Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Martes, 31 de outubro de 2000 Páx. 14.797

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CEDEIRA

EDICTO de convocatoria de concurso con procedemento aberto para adxudicación do servicio de limpeza de instalacións municipais.

Aprobado na Comisión Municipal de Goberno na sesión celebrada o día 13 de setembro de 2000 o prego de condicións económico-administrativas e técnicas que rexerá para a adxudicación do servicio de limpeza de instalacións municipais, faise convocatoria pública de licitación conforme o dito prego que en extracto di:

Condicións económico-administrativas.

1. Obxecto: adxudicación do servicio de limpeza e mantemento da casa do concello, centro de saúde, PAC e colexios Nicolás del Río e O Areal.

2. Sistema e procedemento: ó abeiro dos artigos 85, 196, 198, 206 e 208 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, estimando o órgano de contratación que a definición da prestación aprobada pola Administración é susceptible de ser mellorada por outras solucións técnicas, que proporán os licitadores mediante a presentación de variantes, o sistema de adxudicación será mediante concurso aberto.

3. Duración: a duración do contrato será de dous anos a partir da sinatura, prorrogándose por anualidades sucesivas no caso de que non se produza denuncia por calquera das dúas partes, con tres meses de anticipación, sen que en ningún caso poida exceder a súa duración, incluídas as prórrogas, de 4 anos.

4. Tipo: fíxase un tipo de licitación de 11.757.288 pesetas anuais, IVE incluído.

O pago do prezo que propoña o licitador efectuarase en doce mensualidades.

Os servicios extraordinarios que o concello esixa ó contratista aboaranse ós prezos fixados contradictoriamente.

No caso de prórroga o prezo será revisable por solicitude do adxudicatario e en relación ó indice de prezos ó consumo, como máximo.

5. Financiamento e pagamento: para atende-las obrigas económicas que se deriven do contrato existe crédito suficiente no orzamento vixente, con cargo ás seguintes partidas orzamentarias:

1.789.800 pesetas(partida) 121.22700.

3.502.836 pesetas(partida) 412.22700.

6.464.652 pesetas(partida) 422.22700.

6. Capacidade para contratar: están capacitadas para contratar as persoas naturais, xurídicas españolas ou estranxeiras, que teñan plena capacidade de obra e acrediten a correspondente clasificación ou, no seu defecto, solvencia económica, financeira ou técnica nos termos dos artigos 16 e 17 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas e non estean afectadas por ningunha das circunstancias que enumera o artigo 20 como prohibitivas para contratar establecidas no dito Real decreto lexislativo 2/2000.

No presente suposto, ademais do da capacidade requirida anteriormente, as empresas adxudicatarias deberán ser persoas físicas ou xurídicas das que a finalidade ou actividade teña relación directa co obxecto do presente contrato, nos termos fixados no artigo 197 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño.

A Administración poderá contratar con unións de empresas que se constitúan temporalmente para o efecto (sen que sexa necesaria a súa formalización en escrituras públicas ata que se efectúe a adxudicación) as cales responderán solidariamente ante a Administración e ante a cal nomearán un representante ou apoderado único, sendo necesaria a clasificación de cada unha como empresa de obra.

Vista a contía do servicio que se vai contratar non se esixe clasificación para esta contratación.

7. Garantía provisional: de conformidade co establecido no artigo 35 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, non se esixe a prestación de garantía provisional.

8. Garantía definitiva: a garantía definitiva será do 4% do orzamento do contrato e poderá constituírse de calquera das formas previstas no artigo 36 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño.

9. Presentación de proposicións: as propostas presentaranse no Rexistro Xeral de Entrada de documentos, das 9 ás 13 horas, durante os 15 días naturais

seguintes ó da última publicación no Diario Oficial de Galicia ou BOP.

Tamén poderán presentarse proposicións por correo neste caso o interesado deberá acreditar, co xustificante correspondente, a data de imposición do envío na oficina de correos e anunciar o mesmo día o órgano de contratación, por fax, telex ou telegrama, a remisión da proposición. Sin tales requisitos non será admitida a proposición, no caso en que se reciba fóra do prazo fixado no anuncio de licitación.

10. Mesa de contratación: a mesa de contratación estará integrada ou constituída de modo sinalado no acordo plenario do día 2 de agosto de 2000, de designación de mesa de contratación como órgano permanente.

11. Cualificación da documentación xeral: rematado o prazo de presentación de proposicións, a mesa de contratación procederá á cualificación da documentación presentada, polos licitadores no sobre B, en sesión non pública, no día sinalado, ás 13 horas.

Se a mesa de contratación observa defectos materiais na documentación presentada, poderá conceder, se o estima conveniente, un prazo non superior a 3 días para que o licitador o emende.

Se a documentación tivera defectos substanciais ou deficiencias materiais non reparables a proposición será rexeitada.

Condicións técnicas.

1. Obxecto: a contratación que se vai realizar comprende os traballos propios de limpeza e mantemento da casa do concello, centro de saúde e colexios Nicolás del Río e O Areal.

a) Reposición de papel hixiénico e xabón.

b) Productos de limpeza necesarios para realiza-lo servicio.

c) O servicio realizarase do seguinte xeito:

Casa do concello: limpeza diaria excepto os sábados e domingos, abranguendo unha limpeza xeral dúas veces ó ano, unha ó remata-lo verán e a outra ó comeza-lo ano.

Centro de saúde: limpeza diaria, supeditado o horario ás necesidades do servicio, abranguendo unha limpeza xeral dúas veces ó ano, unha ó remata-lo verán e a outra ó comeza-lo ano. Tamén comprenderá o servicio de lavandería (sabas, toallas, cortinas, etc.).

Colexios Nicolás del Río e O Areal: limpeza diaria durante todo o ano, de luns a sábados, excepto os meses de xullo e agosto, en que soamente se efectuará unha limpeza cada semana, debéndose levar a cabo dúas limpezas completas ó ano, unha ó comezo do curso escolar e outra a primeiros de ano, no mes de xaneiro, preferentemente en período inhábil escolar.

Cedeira, 13 de setembro de 2000.

Xoán Xosé Rodríguez Pérez

Alcalde-presidente