,

EXPOÑEN:

I. Que ó Ministerio de Xustiza lle compete a xestión e inspección da prestación social substitutoria, de acordo co disposto no número 1º do artigo 12 da Lei 22/1998, do 6 de xullo, reguladora da obxección de conciencia e da prestación social substitutoria.

II. Que a Xunta de Galicia colabora na xestión e inspección da prestación social dos obxectores de conciencia de conformidade co establecido no artigo 12 da Lei 22/1998, do 6 de xullo, e en virtude do convenio subscrito co Ministerio de Xustiza o 5 de xullo de 1999 (BOE do 28).

III. Que, de acordo coa cláusula décima do citado convenio, a Xunta de Galicia queda habilitada como centro pagador da asignación do haber en man, de acordo co disposto no artigo 81.4º do Regulamento da obxección de conciencia e da prestación social substitutoria.

O Ministerio de Xustiza transferirá, coa suficiente antelación e cunha periodicidade alomenos trimestral, os fondos necesarios para o pagamento do haber en man, así como para sufraga-los gastos de aloxamento e manutención a que, se é o caso, houber lugar.

Anualmente, actualizaranse os citados importes de acordo coas previsións de incorporación e coas dispoñibilidades de cada exercicio orzamentario.

Mediante addenda ó convenio, en cada exercicio orzamentario acordarase a transferencia dos fondos

necesarios para o pagamento da formación e o vestiario dos obxectores de conciencia.

IV. Que, así mesmo, a cláusula décimo segunda do convenio sinala que o importe dos gastos de xestión ordinaria, que se deriven da execución del, se revisará en cada exercicio orzamentario e é o resultado de aplica-lo módulo de custo de xestión por obxector en situación de actividade, referido á data de entrada en vigor do convenio, polo número de obxectores afectados por el.

Por todo o que,

ACORDAN:

Primeiro.-Confirma-la vixencia para o ano 2000 do convenio subscrito o 5 de xullo de 1999.

Segundo.-Actualiza-las cláusulas décima e décimo segunda do mencionado convenio nos termos expresados na addenda seguinte.

Texto da addenda.

1. O Ministerio de Xustiza destinará, no exercicio orzamentario do ano 2000, a cantidade de 20.088.900 pesetas en concepto de gastos de xestión ordinaria, para a execución do convenio de colaboración coa Xunta de Galicia do 5 de xullo de 1999, con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.313F.451 dos orzamentos xerais do Estado.

Os trámites necesarios para o pagamento da citada cantidade iniciaranse de forma inmediata á entrada en vigor deste convenio.

2. Así mesmo, no exercicio orzamentario do ano 2000, o Ministerio de Xustiza transferiralle á Xunta de Galicia para o pagamento do haber en man dos obxectores de conciencia, así como para sufraga-los gastos de aloxamento, manutención, vestiario e formación a que, se é o caso, houber lugar, os importes máximos que a continuación se detallan:

ConceptoImporte en pesetas

Haber en man145.203.000

Aloxamento e manutención84.255.360

Formación26.400.000

Vestiario72.576.603

Cunha periodicidade trimestral, a Xunta de Galicia informará puntualmente sobre os gastos realizados nos ditos conceptos, e deberá presentar anualmente a liquidación deles, coas xustificacións que para tal efecto se determinen.

3. Esta addenda entrará en vigor o día seguinte ó da súa sinatura e concluirá a súa vixencia o 31 de decembro do ano 2000.

De conformidade con canto antecede, no exercicio das atribucións de que son titulares os asinantes, subscriben, por duplicado exemplar, esta addenda en Madrid o 16 de marzo de 2000.

Margarita Mariscal de Gante y Mirón. Ministra de Xustiza. Manuel Fraga Iribarne. Presidente.