Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 06 de xullo de 2000 Páx. 10.551

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 30 de xuño de 2000 sobre delegación de atribucións nos delegados provinciais para a sinatura dos convenios que se formalicen para a realización de prácticas non laborais en empresas, ó abeiro da Orde do 17 de novembro de 1999 que contén a programación dos cursos do Plan FIP do ano 2000.

O achegamento da Administración ós administrados mediante o establecemento dos centros de decisión no lugar onde se producen as necesidades diarias é un dos principios constitucionais que deben guia-la actuación das administracións públicas co fin de acadar unha xestión máis rápida, áxil e eficaz que redunde en beneficio daqueles.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de xuño, da Xunta e do seu presidente, na redacción dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Delégase nos delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no seu respectivo ámbito territorial, e con vixencia exclusiva para a programación de cursos do Plan FIP do ano 2000, a sinatura dos con

venios específicos, que se formalizarán para a realización das prácticas non laborais reguladas no artigo 14 da Orde do 17 de novembro de 1999 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio do ano 2000.

Artigo 2º

Os convenios que se asinen facendo uso da delegación contida na presente orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse asinados pola autoridade que os conferiu.

Artigo 3º

A conselleira poderá, en calquera momento, revogar e avoca-lo exercicio das competencias delegadas nesta orde, da que quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción

do Emprego, Muller e Xuventude