Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2000 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre transportes, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
O curso ten por obxectivo dota-los membros dos corpos e forzas de Seguridade duns coñecementos necesarios que lles poidan ser útiles no desempeño posterior do seu labor profesional.
Destinatarios.
O curso vai dirixido ós membros dos corpos da Policía Local de Galicia e membros da unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia;
e, no caso de quedaren prazas vacantes, ós membros do corpo nacional de policía e garda civil.
Inscrición.
A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.
Prazas.
O número de prazas que se ofertan neste curso é de 27.
Solicitudes.
1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.
2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 27 de outubro, ás 14 horas.
3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal ou polo concelleiro de tráfico, e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido nos cursos; o incumprimento deste requisito significará á non admisión ó devandito curso.
4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Contido e duración.
O curso celebrarase en sesións de tarde, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas: a) Ámbito e normativa de aplicación. Clasificación. Títulos habilitantes. Distintivos. Documentos de control. Denuncias máis habituais. b) O tacógrafo. Lectura. c) Transporte escolar e de menores. Denuncias máis habituais. d) Transporte de mercadorías perigosas. Especial referencia ás distribucións no núcleo urbano, etc.
Datas.
O curso terá lugar do 13 ó 17 de novembro, en horario de 16 a 20 horas do serán.
Relación de admitidos.
A relación de admitidos publicarase o día 7 de novembro no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.
Lugar.
O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade.
Certificado de asistencia.
Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.
Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adapta-lo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 19 de setembro de 2000.
Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade

