Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Luns, 04 de setembro de 2000 Páx. 12.529

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 27 de xullo de 2000 sobre desenvolvemento da xestión orzamentaria e contabilización dos ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital.

A Orde do 16 de xullo de 1996, sobre desenvolvemento da xestión orzamentaria dos ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital, establecía o procedemento para unha actuación coordinada no tratamento orzamentario deste tipo de recursos, utilizando para esa finalidade os documentos de xestión que se creaban expresamente e que servían ó mesmo tempo de soporte para a entrada de datos no sistema contable, evitando os desaxustes que poderían presentarse durante o proceso de execución, coa conseguinte mellora das condicións necesarias para o mantemento do equilibrio entre ingresos e gastos.

Con posterioridade á aprobación da mencionada orde, e dentro do marco do pacto de estabilidade e crecemento do programa de converxencia coa Unión Europea, o acordo subscrito o 21 de maio de 1998 entre a Secretaría de Estado de Facenda e a Consellería de Economía e Facenda establecía o compromiso de que o déficit non financeiro da Comunidade Autónoma non excedese, durante a vixencia do acordo, en porcentaxe sobre o PIB, o valor previsto para cada anualidade no escenario de consolidación orzamentaria.

Como novidade respecto ós que foron subscritos con anterioridade, este último convenio indicaba que o déficit non financeiro debería estimarse en termos de contabilidade nacional e, polo tanto, tería que medirse consonte os criterios do Sistema Europeo de Contas (SEC-95), que en relación coas transferencias entre administracións públicas establece a simultaneidade do seu rexistro, por parte das administracións que interveñen na operación, en tódalas contas afectadas.

As regras establecidas na Orde do 16 de xullo de 1996 para o recoñecemento de dereitos en relación cos recursos procedentes da Unión Europea, do FCI, ou de calquera outro tipo de transferencias finalistas, foron de gran utilidade no seu momento para o seguimento e control da execución orzamentaria, pero, na medida en que o cumprimento dos compromisos do déficit se computa actualmente con criterios do SEC-95, parece máis adecuado desenvolver tamén a execución orzamentaria dos ingresos conforme eses mesmos criterios, que difiren nalgúns aspectos dos sustentados pola orde antes mencionada.

Resulta necesario, polo tanto, adapta-las normas de xestión orzamentaria deste tipo de ingresos ós criterios que se derivan da implantación do sistema de contas europeo. Considerándose tamén oportuno,

para facilita-la transición dun sistema a outro, partir duns saldos iniciais normalizados, que reconvertan a situación orzamentaria existente no momento da entrada en vigor desta orde ós novos criterios que se establecen, evitando desa forma os problemas que se derivarían da presencia de situacións transitorias que durante algún tempo entorpecerían de forma considerable tanto o desenvolvemento dos procesos de xestión como a adecuada imputación dos ingresos e o propio cumprimento dos compromisos de déficit asumidos pola Comunidade Autónoma no marco do programa de converxencia.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Contido e ámbito de aplicación.

1. A xestión orzamentaria dos ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital comprenderá o conxunto de actuacións necesarias para establece-lo dereito á súa percepción e a determinación da súa contía, a recadación e a contabilización do recurso.

2. O establecido nesta orde será de aplicación á xestión dos capítulos IV e VII do orzamento de ingresos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e á dos orzamentos dos seus organismos autónomos.

Artigo 2º.-Fases da xestión orzamentaria dos ingresos.

1. A xestión orzamentaria dos ingresos realizarase a través das seguintes fases:

a) Compromiso de ingreso. Que se define como o acto consonte o que se recoñece en contas o dereito a liquidar un recurso no momento en que se cumpran as condicións ou trámites que se prevén no título xurídico do que nace a expectativa do dereito á súa percepción.

b) Contraído do recurso. Que é o acto polo que se liquida o ingreso e se recoñece en contas o dereito definitivo á súa percepción, unha vez cumpridas as condicións esixidas para o perfeccionamento do dereito.

c) Recadación do recurso. Que constitúe o proceso a través do que a Tesourería ingresa en caixa o importe do dereito recoñecido.

2. O desenvolvemento das distintas fases realizarase tendo en conta o principio de mantemento do equilibrio económico-financeiro na execución do orzamento.

Artigo 3º.-Documentos de xestión orzamentaria.

1. A instrumentación do proceso de xestión dos dereitos realizarase a través dos documentos ICI, IC, ICC, IR, ICCR e ICR que, ó mesmo tempo, constituirán o soporte para a entrada de datos ó sistema contable.

O documento ICI formalizará o acto administrativo de recoñecemento do compromiso de ingreso e a súa posterior anotación en conta.

O documento IC formalizará o acto administrativo de recoñecemento do dereito, que dará paso ó contraído do recurso.

O documento ICC formalizará conxuntamente as fases de compromiso de ingreso e de contraído do recurso.

O documento IR formalizará o ingreso do recurso en Tesourería e a contabilización do recadado.

O documento ICCR formalizará o conxunto das operacións de compromiso de ingreso, contraído e recadación do recurso.

O documento ICR formalizará conxuntamente as operacións de contraído e de recadación do recurso.

2. A corrección de erros e a anulación de operacións instrumentadas a través dos documentos de xestión orzamentaria levarase a cabo, cando proceda, mediante a expedición do correspondente documento negativo (/).

Artigo 4º.-Criterios para o recoñecemento do compromiso de ingreso.

1. O acto administrativo de recoñecemento do compromiso de ingreso será realizado pola Dirección Xeral de Presupostos, da Consellería de Economía e Facenda, tomando como base as aplicacións e os importes incluídos nos estados de ingresos aprobados pola lei de orzamentos de cada exercicio.

Polo que respecta ós ingresos que non figuren orzados inicialmente, o recoñecemento do compromiso de ingreso efectuarase á vista do documento que acredite o compromiso do organismo transferidor de contrae-la obriga no momento en que se xustifique a contraprestación correspondente, ou á vista do ingreso xa producido cando a transferencia teña carácter de anticipo.

2. Nos mesmos termos, corresponderalles ós organismos autónomos o recoñecemento do compromiso de ingreso nos seus orzamentos, con excepción do suposto previsto no artigo 6.

Artigo 5º.-Tramitación do compromiso de ingreso.

No momento da entrada en vigor da lei anual de orzamentos expediranse documentos ICI polo importe de cada unha das partidas de ingresos dos capítulos IV e VII.

Igualmente darán lugar á tramitación illada de documento ICI os compromisos de ingreso existentes en relación con recursos que financien actuacións non recollidas inicialmente nos orzamentos da Comunidade Autónoma e que dan lugar a expedientes de xeración ou de ampliación de crédito, estes últimos unicamente nos casos de traspaso de novas funcións ou servicios dos que o custo non figure

aínda integrado na porcentaxe de participación da Comunidade Autónoma nos ingresos do Estado.

Artigo 6º.-Xeración de crédito consonte o compromiso de ingreso.

O recoñecemento de compromisos de ingresos non orzados inicialmente poderá dar lugar á xeración de crédito prevista no artigo 69 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, ou á ampliación de crédito indicada no artigo 64 do mesmo texto legal.

Neses casos, os expedientes de recoñecemento do compromiso de ingreso e de xeración de crédito serán tramitados simultaneamente pola Dirección Xeral de Presupostos, por propia iniciativa ou por solicitude das consellerías ou dos organismos autónomos afectados.

No suposto de expedientes financiados con fondos da Unión Europea ou do Fondo de Compensación Interterritorial, a Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, da Consellería de Economía e Facenda, informará sobre o dereito a percibi-los recursos correspondentes.

Artigo 7º.-Criterios para o recoñecemento do dereito.

Considerarase que concorren as condicións necesarias para o recoñecemento do dereito, en calquera dos seguintes casos:

1. Cando exista constancia de que o organismo ou a administración da que procede a transferencia dictou o acto de recoñecemento da obriga de pagamento.

2. Cando se teña coñecemento de que a administración transferidora imputou a operación ó seu orzamento de gastos.

3. Cando se reciban os fondos líquidos da transferencia.

Artigo 8º.-Tramitación do recoñecemento do dereito.

1. O recoñecemento do dereito será formalizado pola Dirección Xeral de Presupostos, en documento IC, cando concorran as condicións necesarias para levalo a cabo. Consonte o citado documento, a Intervención Delegada na Consellería de Economía e Facenda efectuará o contraído do recurso.

2. A tramitación do recoñecemento do dereito e do contraído do recurso nos orzamentos de ingresos dos organismos autónomos será realizada polos propios organismos.

Artigo 9º.-Tramitación conxunta do compromiso de ingreso e do contraído do recurso.

1. Cando se cumpran as condicións necesarias para o recoñecemento do dereito e non se emitira con anterioridade documento ICI, a Dirección Xeral de Presupostos expedirá o documento ICC, que remitirá á Intervención Delegada para anotación en conta e contraído do recurso.

2. Os organismos autónomos realizarán respecto ós seus orzamentos de ingresos o desenvolvemento do trámite descrito no punto anterior. Sen embargo, no suposto de que da tramitación conxunta do compromiso de ingreso e do contraído do recurso se derivase unha solicitude de xeración de crédito, ámbolos dous expedientes serán tramitados pola Dirección Xeral de Presupostos, por propia iniciativa ou por solicitude do organismo autónomo interesado.

Artigo 10º.-Recadación do recurso.

A recadación do recurso, ou ingreso nas contas da Tesourería dun importe previamente contraído, dará lugar á expedición de documento IR por parte da Intervención Delegada na Consellería de Economía e Facenda ou no organismo autónomo correspondente.

Artigo 11º.-Tramitación conxunta do compromiso de ingreso, do contraído e do recadado do recurso.

1. Cando se produza o ingreso en conta dun dereito non orzado inicialmente, e que aínda non figure recoñecido e contraído, a Intervención Delegada na Consellería de Economía e Facenda comunicarallo á Dirección Xeral de Presupostos para que proceda, se é o caso, ó recoñecemento do dereito, que se efectuará a través de documento ICCR, con base no que a Intervención Delegada contabilizará simultaneamente o compromiso de ingreso, o contraído e o recadado do recurso.

2. O procedemento descrito no numero anterior será igualmente utilizado polos organismos autónomos na xestión dos seus ingresos, con excepción dos supostos nos que do documento ICCR se derive unha solicitude de xeración de crédito, caso no que ámbolos dous expedientes se tramitarán ante a Dirección Xeral de Presupostos.

Artigo 12º.-Tramitación conxunta do contraído e do recadado do recurso.

1. Cando se produza o ingreso en conta dun recurso que teña acadado a fase de compromiso de ingreso pero non a de recoñecemento do dereito, a Intervención Delegada na Consellería de Economía e Facenda comunicarallo á Dirección Xeral de Presupostos, para que, se procede, efectúe o recoñecemento do dereito a través do documento ICR, mediante o que a Intervención Delegada contabilizará posteriormente, de forma simultánea, o contraído e o recadado do recurso.

2. O mesmo procedemento será utilizado polos organismos autónomos en casos semellantes, para a xestión dos seus ingresos.

Artigo 13º.-Identificación dos recursos.

No suposto de que algún ingreso non poida ser identificado por non figurar claramente especificada a súa procedencia, a Intervención Delegada comunicarallo á Dirección Xeral de Presupostos ou ó orga

nismo autónomo, segundo os casos, a través do modelo anexo I, para a determinación da aplicación que corresponda, quedando mentres contabilizado na conta extraorzamentaria de «Ingresos pendentes de aplicación».

Disposición adicional

Primeira.-No orzamento de ingresos da Administración xeral, o recoñecemento de dereitos, no caso de recursos procedentes da Unión Europea, do Fondo de Compensación Interterritorial ou de subvencións finalistas que financien créditos incluídos no orzamento de gastos para a súa transferencia ós organismos autónomos ou ás sociedades públicas da Comunidade Autónoma, axustarase ós criterios establecidos nesta orde con carácter xeral.

Segunda.-Polo que se refire ós orzamentos de ingresos dos organismos autónomos ou sociedades públicas, o recoñecemento do dereito terá lugar unha vez que a consellería correspondente efectúe o recoñecemento da obriga, por un importe igual ó do gasto executado por aqueles.

Disposición transitoria

Á entrada en vigor desta orde efectuaranse os axustes necesarios para a adaptación dos saldos contables existentes a 30 de xuño de 2000, dos capítulos IV e VII do orzamento de ingresos da Administración xeral e dos organismos autónomos, ós criterios recollidos nos artigos precedentes.

O rexistro en conta dos asentos indicados será realizado polas correspondentes intervencións delegadas con base nos documentos de xestión orzamentaria que se desprendan da formalización do modelo anexo II, que serán expedidos pola Dirección Xeral de Presupostos por cada unha das aplicacións de ingresos afectadas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas a Orde do 16 de xullo de 1996, sobre desenvolvemento da xestión orzamentaria dos ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital, e a Orde do 6 de maio de 1998, pola que se modifica a anterior, así como as disposicións de igual ou inferior rango no que se opoñan ó disposto nesta orde.

Disposición final

Facúltase a Dirección Xeral de Presupostos e a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, no ámbito das súas respectivas competencias, para dicta-las resolucións que se consideren necesarias para a aplicación do establecido nesta orde, que entrará en vigor o día 1 de xullo do 2000.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2000.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda