Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Mércores, 09 de agosto de 2000 Páx. 11.796

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 204/2000, do 21 de xullo, polo que se refunde a normativa vixente en materia de coordinación de policías locais.

A Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, foi aprobada ó abeiro das competencias que a Lei orgánica 2/1986, de forzas e corpos de seguridade do Estado, lles atribúe ás comunidades autónomas. Esta lei orgánica ampliou as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia aínda que non a tiña consignada polo Estatuto de autonomía; arrogouse a competencia mediante a publicación da antedita lei.

A lei de coordinación das policías locais desenvolveuse por unha serie de normas de rango regulamentario. Estas normas son:

-Decreto 160/1992, do 18 de xuño, polo que se desenvolve o artigo 9 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación de policías locais de Galicia (DOG do 25 de xuño de 1992, nº 121).

-Decreto 75/1994, do 25 de marzo, polo que se regula o funcionamento do Rexistro de Policías Locais de Galicia (DOG do 12 de abril de 1994, nº 69).

-Decreto 121/1995, do 20 de abril, polo que se aproban os criterios básicos de selección, formación, promoción e mobilidade dos membros das policías locais (DOG do 10 de maio de 1995, nº 89).

-Decreto 83/1996, do 29 de febreiro, sobre homoxeneización dos medios técnicos das policías locais de Galicia (DOG do 12 de marzo de 1996, nº 51).

-Decreto 91/1996, do 29 de febreiro, sobre signos externos de identificación das policías locais de Galicia (DOG do 13 de marzo de 1996, nº 52).

-Decreto 92/1996, do 29 de febreiro, sobre características básicas e comúns de uniformidade das policías locais de Galicia (DOG do 13 de marzo de 1996, nº 53).

-Decreto 404/1996, do 7 de novembro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 92/1996, do 29 de febreiro, sobre características básicas e comúns de uniformidade das policías locais de Galicia (DOG do 20 de novembro de 1996, nº 227).

-Orde do 15 de xaneiro de 1997, de desenvolvemento do Decreto 83/1996, do 29 de febreiro, sobre homoxeneización dos medios técnicos das policías locais de Galicia (DOG do 19 de febreiro de 1997, nº 34).

-Orde do 15 de xaneiro de 1997, de desenvolvemento dos decretos 92/1996, do 29 de febreiro, e o 404/1996, do 7 de novembro, sobre características básicas e comúns de uniformidade das poli

cías locais de Galicia (DOG do 21 de febreiro de 1997, nº 36).

-Orde do 2 de xullo de 1997, pola que se aproba o baremo de méritos para promoción interna das policías locais de Galicia (DOG do 10 de xullo de 1997, nº 132).

Como pode verse, a regulación de desenvolvemento da Lei 3/1992, de coordinación das policías locais, atopábase fragmentada. Unha normativa dispersa trae consecuencias indesexables para os operadores xurídicos nunha dobre vertente. Por unha parte, cara ó funcionamento da propia administración; por outra, cara ós cidadáns.

Na procura dunha maior eficiencia no funcionamento das administracións e dunha maior seguridade xurídica, apróbase este decreto de refundición.

Así pois, os comprobados beneficios da refundición aconsellaron, dentro do proxecto de racionalización integral da normativa administrativa, acometela en materia de coordinación de policías locais.

As modificacións que se introducen neste decreto con respecto ós textos que os integran son, fundamentalmente, de orde técnica. Por unha parte, están as articulacións dos textos para poder presentar unha norma única. Por outra, están as lóxicas adaptacións que esixe o Decreto 161/2000, do 29 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (DOG do 3 de xullo, nº 128).

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinteún de xullo de dous mil,

DISPOÑO:

Capítulo preliminar

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O presente decreto ten como finalidade refundi-la normativa en materia de policías locais e fixa-los criterios básicos de selección, formación, promoción, mobilidade, coordinación, homoxeneización e rexistro do seus membros no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Esta normativa é de aplicación ós corpos de policía local da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo I

Selección, formación, promoción e mobilidade dos membros das das policías locais

Sección primeira

Selección e promoción

Artigo 2º.-Normas comúns sobre ingreso e promoción nos corpos da policía local.

1. O acceso ás distintas escalas e categorías da policía local, logo de superar un curso de formación

teórico-práctico na Academia Galega de Seguridade, efectuarase por oposición libre e por promoción interna, segundo proceda.

2. As convocatorias para a provisión de prazas vacantes nos corpos de policía local serán realizadas polos concellos, de acordo coas previsións da oferta de emprego público anual, e deberán axustarse ó disposto na presente norma, e ós criterios de selección que se fixan na lexislación básica do Estado e na normativa autonómica en materia de función pública, debendo conter como mínimo as seguintes circunstancias:

a) Número, denominación e características das prazas convocadas, con determinación expresa da escala e categoría a que pertenzan, grupo de titulación que corresponda a cada unha delas, o nivel dos postos e as condicións ou requisitos necesarios para o desempeño de cada un deles, conforme o que se sinale para o efecto na relación de postos de traballo.

b) Probas selectivas que teñan que celebrarse segundo as previsións contidas na Lei de coordinación das policías locais de Galicia e no presente decreto.

c) Cando deban ser tidos en conta méritos na selección, as convocatorias conterán relación deles, a súa valoración, e os seus sistemas de acreditación.

d) Declaración expresa de que os tribunais de selección non poderán aprobar nin declarar que superou as probas selectivas un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas.

e) Centro ou dependencia ó que deberán dirixirse as instancias e no que se exporán as sucesivas comunicacións.

f) Condicións ou requisitos que deben reunir ou cumpri-los aspirantes.

g) Composición do tribunal cualificador que teña que actuar.

h) Sistema de valoración das probas e de cualificación.

i) Programa que vaia rexe-lo desenvolvemento das probas.

k) Calendario preciso de realización das probas, debendo ter en conta que, desde o remate dunha proba ata o comezo da seguinte, deberá transcorrer un prazo mínimo de corenta e oito horas.

l) Orde de actuación dos aspirantes, segundo o resultado do sorteo previamente celebrado.

m) Determinación das características e duración do curso selectivo de formación, así como do período de prácticas, establecido pola Academia Galega de Seguridade.

3. Durante o primeiro trimestre de cada ano, os concellos comunicaranlle á consellería competente as previsións de vacantes para cubrir durante o ano

correspondente, para efectos dunha adecuada planificación dos cursos de formación que programe a Academia Galega de Seguridade.

Das devanditas previsións daráselle conta á Comisión de Coordinación de Policías Locais.

As bases das convocatorias deberán publicarse, en todo caso, nos boletíns oficiais das provincias respectivas e no DOG.

Artigo 3º.-Procedemento de selección.

1. O ingreso nos corpos da policía local, nas súas diferentes escalas e postos, farase por oposición libre, e logo de superar un curso de formación teórico-práctico na Academia Galega de Seguridade, no que se incluirá un período de prácticas.

2. Para poder tomar parte no proceso selectivo deberanse reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español.

b) Ter cumpridos 18 anos e non supera-los 30 para o acceso á categoría de garda.

c) Posuí-la titulación académica especificamente requirida, segundo o grupo de que se trate.

d) Non estar inhabilitado para o exercicio das funcións públicas, nin separado do servicio das administracións públicas por expediente disciplinario ou resolución xudicial firme.

e) Ser titular do permiso de conducir de clase B-1.

f) Posuír unha estatura mínima de 1,70 metros para os homes, e 1,65 metros as mulleres.

g) Compromiso de portar armas e, de se-lo caso, chegar a utilizalas, que se prestará mediante declaración xurada e por escrito.

h) Acredita-la aptitude física mediante a presentación dun certificado médico, no que se faga constar expresamente que o aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias necesarias e suficientes para a realización dos exercicios físicos que figuran especificados na correspondente proba da oposición, o que non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicte no certificado médico.

Todos estes requisitos deberán ser referidos á data na que se remate o prazo de presentación de instancias da convocatoria correspondente.

3. As probas da oposición desenvolveranse do seguinte xeito:

a) As probas selectivas da oposición serán de carácter teórico e práctico, e nelas terán que incluírse, necesariamente, un recoñecemento médico, probas de capacitación física, un exame psicotécnico, e unha avaliación de coñecementos xerais e específicos de materias relacionadas co exercicio profesional, así como o coñecemento da lingua galega, das institucións e do dereito básico de Galicia, engadindo para o ingreso nas categorías de oficial, subinspector e inspector unha última proba consis

tente na presentación e defensa polos aspirantes dun proxecto profesional relacionado co posto de traballo que se vai desempeñar, que deberá ser presentado por escrito, e defendido oralmente ante o tribunal cualificador.

b) Antes do comezo das probas, realizarase a práctica de control de estatura e demais medidas antropométricas.

c) A proba de aptitude física será a adecuada para comproba-la existencia da capacidade necesaria para as funcións que se van realizar e cualificarase con apto/non apto.

d) A proba psicotécnica estará dirixida a determina-la aptitude psicolóxica e adecuación á función policial que se vai desempeñar. Cualificarase como apto/non apto.

e) A proba de coñecementos xerais consistirá na contestación por escrito dun número de temas determinado, dos que a metade serán da parte xeral e a outra metade da especial, elixidos ó chou entre os que figuren no programa da convocatoria.

f) O programa comporase dunha parte xeral, na que figurarán, en todo caso, temas de dereito constitucional, autonómico, administrativo, local e penal, e outra parte especial, que conterá temas de tráfico, seguridade vial, ordenanzas municipais e funcións da policía local, cun contido mínimo de 20 temas para a categoría de garda e cabo, 40 para sarxentos e suboficiais, 60 para oficiais e subinspectores e 90 para inspectores, debendo corresponde-lo 50% dos temas a cada unha das dúas partes.

Nos programas para cabos, sarxentos, suboficiais, oficiais, subinspectores e inspectores, incluiranse entre os temas sinalados anteriormente, outros relativos a sistemas de organización e mando.

Artigo 4º.-Tribunais cualificadores. Composición e constitución.

Os tribunais cualificadores estarán compostos como mínimo da forma seguinte:

-Presidente: o da corporación ou membro desta en que delegue.

-Vocais: un representante da Xunta de Galicia designado pola consellería competente por proposta da Academia Galega de Seguridade, de entre os profesionais de policía local de Galicia.

Un funcionario de carreira designado polo presidente da corporación.

Un representante dos sindicatos máis representativos no concello respectivo.

Tódolos vocais deberán posuí-la titulación ou especialización igual ou superior ós postos de traballo obxecto da convocatoria.

-Secretario: o da corporación ou quen legalmente o substitúa.

2. A designación do tribunal estará contida na convocatoria, e terá que estar constituído por un número impar de membros, nunca inferior a cinco, debendo designarse o mesmo número de suplentes. Poderanse nomear asesores do tribunal, que deberán facerse públicos xunto con el, e que poderán actuar con voz e sen voto.

Artigo 5º.-Causas de abstención e recusación.

1. Absteranse de formar parte dos tribunais, comunicándollo á autoridade convocante, que resolverá o procedente, aquelas persoas nas que concorra algunha das circunstancias sinaladas no artigo 28.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, podendo ser obxecto de recusación polo interesado en calquera momento do procedemento selectivo, ó abeiro do artigo 29 da devandita lei.

2. Así mesmo, non poderán formar parte dos tribunais aqueles que realizaran tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación da correspondente convocatoria.

3. En todo o non previsto expresamente neste regulamento será de aplicación ós tribunais cualificadores o disposto para os órganos colexiados no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Nomeamento de funcionarios en prácticas.

Os aspirantes que superaran a fase de oposición, e despois de cumprirse os requisitos formais que estableza a correspondente convocatoria, serán nomeados funcionarios en prácticas e percibirán, con cargo á corporación respectiva, as retribucións que lles correspondan.

Sección segunda

Promoción e mobilidade dos membros das policías locais

Artigo 7º.-Promoción e mobilidade.

1. Poden tomar parte nas probas selectivas de promoción interna que supoñan cambio de escala, os funcionarios dos corpos de policía local pertencentes á categoría inferior, que prestasen polo menos dous anos de servicio neste posto en calquera concello de Galicia e cumpran os demais requisitos do artigo 25.4º da Lei de coordinación de policías locais.

2. Se non supón cambio de escala, poderán tomar parte os funcionarios de emprego inmediatamente inferior que prestasen polo menos dous anos de servicio no devandito posto e concello onde se produza a vacante, cumprindo os demais requisitos recollidos no artigo 25.5º da Lei de coordinación de policías locais de Galicia.

3. Cando non se cubran as vacantes por promoción interna, estas incrementaranse ás de acceso libre.

Artigo 8º.-Desenvolvemento das fases de concurso e de oposición.

1. A fase de concurso, que será previa á de oposición e non terá carácter eliminatorio, consistirá na cualificación dos méritos alegados e debidamente acreditados polos aspirantes, segundo o baremo de méritos establecidos pola Xunta de Galicia, logo de informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais, de acordo cos requisitos profesionais esixibles a cada categoría e que se establece como anexo I do presente decreto. A puntuación alcanzada na fase de concurso acumularase á obtida na fase de oposición, e o total constituirá a puntuación final do concurso-oposición. Será condición necesaria que en cada unha das probas da oposición se obteña a puntuación mínima fixada nas bases da correspondente convocatoria.

2. As probas que hai que superar na fase de oposición serán análogas ás que se recollen neste decreto para o acceso libre, coa excepción de que non se incluirán nas bases probas físicas. Tamén se incluirá, como última proba, a presentación e defensa polos aspirantes dun proxecto profesional relacionado co posto de traballo que se vai desempeñar. O dito proxecto deberá ser presentado por escrito e defendido oralmente ante o tribunal cualificador.

Sección terceira

Formación das policías locais

Artigo 9º.-Curso selectivo de formación.

1. De conformidade co establecido no artigo 23 e seguintes da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, para o ingreso e promoción interna nos corpos de policía local nas súas diferentes escalas e postos, será requisito indispensable a superación dun curso selectivo de formación teórico-práctico na Academia Galega de Seguridade, que estará integrado polas disciplinas e actividades que en cada caso se establezan para as distintas categorías.

2. Contido do curso:

a) O contido deste curso estará dividido en áreas temáticas, nas que se conterán materias xurídicas, humanísticas, técnico-policiais, así como de xestión nos cursos para mandos. O contido das áreas e das materias poderá variar en función do curso que se realice.

b) Xunto coas áreas puramente docentes existirá unha área de actitude na que se valorará o comportamento do alumno durante a súa estadía na academia. Nesta área cada alumno disporá dun total de dez puntos, dos que se detraerán os correspondentes ás sancións disciplinarias que se lle impoñan.

c) Para supera-lo curso selectivo, será necesario obter como mínimo un 5 sobre 10 en cada unha das materias que integran o plan de estudios, así como na área de actitude, dispoñendo de dúas con

vocatorias de exame, unha ordinaria e outra extraordinaria. Para a área de actitude non existirá convocatoria extraordinaria.

3. O curso para os alumnos de novo ingreso constará, ademais, dun período de prácticas, que realizarán no seu respectivo concello e que será valorado polo presidente da corporación logo de informe do xefe do corpo, debendo obte-la cualificación de apto para superalo.

A duración do curso, tanto de estadía na Academia Galega de Seguridade como de prácticas no respectivo concello, será determinada pola dirección da Academia Galega de Seguridade, logo de acordo do Consello Rector e informe da Comisión de Coordinación.

b) Superado o período de formación, os alumnos recibirán o diploma acreditativo e poderán ser nomeados polos seus concellos funcionarios da policía local na categoría correspondente.

c) O alumno que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 15% das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ó seguinte curso ou cando a causa determinante llo permita. A xustificación da ausencia será valorada polo consello rector da Academia Galega de Seguridade, por proposta de seu director.

d) O alumno que non supere o curso de formación teórico-práctico poderá repetilo, por unha soa vez, se o concello o considera oportuno; deberá, neste caso, incorporarse ó curso seguinte.

e) O policía local que opte noutro concello e pola quenda libre a un posto da súa mesma ou inferior categoría, está exento de realiza-lo curso de formación teórico práctico.

Artigo 10º.-Formación permanente.

A formación profesional das policías locais será coordinada a través da Academia Galega de Seguridade, que levará a cabo a programación e realización dos cursos de formación para o ingreso e promoción interna nos corpos de policía local, dos cursos de actualización e especialización, xornadas, seminarios e, en xeral, cantas actividades contribúan a dar unha formación integral ós funcionarios das policías locais.

Artigo 11º.-Consideración da formación acreditada como mérito en procesos de selección e provisión de postos de traballo.

1. Os cursos que realice a Academia Galega de Seguridade ou que esta homologue, conforme o previsto na Lei de coordinación das policías locais, serán considerados como méritos valorables nas fases de concurso e na provisión de postos de traballo dos corpos da policía local.

2. Tódolos diplomas, certificados e acreditacións deberán expresar necesariamente a duración do curso de que se trata en horas lectivas, así como, segundo os casos, a asistencia ou aproveitamento obtido polo alumno.

Capítulo II

Da comisión de coordinación das policías locais

Artigo 12º.- Adscrición da comisión de coordinación das policias locais.

A Comisión de Coordinación das Policías Locais de Galicia, adscríbese á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Artigo 13º.-Dos representantes da Xunta de Galicia na comisión.

Os representantes da Xunta de Galicia na Comisión de Coordinación de policías locais de Galicia son:

-O secretario xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

-O director xeral de Administración Local.

-O director xeral da Academia Galega de Seguridade.

-O director xeral da Asesoría Xurídica Xeral.

-O subdirector xeral de Seguridade e Réxime Interior.

Artigo 14º.-Representantes dos municipios.

Os oito representantes municipais serán designados polas asociacións de concellos galegos legalmente constituídas.

Capítulo III

Rexistro de Policías Locais de Galicia

Artigo 15º.-Dependencia orgánica e funcional.

O Rexistro de Policías Locais de Galicia, creado pola Lei 3/1992, do 23 de marzo, dependerá da consellería competente, quedando encadrado orgánica e funcionalmente na Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

Artigo 16º.-Obxecto do rexistro.

O Rexistro de Policías Locais de Galicia ten por obxecto dispoñer dun censo de tódolos membros que integren os corpos de policía local dos concellos de Galicia, así como dos auxiliares da policía local, no que constarán as circunstancias e resolucións que administrativamente lles afecten.

Artigo 17º.-Inscrición no rexistro.

1. No Rexistro de Policías Locais de Galicia deberase inscribir todo o persoal dos diversos corpos de policía local, así como os axentes auxiliares propios dos concellos, que terán como función a prestación dos servicios de seguridade dependentes orgánica e funcionalmente dos concellos de Galicia.

2. Na inscrición farase consta-lo nome, apelidos, data e lugar de nacemento, número do documento nacional de identidade e do rexistro de persoal do interesado no concello que corresponda segundo o anexo II do presente decreto; e levarase a cabo unha vez formalizado o nomeamento orixe da relación de servicios.

Artigo 18º.-Número de rexistro.

O número do Rexistro de Policías Locais de Galicia estará composto polo número do rexistro de persoal do concello que corresponda, ó que lle seguirá a clave numérica que lle corresponda no rexistro.

Artigo 19º.-Actos e resolucións que se inscribirán no rexistro.

1. Deberán anotarse preceptivamente no Rexistro de Policías Locais de Galicia os actos e resolucións seguintes:

a) Tomas de posesión do primeiro posto de traballo e dos sucesivos.

b) Cesamento nos postos de traballo.

c) Cambios de situación administrativa.

d) Reingresos.

e) Xubilacións.

f) Perda da condición de funcionario.

g) Cursos de formación básica e aptitude para o ascenso impartidos pola Xunta de Galicia, así como as súas revalidacións e validacións.

2. Por solicitude da parte interesada, poderán inscribirse aqueles títulos, diplomas, condecoracións, distincións, resolucións ou acordos que poidan ter relevancia na vida administrativa das persoas inscritas, sempre que sexan debidamente acreditados.

Artigo 20º.- Procedemento de inscrición.

As inscricións e anotacións no Rexistro de Policías Locais de Galicia levaranse a cabo de acordo co seguinte procedemento:

1. Inscricións: as corporacións locais comunicarán ó Rexistro de Policías Locais de Galicia tódolos datos necesarios para a inscrición.

Recibida a documentación precisa, o Rexistro de Policías procederá a efectua-la inscrición correspondente, dando conta á corporación local que corresponda da clave numérica adxudicada.

2. Anotacións: as corporacións locais comunicarán no prazo dos 15 días seguintes á data na que fosen dictados os datos incluídos no artigo anterior. A dita comunicación deberá conte-lo DNI, o nome e, de se-lo caso, o número de Rexistro de Policías Locais que teña adxudicado o funcionario ó que corresponda efectua-la anotación.

No Rexistro de Policías Locais efectuaranse as anotacións dentro dos quince días seguintes á recepción da comunicación.

3. Naqueles concellos nos que sexa tecnicamente posible, a comunicación ou recepción de datos poderase realizar mediante soporte informático.

Artigo 21º.-Manifestación de datos.

1. Os datos do Rexistro de Policías Locais de Galicia estarán de manifesto para as administracións

municipais e para os particulares que acrediten o seu interese lexítimo no seu coñecemento.

2. Expediráselles ós interesados e ás corporacións locais que o requiran certificación das inscricións e anotacións que figuren nel.

Capítulo IV

Uniformidade e homoxeneización das policías locais de Galicia

Sección primeira

Uniformidade

Artigo 22º.-Uniformidade.

A uniformidade de traballo dos policías locais de Galicia presentará as modalidades necesarias para acomoda-la función realizada ó medio no que teña lugar.

Así mesmo, e segundo as estacións meteorolóxicas anuais, terá en conta as modalidades de inverno e verán.

Artigo 23º.-Uso.

1. Os funcionarios dos corpos de policía local absteranse de vesti-lo uniforme regulamentario cando se atopen fóra de servicio.

2. Na roupa que integra o uniforme regulamentario, só poderán exhibirse as divisas, emblemas, condecoracións e efectos establecidos pola normativa vixente.

Artigo 24º.-Enumeración das pezas de roupa para efectos de uniformidade.

1. O uniforme de traballo dos funcionarios pertencentes ós corpos de policía local de Galicia na modalidade de inverno estará integrado polas seguintes pezas, que contarán coas características que se especifican no anexo III do presente decreto:

a) Para persoal masculino.

-Gorra de prato.

-Gorra tipo béisbol.

-Cazadora.

-Pantalón.

-Camisa de manga longa.

-Gravata con alfinete.

-Cinto.

-Xersei.

-Cazadora de pel.

-Chaleco guateado.

-Chuvasqueiro e pantalón de augas.

-Zapatos.

-Calcetíns.

-Luvas.

-Botas de auga.

b) Para persoal feminino.

-Gorra de prato.

-Gorra tipo béisbol.

-Cazadora.

-Pantalón ou saia pantalón.

-Camisa de manga longa.

-Gravata con alfinete.

-Cinto.

-Xersei.

-Cazadora de pel.

-Chaleco guateado.

-Chuvasqueiro e pantalón de augas.

-Zapatos.

-Calcetíns ou medias-panti.

-Luvas.

-Botas de auga.

2. Se as funcións dos policías locais se producen principalmente no medio rural, ou cando as circunstancias climatolóxicas o aconsellen, os zapatos poderanse substituír por botas; neste caso vestirase pantalón de tubo.

Cando se utilice vehículo de dúas rodas a motor, ademais do casco regulamentario, utilizarase a protección de cazadora longa, pantalón e botas adecuadas.

3. A modalidade de verán presenta as mesmas pezas de roupa anteriores, excepto a cazadora, gravata e camisa de manga longa, substituída por camisa de manga curta e colo aberto.

Artigo 25º.-Descrición de insignias.

As insignias serven para diferencia-las escalas e as categorías profesionais.

1. As escalas distínguense pola cor do reberete das ombreiras e portainsignias, e polo barbaqueixo da gorra de prato.

A cor será dourada para a escala técnica ou de mando e prateada para a executiva.

2. As categorías diferéncianse por unhas barras presas nas ombreiras ou nos portainsignias, segundo a posición, o número e a cor delas.

Artigo 26º.-Colocación das insignias.

As insignias, para que sexan visibles, levaranse nas ombreiras. Se a peza non tivera ombreiras, as insignias irán suxeitas a un soporte portainsignias que se prenderá no peito.

Tódalas ombreiras levarán, preto do botón, o escudo do concello.

Artigo 27º.-Distintivos de posto de mando.

Tanto na escala técnica ou de mando, como na executiva, os distintivos que levan os seus titulares, segundo os postos que desempeñan son:

1. Escala técnica ou de mando.

a) O posto de inspector leva tres barras douradas en posición perpendicular ó eixe lonxitudinal da ombreira ou soporte.

b) O posto de subinspector leva dúas barras douradas.

c) O posto de oficial leva unha barra dourada.

2. Escala executiva.

a) O posto de suboficial leva tres barras prateadas.

b) O posto de sarxento leva dúas barras prateadas.

c) O posto de cabo leva unha barra prateada.

d) O posto de garda leva unha barra prateada inclinada. Irá colocada no ángulo exterior traseiro.

3. O xefe da unidade, ademais da insignia que lle corresponde pola súa categoría, levará dúas ramas de palmeira cruzadas, da mesma cor, situadas entre a insignia e o escudo do concello.

4. As insignias enumeradas neste capítulo terán as seguintes características.

a) Barras.

b) Portainsignias.

c) Reberete.

d) Barbaqueixo.

-Barras:

As barras poden ser pezas metálicas ou doutro material duro, unhas de cor dourada e outras de cor prateada. Poden ir suxeitas con rosca ou calquera outro sistema que non se vexa por fóra.

As medidas serán proporcionais ó tamaño da ombreira.

-Portainsignias:

Poden ser de dúas formas:

Un manguito para encaixar nas ombreiras, especialmente nas camisas, e un soporte rectangular ríxido.

a) Manguito de cor azul escura coas barras e o reberete impresos, en cor dourada ou prateada, segundo corresponda pola escala.

b) Soporte ríxido, de cor azul, para fixa-las barras.

As medidas serán de 4 x 6 cm e suxeitarase á roupa no peito cun imperdible ou outro sistema.

-Reberete:

É unha fita dourada ou prateada, segundo a escala cosida nas beiras das ombreiras, marcada abondo para que sexa ben visible.

Tamén vai cosido ó soporte portainsignias que se prende no peito.

-Barbaqueixo:

É unha fita dourada ou prateada, segundo a escala, de 12 mm de largo con dous pasadores laterais da mesma peza, que vai na base da gorra de prato por riba da viseira, suxeita a uns botóns laterais.

Sección segunda

Signos externos de identificación

Artigo 28º.-Da placa emblema.

A placa emblema, exhibida nas pezas do uniforme que regulamentariamente se determine, estará composta polo escudo do concello correspondente, a lenda Policía Local rodeando a metade inferior daquel, e o número de identificación profesional, cuñado nunha cartela que se situará na base do conxunto, e terá as características que a seguir se detallan:

1. Confeccionarase en aliaxe metálica de suficiente resistencia e durabilidade.

2. O centro estará formado polo escudo do concello e, na súa parte inferior, rodeando, a lenda Policía Local, segundo a cualidade de quen a porte.

Da periferia do escudo partirá un número de raios comprendido entre 32 e 38, dos que 8 serán principais e o resto, de menor tamaño.

Na parte inferior da placa existirá un rectángulo de superficie lisa onde se cuñará o número de rexistro profesional, de conformidade co presente decreto.

3. As medidas serán:

Eixe vertical: entre 8 e 9 cm.

Eixe horizontal: entre 6 e 6,5 cm.

Eixe vertical do escudo do concello: 5 cm.

Eixe horizontal do escudo do concello: proporcional ó anterior.

Grosor máximo: 0,2 cm.

Espacio para a numeración: 4 cm x 0,7 cm.

Raios: partirán desde a beira do escudo do concello, co tamaño necesario para que o conxunto estea dentro dos límites marcados.

4. Cor.

O escudo do concello incorporará as súas cores e o resto será de cor prateada. Os caracteres irán impresos en cor negra.

Artigo 29º.- Do escudo de Galicia.

Na manga dereita da peza exterior do uniforme irá unido o escudo de Galicia. Confeccionarase mediante bordado dourado sobre tea e terá as seguintes medidas:

Eixe vertical = 8 cm.

Eixe horizontal = proporcional.

Os elementos que integran o escudo estarán proporcionados ás devanditas medidas.

Artigo 30º.-Do escudo do concello.

Na manga esquerda da peza exterior do uniforme unirase o escudo do concello ó que pertenza o policía local que o exhiba.

Confeccionarase en tea co bordado propio nas cores de cada escudo e terán as seguintes medidas:

Eixe vertical = 8 cm.

Eixe horizontal = proporcional.

Artigo 31º.-Da tarxeta de acreditación.

1. A tarxeta de acreditación de tódolos policías locais de Galicia presentará no seu anverso a fotografía do seu titular, a súa categoría profesional, o seu número de identificación, os escudos de Galicia e do concello e a lenda Policía Local ou Auxiliar da Policía Local, segundo a condición do seu portador.

2. No reverso constará o nome e apelidos do seu titular, a sinatura e o número de orde que o Rexistro de Policías Locais lle adxudique a aquel e irá autorizada coa sinatura do alcalde respectivo e o selo do concello.

3. A tarxeta de acreditación irá contida na carteira axeitada para a súa boa conservación.

4. A tarxeta e carteira terán as seguintes características:

I. Tarxeta.

1. A tarxeta confeccionarase en material plástico de fondo branco.

2. Descrición:

Anverso:

Na súa parte superior, recanto esquerdo, figurará o escudo de Galicia e na dereita o escudo do concello. Entre ámbolos dous, Policía Local ou Auxiliar.

Inmediatamente debaixo, a fotografía que será en cor, medio busto, de fronte e destoucado, sen lentes escuras e uniformado.

Debaixo da fotografía constará a categoría profesional e, por último, o número de identificación profesional idéntico ó da placa-emblema e formado segundo se explica no presente decreto.

Desde o ángulo superior esquerdo e ata o inferior dereito, salvando a fotografía, partirá unha banda de igual cor ó da bandeira galega e 1 cm de largo.

Reverso:

Nome e apelidos do titular, a súa sinatura e no ángulo inferior esquerdo, o número de orde que o rexistro xeral de policía lle adxudique. Debaixo da data de expedición irá estampada a sinatura do alcalde e selo do concello.

3. Medidas:

Tarxeta = 8,6 x 5,5 cm.

Escudos superiores = 1 cm.

Fotografía = 3,1 x 2,6 cm.

Caracteres: os de maior tamaño = 0,4 cm de altura.

II. Carteira portatarxeta.

1. Confeccionada de coiro ou pel marrón, en forma de carpeta pivotante sobre un dos lados verticais.

Na portada exterior figurará a lenda:

POLICÍA LOCAL (OU AUXILIAR DE POLICÍA LOCAL) DE

(Nome do concello) con caracteres prateados.

O compartimento dereito será o utilizado para aloxa-la tarxeta.

2. Medidas:

Alto = 9,3 cm.

Longo = 12,4 cm para dobrar na súa metade.

Caracteres = 0,5 cm.

Sección terceira

Homoxeneización dos medios técnicos

Artigo 32º.-Medios técnicos.

Por medios técnicos á disposición das policías locais enténdese os elementos e sistemas que os corpos da policía local utilizan para cumprir coas súas obrigas.

Artigo 33º.-Clasificación.

Os medios técnicos clasifícanse como segue:

a) Dotación persoal.

b) De inspección e control.

c) Vehículos.

d) De sinalización.

e) De transmisión e comunicación.

f) Informáticos.

g) De auxilio e autoprotección.

h) Instalacións especiais.

Artigo 34º.-Dotación persoal.

1. Constitúe a dotación persoal o conxunto de elementos que é asignado a cada funcionario da policía local e comprende o seguinte:

a) Equipo básico.

-Arma de fogo coa súa munición e funda.

-Defensa e talabarte.

-Grillóns coa súa funda.

-Asubío.

-Bolsa portadocumentos.

b) Equipo complementario.

-Chaleco reflector.

-Manguitos e polainas reflectores.

2. A arma só se portará cando o seu titular estea de servicio e ó seu remate quedará depositada no armeiro existente nas dependencias policiais, o que reunirá as condicións esixidas polas normas en vigor.

3. Soamente se utilizarán as armas de fogo cando exista un risco racionalmente grave para a vida propia e de terceiros, así como naquelas circunstancias que poidan supoñer un grave risco para a seguridade cidadá, rexéndose, ó facelo, polos principios de congruencia, oportunidade e proporcionalidade.

4. Para acada-la imprescindible destreza no seu manexo, tódolos membros dos corpos de policía local efectuarán cada ano tres exercicios de tiro como mínimo, de vintecinco disparos cada un, quedando consignados os resultados obtidos nunha cartilla persoal destinada para o efecto.

5. As características dos elementos que compoñen a dotación persoal detállanse a seguir:

A) Equipo básico.

1. Arma de fogo coa súa munición.

Pistola semiautomática compacta coas seguintes características:

* Calibre 9 mm parabellum.

* Sistema de disparo de dobre e simple acción.

* Seguro manual ambidextro, ademais doutros automáticos.

* Capacidade de cargador para 8 ou máis cartuchos.

* Lixeira, pavonada en negro con cachas de goma ou material similar.

Os funcionarios de policía local que sexan titulares de arma curta de características diferentes ás que se determinan neste decreto, poderán continuar utilizándoas.

2. Defensa e talabarte.

A defensa será ríxida e terá as seguintes características:

* Lonxitude de 60 cm e diámetro uniforme.

* Madeira de faia.

* Cor negra.

* Correa de suxeición adaptable.

O talabarte é o soporte onde se aloxa a defensa. Irá suxeito ó cinto e será a xogo con el.

3. Grillóns coa súa funda.

Os grillóns serán metálicos e de máxima seguridade, tanto na súa propia configuración como no seu pecho. Os portagrillóns ou fundas adaptaranse á forma daqueles e permitirán a súa fácil suxeición ó cinto.

As súas características deberán corresponder coas establecidas no gráfico do anexo IV.

4. Asubío.

Será metálico, inoxidable e en ton prateado.

5. Bolsa portadocumentos.

As súas características de tamaño e forma virán dadas polos tipos de documentos que se vaian gardar.

Serán de lona impermeable, cor negra.

B) Equipo complementario.

1. Chaleco reflector.

De cor amarela e pecho de cremalleira. Levará a inscrición Policía Local nas súas caras anterior e posterior, de material reflector, igual que as beiras.

2. Manguito e polaina reflectores.

Serán de material branco reflector, con cinta dameiro do mesmo tipo.

3. As características destes elementos represéntanse no gráfico do anexo IV.

Artigo 35º.-Medios de inspección e control.

-Para inspección e control as policías locais serviranse de:

-Sonómetros para medi-lo nivel de ruído.

-Etilómetros para medi-la cantidade de alcohol en sangue.

-Radar medidor da velocidade á que se desprazan os vehículos.

-Medidores de fumes.

-Equipos de captación de imaxes.

2. Cando os corpos de policía local adquiran algúns dos instrumentos indicados no punto anterior, farano entre aqueles que cumpran as especificacións técnicas ás que obriguen as normas vixentes.

Artigo 36º.-Vehículos.

Os vehículos de motor utilizados polas policías locais serán de cor branca cunha banda en forma de dameiro composta por tres ringleiras de cadros brancos e azul celeste exhibida nos costados e parte traseira, interrompida nas portelas dianteiras, onde figurará a lenda Policía Local, o escudo municipal e o nome do concello e igualmente na parte traseira dos costados onde deberá figura-lo escudo de Galicia en azul celeste.

Se a disposición do capó dianteiro o permite, tamén levará o devandito escudo o nome e lenda.

O teito do vehículo presentará a banda dameiro descrita ou as iniciais PL de forma que poida imprimirse o número de orde en tamaño suficiente para poderse distinguir por un observador aéreo. Na súa

parte dianteira instalarase a tulipa lanzaescintilacións e o indicador luminoso de Policía Local.

2. Os vehículos de motor de dúas rodas e as embarcacións exhibirán o dameiro aludido, segundo o permita a súa carena.

3. As características represéntanse en esquema contido no anexo IV do presente decreto.

Artigo 37º.-Medios de sinalización.

Para sinalizar ou coutar espacios utilizarase a denominada cinta policial confeccionada en material plástico e con ringleiras de cadros brancos e azul celeste formando dameiro e, por tramos, a lenda Policía Local.

2. Cando as circunstancias de risco para a circulación viaria ou a regulación do tránsito rodado o aconsellen, poderán empregarse bastóns luminosos e cantos emisores ópticos conveñan, de acordo coa normativa de circulación e seguridade vial.

Artigo 38º.-Medios de transmisión e comunicación.

Os corpos de policía local disporán de acceso á rede telefónica, co fin de facer posible a recepción de chamadas dos cidadáns en demanda de servicios.

2. Así mesmo, posuirán un sistema propio de comunicación radioeléctrica que permita enlaza-las patrullas móbiles coa súa base de operacións, empregando a frecuencia hertziana que asigne o órgano administrativo competente.

Artigo 39º.-Medios informáticos.

Os corpos de policía local que polo seu tamaño, ámbito xeográfico e demográfico da súa demarcación o precisen, disporán de medios informáticos para conseguir un melloramento da xestión, establecendo a posibilidade de que, no seu día e co emprego de sistemas compatibles, poida conseguirse o seu funcionamento en rede para o intercambio de datos dos ficheiros existentes nos distintos bancos de datos.

Artigo 40º.-Medios de auxilio.

Os vehículos automóbiles de policía local, polo menos, incluirán entre a súa dotación un extintor de capacidade bastante para prestar axuda a terceiros, en condicións de uso inmediato, caixa con material de primeiros auxilios sanitarios e manta isotérmica.

Artigo 41º.-Medios de autoprotección.

Cando as condicións que se dean en tempo e lugar determinado o aconsellen, os policías locais poderán protexerse mediante chaleco antibalas confeccionado en forma e con materiais homologados.

Artigo 42º.-Instalacións especiais.

Para a custodia e garda das armas de fogo regulamentarias e a súa cartuchería utilizaranse armeiros con capacidade suficiente, construídos con materiais e de forma que cumpran os requisitos esixidos polas normas en vigor.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas as normas seguintes:

-Decreto 160/1992, do 18 de xuño, polo que se desenvolve o artigo 9º da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación de policías locais de Galicia (DOG do 25 de xuño, nº 121)

-Decreto 75/1994, do 25 de marzo, polo que se regula o funcionamento do Rexistro de Policías Locais de Galicia (DOG do 12 de abril, nº 69).

-Decreto 121/1995, do 20 de abril, polo que se aproban os criterios básicos de selección, formación, promoción e mobilidade dos membros das policía locais (DOG do 10 de maio, nº 89).

-Decreto 83/1996, do 29 de febreiro, sobre homoxeneización dos medios técnicos das policías locais de Galicia (DOG do 12 de marzo, nº 51).

-Decreto 91/1996, do 29 de febreiro, sobre signos externos de identificación das policías locais de Galicia (DOG do 13 de marzo, nº 52).

-Decreto 92/1996, do 29 de febreiro, sobre características básicas e comúns de uniformidade das policías locais de Galicia (DOG do 13 de marzo, nº 52).

-Decreto 404/1996, do 7 de novembro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 92/1996, do 29 de febreiro sobre características básicas e comúns de uniformidade das policías locais de Galicia (DOG do 20 de novembro, nº 227).

-Orde do 15 de xaneiro de 1997, de desenvolvemento do Decreto 83/1996, do 29 de febreiro, sobre homoxeneización dos medios técnicos das policías locais de Galicia (DOG do 19 de febreiro, nº 34).

-Orde do 15 de xaneiro de 1997, de desenvolvemento dos decretos 92/1996, do 29 de febreiro, e o 404/1996, do 7 de novembro, sobre características básicas e comúns de uniformidade das policías locais de Galicia (DOG do 21 de febreiro, nº 36).

-Orde do 2 de xullo de 1997 pola que se aproba o baremo de méritos para promoción interna das policías locais de Galicia (DOG do 10 de xullo, nº 132).

-Todas aquelas outras disposicións que se opoñan ó contido do presente decreto.

Disposcición derradeira

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto e para a modificación dos anexos que nel se conteñen.

Santiago de Compostela, vinteún de xullo de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO III

As pezas de roupa e os obxectos de uniformidade terán as características que se sinalan a continuación:

Para persoal masculino:

-Gorra de prato:

Ten forma octogonal, con picos ou dobras suaves. É de tea azul escura e tecido foaminado e indeformable.

A viseira será negra, de material plástico duro.

A base da gorra levará por fóra en todo o longo unha cinta-dameiro de tres filas. Por baixo na metade dianteira, irá o barbaqueixo de cor dourada ou prateada segundo a escala, suxeito a uns botóns laterais de cor dourada.

Na parte alta do prato irá a galleta con forma axeitada á do escudo do concello, cunha medida de 60x50 mm de eixe.

-Gorra tipo béisbol:

É de tea azul mariño de tecido foaminado e indeformable (ligadura sarga para o inverno, e ligadura fresco para o verán; poliéster 55% e lá 45%).

-Cazadora:

Tea azul escura, forrada, con ombreiras, e colo de lapela.

Dianteiros rectos con cremalleira interior. Leva dous petos de parche planos, con picos arredondados e táboa central. Botóns pequenos dourados. Por dentro ten un peto.

Traseiros lisos, dunha peza, con bolsa.

A cintura axústase con elásticos laterais.

As mangas naturais con bocamanga aberta na costura e rematada por un botón pequeno dourado. Esta bocamanga levará o dameiro descrito para a gorra de prato.

As ombreiras son entreteadas, unidas á costura da manga e rematadas en pico, con ollal para suxeitar un botón dourado.

-Pantalón:

De tea cor azul escura, con dobras nos dianteiros e sen volta. Longo entre 22-28 cm.

Petos verticais nos lados e un pequeno no dianteiro dereito.

Tamén pode levar dous detrás.

-Camisa.

De manga longa cor azul clara, con petos nos dianteiros e prego central no traseiro. Colo cerrado para uso de gravata.

-Gravata.

Cor azul escura de 130-132 cm de longo.

Largo na pa maior de 8-9 cm forrada.

Leva un alfinete ou pasador dourado co escudo do concello.

-Cinto:

Cor azul escura, de lona, longo regulable e pecho a presión en plástico duro.

Debe leva-lo escudo do concello en relevo e pode soste-lo portagrillóns e portacargador.

-Chuvasqueiro:

En cor azul escura por unha cara e amarela pola outra, e será reversible para a función día-noite.

Tipo tres cuartos, serve para a chuvia e o vento. Pecha con cremalleira interior e leva aberturas para o acceso á pistola e a defensa.

Por ámbalas caras levará a inscrición policía local na dianteira e tamén na traseira.

O pantalón de augas, da mesma cor.

-Cazadora de pel:

Será de cor negra, forrada, con ombreiras e petos. O pecho, de cremalleira. A cintura axustarase con elásticos e a bocamanga levará o dameiro xa descrito.

-Chaleco:

Será tamén de cor azul escura. É unha peza de abrigo, interior guateado e poderánselle unir mangas desmontables. Elásticos na cintura e nos puños.

-Xersei:

De cor azul escura de colo subido, con ombreiras e mangas pulligan.

-Zapatos:

Negros, de pa lisa con amallós. Sola de goma para o inverno e de coiro para o verán.

-Calcetíns:

Negros, lisos, con elástico.

-Luvas:

Axeitados ó traballo que se vai realizar.

-Botas de auga:

De goma ou material plástico impermeable, cor negra.

Para persoal feminino:

É a mesma roupa descrita para o pesoal masculino, coas seguintes variantes:

-Zapatos:

Negros, tipo mocasín montado, e banda de pecho.

-Saia pantalón:

De tea cor azul escura, corte recto, con petos e cordón negro de contraste nos laterais.

-Medias- panti:

Cor gris fume.

Roupa do medio rural e para uso de vehículos de dúas rodas de motor:

-Botas:

Punta arredondada, sola de goma, cana acolchada, cor negra, con amallós.

-Pantalón de tubo:

Cor azul, tea resistente e os seus baixos con elástico dobre.

-Casco:

Branco, semi-integral, con viseira negra. Leva dameiro de tres filas adhesivo e o escudo do concello.

-Cazadora longa e pantalón:

Ámbolos dous de coiro, para a debida protección do policía motorista.

Modalidade de verán:

-Camisa:

Será de manga curta e colo aberto, de cor azul clara.