Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2000 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso de actualización en materia de estranxeiría, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:
Obxectivos:
O curso ten por obxectivo principal da-los coñecementos necesarios en materia de estranxeiría, situacións conflictivas con estranxeiros, para que os policías poidan atallar e resolve-los posibles problemas que se lles poidan presentar na rúa.
Destinatarios:
O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia e ós membros da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, e no caso de quedaren prazas vacantes ós membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.
Inscrición:
A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.
Prazas:
O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 27.
Solicitudes:
1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta á máquina ou con letra moi clara a instancia que figura no anexo.
2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 21 de novembro, ás 14 horas.
3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito levará consigo a non admisión no devandito curso.
4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Duración e datas:
O curso desenvolverase en datas do 11 ó 15 de decembro, o horario será de 16 a 20 horas do serán.
Relación de admitidos:
A relación de admitidos publicarase o día 28 de novembro, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.
Lugar:
O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade, sita no Concello da Estrada.
Certificado de asistencia:
Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada ó curso.
Modificacións:
A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 28 de setembro de 2000.
Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade

