Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 14 de xullo de 2000 Páx. 10.933

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2000, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se fai pública a clasificación do monte Mormoural, a favor dos veciños dos lugares de Nocedo e Nóveas (parroquia de Nocedo), no concello dos Blancos (Ourense).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense acordou, na sesión que tivo lugar o vintedous de marzo de dous mil, adopta-lo seguinte acordo:

Visto o expediente de clasificación do monte como veciñal en man común denominado Mormoural, por solicitude dos veciños de Nocedo, do concello dos Blancos.

Resultando que con data do 30 de marzo de 1993 tivo entrada no rexistro da delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes de Ourense, escrito dirixido ó Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común asinado polos veciños de Nocedo, concello dos Blancos (Ourense), solicitando que se declare o monte Mormoural como veciñal en man común.

Resultando que en data do 1 de abril de 1993 e do 4 de febreiro de 1994 requíreselle e reitéraselle ós interesados que completen a súa solicitude inicial achegando plano topográfico, estremas e superficie aproximada.

Resultando que o xurado provincial, en sesión celebrada en data do 12 de xuño de 1996, acordou tomar en consideración o citado escrito e inicia-lo expediente de clasificación do monte, designando instructores a Abel Carvajales Santaeufemia e a Manuel Bouzas Costas, os cales aceptaron tal cargo, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade do Carballiño, e remitíndose comunicacións dirixidas ós veciños do lugar de Nocedo de Ribeira, ó presidente da Deputación Provincial de Ourense, ó alcalde do Concello dos Blancos, á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, á Confederación Hidrográfica

do Norte, ó xefe do Servicio de Estructuras e Desenvolvemento Rural, á Xerencia Territorial do Catastro e ó xefe do Servicio de Extensión Agraria, publicándose edictos no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios do Concello dos Blancos, durante o prazo dun mes segundo consta en dilixencia anotada no dorso do edicto polo secretario do citado concello, que durante o prazo sinalado en edictos para que os interesados puidesen comparecer ou intervir nel, en defensa dos seus dereitos, e non consta presentada ningunha alegación.

Resultando que a anotación preventiva de iniciación do expediente se practicou no Rexistro da Propiedade do Carballiño, como segue:

Anotación A, o predio nº 7.368, ó folio 75, do tomo 679, libro 33 dos Blancos, na que queda inscrita anotación preventiva a favor dos veciños de Nocedo de Ribeira.

Resultando que en data do 14 de xuño de 1999 o Servicio de Montes e Industrias Forestais remite informe sobre o límite sur do monte no sentido de termo municipal de Baltar e monte veciñal en man común de Tixós, e precisando que na estrema oeste o bosquexo presentado polos promotores non inclúe unha porción de superficie consorciada que se supón parte do mesmo mapa.

Resultando que na tramitación do expediente se cumpriron tódalas formalidades legais.

Considerando que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten xurisdicción e competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, a teor do establecido no artigo 9 da citada lei.

Considerando que o tipo de comunidade xermánica que institúe a Lei de montes veciñais en man común ten como características esenciais as seguintes:

1. Que os condominios se unen por vínculos persoais de veciñanza agrupados en parroquias, aldeas, lugares, casaríos ou barrios non constituídos formalmente en entidades muncipais.

2. Que, polo tanto, o número de titulares é variable e indeterminado.

3. Que o patrimonio colectivo é utilizado e aproveitado polo veciño como membro da agrupación veciñal, faltando a idea de cota no sentido xurídico-romano.

4.Que o patrimonio e a participación é inalienable, imprescritible e inembargable.

5. Que a comunidade é indivisible, non podendo os comuneiros pedi-la actio communi dividumdo.

Considerando que, segundo informacións e testemuños, resulta que os montes citados son aproveitados e posuídos en réxime de comunidade xermánica polos veciños da parroquia de Nocedo, no concello dos Blancos.

Os datos do citado monte son os que se referencian na parte dispositiva deste acordo.

Considerando que das informacións recollidas resulta que os veciños de Nocedo, están conformes coa clasificación do citado monte como veciñal en man común, incluída a porción sita na estrema oeste que está consorciada coa Administración forestal, quedando acreditado en período de instrucción o seu carácter veciñal.

Considerando que, a teor do disposto na Lei de montes veciñais en man común, o expediente de clasificación se iniciou por acordo do xurado, por instancia dos veciños de Nocedo, para que este xurado puidese acorda-la iniciación do expediente de clasificación.

Vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, o Decreto 260/1992, do 4 de setembro, así como o establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, do 26 de novembro de 1992, modificada pola Lei 4/1999.

Visto o Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, á vista dos antecedentes e fundamentos expostos e por unanimidade dos seus membros:

ACORDA:

Primeiro.-Clasifica-lo monte denominado Mormoural, de 59 ha, aproximadamente en conxunto, de superficie a favor dos veciños dos lugares de Nocedo e Nóveas (parroquia de Nocedo), no concello dos Blancos (Ourense), e cos datos que a seguir se relacionan, como veciñal en man común, en réxime de comunidade xermánica.

Os datos do citado monte son:

Concello: Os Blancos.

Monte denominado: Mormoural.

Comunidade propietaria: veciños dos lugares de Nocedo e Nóveas, parroquia de Nocedo.

Superficie: 59 ha aproximadamente en conxunto.

Estremas:

Norte: Benito Feijoó, Camilo Lorenzo, Claudina Santos, José Castro, e outros propietarios.

Sur: termo municipal de Baltar.

Leste: José Moure, José Parada, José López, e outros propietarios.

Oeste: Isidro López, Emilio Cantarilla, Benito Cuquejo, e outros propietarios.

Segundo.-Que se proceda á exclusión do citado monte de calquera inventario, catálogo ou rexistro público no que poidan figurar inscritos a favor de persoa ou entidade distinta á que agora se asigna a súa pertenza.

Notifíqueselle esta resolución ó alcalde-presidente do Concello dos Blancos, ós representantes da comunidade veciñal, ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, ós que se lles fará saber que esta resolución, que pon fin á vía administrativa, pode ser obxecto de recurso de reposición potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, ámbolos dous prazos a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, e artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

O que por orde do presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, se fai público no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.

Ourense, 23 de marzo de 2000.

Miriam Areal López

Secretaria do Xurado Provincial

de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común

Visto e prace

Agustín Prado Verdeal

Presidente do Xurado Provincial

de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense