Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Luns, 29 de maio de 2000 Páx. 8.293

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 14 de abril de 2000, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa La Lactaria Española, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa La Lactaria Española, S.A. (código 2700582), da provincia de Lugo, asinado o día 16 de marzo de 2000, pola representación da citada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90 puntos 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo,

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mencionado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 14 de abril de 2000.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

La Lactaria Española, S.A.

Convenio colectivo para o seu centro de traballo de Nadela (Lugo)

Anos 1999, 2000 e 2001

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio afecta ó centro de traballo que, rexéndose pola lexislación laboral vixente, ten La Lactaria Española, S.A., en Nadela (Lugo), ou calquera outro que, no futuro, puidera ter nesta provincia.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Comprende a todo o persoal do cadro nas súas distintas categorías profesionais, excepto, para efectos de política salarial e de xornada, os cargos directivos de director da planta e xefes dos diferentes departamentos na planta (Producción, Aprovisionamento, Laboratorio, Mantemento, Loxística e Organización e Recursos Humanos).

Artigo 3º.-Duración.

Estipúlase un prazo de duración de tres anos, ou sexa ata o 31 de decembro de 2001, pactándose de común acordo que, con antelación de tres meses á data de expiración, se considera automaticamente denunciado.

Artigo 4º.-Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor o día de xaneiro de 1999, calquera que sexa o día da súa sinatura, estendendo esa vixencia ata o 31-12-2001, salvo naqueles artigos en que expresamente se estableza outra vixencia.

Artigo 5º.-Incrementos pactados no convenio.

O presente convenio ten pactadas unhas melloras económicas e sociais, que se aplicarán con efectos do 1-4-1999 (salvo para aquelas en que expresamente este convenio estableza outra cousa), independentemente da data na que se produza a sinatura do convenio colectivo, sobre os seguintes conceptos salariais:

-Salario base.

-Complemento convenio de orixe.

-Complemento convenio.

-Complemento persoal.

-Axuda escolar.

-Quebranto moeda.

-Complemento domingos e festivos.

-Complemento nocturnidade.

-Prima festivos.

-Complemento sábados.

-Complemento festivos.

-Complemento sábados.

-Complemento nocturnidade.

Tales incrementos serán:

-1999: 2%.

-2000: IPC real + 0,5%.

-2001: IPC real + 0,5%.

Nestes 2 últimos anos tomarase como referencia a previsión de IPC que formule o Goberno en xaneiro,

procedéndose, se é o caso, á oportuna regularización, unha vez coñecido o IPC real do ano.

Artigo 6º.-Facultade de compensación.

Tódalas condicións superiores ás mínimas legais ou regulamentarias de carácter individual e colectivo, calquera que sexa a súa orixe, que estean vixentes na empresa na data de iniciarse a aplicación do presente convenio, poderán ser compensadas coas melloras que nel se establecen.

Artigo 7º.-Facultade de absorción.

As melloras económicas e de traballo que se implantan en virtude do presente convenio serán absorbibles ata onde alcance, cos aumentos ou melloras que poidan establecerse mediante disposicións legais, regulamentarias ou pactos de carácter xeral.

Capítulo II

Clasificación profesional e réxime retributivo

Artigo 8º.-Clasificación profesional.

Co obxecto de adecua-la clasificación profesional do persoal da empresa a que afecta o presente convenio, establécese a clasificación por grupos profesionais, segundo a táboa correspondente. As categorías profesionais consignadas son puramente enunciativas e non obrigan a ter cubertas tódalas categorías enumeradas, se a necesidade non o require.

Artigo 9º.-Estructura salarial.

Está constituída polos seguintes conceptos:

a) Salario base.

b) Complemento convenio de orixe.

c) Complemento convenio.

d) Complemento persoal.

Artigo 10º.-Salario base.

Establécese un salario base por categorías, os importes do cal se indican no anexo I.

Artigo 11º.-Complemento convenio.

Establécese un complemento de convenio por categorías, os importes do cal se indican no anexo II.

Artigo 12º.-Complemento persoal.

Establécese un complemento persoal, os importes do cal figuran en cadro á parte.

Artigo 13º.-Gratificacións extraordinarias.

Percibiranse tres gratificacións extraordinarias anuais, as cales se farán efectivas os meses de marzo (día 31), xullo (día 20) e decembro (día 20), consistentes cada unha en trinta días de salario base (táboa correspondente anexo I), máis o complemento convenio de orixe que cada traballador posúa.

Artigo 14º.-Complemento convenio de orixe.

A cantidade que perciben os traballadores por este concepto incrementarase en cada un dos 3 anos de vixencia do convenio, ademais de nas contías previstas no artigo 5, nun 1,65% adicional, todo isto de acordo co pactado no convenio colectivo para os anos 1997 e 1998.

O importe do complemento convenio de orixe de cada traballador figura no anexo III.

Artigo 15º.-Quebranto de moeda.

O caixeiro e o auxiliar de caixa percibirán mensualmente, en concepto de quebranto de moeda, a cantidade de 2.676 pesetas,a partir do 1 de abril de 1999.

Artigo 16º

A empresa complementará, para os tres primeiros días de cada baixa de enfermidade, o importe ata o 75% do salario correspondente ós ditos días.

As baixas no traballo por incapacidade temporal causadas por enfermidade común ou accidente non laboral serán complementadas a cargo da empresa ata alcanzar o 100% do salario real de:

-Salario base.

-Complemento convenio de orixe.

-Complemento convenio.

-Complemento persoal (nos casos en que proceda).

Que devengase no mesmo mes a que corresponda o pagamento.

A devandita prestación causarase con suxeición ás seguintes regras:

1ª Percibirase logo de confirmación da baixa e alta nos modelos oficiais emitidos pola asistencia médica da Seguridade Social, ata o paso a invalidez permanente e depender do INSS.

2ª A empresa aboaralles ós operarios incluídos no ámbito de aplicación deste convenio, desde o día décimo quinto da baixa, o mencionado complemento e ata o paso a invalidez permanente e depender do INSS. En caso de que o índice de absentismo da planta supere o 3% no mes anterior, este complemento aboarase a partir do día 18.

3ª No caso de hospitalización ou accidente laboral, este complemento percibirase desde o primeiro día da baixa.

4ª Os traballadores que estivesen durante o transcurso do ano na situación de incapacidade temporal percibirán a parte proporcional das pagas extras que lles correspondan.

Capítulo III

Xornada. Horas extras. Vacacións. Excedencias

Artigo 17º.-Xornada.

A duración da semana ordinaria de traballo será de 40 horas.

Na xornada continuada, acórdase efectuar un descanso intermedio de vinte minutos, que se aboará como tempo de traballo, pero que en ningún caso se sumará para o cómputo de horas extraordinarias, para os efectos dos límites máximos legais.

O momento de desfruta-lo descanso intermedio referido será sinalado polos encargados ou xefes de sección, segundo as necesidades do servicio, debendo iniciarse dentro do tercio central da xornada.

Artigo 18º.-Quendas.

A quenda de noite realizarase sempre que a dirección da empresa, por razóns de producción ou forza maior, o estime necesario, e logo de acordo co comité de empresa, indicando as razóns para a súa realización, seccións afectadas e tempo de implantación.

Sempre que a quenda de noite se prorrogue por máis dunha semana, esta quenda será rotativa, e ningún operario estará nela máis de dúas semanas consecutivas, salvo adscrición voluntaria. O traballador que estea en quenda de noite, cando esta sexa suprimida, incorporarase á súa quenda habitual no día seguinte, computando 40 horas semanais.

Establécese como quenda de noite as horas traballadas entre as 10 da noite e as 6 da mañá.

O disposto neste artigo enténdese sen prexuízo dos acordos existentes (de data 23 de novembro de 1993), ou que se poidan establecer en materia de cadro horario e quendas de traballo.

Artigo 18º bis.

Nos casos en que, dentro dunha mesma semana, coincidan dous días festivos consecutivos, ou festivo o venres (sen que un deles coincida en sábado), traballaranse as quendas que propoña a empresa nun dos dous días, sempre e cando a empresa non teña capacidade de recepción da recollida propia ou de terceiros habituais nese momento, designándose o dito día de acordo co comité de empresa.

Para os efectos deste artigo, terán a consideración de festivos, ademais dos domingos, os días que sexan decretados como tales polo Estado, a Comunidade Autónoma ou respectivo concello.

Nos restantes casos de festivos, o comité de empresa prestará a súa colaboración para conseguir a boa marcha da producción.

Artigo 19º.-Complementos de sábados, domingos e festivos.

Terán, a partir do 1-4-1999, un complemento económico de 490 pesetas/hora, dentro da súa xornada habitual, máis o descanso compensatorio na semana seguinte. No caso de prolongación de xornada ou por imposibilidade de descansalas, computaranse como horas extraordinarias.

Así mesmo, terán, a partir do 1-4-1999, un complemento de 490 pesetas/hora durante a quenda de noite.

Artigo 19º bis.-Complemento sábados.

Aboarase unha prima ó persoal que traballe os sábados no horario de 10 a 18 horas (e mantemento de 9 a 17 horas). Con independencia do descanso compensatorio, o seu importe, a partir do 1-4-1999, será de 1.831 pesetas por día traballado.

Artigo 20º.-Horas extras.

Co obxecto de fomentar unha política social para a creación de emprego, acórdase a supresión das horas extraordinarias habituais.

Establécese a posibilidade de realizar horas extraordinarias estructurais, para atender necesidades urxentes ou imprevistas de producción ou mantemento.

Semanalmente, informarase o comité de empresa sobre as horas extraordinarias realizadas na semana anterior.

As horas extraordinarias que propoña a empresa serán de libre aceptación polos traballadores, salvo nos casos de forza maior.

O traballador poderá optar entre cobrar as horas extraordinarias ou compensalas por tempo de descanso, a razón de 1,75 por hora extraordinaria. A prolongación da xornada será computada como hora extraordinaria.

As horas extraordinarias aboaranse calculadas co 75% de incremento sobre o salario hora individual (SHI) que se determinará de acordo coa seguinte fórmula:

SB + complemento convenio de orixe

SHI = -----------------------------------------------

1.793

O salario base e o complemento convenio de orixe calcularanse en valores anuais.

Artigo 21º.-Complemento festivos.

Aboarase unha prima de domingos e festivos, cando a maior parte da xornada se desenvolva entre as seis horas do domingo ou festivo e as seis horas do día seguinte. Con independencia do descanso compensatorio correspondente, ó seu importe será de 2.687 pesetas por día traballado, a partir do 1 de abril de 1999.

Artigo 21º bis.-Prima festivos.

Aboarase unha prima ó persoal que traballe en domingos e festivos, no horario de 10 a 18 horas. Con independencia do descanso compensatorio correspondente, o seu importe será de 6.496 pesetas por día traballado, a partir do 1-4-1999.

Artigo 22º.-Vacacións.

Todo o persoal da empresa, sen distinción de categoría profesional, desfrutará no ano 2000 de 28 días laborais de vacacións, considerándose os sábados como días laborables, e sen que se computen como tales os festivos intersemanais. En 2001 os días laborables de vacacións serán 26 e, no 2002, as vacacións de 30 días naturais. A partir deste ano 2002, se no período concreto de desfrute de vacacións coincidira algunha das 14 festas laborais anuais, non se computará dentro dos 30 días naturais.

As vacacións desfrutaranse nun só período continuado. Nembargante, poderase pacta-lo desfrute das vacacións en dous períodos, quedando á discreción da dirección atender peticións para distribuílas en fraccións inferiores a dúas semanas.

Considerarase como período para o desfrute das vacacións os doce meses do ano, confeccionándose os correspondentes calendarios. A asignación terá

carácter rotatorio, co fin de que cada traballador, de ano en ano, poida desfrutalas correlativamente nas quendas que se establezan.

Durante os días de vacacións percibirase:

a) Salario base.

b) Complemento convenio de orixe.

c) Complemento convenio.

d) Complemento persoal (nos casos en que proceda).

Cando o concreto período de desfrute de vacacións non coincida coas datas do 1 de xuño ó 30 de setembro; 21 a 31 de decembro e 1 a 6 de xaneiro, todos eles inclusive, así como a Semana Santa e a seguinte posterior, o importe do complemento convenio que lle corresponda percibir ó traballador incrementarase nun 40% máis, durante os días de vacacións que non coincidan coas citadas datas.

Artigo 23º.-Permisos regulamentarios.

O traballador, logo de aviso e xustificación en legal forma, terá dereito a licencia, con remuneración salarial, por algún dos motivos e coa duración máxima seguinte:

a) Por contraer matrimonio: 15 días naturais.

b) Por nacemento de fillos: 3 días laborais.

c) Por falecemento ou enfermidade moi grave de parente en primeiro grao de consanguinidade: 4 días naturais. Se o feito tivera lugar en distinta provincia á de residencia do traballador, a licencia aplicarase a 6 días. Por falecemento ou enfermidade moi grave de parente en primeiro grao de afinidade ou segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 3 días naturais. Se o feito tivera lugar en distinta provincia á de residencia do traballador, a licencia ampliarase a 5 días naturais.

Esta alínea tamén será aplicada ás persoas que convivan co traballador como parella estable nun tempo non inferior a dous anos, e sempre que, previamente, o comunicase á empresa.

d) Por traslado de domicilio habitual: 1 día natural.

e) Por necesidade de atender persoalmente asuntos propios de xustificada urxencia: 3 días naturais.

f) Polo tempo indispensable que precise o traballador para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando este se determine nunha norma legal, aplicarase o que esta dispoña canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

g) Exames. Polo tempo estrictamente indispensable, cando curse estudios e deba someterse a exames, logo de xustificación escrita ante a empresa.

h) Falecemento do cónxuxe: 5 días naturais.

Artigo 24º.-Excedencias.

Nesta materia, observarase en todo o disposto no artigo 46 do Estatuto dos traballadores e na Lei orgánica de liberdade sindical, no seu artigo 9 b).

A excedencia por maternidade de 1 a 3 anos dará dereito á reserva do posto de traballo.

Artigo 25º.-Vivendas.

a) Co obxecto de axudar ós seus traballadores á adquisición de vivenda en propiedade, a empresa ten asignado un fondo económico de dous millóns duascentas cincuenta mil pesetas, para a prestación de anticipos persoais na contía de seiscentas mil pesetas por traballador, sen percepción de xuros e con devolucións mensuais e consecutivas equivalentes ó dez por cento do importe neto percibido por tódolos conceptos, tomando como base a media dos seis meses anteriores á data da concesión, e engadíndose, se é o caso, os descontos que se aplicasen por anticipos persoais, faltas inxustificadas, suspensións de emprego e soldo ou falta de liquidación. En todo caso, os préstamos de vivenda deberán ser cancelados no prazo máximo de corenta e seis meses.

b) Sempre que o fondo teña unha cantidade superior a 1.000.000 de pesetas, poderanse conceder axudas de ata cincocentas mil pesetas para amaño da vivenda, que se devolverán en dezaoito meses.

Artigo 26º.-Axuda a diminuídos.

Como prestación complementaria da Seguridade Social, a empresa aboará unha axuda de 12.500 pesetas mensuais ós traballadores, a partir do 1 de abril de 1999, por cada fillo ó seu cargo que sexa diminuído físico, psíquico ou sensorial. A cualificación de tales incapacidade será automática nos casos nos que así fosen recoñecidos pola Seguridade Social. Noutro suposto, deberá acreditarse suficientemente, mediante as oportunas certificacións ou recoñecementos médicos.

Artigo 27º.-Seguro de vida colectivo.

Co fin de beneficiar a tódolos seus traballadores cunha medida de previsión a favor dos familiares a cargo daqueles, a empresa ten concertado un seguro de vida colectivo, no que quedan obrigatoriamente integrados tódolos seus traballadores. O devandito seguro rexerase polas seguintes normas:

a) Os traballadores de novo ingreso causarán alta como asegurados no mesmo día da incorporación á empresa.

b) Quedan incluídos no seguro, os traballadores que expresamente sexan contratados con carácter temporal, en calquera das súas modalidades.

c) Os productores que se incorporen ó servicio militar causarán baixa no seguro transitoriamente mentres non se produza a súa reincorporación na empresa, unha vez licenciados, momento no que, automaticamente, volverán estar en activo como asegurados.

d) Non existirá previo recoñecemento médico, nin haberá limitacións de idade.

e) No caso de invalidez permanente absoluta por accidente ou enfermidade, ou falecemento por calquera causa, os afectados poderán cobra-lo capital asegurado.

f) En caso de morte por accidente, pagaráselle ó beneficiario o dobre do capital asegurado.

g) En caso de morte por accidente de circulación, pagaráselle ó beneficiario o triple do capital asegurado.

h) O capital asegurado para todo o persoal fixo ascende a 1.250.000 pesetas.

i) Causarase baixa ó producirse o cesamento definitivo na empresa.

Artigo 28º.-Axuda escolar.

Establécese unha axuda para a formación escolar dos fillos dos traballadores con idades comprendidas entre os 5 e os 19 anos, ámbalas dúas incluídas, coa excepción dos que estean traballando.

Por conseguinte, será indispensable, para os que teñan 16, 17, 18 e 19 anos, acreditar documentalmente que se encontran matriculados nun centro escolar.

A súa contía será de 2.000 pesetas mensuais por fillo, a partir do 1 de setembro de 2000, durante os meses de setembro a xuño, ambos inclusive.

Capítulo IV

Formación profesional. Promoción

Artigo 29º.-Formación profesional.

A dirección da empresa establecerá un plan de formación, co obxectivo de proporcionarlle ó persoal, en tódolos seus niveis, e na medida do posible, de forma paulatina, os coñecementos adecuados para a realización das súas funcións e o seu desenvolvemento profesional.

Decididos os plans de formación, e previamente á súa implantación, solicitarase dos correspondentes comités de empresa o informe que se determina no artigo 64.1.4 c) do Estatuto dos traballadores.

Para o persoal da empresa que faga cursos, non establecidos nos plans de formación, en centros oficiais, para a obtención de coñecementos profesionais que teñan relación directa coas actividades da empresa e unha aplicación efectiva, a medio ou longo prazo, nela, establécese unha axuda económica consistente no pagamento do 50% dos custos da matrícula e textos, debidamente xustificados. No caso de repetición do curso ou disciplina, esta axuda será do 25% do curso ou disciplina repetidos.

Esta axuda solicitarase a través do xefe de Organización e Recursos Humanos da planta, presentando xustificación da formalización da matrícula do centro de que se trate.

Artigo 30º.-Selección e promoción.

A selección de persoal de novo ingreso e a promoción serán competencia exclusiva da dirección da empresa, logo de comunicación motivada ó comité de empresa.

A dirección da empresa fará pública a convocatoria das vacantes para os efectos de que calquera traballador poida optar a elas.

Capítulo V

Saúde laboral

Artigo 31º

1. A dirección da empresa e os representantes dos traballadores coinciden en afirma-la importancia que ten o estricto cumprimento do conxunto da normativa en materia de prevención, hoxe articulada en torno á Lei de prevención de riscos laborais, de 8-1-1995, sobre a base de considerar que a integridade física do traballador é un ben supremo e irrenunciable.

Para isto, manifestan a súa total disposición a colaborar lealmente na procura deste obxectivo común, no ámbito das súas respectivas responsabilidades.

2. O centro de traballo de Nadela contará con dous delegados de prevención, que serán designados de entre os membros do comité de empresa, e a quen corresponderá:

-Colaborar coa dirección da empresa na mellora da acción preventiva.

-Promover e fomenta-la cooperación dos traballadores na execución da normativa sobre prevención de riscos laborais.

-Ser consultados pola dirección da empresa, con carácter previo á súa execución, acerca das decisións a que se refire o artigo 33 da Lei de prevención de riscos laborais.

-Exercer un labor de vixilancia e control sobre o cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais, podendo, para tal efecto, inspeccionar tódolos lugares de traballo, emitir informes e propoñer solucións, podendo contar, a tal fin, con asesores expertos alleos á empresa.

-Os delegados de prevención disporán dun crédito de 40 horas retribuídas anuais para asistir a cursos de formación en materia de saúde laboral. A dirección da empresa esixirá, en todo caso, os oportunos xustificantes de asistencia.

3. No centro de traballo de Nadela existirá un comité de seguridade e saúde, integrado polos dous delegados de prevención, dunha parte, e por dous representantes da dirección, designados polo director de Organización e Recursos Humanos da empresa.

Nas xuntanzas do comité de seguridade e saúde participarán, con voz pero sen voto, os responsables técnicos de prevención na empresa que non estean incluídos na composición do comité de seguridade e saúde.

Este comité terá as seguintes competencias:

-Participar na elaboración, posta en práctica, avaliación dos plans e programas de prevención de riscos na empresa.

-Promover iniciativas sobre métodos e procedementos para a efectiva prevención dos riscos, propoñéndolle á empresa a mellora das condicións ou a corrección das deficiencias existentes.

O comité reunirase trimestralmente e sempre que o solicite algunha das representacións nel.

Capítulo VI

Representación dos traballadores

Artigo 32º.-Comité de empresa e delegados de persoal.

Nesta materia, observarase en todo o disposto no título segundo do Estatuto dos traballadores.

A empresa pagará as viaxes e as axudas de custo, na forma que ten establecida, cando algún membro do comité e delegados sindicais, en representación destes, teña que desprazarse do seu lugar habitual de residencia, para asistir a xuntanzas, sobre temas relacionados coa propia empresa e convocadas polos sindicatos máis representativos a nivel estatal ou autonómico ou con representación no comité, dirección da empresa ou Administración.

Acórdase a posibilidade de acumula-lo crédito de horas mensuais que concede o artigo 68 e) do Estatuto dos traballadores ós seus representantes legais, podéndose ceder entre representantes dunha mesma planta que se presentaran as eleccións cunhas mesmas siglas ou candidaturas, se é o caso.

Para isto, os cedentes comunicarán ó xefe de Organización e Recursos Humanos de cada centro o nome do representante ou representantes ós que ceden as súas horas no mes seguinte e vindeiros, sendo esta cesión de carácter permanente ata que o propio cedente a revoque ou modifique, mediante comunicación dirixida ó xefe de Organización e Recursos Humanos do seu centro, con cinco días de antelación mínima á data dos seus efectos.

O comité de empresa poderá solicitar para temas concretos e específicos en que precise asesoramento técnico dunha central sindical, que os representantes desta poidan acceder ós locais e dependencias dese centro, sen entorpecemento da producción, responsabilizándose da obrigada reserva e sixilo profesional por parte da central sindical.

Artigo 33º.-Seccións sindicais.

O funcionamento das seccións sindicais no ámbito da empresa axustarase ó disposto no artigo 10 da Lei 11/1985, do 2 de agosto, Lei orgánica da liberdade sindical. Recoñécese o delegado sindical nos centros de traballo a partir de 100 traballadores.

Son dereitos dos indicados delegados sindicais os seguintes:

a) Asistir ás xuntanzas do comité de empresa e asembleas dos traballadores.

b) Dereito de publicación e información, nos espacios dedicados para iso, dos asuntos propios do sindicato ou central sindical.

c) Dereito á libre promoción da afiliación e recollida de cotas dos seus afiliados, mediante a retención destas pola propia empresa, co requisito previo de que o solicite así por escrito cada afiliado. A deducción, en todo caso, efectuarase mentres non exista comunicación escrita en contrario do afiliado e/ou sindicato.

d) Dereito a ser informado previamente sobre as reestructuracións do cadro de persoal, peche da empresa ou suspensións temporais de contratos, reduccións de xornada, traslado de instalacións da empresa e, en xeral, sobre todo proxecto ou acción empresarial que poida afectar substancialmente ós intereses dos traballadores. Igualmente, deberá ser informado sobre a implantación ou revisión de sistemas da organización do traballo e de calquera das súas posibles consecuencias.

e) No caso de non coincidi-la súa condición coa de membro do comité de empresa, disporá dun crédito de horas mensuais retribuídas para o exercicio das súas funcións, igual ó asignado a cada un dos membros do comité.

Por cesión doutros membros do comité de empresa, afiliados a unha mesma central sindical na planta a que pertence, poderá acumular ó seu favor o crédito de horas mensuais que tivesen asignadas aqueles coa mesma facultade que estes respecto á acumulación de horas.

Gozará de idénticas garantías sindicais que as asignadas pola lei ós membros do comité de empresa.

Artigo 34º.-Cota sindical.

A requirimento dos traballadores afiliados a un sindicato debidamente implantado, a empresa descontará na nómina mensual dos traballadores o importe da cota sindical correspondente para tal mester; o traballador dirixirá a dirección da empresa un escrito, no que expresará con claridade a orde de desconto, o sindicato ó que pertence, a contía da cota, así como o número da conta ou cartilla de aforros a que debe ser transferida.

Capítulo VII

Normas supletorias

Artigo 35º.-Comisión paritaria.

Co alcance e funcións previstas no artigo 85.3º e) do Estatuto dos traballadores, desígnase a comisión paritaria, composta por 6 membros titulares e outros

6 suplentes, 3 titulares e 3 suplentes por designación da dirección da empresa, e 3 titulares e 3 suplentes por decisión dos traballadores.

En caso de conflicto colectivo de traballo, as partes deciden, expresamente, someterse ós procedementos do Acordo interprofesional galego de solución extraxudicial de conflictos colectivos de traballo (AGA), que xestiona o Consello Galego de Relacións Laborais.

Artigo 36º

Para todo aquilo que, en materia da regulación das condicións de traballo, non se prevexa expresamente no presente convenio, as partes conveñen en aplicar, supletoriamente, as disposicións do convenio colectivo estatal de industrias lácteas e derivados, naquelas das súas disposicións que non sexan incompatibles coa propia actividade desenvolvida por La Lactaria Española, S.A. - planta de Lugo-. En todo caso, será de aplicación directa ou supletoria o Estatuto dos traballadores.

Táboa de clasificación segundo as funcións: categorías e definicións

O persoal de tódalas sociedades que forman o grupo LESA clasificarase, en atención á función que desenvolve, nalgún dos seguintes grupos profesionais:

1. Persoal directivo.

2. Persoal técnico.

3. Persoal administrativo.

4. Persoal comercial.

5. Persoal subalterno.

6. Persoal obreiro.

1. Persoal directivo.

Defínense como persoal directivo as persoas que realizan funcións de dirección na empresa cos cargos de presidente, xerente, directores, subdirectores e xefes de planta, non regulados polos convenios colectivos da sociedade correspondente.

2. Persoal técnico.

Este grupo comprende as seguintes categorías:

-Titulado superior.

-Titulado medio.

-Xefe de fabricación.

-Xefe de sección.

-Encargado.

-Capataz.

-Inspector distrito leiteiro.

-Oficial de laboratorio.

-Auxiliar de laboratorio.

Definicións:

a) Titulados superiores.

Son os que, estando en posesión dun título profesional oficial, de carácter universitario, de escola técnica de grao superior, ou coñecementos equivalentes na materia, recoñecidos pola empresa, realizan nela funcións propias da súa titulación ou coñecementos.

b) Titulados medios.

Son os que estando en posesión dun título facultativo de escola de grao medio, de escola universitaria ou coñecementos equivalentes na materia recoñecidos pola empresa, desenvolven as funcións propias deses títulos ou coñecementos, baixo a supervisión directa da dirección ou titulados superiores.

c) Xefes de fabricación.

Son os que, baixo a supervisión directa do director de producción, teñen a responsabilidade da planificación, dirección, coordinación e control dos procesos de producción e de mantemento de máquinas e instalacións, establecendo a forma na que ten que realizarse o traballo, dirixindo e coordinando o persoal técnico e encargado da producción e mantemento.

d) Xefes de sección.

Son os que baixo a supervisión directa do director correspondente, teñen a responsabilidade da sección, exercendo as funcións de dirección, coordinación e control dos encargados, capataces e operarios da sección, así como das distintas tarefas da sección, observando o funcionamento dos distintos órganos que comprende esta, respondendo da disciplina do persoal, da distribución do traballo, boa execución deste e conservación dos utensilios e instalacións.

e) Encargados.

Son os que, con coñecementos e experiencia amplos, tanto teóricos coma prácticos, sobre os procesos productivos, dirixen, coordinan e controlan os traballos de varias liñas de producción, baixo a supervisión directa do xefe de fabricación ou do xefe de sección, sendo responsables da forma de execución, disciplina do persoal e conservación dos utensilios e instalacións ó seu cargo.

f) Capataces.

Son os que con coñecementos e experiencia amplos sobre procesos de almacén de productos terminados e materias auxiliares, baixo a supervisión do seu inmediato superior, e polas súas especiais condicións, se lles confíe a dirección dun grupo de traballadores.

g) Inspector de distrito leiteiro.

Son os que realizan funcións de vixilancia e control do servicio de recollida e transporte, estatísticas de producción, toma de mostras, control e asesoramento de gandeiros no mantemento e mellora dos seus

medios de producción, gando, cortes, instalacións, etc., e outras funcións que lles poidan confia-los seus superiores en relación coa modificación, limpeza, comprobacións de calidades nos distritos leiteiros, como calquera outra específica do seu labor de control e asesoramento.

Colabora cos seus xefes, nas funcións de liquidación e pagamento a gandeiros.

h) Oficial de laboratorio.

Son os que, cun coñecemento técnico e práctico, no nivel de formación profesional de 1º ou 2º grao ou coñecementos similares recoñecidos pola empresa, das normas, instrumentos e procesos de análise de laboratorio, realizan toda clase de análises físicas, químicas ou bacteriolóxicas na empresa e/ou verifican os procesos de elaboración, producción e de producto terminado, con responsabilidade técnica sobre as análises e verificacións realizadas, baixo a supervisión directa do responsable do laboratorio ou departamento de calidade.

i) Auxiliar de laboratorio.

Son os que, con coñecementos técnicos e prácticos mínimos, realizan análises fisicoquímicas de maneira instrumental e axudan os oficiais de laboratorio en tarefas sinxelas que poidan ter unha rápida comprobación.

3. Persoal administrativo.

Comprende este grupo as seguintes categorías:

-Xefe de primeira.

-Xefe de segunda.

-Oficial de primeira.

-Oficial de segunda.

-Auxiliares.

-Telefonista.

a) Xefes de primeira.

Son os empregados que, provistos ou non de poderes, baixo a supervisión do director correspondente, teñen a responsabilidade de dirixir, coordinar e controlar unha ou varias seccións administrativas, imprimíndolles unidade e distribuíndo o traballo.

b) Xefes de segunda.

Son os empregados que, provistos ou non de poderes limitados e supervisados por un director ou xefe de primeira, teñen a responsabilidade de dirixir, coordinar e controlar unha sección ou grupos de traballo administrativos, imprimíndolles unidade e distribuíndo o traballo entre o persoal que del depende.

Queda incluído nesta categoría o tesoureiro, responsable da caixa.

c) Oficiais de primeira.

Son os empregados que, baixo a supervisión dun xefe de 1ª ou dun xefe de 2ª teñen a responsabilidade dun servicio ou función determinada, dentro do cal exercen iniciativa e posúen responsabilidade, con ou sen persoal ó seu cargo, para o que se precisan coñecementos xerais de administración no nivel de

FP1 ou similar e coñecementos específicos amplos do servicio ou función correspondente.

Inclúense nesta categoría as funcións de secretaria de dirección, caixeiro, cobramentos e pagamentos sen sinatura nin fianza, transcrición de libros oficiais contables, programadores e operadores de informática.

d) Oficiais de segunda.

Son os empregados que teñen iniciativa e responsabilidade restrinxida sobre un servicio ou conxunto de tarefas administrativas, para as que se precisan coñecementos xerais de administración a nivel de FP1 ou similar e coñecementos básicos sobre as tarefas ou servicio que realizan.

Inclúense nesta categoría profesional os perforistas.

e) Auxiliares.

Son os empregados que realizan tarefas e operacións elementais administrativas, para as que precisan coñecementos básicos administrativos. Poderán así mesmo realizar outras tarefas nun burocráticas, tales como pesar, anotar pesos, comprobar existencias, etc.

f) Telefonista.

Son os empregados que teñen como funcións atende-la centraliña telefónica da empresa e recibi-las chamadas e visitas que cheguen a ela, de acordo coa política que estableza a empresa para estes temas.

4. Persoal comercial.

Este grupo comprende as categorías profesionais seguintes:

-Xefe de vendas.

-Supervisores de vendas.

-Promotor de vendas.

a) Xefe de vendas.

Son os que, baixo a supervisión directa do director de vendas ou comercial, teñen a responsabilidade de dirixir, coordinar e controla-la acción comercial da empresa nunha ampla zona de mercado, dándolle sentido de unidade, planificando, distribuíndo o traballo ó persoal de vendas que estea ó seu cargo e animando a xestión de vendas.

Participa co seu xefe inmediato na negociación e establecemento de condicións de vendas con clientes.

Responde da disciplina do persoal ó seu cargo e da boa execución dos traballos que lle asigne.

b) Supervisores de vendas.

Son os empregados que, baixo a supervisión do xefe de vendas, teñen a responsabilidade de coordinar, animar e controla-la acción comercial dun grupo de promotores de vendas, ou área de mercado.

Así mesmo, realizan as funcións de visitar clientes, promover e pechar vendas, xestionar cobramentos e operacións morosas, para clientes que pola súa importancia ou por decisión do xefe de vendas, se lles asigne.

Responde da disciplina do persoal e da boa execución dos traballos que lle asigne.

c) Inspectores ou promotores de vendas.

Son os empregados que, baixo a supervisión directa do xefe de vendas ou supervisor, percorren as zonas, rexións ou rutas que se lles asignan co obxecto de realizar visitas a clientes, promover vendas, ofrecer artigos, vixia-la colocación dos artigos nos puntos de venda, así como para controlar e anima-la acción comercial dos repartidores e autovendas, xestionar cobramentos de operacións morosas ou calquera outra misión que se lles encomende relacionada coa venda e distribución dos productos.

Cando permanezan no centro de traballo, poderán empregarse en tarefas estatísticas, controis diversos ou traballos similares.

5. Persoal subalterno.

Este grupo comprende as categorías seguintes:

-Almaceneiro.

-Controlador.

-Vixilante.

a) Almaceneiro.

Son os operarios que teñen a responsabilidade da recepción de mercadorías e despacho de productos, coas operacións complementarias de medición, pesaxe, colocación en andeis, etc., así como o rexistro e control de existencias permanente e movemento diario de mercadorías e productos.

b) Controlador.

Son os operarios que teñen a responsabilidade de controlar e vixia-la carga e descarga de productos terminados que diariamente se realiza ó persoal de reparto e distribución, así como de rexistrar e controla-las existencias permanentes e movemento diario do almacén de productos terminados e cámara de frío.

c) Vixilante.

Son os traballadores que teñen a responsabilidade de vixia-las instalacións da empresa, coida-los accesos a ela, controlando as entradas e saídas de persoas, materias primas, logo da pesaxe destas, realizando as tarefas de custodia e vixilancia, de acordo coas instruccións recibidas dos seus superiores.

6. Persoal obreiro.

Este grupo comprende as seguintes categorías:

-Peóns.

-Peóns especializados.

-Especialistas de terceira.

-Especialistas de segunda.

-Especialistas de primeira.

-Oficiais de terceira de oficios varios.

-Oficiais de segunda de oficios varios.

-Oficiais de primeira de oficios varios.

a) Peóns.

Son os operarios que realizan labores a execución das cales soamente require a práctica operaria previa.

b) Peóns especializados.

Son os operarios que realizan traballos concretos e determinados, para os que se require capacidade de atención, aptitudes físicas adecuadas e certa destreza operatoria, pero sen constituíren coñecemento dun oficio.

Entre estes postos poden comprenderse: embalar, preparar lotes e palés de productos, pesar mercadorías, etc.

c) Especialistas.

Comprende esta categoría nas súas tres clasificacións de primeira, segunda e terceira, aqueles operarios que, despois dun determinado período de práctica e adestramento, realizan as tarefas e operacións do proceso industrial de producción.

A clasificación de primeira, segunda e terceira establécese en función do nivel de coñecementos necesarios, complexidade, dificultade e responsabilidade das operacións que realice, así como do número de tarefas diferentes que teña que realizar dentro do proceso productivo.

Neste sentido, a clasificación corresponderase coas definicións seguintes:

Especialista de terceira.-Son os operarios que coñecen e realizan unha operación de proceso industrial e están á fronte dunha máquina, respondendo do seu funcionamento. Considéranse dentro desta categoría os seguintes postos:

-Lavadora de cesto.

-Control visual vidro.

Especialista de segunda.-Son os operarios que coñecen e realizan varias operacións de procesos e están á fronte de máquinas con certa complexidade (axustes, verificacións, envases, montaxes, etc.), respondendo do seu funcionamento. Considéranse dentro desta categoría os seguintes postos:

-Encaixonadora e paletizadora automática.

-Elaboración (primeiro tratamento).

-Conductores de carreta.

-Carga, descarga e limpeza de cisternas.

Especialista de primeira.-Son os operarios que coñecen e realizan as operacións e tarefas de maior complexidade e que requiren maior destreza en todo o proceso productivo. Considéranse dentro desta categoría:

-Elaboración (segundo tratamento).

-Elaboracións de iogur, pasteurizada, aséptico, queixo fresco, sobremesas, nata, manteiga, etc.

-Envasado dos productos anteriores.

-Caldeiras e compresores (sección de vapor e frío).

-Esterilización vidro.

-Desecados (torre).

d) Oficiais.

Son os operarios que, tendo realizado nas condicións legais establecidas, a aprendizaxe dun oficio determinado, desenvolven as funcións propias deste.

Quedan comprendidos neste grupo os conductores de recollida, distribución e turismo, mecánicos, electricistas, carpinteiros, albaneis, soldadores, etc...

Os operarios encadrados neste grupo de oficios varios clasifícanse nas seguintes categorías:

Oficiais de terceira.-Son os operarios que realizaron a aprendizaxe dun oficio sen acada-los coñecementos e experiencia necesarios para executa-los traballos coa corrección esixida a un oficial de segunda.

Oficiais de segunda.-Son os operarios que realizan con adecuada corrección os traballos do seu oficio, pero sen posuír unha especialización que lles permita realiza-los traballos máis complexos con perfección.

Atópanse nesta categoría os conductores de distribución e recollida con menos de tres toneladas e media de carga.

Oficiais de primeira.-Son os operarios que, posuíndo un oficio, o practican e aplican con alto grao de perfección, realizando traballos de carácter xeral e de carácter especializado no seu oficio.

Considéranse encadrados nesta categoría os conductores de distribución e recollida con tres e media ou máis toneladas de carga.

Se algún posto non estivese recollido no presente documento por ser de nova creación ou modificación, sería clasificado, de acordo cos criterios aquí establecidos, polo comité coordinador estatal e a dirección do grupo, logo do informe dos representantes dos traballadores e dirección da empresa correspondente.

Acta complementaria única ó convenio colectivo para 1999, 2000 e 2001

1. Acórdase realizar unha subvención na compra de productos que elabora a empresa, para tódolos seus traballadores fixos incluídos no presente convenio, por unha cantidade equivalente a 35.379 pesetas anuais, a partir do 1 de setembro de 1999, e ata o 31-12-2000. A partir do 1-1-2001, terá o incremento previsto no artigo 5º do convenio.

2. A cesta de Nadal, que se lle entregará a cada traballador, terá un importe de 17.693 pesetas en 1999. En 2000 e 2001, os incrementos serán os previstos no artigo 5º do convenio.

3. A empresa entregará un reloxo de ouro e unha placa conmemorativa ós traballadores que acaden unha permanencia ininterrompida de 25 anos de servicio na empresa.

4. As quendas nocturnas dos días 24 e 31 de decembro, nos que se tivese que traballar por ser día laborable, consideraranse como de descanso non recuperable. Así mesmo, a quenda de tarde dos mencionados días terá un horario desde as 14 ata as 20 horas.

5. A empresa entregará ós empregados roupa de traballo, en tipos, cantidade e prazos seguintes:

SecciónTipos de roupaCantidadeCorPrazo

Produc. (Oper.)Pantalón3BrancoAnual
Camisa3BrancoAnual
Xersei1BrancoBianual
Cazadora1BrancoBianual

Produc. (Encarg.)Pantalón3BrancoAnual
Camisa3BrancoAnual
Bata2BrancoBianual

APT (Almac.)Pantalón3GrisAnual
Batas3AzulBianual

VaporPantalón3AzulAnual
Camisa3AzulAnual
Xersei1AzulBianual
Chaqueta1AzulBianual

CámaraPantalón3BrancoAnual
Camisa3BrancoAnual
Xersei1BrancoBianual
Anorak1Branco(*)
Luvas1-(*)
Cazadora1BrancoBianual

CarreteirosPantalón3GrisAnual
Camisa3GrisAnual
Xersei1GrisBianual
Luvas1-(*)
Cazadora1GrisBianual
Anorak1Azul(*)

AlmacénBata3AzulinaBianual

LaboratorioPantalón3BrancoAnual
Bata3BrancoBianual

MantementoPantalón3AzulAnual
Camisa3AzulAnual
Xersei1AzulBianual
Cazadora1AzulBianual

Calzado. Ós operarios que traballen nas seccións de producción, vapor, cámara, carreteiros, almacén e mantemento, entregaráselles un par de botas (chirucas ou similar).

Ós encargados de fábrica e empregados de laboratorio, entregaráselles un par de zapatos brancos ou botas.

A renovación do calzado e da roupa marcada con asterisco (*) renovarase cando se presenten deterioradas ou desgastadas as que se entregaron.

É obriga de cada empregado e operario da empresa mante-lo seu uniforme de traballo en condicións adecuadas de presentación e limpeza.

O incumprimento reiterado desta obriga será considerado como falta leve, podendo alcanza-la cualificación de falta grave nos casos de manifesto desinterese e abandono no seu cumprimento.

6. Complemento persoal. O seu importe actual incrementarase, no ano 1999, a partir do mes de abril, no incremento xeral previsto no artigo 5º deste convenio, ó que se engadirán 2.250 pesetas mensuais. No ano 2000 o incremento será tamén o xeral previsto no artigo 5º, ó que se engadirán 2.250 pesetas mensuais. A partir do ano 2001 o seu incremento será, unicamente, o previsto con carácter xeral no artigo 5º.

ANEXO I

Táboa indicativa do salario base

a partir de abril a decembro 1999

Pesetas/mes

Grupo técnico
Técnico superior172.961
Técnico Tit. medio157.410
Xefe de sección144.864
Encargado134.943
Capataz133.323

Pesetas/mes

Inspector distrito leiteiro126.732
Oficial de laboratorio124.061
Auxiliar de laboratorio110.517

Grupo administrativo
Xefe 1ª de administración157.410
Xefe 2ª de administración149.746
Oficial 1ª de administración133.323
Oficial 2ª de administración124.061
Auxiliar administrativo110.517
Telefonista110.517

Grupo comercial
Xefe de vendas144.864
Inspector Rex. de vendas133.323

Grupo subalterno
Almaceneiro116.468
Vixilante110.517

Grupo obreiro
Especialista 1ª116.065
Especialista 2ª114.433
Especialista 3ª113.013
Peón especialista111.332
Peón103.374
Oficial 1ª oficios varios116.065
Oficial 2ª oficios varios114.433
Oficial 3ª oficios varios113.013

ANEXO II

Táboa indicativa do complemento convenio

a partir de abril a decembro 1999

Pesetas/mes

Grupo técnico
Técnico superior62.604
Técnico Tit. medio56.964
Xefe de sección56.964
Encargado50.451
Capataz43.896
Inspector distrito leiteiro39.441
Oficial de laboratorio37.826
Auxiliar de laboratorio20.502

Grupo administrativo
Xefe 1ª de administración56.964
Xefe 2ª de administración45.939
Oficial 1ª de administración40.873
Oficial 2ª de administración37.644
Auxiliar administrativo20.502
Telefonista34.411

Grupo comercial
Xefe de vendas43.054
Inspector Rex. de vendas37.826

Grupo subalterno
Almaceneiro40.873
Vixilante23.735

Grupo obreiro
Especialista 1ª40.873
Especialista 2ª37.644
Especialista 3ª34.392
Peón especialista31.621
Peón12.425
Oficial 1ª oficios varios40.873
Oficial 2ª oficios varios37.644
Oficial 3ª oficios varios34.392