Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Martes, 07 de novembro de 2000 Páx. 14.969

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 24 de outubro de 2000 pola que se normalizan os documentos para a prescrición, dispensación e uso do medicamento veterinario, e o Libro Rexistro de Tratamentos Veterinarios na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 25/1990, do 20 de decembro, do medicamento, e o Real decreto 109/1995, do 27 de xaneiro, sobre medicamentos veterinarios, actualizaron a normativa aplicable ó medicamento veterinario. Así mesmo, a Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica de Galicia, no título V introduce unha serie de precisións en relación coa dispensación e distribución do medicamento veterinario. Tendo en conta a lexislación básica do Estado, sen prexuízo da normativa que no seu día poida emanar desta Comunidade Autónoma, e ata que se produza o desenvolvemento normativo previsto pola Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica de Galicia, faise necesario regula-la prescrición, dispensación e o uso do medicamento veterinario, mediante a adopción dun modelo normalizado da receita veterinaria, así como atribuírlle ó Consello Galego de Colexios Veterinarios a edición e distribución da receita veterinaria normalizada co obxectivo de dispor dun sistema áxil de xestión, dada a vinculación da

organización colexial cos facultativos veterinarios.

Por outro lado, faise necesario regular e normaliza-las características que debe reunir na Comunidade Autónoma de Galicia o libro rexistro de tratamentos, do medicamento veterinario, de levanza obrigatoria polas explotacións gandeiras galegas productoras de alimentos con destino ó consumo humano, e polos facultativos veterinarios en determinados casos.

Facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e a Lei 12/1989, do 4 de outubro, e logo de conformidade do Consello Galego de Colexios Veterinarios,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

As disposicións desta orde teñen por obxecto normaliza-lo documento de prescrición e dispensación e o libro rexistro de tratamentos, do medicamento veterinario, na Comunidade Autónoma de Galicia, e atribuírlle a edición e distribución da receita e selo veterinarios normalizados ó Consello Galego de Colexios Veterinarios.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde seralle de aplicación á prescrición, dispensación e ó uso dos medicamentos veterinarios na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Definicións.

Receita veterinaria normalizada: documento normalizado nesta orde polo que os facultativos veterinarios legalmente capacitados prescriben a medicación para a súa dispensación polos centros autorizados, e o tratamento dos animais.

Selo normalizado: selo identificativo do facultativo veterinario legalmente capacitado que efectúa a prescrición.

Prescrición veterinaria normalizada: acto do facultativo veterinario legalmente capacitado, con base no recoñecemento previo dos animais, de emisión dunha receita veterinaria normalizada.

Libro Rexistro de Tratamentos: documento de anotación de tratamentos prescritos ós animais.

Edición e distribución da receita veterinaria normalizada e do selo veterinario normalizado: a actividade atribuída ó Consello Galego de Colexios Veterinarios, consistente na edición dos documentos normalizados da receita veterinaria recollida no artigo 4º e do selo veterinario normalizado establecido no artigo 5º, e a distribución destes documentos e selos ós facultativos veterinarios legalmente capacitados.

Artigo 4º.-Receita veterinaria normalizada.

Establécense os modelos da receita veterinaria normalizada que deberán ser utilizados polos facultativos veterinarios para a prescrición dos medicamentos de uso veterinario regulados no artigo 49 do Lei 25/1990, do 20 de decembro, do medicamento e no Real decreto 157/1995, do 3 de febreiro, polo que se establecen as condicións de preparación, posta no mercado e utilización dos pensos medicamentosos, para a súa dispensación polos centros autorizados e o tratamento dos animais. Os citados modelos recóllense no anexo I.

Constarán de tres exemplares autocopiativos: un orixinal destinado ó centro dispensador do medicamento, unha primeira copia para o propietario ou responsable dos animais, e unha segunda copia para o facultativo veterinario que efectúe a prescrición. A receita poderá levala o prescritor de xeito informatizado.

Artigo 5º.-Selo veterinario normalizado.

Establécese o modelo de selo veterinario normalizado, que será o recollido no anexo II, e deberá figurar necesariamente na receita veterinaria normalizada no espacio destinado á sinatura e ó selo do citado documento por parte do veterinario prescritor, e incluirá un número identificativo do veterinario legalmente capacitado, que será único para toda a Comunidade Autónoma galega.

Artigo 6º.-Validación.

A receita veterinaria normalizada só terá validez para tódolos efectos establecidos na normativa vixente, cando sexa emitida por facultativo veterinario legalmente capacitado, segundo os requisitos recollidos no documento correspondente ó anexo I, e estea asinada e selada co selo veterinario norma-

lizado recollido no anexo II. Así mesmo, o citado selo valerá, xunto coa sinatura, para valida-lo libro rexistro de tratamentos das explotacións gandeiras.

Artigo 7º.-Atribución.

Atribúeselle ó Consello Galego de Colexios Veterinarios a edición e distribución da receita e do selo normalizados descritos nos artigos 4º e 5º.

O Consello Galego de Colexios Veterinarios está obrigado, no que respecta á edición e distribución da receita e selo regulados nesta orde, a facilitar tódolos datos que se soliciten e a poñelos á disposición da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, no formato que se determine, e a levar un sistema informatizado que posibilite a rastrexabilidade da edición e distribución da receita e do selo normalizados.

Artigo 8º.-Responsabilidade da custodia.

A responsabilidade da custodia das receitas e dos selos veterinarios normalizados corresponderá, no que respecta á súa edición e distribución, ó Consello Galego de Colexios Veterinarios e ós colexios veterinarios oficiais, se é o caso.

Os facultativos veterinarios legalmente capacitados terán a responsabilidade na custodia das receitas e selo recibidos, agás que medie comunicación por escrito de subtracción ou extravío ó Consello Galego de Colexios Veterinarios.

Artigo 9º.-Libro Rexistro de Tratamentos.

No nivel das explotacións gandeiras levarase un libro rexistro dos tratamentos realizados ós animais da explotación. Así mesmo, os facultativos veterinarios, cando realicen prescricións dos medicamentos ós que se refire o Real decreto 1373/1997, do 29 de agosto, polo que se prohiben determinadas sustancias de efecto hormonal e tireostático e substancias beta-agonistas de uso na cría do gando, ou realicen prescricións excepcionais de acordo co artigo 81 do Real decreto 109/1995, do 27 de xaneiro, estarán tamén obrigados a levar un libro rexistro de tratamentos.

Os libros rexistro de tratamentos das explotacións e dos facultativos veterinarios corresponderanse co modelo que se establece no anexo III, e para que teñan validez deberán estar dilixenciados polos servicios veterinarios oficiais de Sanidade e Producción Animal.

Artigo 10º.-Infraccións e sancións.

De conformidade o establecido no artigo 55 da Lei 5/1999, do 21 de maio, no artigo 107 da Lei 25/1990, do 20 de decembro e no Decreto 431/1996, do 29 de novembro, as infraccións en materia do medicamento veterinario serán obxecto das sancións administrativas correspondentes, trala instrucción do oportuno procedemento, sen prexuízo

das responsabilidades civís, penais ou doutra orde que poidan concorrer.

Disposición transitoria

Serán válidas mentres non se efectúe a edición e distribución das receitas veterinarias normalizadas reguladas nesta orde, as receitas editadas polo Consello Galego de Colexios Veterinarios, como máximo ata o 31 de decembro de 2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Producción Agropecuaria para dictar, no ámbito das súas competencias, cantas normas sexan necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2000.

Castor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

ANEXO I

Receita veterinaria normalizada

En xeral para tódalas receitas:

1. Características: papel autocopiativo por triplicado; orixinal e dúas copias brancas de sesenta (60) gramos.

2. Dimensións: largo 23 cm; alto 11,5 cm.

3. Código de identificación: composto polos seguintes caracteres:

-Código da Comunidade Autónoma: constará de dous díxitos de acordo co anexo IV.

-Dous díxitos que identifican a provincia: de acordo co código INE.

-Un díxito de verificación ou control xerado mediante unha operación matemática a partir dos restantes caracteres numéricos.

-Oito díxitos de identificación da receita: os dous primeiros corresponderán ó ano de edición e os seis seguintes ó número de orde de edición.

-Código de barras que se corresponderá coa numeración de identificación da receita. Utilizarase o código 128-set A.

-Para a levanza informatizada da receita: poderán imprimirse os tres exemplares citados no artigo 4º en formato proporcionalmente reducido e despregados na mesma páxina DIN A4, con dimensións de cada exemplar de 20 cm de largo por 9 cm de alto.

ANEXO IV

1. Andalucía.

2. Aragón.

3. Asturias.

4. Balears.

5. Canarias.

6. Cantabria.

7. Castela-A Mancha.

8. Castela e León.

9. Cataluña.

10. Estremadura.

11. Galicia.

12. Madrid.

13. Murcia.

14. Navarra.

15. País Vasco.

16. A Rioxa.

17. Comunidade Valenciana.