Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Mércores, 05 de xullo de 2000 Páx. 10.484

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 178/2000, do 22 de xuño, polo que se modifica o Decreto 305/1997, do 23 de outubro, polo que se regula a hemodoazón e hemoterapia na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 1945/1985, do 9 de outubro, regula a hemodoazón e os bancos de sangue. No seu artigo 2 establece que a obtención, preparación e conservación, almacenamento, distribución, tráfico e subministración do sangue humano e os seus compoñentes están suxeitos ó control e dirección das administracións públicas.

Segundo esta normativa, tendo en conta as competencias atribuídas no ámbito sanitario á Comunidade Autónoma de Galicia polo artigo 33.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, e considerando que a utilización terapéutica do sangue como ben escaso debe ser tutelada polos poderes públicos, dictouse o Decreto 305/1997, do 23 de outubro, polo que se regula a hemodoazón e hemoterapia na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de lograr unha organización hemoterápica eficiente.

Sen embargo, as crecentes necesidades de sangue e hemoderivados en Galicia, as modificacións técnicas das programacións de intervencións cirúrxicas nos hospitais e os problemas puntuais no abastecemento de sangue e derivados que pode sufri-lo Centro de Transfusión de Galicia obrigan á creación dunha unidade de coordinación que harmonice e prevexa situacións de incremento de demanda ou escaseza de subministración.

En virtude do exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, de conformidade co establecido no artigo 33.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e o seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de xuño de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Engádese o artigo 5º bis ó Decreto 305/1997, do 23 de outubro, polo que se regula a hemodoazón e hemoterapia na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 5º. Bis.-Comisión de Planificación Transfusional.

1. Créase a Comisión de Planificación Transfusional dependente do Servicio Galego de Saúde, como órgano colexiado encargado do superior control e coordinación do abastecemento de sangue na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A Comisión de Planificación Transfusional terá a seguinte composición:

-Un representante da División de Asistencia Sanitaria do Sergas, que actuará como presidente.

-Un representante de cada un dos comités de transfusión de cada hospital do Sergas.

-Un representante do Centro de Transfusión de Galicia.

3. A Comisión de Planificación Transfusional terá as seguintes funcións:

a) Consensua-los depósitos mínimos de unidades de sangue e derivados que deben te-los hospitais para a realización da actividade habitual e extraordinaria.

b) Establece-las normas de declaración de stock.

c) Establece-los circuítos de solicitude de unidades de sangue e derivados tanto programado como urxente, desde o hospital ó Centro de Transfusión de Galicia.

4. A Comisión de Planificación Transfusional reunirase como mínimo unha vez ó trimestre.

5. Os informes ou acordos que se fagan nestas reunións deberanse facer constar na acta da reunión.

6. Unha vez constituído, o comité deberá elabora-lo seu regulamento de réxime interno.

Disposición derradeira

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, vintedous de xuño de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais