Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Martes, 14 de novembro de 2000 Páx. 15.219

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 269/2000, do 2 de novembro, polo que se crean os institutos de educación secundaria de Cotobade e número 2 de Vilanova de Arousa na provincia de Pon-

tevedra.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31 e o artigo 1 do Decreto 213/1998, do 23 de xullo, establece que lle corresponde á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a competencia en materia de educación.

Promulgada a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, de acordo co Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarios e o Real decreto 173/1998, do 16 de febreiro, polo que se modifica e completa o Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, e dada a demanda de postos escolares, faise preciso a creación destes dous institutos de educación secundaria, tendo en conta as necesidades existentes, a racional distribución das ensinanzas e as características de cada zona.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, ó abeiro do artigo 17 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación e o artigo 1.3 do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobado polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de novembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créanse os institutos de educación secundaria de Cotobade (código 36024197) con capacidade para 8 unidades de educación secundaria obrigatoria e nº 2 de Vilanova de Arousa (código 36024203) con capacidade para 8 unidades de educación secundaria obrigatoria.

Artigo 2º

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adoptará as medidas necesarias para o mellor cumprimento do anteriormente sinalado e determinará as ensinanzas que se impartan e o cadro de persoal docente, administrativo e subalterno necesario para o máis eficaz desenvolvemento das actividades docentes.

Disposición derradeira

Única.-O presente decreto entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de novembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria