Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Xoves, 22 de xuño de 2000 Páx. 9.764

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 154/2000, do 7 de xuño, polo que se crea a Escola Técnica Superior de Enxeñería de Minas no Campus de Vigo da Universidade de Vigo, e se adscriben a este centro as ensinanzas de enxeñería de minas, segregándose da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia (DOG nº 156, do 16 de agosto), supuxo a realización dunha planificación xeral do sistema. A esta planificación contribuíron decisivamente diversos decretos de creación de centros e de autorización de implantación de estudios.

Unha vez rematado o proceso de expansión do Sistema Universitario de Galicia, trabállase a prol da súa consolidación, atendendo expresamente ós problemas derivados da definición específica de cada campus.

Neste decreto, baixo a formulación xeral exposta, considérase a creación dun novo centro na Universidade de Vigo, unha vez cumpridos xa tódolos requisitos previos ó acto formal de creación por parte da Xunta de Galicia.

Esta creación inscríbese no marco de reorganización dos centros existentes no Sistema Universitario de Galicia, e responde á necesidade de consolida-la titulación de enxeñería de minas, que actualmente comparte centro coa titulación de enxeñería industrial.

Por todo isto, en aplicación do artigo 2.4º da Lei 5/1987, do 27 de maio, do Consello Social da Universidade e do Consello Universitario de Galicia, por instancia do Consello Social da Universidade de Vigo, co informe do Consello de Universidades e oído o Consello Universitario de Galicia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xuño de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Créase a Escola Técnica Superior de Enxeñería de Minas no Campus de Vigo da Universidade de Vigo.

2. Concédese autorización para que á citada Escola Técnica Superior se adscriban os estudios de enxeñería de minas xa autorizados polo Decreto 274/1991, do 30 de xullo (DOG nº 154, do 13 de agosto), segregándose da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais á que están adscritas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das

súas competencias, dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xuño de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria