Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Martes, 20 de xuño de 2000 Páx. 9.575

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 6 de xuño de 2000 pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas para mellora-la infraestructura enerxética de Galicia.

Un dos obxectivos da Consellería de Industria e Comercio, no campo da política enerxética, é lograr uns índices de calidade das subministracións enerxéticas axeitada e unha utilización máis racional da enerxía, no só reducindo o consumo, senón tamén mellorando a eficiencia enerxética.

A Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico prevé que as distintas administracións no ámbito das súas respectivas competencias territoriais, poderán instrumentar programas de actuación e adoptar medidas que incentiven a mellora do servicio ós usuarios, así como a eficiencia e o aforro enerxético.

Numerosas entidades locais están afectadas polas carencias existentes na actual infraestructura eléctrica e necesitan realizar fortes investimentos, en relación cos seus orzamentos, para dotar de subministración eléctrica axeitada os servicios públicos existentes nos núcleos de poboación que, ó non seren de gran relevancia, tanto polo número de habitantes como polo seu desenvolvemento industrial, carecen dunha infraestructura eléctrica axeitada. Noutras ocasións, como consecuencia do desenvolvemento das cidades e por motivos de interese social, é preciso realizar modificacións na infraestructura eléctrica que implican elevados investimentos.

As instalacións eléctricas municipais son en moitos casos susceptibles de modificacións e innovacións para unha mellora na eficiencia enerxética que, de acordo co estado actual da técnica, permitan un sensible aforro no consumo de enerxía.

O gas é unha enerxía económica e ecolóxica xa dispoñible en moitos fogares e industrias de Galicia e que é preciso seguir impulsando para a súa extensión a novas zonas da nosa Comunidade Autónoma.

A Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, prevé que as distintas administracións, no ámbito das súas respectivas competencias territoriais, poderán instrumentar programas de actuación e adoptar medidas que incentiven a mellora do servicio ós usuarios, así como a eficiencia e o aforro enerxético.

A Comunidade Económica Europea está dando un gran impulso ás enerxías renovables e ós programas de eficiencia enerxética, a través dos programas SAVE, ALTENER, JOULE e THERMIE; por outra banda, con data do 30 de decembro de 1999, o Consello de Ministros aprobou ou Plan de Fomento das Enerxías Renovables en España. En liña co establecido polas devanditas administracións é necesario dispor de apoios públicos destinados a impulsar tecnoloxías non maduras, en termos de competencia económica.

Como medio e instrumento para favorece-las actuacións indicadas, a Consellería de Industria e Comercio considera necesario establecer un sistema de axudas económicas para promove-la realización de investimentos, encamiñadas a consegui-los fins expostos.

O contido desta orde de axudas axústase ó establecido polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril de 2000, segundo o cal, «en tanto non recaia a decisión da Comisión Europea de compatibilidade coa normativa comunitaria e non entre en vigor a nova disposición normativa, manterase a actividade de fomento autonómico axustándose ás directrices, tanto horizontais como sectoriais, dictadas pola Comisión, así como, de se-lo caso, ós límites de intensidade autorizados a Galicia no Mapa Rexional de Axudas de España para ou período 2000-2006».

Na súa virtude, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Capítulo I

Instalacións eléctricas municipais e aforro

enerxético

Artigo 1º.-Obxecto da axuda.

Convócanse axudas económicas para a realización ou modificación de infraestructuras eléctricas de servicios públicos así como para a realización de investimentos con obxecto de reduci-la incidencia do factor enerxético na súa estructura de custos.

Non se subvencionará en ningún caso a electrificación de urbanizacións e vivendas illadas dedicadas a segunda residencia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as corporacións locais que realicen as actuacións ás que se refire o artigo anterior.

Artigo 3º.-Contía da axuda.

1. A axuda poderá acadar ata un máximo do 40% do investimento total, modulando a porcentaxe en función do seu interese social, das dispoñibilidades orzamentarias da corporación local e da propia dispoñibilidade orzamentaria da consellería.

2. A devandita axuda farase efectiva con cargo ó programa 631-B, Electrificación e enerxías alternativas, aplicación orzamentaria 08.02.631-B.760.0 «Corporacións locais; iluminación pública e aforro enerxético» da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000 e cun importe de 337.583.774 ptas.

Artigo 4º.-Solicitudes.

As solicitudes deberán axustarse ó modelo que se xunta como anexo e presentaranse dentro do prazo sinalado no artigo 23º, e irán acompañadas da seguinte documentación:

-Memoria do investimento, con indicación do núcleo, lugar, parroquia e concello.

-Se é o caso, convenio asinado coa empresa distribuidora de enerxía eléctrica.

-Para instalacións de aforro e mellora da eficiencia enerxética, auditoría enerxética realizada por unha empresa consultora establecida en Galicia con recoñecida experiencia na materia.

Artigo 5º.-Criterios de valoración.

Os criterios que servirán de base para dar prioridade ás peticións formuladas serán os seguintes:

-Interese social do servicio público, de acordo co descrito na memoria.

-Eficiencia enerxética da instalación de acordo co recollido na auditoría ou proxecto correspondente.

-Valoración da metodoloxía empregada na auditoría ou proxecto por parte do Instituto Enerxético de Galicia.

-Recursos económicos da corporación local.

-O grado de cumprimento da corporación local solicitante nas subvencións outorgadas pola Consellería de Industria e Comercio en exercicios anteriores.

-No caso das instalacións eléctricas, ter asinado un convenio ou acordo coa empresa distribuidora de enerxía eléctrica, de forma tal que posibilite a utilización conxunta e indistinta dos postes, tanto para a iluminación rural municipal (iluminación pública) como para o paso das liñas de distribución de subministración eléctrica.

-No caso de instalacións de iluminación pública, adecuación ó proxecto tipo de iluminación pública recollido no convenio asinado entre empresas eléctricas e a Federación Galega de Municipios e Provincias.

-No caso de electrificación de vivendas illadas, que leven máis de 15 anos habitadas ininterrompidamente, ter asinado un convenio ou acordo coa empresa distribuidora de enerxía eléctrica que garanta unha participación por parte desa en, polo menos, un 40% do custo da actuación.

Capítulo II

Adecuación de instalacións eléctricas

Artigo 6º.-Obxecto da axuda.

Convócanse axudas económicas para a adecuación de instalacións de distribución de enerxía eléctrica cando, aínda sendo regulamentarias, o seu contorno sufrise modificacións significativas.

Artigo 7º.-Beneficiarios.

Sen prexuízo do establecido no artigo 24º, poderán acollerse a estas axudas as empresas privadas titulares das instalacións de distribución de enerxía a que se refire o artigo anterior sempre que o concello correspondente asuma a execución da obra civil necesaria (canalización soterrada e apoios fin de liña cos elementos inherentes a isto, no caso de que

a adecuación da liña leve consigo o paso a soterrada; cimentacións e tomas de terra de apoios, no caso de que a adecuación da liña aérea consista nunha variante en aéreo), así como a xestión e consecución dos permisos de paso necesarios.

Artigo 8º.-Contía da axuda.

1. A contía da axuda poderá acadar un máximo do 40% do investimento realizado pola empresa na execución da obra, con exclusión dos correspondentes a obra civil indicados no artigo anterior.

2. A devandita axuda farase efectiva con cargo ó programa 631-B, Programas de electrificación e enerxías alternativas, aplicación orzamentaria 08.02.631-B.770.0 «Empresas privadas; mellora de infraestructuras enerxéticas» da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 e cun importe de 30.000.000 de ptas.

Artigo 9º.-Solicitudes.

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo e presentaranse dentro do prazo sinalado no artigo 23º.

As solicitudes presentadas serán tramitadas a través dos respectivos concellos, que unirán ó expediente escrito relativo ó compromiso de execución ó seu cargo da obra civil e demais requisitos sinalados no artigo 7º, con indicación de prazos, procedendo á súa tramitación de acordo co previsto na presente orde.

Artigo 10º.-Criterios de valoración.

Os criterios que servirán de base para dar prioridade ás peticións formuladas serán os seguintes:

-Interese social da actuación, de acordo co descrito na memoria.

-Que cubra o maior número de afectados, en relación co investimento.

-Que dispoñan das correspondentes servidumes de paso co obxecto de axiliza-la execución das obras.

Capítulo III

Desenvolvemento da infraestructura de gas

Artigo 11º.-Obxecto da axuda.

Convócanse axudas económicas para a gasificación mediante propano de núcleos de poboación illados dos ramais e redes de distribución de gas natural.

Artigo 12º.-Beneficiarios.

Sen prexuízo do establecido no artigo 24º, poderán acollerse a estas axudas as empresas privadas titulares de autorizacións para distribución de gas propano nos lugares indicados no artigo anterior.

Artigo 13º.-Contía da axuda.

1. A contía da axuda poderá acadar como máximo o 25% do investimento total do proxecto presentado.

2. A dita axuda farase efectiva con cargo ó programa 631-A, Conservación e aforro de enerxía, con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.631-A.770.0 «Empresas privadas; II fase de gasificación» da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 e cun importe de 100.000.000 de ptas.

Artigo 14º.-Solicitudes.

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo e presentaranse dentro do prazo sinalado no artigo 23º.

Artigo 15º.-Criterios de valoración.

Con carácter xeral, priorizaranse as actuacións que cubran o maior número potencial de abonados ou clientes, en relación co investimento que se realizará.

Artigo 16º.-Xustificación do investimento.

Sen prexuízo do disposto no artigo 30º, a realización das obras xustificarase mediante certificación de gastos expedida por persoa ou órgano con facultade para iso, xunto cunha auditoría elaborada por unha compañía de auditores independentes (inscrita no Rexistro Oficial de Auditores Contables) ou censor xurado de contas. Esta documentación presentarase perante a Consellería de Industria e Comercio, para a súa análise, comprobación e pagamento da subvención, se procede, trala certificación dos servicios técnicos da consellería.

Capítulo IV

Eficiencia enerxética

Artigo 17º.-Obxecto da axuda.

Convócanse axudas económicas para a execución de proxectos que promovan o uso racional da enerxía na industria, edificios, servicios e transporte ou relativos á utilización ou producción de recursos enerxéticos renovables, así como á aplicación de novas tecnoloxías para a xestión enerxética.

Esta liña de axudas poderá aplicarse ós proxectos de electrificación rural, en sistemas illados da rede de distribución, que utilicen sistemas eólicos, solares ou mixtos, incluso, con apoio de grupos electróxenos.

Artigo 18º.-Beneficiarios.

Sen prexuízo do establecido no artigo 24º, poderán acollerse a estas axudas, empresas privadas, asociacións ou agrupacións de empresas sen ánimo de lucro que realicen as actuacións sinaladas no artigo anterior.

Artigo 19º.-Contía da axuda.

1. A contía máxima das axudas será do 40% do investimento total subvencionable.

2. A devandita axuda farase efectiva con cargo ó programa 631-B «Programas de electrificación e enerxías alternativas», aplicación orzamentaria 08.02.631-B.773.0 «Empresas privadas; plan de

aforro enerxético» da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000 e cun importe de 300.000.000 de ptas.

Artigo 20º.-Solicitudes.

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo desta orde e presentaranse dentro do prazo sinalado no artigo 23º.

Artigo 21º.-Criterios de valoración.

Os criterios que servirán de base para dar prioridade ás peticións formuladas serán os seguintes:

-Compoñente enerxético do proxecto, medido polo aforro económico que xera o proxecto por motivos enerxéticos.

-Carácter innovador. Consideraranse prioritarios os proxectos que empreguen tecnoloxías innovadoras ou de escasa difusión.

-Replicabilidade. Terán mellor consideración os proxectos de alta replicabilidade.

-Mellora ambiental. Valorase especialmente aqueles proxectos que xeren unha mellora do ambiente adicional á obtida por motivos enerxéticos.

-Grao de coparticipación no proxecto de entidades de desenvolvemento rexional.

As memorias das actuacións propostas serán remitidas ó Instituto Enerxético de Galicia, que emitirá informe sobre o cumprimento destes criterios.

Artigo 22º.-Xustificación do investimento.

Sen prexuízo do disposto no artigo 30º, nos proxectos de electrificación rural, o beneficiario deberá acreditar que dispón dun contrato de mantemento por un período mínimo de tres anos cunha entidade con capacidade técnica suficiente, a xuízo da delegación provincial de Industria correspondente. A presentación do contrato será requisito necesario para a certificación definitiva do proxecto e percepción da subvención outorgada.

Capítulo V

Tramitación das solicitudes

Artigo 23º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O modelo oficial de solicitude, do que a carátula externa se publica como anexo I da presente orde, está á disposición dos interesados, de forma íntegra nas dependencias da Dirección Xeral de Industria, nas delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio, ou a través de Internet no enderezo «http://www.xunta.es/conselle/in».

O prazo para a súa presentación será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

As devanditas solicitudes presentaranse por triplicado segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, xunto coa da seguinte documentación:

1. Aquela que acredite a personalidade, natureza e réxime xurídico da entidade solicitante, tendo en conta que:

a) Se é unha fundación, asociación ou entidade sen ánimo de lucro deberá presentar copia cotexada da escritura pública de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro correspondente, debendo quedar acreditada, se fose o caso, a súa condición de entidade sen ánimo de lucro.

b) Se é unha empresa, documentación acreditativa da súa constitución legal, inscrición no correspondente rexistro, domicilio social e do seu centro de traballo en Galicia, se fora o caso.

2. Copias cotexadas do documento nacional de identidade e do documento público acreditativo do poder con que actúa quen representa á empresa ou entidade solicitante, se é o caso.

3. Copias cotexadas da tarxeta de identificación fiscal NIF/CIF segundo proceda, e do último recibo de pagamento do imposto de actividades económicas (IAE).

4. Memoria descritiva das actuacións que se realizarán na que deberá constar un epígrafe específico no que se valorará a eficiencia enerxética do proxecto.

5. Orzamento desagregado do investimento (anexo II).

6. Calendario de execución do investimento, con referencia a cada unha das actuacións que configuran o proxecto (mes inicio/mes finalización) (anexo II).

7. Declaración expresa doutras axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. Declaración expresa de estar ó día no cumprimento das obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de que non ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia (anexo II).

8. Para as empresas suxeitas ós requisitos establecidos no artigo 24º que se refiren ás esixencias de contratación estable de traballadores, presentarase declaración relacionando os traballadores e o seu tipo de contrato (fixo ou temporal) ou, se é o

caso, compromiso por escrito ante a Xunta de Galicia de alcanza-las porcentaxes de estabilidade laboral citadas no citado artigo 24º.

9. Os que para cada modalidade de axuda se sinalan nesta orde.

Artigo 24º.-Condición de beneficiario.

De acordo co establecido no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 18 de febreiro de 1999, para que unha empresa poida adquiri-la condición de beneficiario de axudas, será necesario que o 35% do seu cadro de persoal teña contratos por tempo indefinido.

Para as empresas de nova creación abondará o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó final do prazo que se conceda para tal efecto.

As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acada-la mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, se é o caso, deriven do proxecto de investimento que subvencione.

O cumprimento dos requisitos anteriores non se esixirá en relación ós centros de traballo radicados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

O citado requisito tampouco se lles esixirá ás empresas con menos de 10 traballadores. Neste caso a porcentaxe de estabilidade mínima laboral esixida reducirase ó 33%.

Tampouco será necesario cumpri-lo dito requisito nas subvencións inferiores a 10 millóns de pesetas (60.101,21 euros) por proxecto de investimento.

Artigo 25º.-Reparación de defectos.

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos nesta orde para cada caso concreto, o interesado será requirido para que, no prazo de dez días, contados a partir do día seguinte á recepción do devandito requirimento, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera, se considerará desistido da súa petición e se procederá conforme o establecido no artigo 42.1º da devandita Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 26º.-Comisión de valoración.

1. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á comisión de valoración que se constituirá para o efecto, que proporá a aprobación ou denegación de axudas seguindo os criterios de valoración.

2. La comisión de valoración estará presidida polo director xeral de Industria, e na que participarán o subdirector xeral de Enerxía e Recursos Minerais, o xefe do Servicio de Infraestructuras Enerxéticas, que actuará como secretario, os delegados provinciais da Consellería de Industria e Comercio e o director do Instituto Enerxético de Galicia.

Artigo 27º.-Resolución.

Unha vez emitido o informe pola comisión de valoración, o conselleiro de Industria e Comercio, ou se é o caso, o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, dictará a resolución que proceda.

O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de catro meses contados desde a publicación da presente orde.

O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

As resolucións, expresas ou presuntas, que se dicten ó abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo os artigos 116 e 117 da referida Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, e sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que estimen oportuno.

A resolución de concesión determinará, cando menos, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe de subvención que corresponda dentro dos límites establecidos nesta orde e o importe da subvención concedida. No caso de subvención plurianual, determinará tamén as cantidades concedidas con cargo ós orzamentos de exercicios posteriores.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución. En caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o disposto no artigo 42.1º da reiterada Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 28º.-Presentación de proxecto de execución.

Nun prazo de 40 días hábiles a partir da notificación da axuda, o beneficiario deberá remitir á delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio unha copia do proxecto de execución, cando este sexa necesario, asinado por técnico competente e visado polo colexio profesional correspondente e certificación da iniciación da obra; se esta

fora realizada por terceiros, a documentación que acredite que a obra foi adxudicada e a acreditación do adxudicatario para realizala.

A non-presentación desta documentación supoñerá a anulación da axuda concedida, logo de audiencia do interesado.

Artigo 29º.-Actuacións plurianuais.

No caso de actuacións plurianuais, que excedan o exercicio 2000, poderanse establece-los correspondentes compromisos de anualidade, dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento, e observarase o disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e función pública e actuación administrativa.

Artigo 30º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento das subvencións, o beneficiario deberá ter realizado e xustificado antes do 15 de novembro de 2000, as actuacións que fosen obxecto de subvención, debendo presentar, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, a documentación acreditativa de ter realizado e pagado o investimento que estará formada por tres exemplares dos seguintes documentos:

1. Informe técnico no que se describa a realización do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

2. Documentos acreditativos do investimento ou actuación consistentes nas facturas e documentos xustificativos do pagamento realizado.

3. Xustificante de axudas obtidas ou declaración das solicitadas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais; indicando a súa contía.

4. Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta bancaria onde debe realizarse o pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

5. Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma e de estar ó día no imposto de actividades económicas.

6. Documento acreditativo de que se acadan os niveis de estabilidade laboral a que se refire o artigo 24º.

7. O beneficiario de calquera subvención plurianual, na que o importe total supere os 5.000.000 de pesetas, deberá presentar ademais, xustificante acreditativo de depósito na Caixa Xeral de Depósitos de aval bancario ou de entidade aseguradora que garanta por tempo indefinido o importe da anualidade da cal se esta tramitando o pagamento, así como dos seus correspondentes xuros de mora, conforme o xuro legal do diñeiro indicado na Lei de orzamentos do Estado que este vixente nese momento, por un prazo que medie entre a data de solicitude do pagamento da correspondente anualidade e a data límite que se estableza para a xustificación da última das anualidades da subvención.

Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio poderán solicita-las aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non foran remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale podería entenderse que renuncia á axuda.

Artigo 31º.-Modificación do proxecto subvencionado.

Cando por circunstancias técnicas se varíe o contido específico ou os prazos de execución dos investimentos ou actuacións recollidas no proxecto inicial e as ditas variacións incidan no investimento considerado subvencionable, o beneficiario deberá comunicar, con anterioridade á súa materialización, os correspondentes cambios, solicitando a conformidade á Consellería de Industria e Comercio antes do 15 de outubro do ano correspondente. A conformidade expresa da Consellería de Industria e Comercio ás ditas modificacións requirirá informe favorable dos servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio e só será outorgada cando non alteren significativamente o proxecto inicial.

De acordo co establecido no artigo 78.7º do citado Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a actuación concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos, privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 32º.-Pagamento da subvención.

A percepción da axuda terá lugar despois de que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen que se levou a cabo a realización do investimento de acordo co proxecto presentado.

Os libramentos correspondentes a estas axudas faranse efectivos con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario, con independencia de que os investimentos se realizasen con ante

rioridade, sempre que se acredite suficientemente que corresponden á actuación subvencionada ó abeiro desta orde.

Artigo 33º.-Anticipos.

Con carácter excepcional e por resolución motivada do conselleiro de Industria e Comercio ou do delegado provincial, segundo proceda, poderá autorizarse un anticipo de ata o 50% da subvención naqueles casos nos que o investimento esixa pagamentos inmediatos, coas condicións establecidas no artigo 37 da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000.

Artigo 34º.-Reducción e concorrencia de axudas.

1. En caso de que o investimento ou actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda que se conceda verase diminuída nunha porcentaxe proporcional, sempre que a minoración do custo non supoña unha realización deficiente do proxecto.

2. De acordo co establecido no acordo da Xunta de Galicia do 17 de novembro de 1999, no que se establece un mecanismo de seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas públicas nun mesmo proxecto e peticionario, e se autoriza a Consellería de Economía e Facenda para o seu desenvolvemento, que se publicou mediante Resolución do 30 de novembro de 1999, cando o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario, ou se é o caso, a porcentaxe máxima de subvención establecida para cada actividade na presente orde, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 35º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 36º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na pre

sente orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución, de acordo co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, dará lugar, logo de audiencia do interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida mailos xuros de demora, sen prexuízo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto nos artigos 19 a 23 do reiterado Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Os beneficiarios encontraranse suxeitos ó réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e función pública e actuación administrativa.

Artigo 37º.-Renuncia das axudas.

En caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas procederase conforme o establecido nos dous primeiros parágrafos do artigo anterior.

Artigo 38º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e función pública e actuación administrativa e na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000 ou da anualidade que corresponda.

Disposición adicional

Poderán acollerse ás axudas que se regulan na presente orde as solicitudes presentadas ó abeiro da orde convocada no exercicio de 1999 que non puideron ser atendidas por limitacións orzamentarias, sempre que así o solicite o interesado.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións oportunas para o desenvolvemento desta orden.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2000.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio