Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Mércores, 21 de xuño de 2000 Páx. 9.686

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2000, da Delegación Provincial de Lugo, pola que dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do laudo dictado no procedemento de mediación e arbitraxe, AGA, respecto da aplicabilidade da cláusula de revisión salarial no convenio colectivo de ámbito provinvial para a empresa Urbaser, S.A.

En relación co artigo 2.f) del Real decreto 1040/1981, de 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, faise público o laudo dictado no procedemento de mediación e arbitraxe AGA, no conflicto xurdido entre a parte empresarial e social respecto da aplicabilidade da cláusula de revisión salarial no convenio provición da empresa Urbaser, S.A. (expediente 15/1999).

Esta delegación

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-lo depósito do citado laudo e a súa inscrición no rexistro de convenios desta delegación, no folio 3 correspondente ó convenio colectivo da empresa Urbaser, S.A. (expediente 15/1999).

Segundo.-Remiti-lo texto do citado laudo á dirección xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 9 de maio de 2000

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Laudo arbitral

José Vázquez Portomeñe, designado árbitro polas partes o día 27 de abril de 2000, mediante formalización en acta de compromiso consonte o establecido no capítulo III do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballa (AGA), sendo interesados a empresa Urbaser, S.A. e a súa representación unitaria dos traballadores, coa presencia do sindicato de traballadores Unión General de Traballadores (UGT), procedo á resolución da cuestión formulada.

Antecedentes

O presente conflicto xorde como consecuencia da diverxencia existente á hora de interponer e aplica-lo contido das previsións normativas establecidas no artigo 31 do texto vixente do convenio colectivo negociado para a empresa Urbaser, S.A., aprobado por acta do 12 de xullo de 1999, rexistrado e depositado na Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais de Lugo o 26 do mesmo mes e publicado posterior no BOP.

As partes afectadas mantiveron reunións diversas para a negociación do convenio colectivo para o ano 2000, co ánimo de acadar un acordo, o que non resultou posible, ó xurdir e persisti-la diferencia

apuntada, que aínda que referencia a aspectos de interpretación e aplicación do convenio para o ano 1999, acaba por motivar unha inoperancia efectiva do proceso negocial en curso para establecer un novo convenio.

Así pois, decidiron utiliza-la vía transaccional, con submisión a este procedemento, no que tivo lugar o trámite de audiencia, o mesmo día 27 de abril de 2000.

É de salientar que, no trámite indicado, as partes formalizaron os seus posicionamentos e tiveron facultade de achega-los elementos documentais que considerasen pertinentes, incorporándose ó expediente:

-Texto do convenio colectivo de Urbaser, S.A. para o ano 1999.

-Texto do convenio colectivo de Urbaser, S.A. para o ano 2000.

-Copia da acta da reunión celebrada o día 10 de abril de 2000 pola Comisión Mixta Paritaria do Convenio de Limpeza Viaria e Recollida de Residuos Sólidos Urbanos de Lugo.

Feitos que se declaran probados.

Primeiro.-A empresa Urbaser, S.A. é a actual concesionaria do servicio público de limpeza do Concello de Lugo.

Como continuadora da actividade anteriormente desenvolvida pola empresa Relusa, asume o posicionamento de subrogada nos dereitos e obrigas desta, dando ocupación efectiva a un cadro de persoal de arredor 114 traballadores, que ven reguladas as súas relacións laborais por medio dun convenio colectivo, baixo os seguintes ámbitos:

-Funcional, para a actividade de limpeza pública.

-Territorial, para o termo municipal de Lugo.

-Persoal, vencellado á actividade da empresa concesionaria do servicio público de limpeza viaria, recolla de lixo, vertedoiro controlado, vertedoiro de residuos inertes, así como servicio de mantemento de papeleiras e colectores do lixo.

-Temporal, con vixencia desde o 1 de xaneiro de 1999 ó 31 de decembro de 1999.

Segundo.-O contido do artigo 31 do convenio para o ano 1999, único punto de discrepancia que cómpre dirimir pola presente vía arbitral, é o seguinte:

Artigo 31º.-Cláusula de revisión salarial.

No caso de que o índice de prezos de consumo (IPC), no 31 de decembro de 1999 respecto ó 1 de xaneiro de 1999, supere o 2,3% revisaranse as táboas salariais no exceso que supere tal incremento. A dita revisión servirá como base para establece-los salarios do ano 2000».

Terceiro.-O artigo anteriormente citado ten un correlativo, baixo a mesma identidade numérica, no convenio para o ano 1998, do seguinte teor:

«Artículo 31º.-Cláusula de revisión salarial.

No caso de que o índice de prezos de consumo (IPC), no 31 de decembro de 1998 respecto ó 1

de xaneiro de 1998, supere o 2,3%, revisaranse as táboas salarias no exceso que supere tal incremento. As ditas diferencias calcularanse con efectos do 1 de xaneiro de 1998 y aboaranse o 31 de xaneiro de 1999. A dita revisión servirá como base para establece-los salarios de 1999».

Cuarto.-Iniciados os contactos entre as partes para a negociación do convenio colectivo para o ano 2000, logo das habituais formulacións iniciais, xorde de diferencia que se reflicte de xeito nidio na acta da comisión mixta paritaria, do 10 de abril de 2000, co seguinte contido:

Iniciada a reunión, toma a palabra a parte social e expón que, de acordo co artigo 31 do referido convenio, a empresa debe proceder á aplicación da revisión salarial pactada e aboa-los atrasos dela con efectos do 1 de xaneiro de 1999, dado que o IPC do ano 1999 superou o incremento pactado (2,3%), incremento que supón unha revisión do 0,6%, a dita revisión débese aplicar sen máis dilacións posto que é imprescindible para a negociación do convenio colectivo do ano 2000.

A parte empresarial manifesta que a aplicación da cláusula de revisión salarial debe ser efectiva con data do 1 de xaneiro de 2000, non estando conforme coa interpretación daquela parte. Non obstante, entende que ó estaren negociando o convenio colectivo, a mesma forma parte da dita negociación.

Quinto.-Se se comparan os textos articulados dos convenios colectivos da empresa Urbaser, S.A., correspondentes ós anos 1998 e 1999, as diferencias, con independencia da agora controvertida redacción distinta dada ó artigo 31º (na letra do correspondente ó 1998 aparece unha especificación obviada no 1999), así como de aspectos formais irrelevantes ou adaptacións obvias (é o caso do ámbito temporal diferenciado, necesariamente adaptado ó ano para o que se negocia), fan referencia a:

-Aspectos salariais ou retributivos, concretamente á táboa salarial (anexo); á contía da axuda escolar (artigo 45º), axuda por falecemento (artigo 41º) e compensanción por xubilación (artigo 29º); así mesmo, ó importe da póliza de seguros (artigo 19º) e das axudas de custo (artigo 22º).

-Cuestións de matiz, que reflicten adaptacións puntuais, relativas ó complemento de penosidade, tóxicidade e perigosidade (parágrafo 3 do artigo 10º), ó vestiario de inverno (artigo 14º), ós días de licencia retribuída por asuntos propios (artigo 26º.7), así como á documentación que cómpre presentar para tramita-la axuda escolar, (artigo 45º).

Sexto.-Nas sucesivas negociacións dos diversos convenios, tanto da actual Urbaser, S.A. como da precedente Relusa, acadouse, como práctica continuada:

-Fixar cláusula de revisión salarial.

-Aboar, no caso de operatividade deste cláusula de revisión salarial, atrasos con retroactividade ó inicio da vixencia do convenio.

Sétimo.-Na negociación establecida polas partes para a elaboración do convenio de 1999 concorren, entre outras, circunstancias non merecentes de ser salientadas, as seguinte:

-A negociación nucleouse, de xeito relevante, arredor dos aspectos salariais e retributivos, que acadaron un incremento do 2,3%, importante para o exercicio en que se establece, se se ten en conta a baixa evolución do índice de prezos de consumo ponderable como referente (o ano 1998 e os inicios de 1999).

-Outros aspectos afrontados na negociación tiveron un carácter claramente secundario, dándolles as partes menor entidade, desde o punto de vista negocial e na redacción formal. Así, a cláusula de revisión, de literalidade distinta á do texto de 1998, tivo específica secuencia fáctica, que se inicia coa postura social, de contido idéntico ó do ano anterior; prosegue coa pretensión empresarial de establece-la posibilidade expresa de revisión, á alza ou a baixa, con base no precedente negativo para ela, na anterior negociación: o desfasamento resultante entre o cadro salarial, significativamente máis alto que o índice de prezos de consumo real; e remata coa redacción xa citada.

-No do proceso de negociación, a cláusula de revisión deixouse para o final, xunto con outro habituais complementos, ós que non se deu unha entidade moi significativa para tódolos efectos. Pode ser un adecuado reflexo deste contexto a frase manifestada, no trámite de audiencia, pola parte social, non negada expresamente pola representación da empresa «...falouse ó final e pouco».

-Non hai consenso entre as partes para identifica-la vontade delas á hora de asina-lo texto do convenio. Para a parte social pretendíase o mesmo de sempre, xa que existía na empresa (Urbaser, S.A. e Relusa) unha práctica continuada de retroactividade na aplicación da revisión, cando esta resultou operativa; que a simplificación operada no texto non ten outra causa específica que a secuenciación distinta no contorno e na dialéctica da negociación en relación ó ano anterior, ó pretende-la empresa aplicar unha previsión de revisión á alza ou á baixa (que, por certo, tería efectos retroactivos). A representación empresarial sosten que a diferenciación no texto debe xerar efectos distintos na súa aplicación e que o espírito do mesmo era non xerar retroactividade.

Oitavo.-Dos actos das partes posteriores á sinatura do convenio non se deduce consentimento tácito na renuncia a puntos actualmente controvertidos.

Pola contra, rexistrouse, a principios de ano, logo de coñecerse o índice de prezos de consumo e con ocasión do inicio da negociación do convenio, a discrepencia que persiste ata este momento.

Fundamentación xurídica.

Primeiro.-Esta conflicto colectivo ten por obxecto determina-la interpretación do contido do artigo 31 do texto articulado do convenio colectivo que regula as relacións laborais entre a empresa Urbaser, S.A.

e os seus traballadores, referido ó alcance da cláusula de revisión salarial pactada e, máis concretamente, cál é a data de efectos iniciais na aplicación dos efectos dela.

Ten pois natureza xurídica e non de equidade, non existindo posibilidade transaccional, polo que procede fixa-lo criterio ó respecto, instrumentalizando as regras interpretativas fixadas para os contratos nos artigos 1281 e seguintes do Código civil, aplicables ó suposto de convenio colectivo que ten natureza mixta, normativa e contractual.

Efectivamente, consonte o artigo 91 do Estatuto dos traballadores, con independencia das atribucións fixadas polas partes ás comisións paritarias, o coñecemento e resolución dos conflictos derivados da aplicación e interpretación con carácter xeral dos convenios colectivos, resolverase pola xurisdicción competente, cuestión que debe entenderse nos termos do artigo 151 da Lei de procedemento laboral, en relación coas sentencias do Tribunal Constitucional 73/1984, do 27 de xuño (BOE do 11 de xullo) e 92/1988, do 23 de maio (BOE do 15 de xuño), e co alcance previsto no parágrafo segundo do dito artigo 91, polo que, con base no artigo 83.2º e 3º do propio estatuto, resulta canle adecuada a presente vía arbitral.

Por outra banda, debe constatarse o cumprimento do requisito necesario e previo á presente vía arbitral, nos termos sinalados en reiterada xurisprudencia, entre outras sentencias TCT 25-1-1985, Ar 659; 29-1-1987, Ar 2046; 8-3-1989, Ar 114, ó esgotarse o trámite da comisión mixta paritaria do convenio colectivo.

Segundo.-O contido do artigo 31º do convenio de Urbaser, S.A. debe cualificarse como unha das materias que habitualmente se negocian: a previsión de revisión salarial para o suposto de que se superen unhas contías determinadas canto ó índice de prezos de consumo, nesta caso o 2,3%.

Neste suposto, a vontade institucional das partes á hora de fixa-la cláusula en xeral é o mantemento do poder adquisitivo; doutro xeito non tería sentido que esta se consignase.

O anterior non constitúe a diverxencia entre as partes, e tampouco sería comprensible esta nos ditos termos.

Terceiro.-Nas previsións de garantía do nivel adquisitivo que integran as cláusulas revisorias en xeral, tamén é habitual que se determine que o resultante da aplicación da dita cláusula se integre como base para o cómputo dos incrementos que se pacten no convenio seguinte, como así se determina expresamente no suposto que nos ocupa, tanto referido ó convenio de 1998 como no establecido para o exercicio de 1999.

Así pois, tampouco constitúe esta materia o núcleo da diverxencia deste conflicto colectivo.

Cuarto.-A diferencia que cómpre substanciar, na que non acadaron acordo as partes, está na data de efectos que terá a aplicación efectiva das previsións revisorias, que neste caso acadan o 0,6% concretamente:

-O 1 de xaneiro de 1999, como postula a parte social.

-O 1 de xaneiro de 2000, criterio da empresa.

Quinto.-Como cuestión previa, á hora de interpreta-lo alcance respecto da retroactividade da cláusula revisioria no convenio de 1999, debe advertirse a existencia dunha diferencia coa literalidade dada ó texto para 1988. Neste último existe unha previsión específica non incluída no vixente para 1999: «As ditas diferencias calcularanse con efectos do 1 de xaneiro de 1998 e aboaranse o 31 de xaneiro de 1999».

Nunha primeira aproximación, pode sustentarse que non se está no suposto dun contido pactado con claridade; en tal caso a interpretación non sería procedente, nin necesaria. Pola contra, procedería a aplicación simple das previsións normativas artelladas no texto.

Efectivamente, non existe claridade no texto porque non está totalmente determinada a data a partir da que ten operatividade a revisión.

Resultan posibles dúas interpretacións:

-O 1 de xaneiro de 1999, como postula a parte social, se se ten en conta, entre outras circunstancias, que estamos no suposto dunha cláusula revisoria contida nun convenio colectivo, que ten como vixencia un ano.

-O 1 de xaneiro de 2000, criterio da empresa, tamén viable en función, entre outras circunstancias, do cambio de redacción citado no convenio de 1999.

Despois de asinarse o convenio e logo de rematado o seu período de vixencia é cando constatan as partes que a cláusula de revisión estipulada ten operatividade real.

A partir dese momento xorde a diferencia sobre a data de retroactividade.

Para dirimi-la diferencia de criterio, en termos xurídicos, nun simple exame do texto estímase que non procede aplicar simplemente o criterio da literalidade. Non resulta nidiamente claro o sentido da cláusula e cál foi «a intención dos contratantes», nos termos do artigo 1281.1º do Código civil.

Efectivamente, a cláusula establece: «revisaranse as táboas salariais no exceso que supere tal incremento». Refírese ás únicas táboas salariais existentes, ás que se aplicarán a revisión na súa vixencia (cun resultado necesariamente retroactivo, xa que estas táboas teñen vixencia a todo o ano 1999). Neste mesmo sentido, a frase continúa, logo dun significativo punto e seguido gramatical, que separa a frase da previsión anterior (posiblemente para conceptua-las dúas cuestións como diferentes e autónomas), establecendo que «a dita revisión servirá como base para establecer salarios para o ano 2000».

No marco anterior, a literalidade do texto non é suficiente para a clarificación do seu contido.

Sexto.-Procede, pois, acolle-lo espírito ou o que supón que foi a vontade dos que pactaron o texto do convenio, examinando e valorando o conxunto de «actos destes, coetáneos e posteriores ó contrato», de acordo co artigo 1282 do Código civil; e ponderando que «se algunha cláusula dos contratos admitise diversos sentidos, deberá entenderse no máis adecuado para que produza efectos», consonte o artigo 1284 da mesma norma; interpretándose as cláusulas «unhas polas outras, atribuíndo ás dubidosas o sentido que resulte do conxunto de todas»; dando valor ó criterio: «o uso ou o costume do país teranse en conta para interpreta-las ambigüidades dos contratos, suprindo nestes a omisión de cláusulas que de ordinario adoitan establecerse».

Os criterios legais citados, obviamente, son acordes coa liña xurisprudencial na materia, cando se determina que, na interpretación dos contratos, máis ben que á aceptación rigorosa e gramatical das verbas, debe atenderse ó espírito, dándolles a significación que os contratantes quixeron que tivese, consonte a súa intención e o obxecto que se propuxeron, pois, aínda que é exacto o principio do dereito de que as palabras usadas nos contratos deben entenderse sinxelamente e como soan, isto só ten lugar cando non se suscita dúbida sobre a súa xenuína intelixencia (sentencia do Tribunal Supremo do 19-6-1913); así mesmo, é un principio xeral do dereito, sancionado pola constante xurisprudencia do Tribunal Supremo, que, cando se suscitan dúbidas sobre a intelixencia do pactado ou se pretende descoñece-lo seu alcance e verdadeiro obxecto, resulta indispensable consulta-los feitos anteriores que os precederon, o conxunto das circunstancias que os acompañaron, a intención e propósitos dos

outorgantes, e os feitos subseguintes destes mesmos que se relacionan con eles (sentencia do Tribunal Supremo do 3-4-1909).

Sétimo.-Sentados os criterios interpretativos, procede a análise e valoración sistemática, na seguinte orde:

a) O espírito ou vontade dos asinantes do convenio colectivo de Urbaser, S.A., en función do conxunto de actos anteriores, coetáneos e posteriores.

O convenio colectivo asínase para o ano 1999. Se, en termos obxectivos, se establece, baixo o epígrafe «Cláusula de revisión salarial», que se «revisarán as táboas salariais»; todo o anterior inserido globalmente no período de vixencia citado, limitado ó ano 1999, sen que se faga referencia específica ou singular a un pacto de ultravixencia, que supere, na regulación do ámbito temporal, o período indicado, parece máis viable entende-la frase «revisaranse as táboas» como a aplicación dun incremento retributivo, referido ó período de vixencia; con independencia de que, unha vez aplicado o dito incremento retributivo, se consolide no exercicio seguinte.

A fórmula establecida no convenio precedente de 1988 «as devanditas diferencias calcularanse con

efectos do 1 de xaneiro de 1988 e aboaranse o 31 de xaneiro de 1999.», que non aparece acollida no ano seguinte, non resiste unha análise seria: dificilmente pode comprenderse como se pode «calcular» con efectos do 1 de xaneiro (non se fixa expresamente a data límite do cómputo, nin se entende o cálculo con efectos retoractivos); caso distinto sería que se determinase o módulo de cálculo en función do período do 1-1 ó 31-12-1999. Neste sentido non resulta estraño que se obvie no convenio de 1999 un parágrafo non claro e redundante no fondo e no seu espírito.

Segundo consta na acta da comisión mixta paritaria, a parte social solicita «sen máis dilacións», o 10 de abril, o que significa a existencia de precedentes reivindicativos, logo de coñecerse o índice de prezos de consumo do ano anterior, a principios deste exercicio, circunstancia que se sobrepón ó novo proceso negocial. Este posicionamento feflicte unha coherencia, desde o punto de vista temporal, coa intención existente no momento da sinatura respecto da retroactividade, máis aló dunha simple reivindicación de potenciación da negociación desta ano.

A posición da parte empresarial á retroactividade implica unha leve cotradicción formal: por un lado manifesta que «debe ser efectiva con data do 1 de xaneiro de 2000», ó tempo que «entende que ó estar negociando o convenio colectivo, a mesma forma parte da dita negociación», co que, incluso, parece abocar a unha saída indeterminada e que, en función do resultado negocial, puidese aceptarse a retroactividade ou negarse a procedencia do aboamento retroactivo.

As diferencias de texto entre os convenios de 1999 e 1998 son claras e concretas na regulación de aspectos salariais e retributivos, así como nos aspectos de matiz; no que atinxe o contido do tantas veces citado artigo 31º, foi materia negociada ó final, adicándoselle pouco tempo, sen dúbida na conciencia de que dificilmente resultarían de aplicación as previsións revisorias, xa que o contorno de crecemento do índice de prezos de consumo no momento en que se pecha a negociación é significativamente baixo en relación ás previsións para a operatividade da cláusula.

Se se pretendese obvia-la aplicación da retroactividade, o máis efectivo sería afirmalo expresamente, tal e como se fixo no artigo 27 do vixente convenio provincial de limpeza de edificios e locais públicos, publicado no BOP número 196, do 26 de agosto de 1995, fixando unha data de efectos da revisión sen retroactividade, co cal non se entraría en contradicción co artigo que regula o ámbito temporal, podendo aplicarse, naturalmente, como base na negociación do ano seguinte:

b) Valorala-la cláusula revisoria, de dobre sentido, no máis adecuado para que produza efectos, pondenrando a práctica habitual.

Nos supostos en que se establecen previsións revisorias nos convenios colectivos resulta práctica

xeneralizada que estas operen na propia vixencia fixada polas partes para esta norma.

Pola contra, resulta forzado considera-la aplicación dunha revisión de táboas para o exercicio seguinte, fóra xa da vixencia do convenio.

É normal que, unha vez revisada unhas táboas salariais e aplicadas na vixencia do convenio, se consoliden, actuando como base de partida na negociación do texto seguinte.

Cando á norma xeral se lle aplica a excepción, a vía adecuada é o pacto de ultravixencia que s acolle de xeito expreso, exclusivamente para as materias a que se refire, na regulación do ámbito temporal, ou mesmo, nos artigos correspondentes ás materias afectadas.

c) Consideración das cláusulaas unhas por outras, atribuíndolles ás dubidosas o sentido do conxunto e ponderando os usos e costumes, suprindo nestes a omisión de cláusulas que de ordinario aoditan establecerse.

Neste sentido debe salientarse que a consideración do conxunto da argumentación anterior é, especificamente, que unha simple omisión non parece ter forza suficiente para xerar un cambio cultural na forma de operar a retroactividade ó cadro de persoal, máxime, ponderando a existencia dunha práctica continuada ou tradición, segundo recoñecen ámbalas partes, no sentido de que, tanto na actual empresa Urbaser, S.A. como na anterior Relusa, o persoal percibiu sempre con retroactividade a revisión nos casos en que esta resultou operativa en función das previsións porcentuais establecidas.

Oitavo.-Na tramitación do presente expediente cumpríronse as prescricións legais e convencionais establecidas.

Por canto antecede, tendo en conta os antecedentes, os feitos que se declaran probados e os fundamentos xurídicos, adóptase a seguinte decisión:

1º Declárase que, en interpretación conforme dereito, o artigo 31º do convenio colectivo que regula as relacións laborais entre Urbaser, S.A. e o seu cadro de persoal, establece a procedencia da revisión salarial para o suposto de que se supere un 2,3% no crecemento do índice de prezos de consumo, no 31 de decembro de 1999, respecto ó 1 de xaneiro de 1999.

2º Constátase que as previsións revisorias, efectivamente, resultan operativas, resultando a aplicación do 0,6%.

3º Declárase que a previsión normativa fixada no artigo 31º do convenio de Urbaser, S.A. «revisaranse as táboas salariais no exceso que supere tal incremento», debe entenderse referida ó ano 1999, polo que para os efectos desta revisión, necesariamente, serán de aplicación retroactiva, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 1999.

4º Aclárase que a revisión salarial, unha vez aplicada para o exercicio de 1999, servirá como base para establece-los salarios do ano 2000.

Notifíquese este laudo ás partes, quen poderán impugnalo perante a xurisdicción social nos termos establecidos no punto 4º do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA).

Lugo, 2 de maio de 2000.

O árbitro

Rubricado