Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 14 de agosto de 2000 Páx. 11.927

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 207/2000, do 21 de xullo, polo que se aproba o escudo heráldico do Concello de Riós (Ourense).

O Concello de Riós (Ourense) considerou conveniente adoptar unhas armas ou brasón propio no que, coa simboloxía adecuada e conforme as tradicionais pautas de presentación dos emblemas heráldicos, se represente e perpetúe a súa propia peculiaridade. Para iso, e de acordo coas facultades que lle cofiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, co seu correspondente brasonamento e representación gráfica, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, Lei 5/1997, do 22 de xullo de Administración local de Galicia, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro, e máis no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.

Visto o informe favorable, de data 14 de xullo de 2000, emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia por proposta do Concello de Riós (Ourense), segundo o que se recollen tres alusións representativas da realidade -ou peculiaridade- física e do propio pasado histórico das terras que hoxe conforman o concello. Así as ondas azuis, que evocan o topónimo, e o castiñeiro ó natural, que é a especie arbórea predominante dentro do termo municipal, no que a riqueza forestal é por outra banda moi importante. A inclusión da consabida cadea dos Zúñiga, disposta en orla, permite perpetua-lo recordo -como xa o fixeron outros concellos da contorna- da súa vinculación histórica á gran Casa de Monterrei, circunstancia que, neste caso, adquire unha significación máis especial, posto que aquí poden localizarse os núcleos orixinarios dos seus extensos patrimonios galegos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de xullo de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aproba-lo escudo heráldico do Concello de Riós (Ourense), que quedará organizado do seguinte modo: de ouro (amarelo), un castiñeiro

da súa cor acompañado na punta de dúas ondas de azur (azul); bordura de sable (negro), coa cadea de ouro. Ó timbre, coroa real pechada.

Santiago de Compostela, vinteún de xullo de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais