Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Mércores, 15 de novembro de 2000 Páx. 15.274

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 17 de outubro de 2000 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia e do seu consello regulador.

Por Orde do 15 de xullo de 1998, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura recoñeceu a Denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia para o mexillón producido, envasado e depurado na Comunidade Autónoma de Galicia.

Entre as funcións asignadas ó seu Consello Regulador figuraba a redacción do proxecto de regulamento particular da denominación, que elevaría a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para a súa aprobación.

En consecuencia, unha vez cumprida a dita obrigación, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 e 4 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Recoñécese con carácter definitivo a denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia e apróbase o seu regulamento co texto articulado que figura como anexo á presente orde.

Disposición transitoria

O Consello Regulador provisional da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia asumirá a totalidade das funcións que lle correspondan segundo o capítulo VII do seu regulamento, continuando os seus compoñentes nos seus cargos respectivos ata que o Consello Regulador definitivo quede constituído.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados para dicta-las normas precisas para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2000.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO

Regulamento da denominación de orixe

Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia

e do seu Consello Regulador

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

De acordo co disposto na Lei 25/1970, do 2 de decembro, Estatuto da viña, do viño e dos alcois, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo, así como no Real decreto 728/1988, do 8 de xullo, polo que se establece a normativa á que deben axustarse as denominacións de orixe, específicas e xenéricas dos productos agroalimentarios non vínicos; no Regulamento (CEE) 2081/1992, do Consello, do 14 de xullo, relativo á protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos productos agroalimentarios, e a Orde do 25 de xaneiro de 1994, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, pola que se precisa a correspondencia entre a lexislación española e o dito regulamento, en materia de denominacións de orixe e indicacións xeográficas dos productos agroalimentarios, quedan protexidos coa denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia os mexillóns que, reunindo as características especificadas neste regulamento, cumpran na súa

producción, elaboración e comercialización tódolos requisitos establecidos nel e na lexislación vixente que os afecte.

Para a aplicación da normativa anterior terase en conta o que establece o Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, de transferencia de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de denominacións de orixe, viticultura e enoloxía.

Artigo 2º

1. A protección outorgada esténdese a mención Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia de acordo

co disposto nos artigos 81 e seguintes da Lei 25/1970 e demais lexislación aplicable.

2. Para que o mexillón amparado poida levar na etiquetaxe o nome de Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia, será condición necesaria que a materia prima proceda integramente das zonas de producción establecidas no presente regulamento e que a elaboración se realice no interior do espacio terrestre que rodea estas, que, en todo caso, se identifica coa Comunidade Autónoma de Galicia e os municipios que a compoñen.

3. Queda prohibida a utilización noutros mexillóns non amparados de nomes, termos, expresións e signos que, pola súa similitude fonética ou gráfica cos protexidos, poidan inducir á confusión cos que son obxecto deste regulamento, aínda nos casos en que vaian precedidos da terminoloxía «tipo», «elaborado en...», «con empresa en...», «con bateas ou viveiros en...» e outras análogas.

Artigo 3º

A defensa da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do cumprimento deste, así como o fomento e control da calidade do mexillón amparado, quedan encomendados ó Consello Regulador da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia, á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no ámbito das súas competencias.

Artigo 4º

1. O Consello Regulador elaborará un Manual de Calidade e Procedementos, en aplicación da norma EN45011, sobre criterios xerais relativos ós organismos de certificación que realizan a certificación do producto, que será aprobado pola autoridade competente e posto ó dispor dos inscritos.

2. O Consello Regulador elevará á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia os acordos adoptados que afecten os dereitos e deberes dos inscritos.

Capítulo II

Da producción

Artigo 5º

1. A zona de producción do mexillón protexido pola denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia está constituída pola correspondente ó ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e que o Consello Regulador comprobe que reúne as condicións para a producción do mexillón, da variedade que se indica no artigo 6, coa calidade necesaria para obte-lo producto coas características específicas do amparado pola denominación, cumprindo en xeral as disposicións establecidas para a cría de moluscos e, en especial, a Directiva do

Consello 79/923/CEE, do 30 de outubro de 1979, relativa á calidade esixida ás augas para cría de moluscos, o Real decreto 345/1993, do 5 de marzo, polo que se establecen as normas de calidade das augas e da producción de moluscos e outros invertebrados mariños, e o Real decreto 571/1999, do 9 de abril, polo que se establece a regulamentación técnico-sanitaria que fixa as normas aplicables á producción e comercialización de moluscos bivalvos vivos.

2. Establecen as seguintes subzonas e polígonos de producción:

a) Subzona ría de Ares-Sada: polígonos Sada-1 e Sada-2.

b) Subzona ría de Muros-Noia: polígonos Noia-A, Muros-A e Muros-B.

c) Subzona ría de Arousa: polígonos Ribeira-B, Ribeira-C, O Caramiñal-A, O Caramiñal-B, O Caramiñal-C, O Caramiñal-D, O Caramiñal-E, O Caramiñal-G, O Caramiñal-H, Vilagarcía-A, Vilagarcía-B, Cambados-A (1-2), Cambados-B, Cambados-C (1-2), Cambados-E, Cambados-G, O Grove-A, O Grove-B, O Grove-C, O Grove-D, O Grove-E, O Grove-G e O Grove-H.

d) Subzona ría de Pontevedra: polígonos Cangas-A, Cangas-B, Bueu-A (1-2), Bueu-B, Portonovo-A, Portonovo-B e Portonovo-C.

e) Subzona ría de Vigo: polígonos Cangas-C, Cangas-D, Cangas-E, Cangas-F, Cangas-G, Cangas-H, Redondela-A, Redondela-B, Redondela-C, Redondela-D, Redondela-E e Vigo-A.

3. A certificación de novos polígonos, para os efectos da súa inclusión na zona de producción, realizaraa o Consello Regulador, quen, con este fin, elevará proposta á autoridade competente, sen prexuízo da normativa autonómica, nacional e comunitaria que deban cumprir para o cultivo de moluscos, debendo quedar delimitados na correspondente documentación cartográfica.

Artigo 6º

Unicamente se poderán amparar baixo a denominación de Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia, mexillóns da especie Mytilus galloprovincialis.

Artigo 7º

1. As prácticas de cultivo serán as tradicionais na zona, sendo o sistema de producción a batea ou viveiro flotante, no que a semente de mexillón se coloca sobre as cordas que se colgan das plataformas situadas na parte interna da liña imaxinaria entre puntas exteriores da ría, onde permanecen completamente somerxidos ata alcanzaren o seu tamaño comercial.

2. A semente que se utilice deberá proceder dos bancos naturais tradicionais de recolección, da costa

galega exclusivamente, ou dos colectores de semente das propias bateas.

3. Realizarase un proceso intermedio, denominado «desdobramento», consistente en extrae-las cordas de semente e confeccionar outras despois de reduci-lo número de individuos e homoxeneizalos, co fin de lograr unha maior calidade final.

4. En todo caso, cumpriranse as condicións establecidas no Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de cultivos mariños nas augas de Galicia.

Artigo 8º

1. A colleita realizarase co máximo esmero, dedicándose para o mexillón protexido unicamente o que proceda das cordas de cultivo. O transporte do producto desde o peirao de descarga á empresa comercializadora ou transformadora realizarase cumprindo coa normativa aplicable.

2. O Consello Regulador poderá proporlle á autoridade competente a adopción de normas específicas segundo a época do ano, tipo de mexillón ou destino final deste, para garantir en todo momento a idoneidade do proceso e conseguir unha calidade óptima.

Artigo 9º

1. A superficie e dimensións das bateas ou viveiros flotantes e o nº de cordas de cultivo serán as establecidas pola lexislación vixente.

Artigo 10º

1. Non se admitirá a inscrición no rexistro de bateas daqueles viveiros que non estean debidamente autorizados para o cultivo de mexillón ou non figuren no rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

2. Calquera variación na titularidade das bateas inscritas nos rexistros da denominación deberá ser comunicada ó Consello Regulador polo titular desta.

Capítulo III

Da elaboración e comercialización

Artigo 11º

1. As técnicas empregadas na manipulación do mexillón nos centros de depuración e/ou de expedición e empresas transformadoras tenderán a obter productos de máxima calidade, mantendo as características do mexillón ó abeiro da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia.

2. O mexillón, para o seu almacenamento ou depuración, deberá ser instalado nas piscinas do centro de depuración e/ou expedición, separado do chan delas e somerxido en auga de mar tratada de acordo coa normativa vixente.

3. Para a súa comercialización en fresco, os mexillóns deberán ser expedidos por aqueles estable

cementos debidamente autorizados, sen ningunha manipulación posterior, fóra das zonas autorizadas. O mexillón deberá estar limpo, procedendo ó seu lavado previo con auga de mar limpa para eliminar tódalas adherencias brandas da súa cuncha.

4. Deberán ser sometidos, se é o caso, a depuración ou reinstalación, de acordo coa normativa nacional ou comunitaria e, tamén conforme a dita normativa, pasar obrigatoriamente por un centro de expedición.

5. Para a súa comercialización como mexillón transformado deberanse segui-los procedementos de conxelación ou pasteurización que se adapten á normativa sanitaria vixente. No manual de calidade constarán as normas que deberán cumpri-los productos finais que, en todo caso, prohibirán o uso de colorantes ou potenciadores de sabor.

6. A presentación dos mexillóns amparados frescos, refrixerados ou conxelados será en envases etiquetados e inviolables, quedando autorizados os tradicionalmente utilizados e que cumpran a normativa vixente.

7. A elaboración do producto realizarase exclusivamente no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, nos municipios que a compoñen, de acordo co establecido no artigo 2.2º deste regulamento.

Capítulo IV

Cualificación e características do mexillón

Artigo 12º

1. En xeral, o mexillón producido, elaborado e transformado nas bateas e empresas inscritas, para facer uso da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia, deberán cumprir unha serie de condicións fisiolóxicas e morfolóxicas que se identifican co Mytilus galloprovincialis, cultivado en batea en Galicia.

a) Descrición.

O Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia é un molusco bivalvo, cunha cuncha que se atopa formada por dúas valvas iguais (equivalvas) de carbonato cálcico, cubertas externamente por unha capa denominada periostraco. Nela a miúdo atópanse adheridos balanos (arneirón), poliquetos e briozoos.

Ten unha característica forma de machada, puntiaguda e groso no extremo anterior ou umbo e larga, moi afiada, no posterior. A color externa é negra azulada (o borde posterior ó estar en desenvolvemento é castaño claro) e pódense observar unhas liñas concéntricas denominadas estrías de crecemento. A articulación dunha valva con outra realízase por medio dun sistema de bisagra denominado charneira, que se atopa situado no borde anterior dorsal.

En canto ó aspecto interno, o primeiro que se observa é o manto. Trátase dunha estructura, normalmente de cor crema alaranxada, constituída por dous lóbu

los que a modo de abrigo abraza e encerra as vísceras do mexillón. Presenta unha ampla abertura na rexión ventral por onde entra a auga ó interior e un pequeno orificio nas proximidades do músculo aductor posterior, que é por onde a expulsa. Nos bordes atópase unha sinuosa banda de cor violeta escura que ten unha serie de prolongacións que se entrelazan.

b) Características morfolóxicas e fisiolóxicas:

Características morfolóxicas e fisiolóxicas do Mytilus galloprovincialis cultivado en batea en Galicia:

Mytilus galloprovincialis

Morfolóxicas:
Cor do borde do mantoVioleta ou púrpura escura
CharneiraMenos alongada
Músculo aductor anteriorPequeno
Extremo apicalPuntiagudo. Curvado cara a dentro

Fisiolóxicas:
Repouso sexualCurto
Liberación de gametos cando están xuntosEn distinta época
Consumo de O.Decrece a partir de 25 graos
Ritmo cardíacoBaixo
Resistencia a baixas temperaturasAta 7 grados
Resistencia a baixas salinidadesAta 19 por mil

Xenéticas (frecuencias alélicas):
Alelo 90. Est-D88-95%
Alelo 100. Est-D1-6%
Alelo 100. Lap-I3-6%
Alelo 108. Lap-I43-61%
Alelo 100. MP-155-93%

2. O Consello efectuará contrastes puntuais para verificar que as condicións dos puntos anteriores seguen en vigor para o Mytilus galloprovincialis cultivado en batea en Galicia.

3. O mexillón, ademais, deberá superar un proceso de certificación que determine o cumprimento dos parámetros establecidos no Manual de Calidade da denominación para os diferentes tipos de producto ou os que poidan establece-la Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

4. O proceso de control efectuarase por cada partida de producto homoxéneo que se descargue nos peiraos autorizados para esta actividade, nos centros de expedición e nas empresas transformadoras.

5. O proceso de control será efectuado polo Consello Regulador, que deberá cumpri-la norma EN 45011, de acordo co establecido nos artigos 35 e 36, ou por empresas de recoñecido prestixio e solvencia, que, en todo caso, contarán coas preceptivas acreditacións.

6. O mexillón certificado deberá mante-las súas características e frescura, coas súas valvas cerradas, ou que ó seren obxecto dunha lixeira presión se manteñan cerradas. En caso de que se constate algunha alteración nestas características en detrimento da calidade, ou que na súa elaboración e conservación se tivesen incumprido os preceptos deste regulamento ou os sinalados na lexislación vixente, o mexillón no poderá estar ó abeiro da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia.

Artigo 13º

1. Os tipos de mexillón ó abeiro da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia e os parámetros destes son:

A) Tipos mexillón fresco. Fíxanse exclusivamente os seguintes:

a) Normal:

-Normal-1 (N-1): de 28 a 32 pezas por quilogramo.

-Normal-2 (N-2): de 33 a 40 pezas por quilogramo.

b) Especial:

-Especial-1 (E-1): hasta 23 pezas por quilogramo.

-Especial-2 (E-2): de 24 a 27 pezas por quilogramo.

B) Tipos mexillón transformación. Fíxanse exclusivamente os seguintes:

Establécense tres tipos de vianda, numerados do 1 ó 3, segundo o número de viandas por quilogramo:

Clase 1 - grande: 80 a 130 viandas por quilogramo.

Clase 2 - mediano: 131 a 200 V/kg.

Clase 3 - normal: 201 a 330 V/kg.

C) Características analíticas.

En calquera dos tipos antes mencionados, o mexillón observará un rendemento mínimo de carne do 12%.

No mexillón destinado a transformación, para cada porcentaxe de rendemento fixaráselle a clase de vianda correspondente.

D) Outras características.

O mexillón, para estar ó abeiro da denominación de orixe, deberá presentar un aspecto externo acorde co establecido no artigo 12º.1.a).

Capítulo V

Rexistros

Artigo 14º

1. O Consello Regulador levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de bateas.

b) Rexistro de centros de depuración e/ou expedición.

c) Rexistro de empresas comercializadoras.

d) Rexistro de empresas transformadoras.

2. Para poder optar a inscribirse nos rexistros mencionados, tanto as bateas como as empresas deberán estar situadas nas unidades xeográficas relacionadas nos artigos 5º e 11º deste regulamento.

3. As solicitudes de inscrición dirixiranse ó Consello Regulador nos impresos que este dispoña, achegando os datos, documentos e comprobantes que,

en cada caso, sexan requiridos polas disposicións e normas vixentes.

Formulada a petición, as bateas ou empresas serán inspeccionadas por persoal técnico do Consello Regulador co obxecto de comprobar se reúnen as condicións esixidas neste regulamento.

4. O Consello Regulador denegará as inscricións que no se axusten ós preceptos deste regulamento.

5. A inscrición nestes rexistros no exime os interesados da obriga de inscribírense naqueles rexistros que, con carácter xeral, estean establecidos na lexislación vixente e, en especial, nos rexistros da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, o que haberá que acreditar previamente á inscrición nos rexistros do Consello Regulador.

Artigo 15º

1. No rexistro de bateas unicamente poderán inscribirse aquelas situadas na zona de producción e que o seu mexillón poida ser destinado ó producto ó abeiro da denominación.

2. Na inscrición figurará o nome do productor, co seu enderezo, o da batea, coa cuadrícula, polígono, distrito e ría, facéndose constar a organización, asociación ou cooperativa á que pertence, e o nome do xerente ou responsable, no caso de sociedades.

3. Coa solicitude de inscrición achegarán fotocopia da concesión outorgada pola autoridade competente.

4. O Consello Regulador entregará unha credencial da dita inscrición ós productores.

5. A solicitude de inscrición no rexistro de productores e bateas é voluntaria, igual que a súa correspondente baixa neste, sendo necesario cumpri-las obrigas pendentes co Consello. Unha vez producida esta, deberán transcorrer catro anos naturais antes de que a batea en cuestión poida volver a inscribirse, salvo cambio de titularidade debidamente documentado.

Artigo 16º

1. En cada un dos rexistros de empresas inscribiranse todas aquelas que, situadas na zona establecida no artigo 2º.2, realicen algunha das actividades de depuración, manipulación, comercialización ou transformación do mexillón procedente das bateas inscritas e poidan optar ó uso da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia. Para iso deben cumprir tódolos requisitos que estipula este regulamento.

2. Na inscrición figurará a denominación ou razón social da empresa, domicilio legal dela, localidade e municipio onde estean situadas as súas instalacións; características, tipos de actividade e maquinaria, inscrición rexistral, rexistro sanitario, información fiscal e o nome do xerente o responsable, no caso de sociedades.

3. Coa solicitude de inscrición achegaranse copias dos certificados de inscrición nos diferentes rexistros estipulados pola lexislación vixente.

4. O Consello Regulador entregará ó titular un certificado acreditativo da dita inscrición, indicando as actividades para as que está inscrita.

5. A inscrición nos diferentes rexistros de empresas é voluntaria, igual que a súa correspondente baixa, sendo necesario cumpri-las obrigas pendentes co Consello. Unha vez producida esta, deberán transcorrer catro anos naturais antes de que a empresa en cuestión poida volver a inscribirse, salvo cambio de titularidade debidamente documentado.

Artigo 17º

1. Nas empresas inscritas nos rexistros da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia non poderá realizarse a depuración, manipulación, comercialización ou transformación de mexillón procedente doutras áreas situadas fóra da zona de producción desta denominación.

2. As empresas, no momento da súa inscrición, realizarán unha declaración en que deberán especificar si realizarán outras actividades distintas ás da denominación de orixe, someténdose ás normas establecidas no regulamento e Manual de Calidade para controlar eses productos e garantir en todo caso a orixe e a calidade dos mexillóns protexidos pola denominación.

3. As persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritas bateas ou empresas soamente poderán realiza-los labores propios da súa actividade nos viveiros ou locais declarados nos rexistros do Consello cando se trate de producto cualificado, perdendo, en caso contrario, o dereito á cualificación.

Artigo 18º

1. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros será indispensable cumprir, en todo momento, os requisitos que impón o presente capítulo.

Será necesario comunicarlle ó Consello Regulador calquera variación que afecte os datos subministrados na inscrición cando aquela se produza. En consecuencia o Consello Regulador poderá suspender ou revoga-las inscricións sempre que os titulares destas no se axusten ás citadas prescricións.

2. O Consello Regulador efectuará inspeccións periódicas para comproba-la efectividade do disposto no presente capítulo, quedando facultado para adopta-las medidas necesarias.

Se das inspeccións efectuadas se desprendese que unha entidade carece de actividade ou que nos dous últimos anos no comercializou productos amparados pola denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia, poderase suspender provisionalmente a inscrición no rexistro correspondente, de acordo coas normas dictadas polo Consello e previa

incoación de expediente, salvo causas de forza maior debidamente xustificadas ante este.

3. Tódalas inscricións nos diferentes rexistros serán voluntarias e renovaranse no prazo e forma que determine o Consello Regulador.

Capítulo VI

Dereitos e obrigas

Artigo 19º

1. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritas nos rexistros indicados no artigo 14º as súas bateas ou instalacións poderán producir, manipular, transformar ou comercializar mexillón que deba ser amparado pola denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia.

2. Soamente pode aplicarse a denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia ós mexillóns procedentes de bateas e instalacións inscritas nos rexistros correspondentes, producidos, manipulados, transformados ou comercializados conforme as normas esixidas por este regulamento e que reúnan as condicións establecidas nos artigos 11º, 12º e 13º del.

3. O dereito ó uso da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia e os seus símbolos, anagramas ou logotipo, en propaganda, publicidade documentación ou etiquetas é exclusivo das sinaturas inscritas nos rexistros do Consello Regulador.

4. Toda persoa física ou xurídica que teña bateas ou instalacións inscritas nos correspondentes rexistros desta denominación, queda obrigada ó cumprimento das disposicións deste regulamento e das normas e acordos que, dentro das súas competencias, dicten a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia e o Consello Regulador, así como a satisface-las exaccións que lle correspondan.

Artigo 20º

1. As marcas que figuran autorizadas, así como os símbolos, emblemas, rótulos publicitarios ou calquera outro tipo de propaganda que se empreguen aplicados ós mexillóns protexidos pola denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia, non poderán ser utilizados na comercialización doutro mexillón ou productos derivados deste.

2. Excepcionalmente, cando o Consello Regulador, por petición do interesado, entenda que a aplicación destes nomes noutros productos derivados do mexillón no poida causar prexuízo ó producto protexido, elevará a proposta sobre a súa aplicación á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 21º

1. Nas etiquetas do mexillón comercializado figurará sempre de forma destacada a mención Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia e, optativamente, o seu logotipo, ademais dos datos que con carácter xeral se determinen na lexislación aplicable.

2. Antes da posta en circulación de etiquetas, estas deberán ser autorizadas polo Consello Regulador, para os efectos que se relacionan neste regulamento. Será denegada a aprobación daquelas etiquetas que, por calquera causa, poidan dar lugar a confusión no consumidor, así como poderá ser revogada a autorización dunha xa concedida anteriormente, cando variasen as circunstancias da sinatura propietaria desta, previa audiencia do interesado; todo isto sen prexuízo das competencias que correspondan a outras institucións en materia de supervisión do cumprimento das normas xerais de etiquetaxe.

3. Calquera que sexa o tipo de envases en que se expida o mexillón para o consumo, irán provistos de contraetiquetas numeradas, expedidas polo Consello Regulador, que deberán ser colocadas nas propias empresas comercializadoras, centros de expedición ou empresas transformadoras, de acordo coas normas que dicte o Consello e de forma que non se permita unha segunda utilización.

4. O Consello Regulador adoptará e rexistrará un emblema como símbolo da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia, logo de aprobación da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia.

5. O Consello Regulador poderá facer obrigatorio que nas bateas e exterior das empresas ou instalacións rexistradas, en lugar destacado, figure unha placa que reproduza o logotipo da denominación.

Artigo 22º

1. Tanto as expedicións de mexillón que desde os peiraos de carga se dirixen ás empresas comercializadoras, centros de expedición e empresas transformadoras, así como destas ós diferentes mercados, deberán ir xunto coa documentación establecida na lexislación vixente en cada momento.

2. Calquera expedición de producto protexido dunha empresa ou instalación rexistrada a outra nas mesmas condicións deberá ser comunicada ó Consello Regulador.

Artigo 23º

1. A manipulación, transformación e comercialización do mexillón ó abeiro da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia deberá realizarse exclusivamente en empresas encravadas nas zonas definidas por este regulamento e que se atopen inscritas no correspondinte Rexistro do Consello.

2. Os tipos e medidas dos envases para a comercialización do mexillón estarán determinados no Manual de Calidade.

3. Os materiais utilizados serán aqueles tradicionalmente usados na comercialización de mexillón galego que, en todo caso, cumpran a normativa vixente en cada momento e que estarán recollidos no Manual de Calidade.

Artigo 24º

1. O producto protexido, comercializado en fresco, deberá estar vivo no momento da súa compra.

2. A data de envasado deberá ir tradeada ou sinalada de forma indeleble na contraetiqueta do Consello.

Artigo 25º

A forma e información que deben conte-las contraetiquetas para o producto protexido, así como os sistemas automáticos de emisión, estarán recollidos no Manual de Calidade.

Artigo 26º

1. Co obxecto de poder controla-la producción, manipulación, transformación e comercialización, así como as calidades, tipos e canto sexa necesario para poder acredita-la orixe e a calidade do mexillón, as persoas físicas o xurídicas titulares de bateas ou empresas estarán obrigadas a:

a) Os titulares de bateas inscritas no rexistro facilitarán en cada descarga de producto protexido o nome e demais datos que identifiquen o viveiro, permitindo o control do mexillón e a comprobación das cantidades desembarcadas.

b) Os titulares de empresas inscritas no rexistro levarán un sistema de control de contraetiquetas, de entradas e saídas de producto e permitirán as inspeccións que en calquera momento poida determina-lo Consello Regulador para un perfecto control do producto protexido.

2. En caso de que nunha partida de mexillón se chegase a producir unha mingua superior á establecida no artigo 44º.1.f) deberase comunicar por escrito ó Consello Regulador, especificando as causas desta.

3. As obrigas fixadas nos puntos anteriores no eximen os interesados do cumprimento de efectua-las declaracións sobre producción, manipulación, transformación e comercialización que se teñen en conta na lexislación vixente.

Capítulo VII

Do consello regulador

Artigo 27º

1. O Consello Regulador da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia é un organismo dependente da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia, con carácter de órgano desconcentrado, e con atribucións decisorias en cantas funcións se lle encomenden neste regulamento, de acordo co que se determina no artigo 87 do regulamento da Lei 25/1970, do 2 de decembro, do Estatuto da viña, do viño e dos alcois.

2. O seu ámbito de competencia estará determinado:

a) No territorial, pola respectiva zona de producción.

b) En razón dos productos, polos protexidos pola denominación.

c) En razón das persoas, polas inscritas nos diferentes rexistros.

Artigo 28º

É misión principal do Consello Regulador a de aplica-los preceptos deste regulamento e velar polo seu cumprimento, para o que exercerá as funcións que se lle encomendan neste e no ordenamento xurídico vixente.

Artigo 29º

O Consello Regulador poderá, se así se considerase oportuno, vixia-lo movemento de mexillón o de productos derivados non protexidos pola denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia, que se produzan, manipulen, transformen ou comercialicen ou transiten dentro da zona de producción e elaboración, informando das irregularidades detectadas á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia, sen prexuízo da intervención dos organismos competentes no dito control.

Artigo 30º

1. O Consello Regulador da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia estará constituído por:

a) Un presidente.

b) Seis vocais, en representación do subsector productor, elixidos democraticamente por e entre os titulares de bateas inscritas no Rexistro de bateas.

c) Seis vocais, elixidos democraticamente, en representación das empresas comercializadoras, centros de expedición e empresas transformadoras. Catro vocais corresponderán ós centros de depuración e/ou expedición e empresas comercializadoras de mexillón fresco e dous ás empresas de transformación.

2. As reunións do Consello deberán asistir en calidade de expertos ou técnicos, un máximo de 3 representantes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

3. O presidente será nomeado a proposta dos vocais electos polo Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

4. Por cada un dos vocais do subsector productor e do subsector comercializador e transformador designarase un suplente, elixido da mesma forma que o titular.

5. Os cargos de vocais do Consello Regulador serán renovados cada catro anos e poden ser reelixidos.

6. En caso de cesamento dun vocal por calquera causa legal, a súa vacante será cuberta polo seu substituto, que permanecerá no cargo ata que teña lugar a seguinte renovación do Consello Regulador.

7. O prazo máximo para a toma de posesión dos vocais será, como máximo, dun mes, contado desde a data da súa proclamación.

8. Causará baixa o vocal que durante o período de vixencia do seu cargo sexa sancionado por infracción grave en materias que regula este regulamento, ben persoalmente o ben a firma que represente. Igualmente, causará baixa por ausencia inxustificada a dúas sesións consecutivas ou tres alternas no período dun ano, ou por causar baixa nos rexistros do Consello, ou por perde-la súa vinculación co sector que o elixiu ou coa razón social á que pertenza.

Artigo 31º

Os vocais elixidos na forma que se determina anteriormente deberán estar vinculados ós sectores que representan, ben directamente ou por seren representantes das sociedades que se dedican ás actividades aquí reguladas. Non obstante, unha mesma persoa física ou xurídica inscrita en varios rexistros do Consello Regulador no poderá ter en este representación dobre, unha no subsector productor e outra no subsector comercializador e transformador, nin directamente nin a través de sinaturas filiais ou socios desta.

Artigo 32º

1. Ó presidente correspóndelle:

a) Representar ó Consello Regulador. Esta representación poderá delegala de forma expresa nos casos en que sexa necesario.

b) Cumprir e facer cumpri-las disposicións legais e regulamentarias.

c) Administra-los ingresos e fondos do Consello Regulador e ordena-los pagamentos, de acordo coas decisións tomadas polo Pleno.

d) Convocar e presidi-las sesións do Consello Regulador, sinalando a orde do día, sometendo á decisión deste os asuntos da súa competencia, e executa-los acordos adoptados.

e) Organiza-lo réxime interior do Consello Regulador.

f) Propoñerlle ó Consello a contratación, suspensión ou renovación do seu persoal.

g) Organizar e dirixi-los servicios.

h) Informar á Administración pública correspondente das incidencias que ocorran na producción e mercado.

i) Remitirlle á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia e a outros organismos interesados, aqueles acordos que, para cumprimento xeral, acorde o Consello en virtude das atribucións que lle confire este regulamento e aqueles que pola súa importancia estime que deban ser coñecidos por eles.

j) As funcións relativas á xestión da calidade, que serán recollidas no Manual da Calidade, como cumprimento da Norma EN-45011.

k) Aquelas outras funcións que o Consello acorde, ou que lle encomende á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, no ámbito da presente denominación de orixe.

2. A duración do mandato do presidente será de catro anos e pode ser reelixido.

3. O presidente cesará:

a) Ó expira-lo seu mandato.

b) A petición propia, unha vez aceptada a súa demisión.

c) Por decisión da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, despois de incoación e resolución firme do expediente para o efecto, por incorrer nalgunha das causas xerais de incapacidade establecidas na lexislación vixente ou por perda da confianza do Pleno, manifestada en votación secreta por maioría de dous tercios dos seus membros.

d) Polas demais causas recoñecidas no ordenamento xurídico.

4. No caso de cesamento ou falecemento do presidente, o Consello Regulador no prazo dun mes propoñerá un candidato a presidente, comunicándollo á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para a súa designación.

5. As sesións de constitución do Consello Regulador e aquelas nas que se estudie a elección de presidente serán presididas por unha mesa de idade composta polo vocal de maior idade e os dous máis novos.

Artigo 33º

Nos casos de ausencia, enfermidade e nos demais previstos neste regulamento, correspóndelle ó vocal de maior idade substituí-lo presidente. No exercicio das súas funcións, pola falta do presidente, este vocal terá as mesmas competencias e obrigas daquel.

Artigo 34º

1. O Consello reunirase cando o convoque o presidente, ben por iniciativa propia ou a petición da metade dos vocais, sendo obrigatorio que haxa sesión polo menos unha vez ó trimestre.

2. As sesións do Consello Regulador convocaranse con oito días de antelación, polo menos; debendo a citación xuntar orde do día para a reunión, na que non poderán tratar máis asuntos que os previamente sinalados.

Para a inclusión na orde do día dun asunto determinado, non incorporado polo presidente, será necesario que o soliciten polo menos tres dos vocais, con catro días de antelación como mínimo.

En caso de necesidade, cando así o requira a urxencia do asunto a xuízo do presidente, citarase os vocais polos medios axeitados, con vintecatro horas de anticipación como mínimo.

Na falta de convocatoria e con carácter excepcional, o Consello Regulador quedará validamente constituído cando estean presentes a totalidade dos seus membros e así o acorden por unanimidade.

3. Cando un titular no poida asistir, notificarallo ó Consello Regulador, expresando a causa da súa

ausencia, para os efectos de que poida ser substituído polo seu suplente.

4. Os acordos do Consello Regulador adoptaranse por maioría dos membros presentes e para a súa validez será necesario que estean presentes máis da metade dos seus membros. O presidente terá voto de calidade.

5. Para resolver cuestións de trámite, ou naqueles casos en que se estime necesario, poderá constituírse unha Comisión Permanente, que estará formada polo presidente e, polo menos, dous vocais titulares designados polo Pleno, en representación de cada sector.

Na sesión na que se acorde a constitución da dita Comisión Permanente, aprobaranse tamén as misións específicas que lle competen e as funcións que exercerá.

O Pleno poderá nomear, sen contravi-la lexislación vixente, unha Comisión de Cualificación, coa misión específica de acorda-la cualificación, descualificación ou emprazamento das partidas de mexillón sometidas ó control do Consello Regulador, de acordo cos informes técnicos correspondentes.

O pleno do Consello Regulador poderá, así mesmo, establecer outras comisións para tratar ou resolver asuntos concretos.

Tódalas resolucións que tome a Comisión Permanente ou outras comisións serán comunicadas ó Pleno do Consello na primeira reunión que teña lugar.

Artigo 35º

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador contará co persoal necesario, de acordo co cadro de persoal aprobado polo Pleno, e que figure dotado no seu orzamento.

2. O Consello Regulador terá un secretario, designado polo propio Consello, por proposta do presidente, do que directamente dependerá, e que terá como cometidos específicos os seguintes:

a) Prepara-los traballos do Consello e tramita-la execución dos seus acordos.

b) Asistir ás sesións con voz, pero sen voto, cursa-las convocatorias, levanta-las actas e custodia-los libros e documentos do Consello.

c) Os asuntos relativos ó réxime interior do Consello, tanto de persoal como administrativos, exercendo a xefatura inmediata sobre o persoal.

d) Actuar como instructor nos expedientes sancionadores incoados polo Consello Regulador.

e) As demais funcións que lle encomende o presidente relacionadas coa preparación e instrumentación dos asuntos da competencia do Consello ademais de todas aquelas relacionadas co sistema de calidade e que serán recollidas no Manual da Calidade.

3. Para as funcións técnicas que ten encomendadas, o Consello contará cos servicios técnicos

necesarios, a dirección dos que recaerá en técnico competente designado polo Consello por proposta do presidente.

4. Cumprindo coas especificacións da norma EN-45011, o Consello designará un Xestor da calidade. O seu nome, funcións e responsabilidades serán recollidos no Manual da Calidade.

5. Para os servicios de control e vixilancia contará con inspectores propios, encadrados dentro dos servicios técnicos, ou poderá contratar estes a unha empresa de recoñecido prestixio e solvencia no ámbito do control e certificación.

As funcións inspectoras que se desenvolverán son:

a) Sobre as bateas situadas na zona de producción.

b) Sobre tódalas descargas de producto protexido.

c) Sobre as empresas comercializadoras, centros de expedición e empresas transformadoras.

6. O Consello Regulador poderá contrata-lo persoal necesario para efectuar traballos urxentes, sempre que teña aprobado no orzamento dotación para este concepto.

7. A todo o persoal do Consello, tanto con carácter fixo como eventual, seralle de aplicación a lexislación laboral vixente.

Artigo 36º

1. O Consello establecerá un Comité de Seguimento do Programa de Control, formado polo presidente ou persoa en quen delegue, un vocal do subsector de producción e outro do subsector comercializador e transformador.

2. O comité terá a misión de avaliar e realizar ou seguimento do programa de control executado polos servicios propios do Consello Regulador ou pola empresa contratada a tal efecto.

3. Os criterios para a constitución e funcionamento do dito comité constarán no Manual da Calidade.

Artigo 37º

1. O financiamento das obrigas do Consello efectuarase cos seguintes recursos:

1.1. Co producto das exaccións parafiscais que se fixa levarán no artigo 90 da Lei 25/1970, ás que se aplicarán os seguintes tipos:

a) O 0,1% á exacción anual sobre bateas.

b) O 0,15% á exacción sobre productos amparados comercializados.

c) Pola expedición de certificados ou visados de facturas haberá que aterse ó establecido en cada caso na normativa vixente.

d) O dobre do prezo de custo sobre as precintas ou contraetiquetas.

Os suxeitos pasivos de cada unha das exaccións son: da a), os titulares das bateas inscritas; da b), os titulares das empresas comercializadoras, centros

de expedición e empresas transformadoras que expidan mexillón ó abeiro desta denominación de orixe ó mercado; da c), os titulares das empresas inscritas solicitantes de certificados ou visados de facturas; da d), os titulares das empresas inscritas solicitantes de precintas ou contraetiquetas.

Para determina-lo cálculo da alínea a), asimilarase o concepto hectárea do artigo 90.2º a), da Lei 25/1970 ó de batea.

1.2. As subvencións, legados, donativos e demais transmisións de bens e dereitos a título gratuíto das que sexa beneficiario o Consello Regulador.

1.3. As cantidades que puidesen percibirse en concepto de indemnización por danos e prexuízos ocasionados ó Consello Regulador ou ós intereses que representa.

1.4. Os bens que constitúen o seu patrimonio e os productos e vendas deste.

2. Os tipos impositivos fixados neste artigo poderán variarse, por proposta do Consello Regulador, pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, dentro dos límites sinalados no artigo 90 da Lei 25/1970, do 2 de decembro, e no seu regulamento aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo, cando as necesidades orzamentarias do Consello así o recomenden.

3. A xestión dos ingresos e gastos que figuren nos orzamentos correspóndelle ó Consello Regulador.

4. A aprobación dos orzamentos e das contas anuais será efectuada polo Consello Regulador e remitida á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia, de acordo coas normas establecidas por este organismo e coas atribucións e funcións que lle asigne a lexislación vixente na materia.

Artigo 38º

1. Os acordos do Consello Regulador que non teñan carácter particular e afecten a unha pluralidade de suxeitos poderán notificarse mediante o envío de circulares ós inscritos e expoñéndoos nas oficinas do Consello Regulador. Tamén se remitirán ós concellos dos municipios incluídos dentro da zona de producción e ás organizacións do sector legalmente constituídas. A exposición das ditas circulares publicarase polo menos nun dos seguintes medios: Diario Oficial de Galicia, BOP de Pontevedra e A Coruña ou xornal de maior tiraxe nas ditas provincias.

2. Contra os acordos e resolucións que adopte o Consello Regulador poderase interpor recurso de alzada ante a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia, dentro do prazo dun mes contado desde a comunicación daqueles, tal como prevén os artigos 114 e concordantes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo VIII

Infraccións, sancións e procedemento

Artigo 39º

Tódalas actuacións que sexa preciso desenvolver en materia de expedientes sancionadores axustaranse ás normas deste regulamento; ás da Lei 25/1970, do 2 de decembro, do Estatuto da viña, do viño e dos alcois e ó seu regulamento aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo; ó Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da producción agroalimentaria, en canto lles sexa de aplicación; á vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; ó regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto; e a cantas disposicións xerais estean vixentes no seu momento sobre a materia.

Artigo 40º

1. As infraccións do disposto neste regulamento e dos acordos do Consello Regulador serán sancionadas con apercibimento, multa, comiso da mercadoría, suspensión temporal no uso da denominación de orixe ou baixa no rexistro ou rexistros desta, conforme se expresa nos artigos seguintes, sen prexuízo das sancións que por contraviren a lexislación xeral sobre a materia poidan ser impostas.

2. As bases para a imposición de multas determinaranse de acordo co artigo 120 do Decreto 835/1972, do 23 de marzo. Na súa alínea 1 a) entenderase asimilado o concepto de hectárea a batea.

Artigo 41º

As infraccións cometidas polas persoas inscritas nos rexistros da denominación de orixe do presente regulamento clasifícanse en:

a) Faltas administrativas.

b) Infraccións do establecido neste regulamento sobre producción, elaboración e características do mexillón protexido.

c) Infraccións por uso indebido da denominación ou por actos que poidan causarlle prexuízo ou desprestixio.

d) Infraccións por obstrucción ás tarefas inspectoras ou de control do Consello Regulador ou dos seus axentes autorizados, conforme o establecido no artigo 5.2º do Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño.

Artigo 42º

1. Son faltas administrativas, en xeral, as inexactitudes e omisións nas declaracións, documentos comerciais autorizados, asentos, libros de rexistro,

fichas de control e demais documentos e, especialmente, as seguintes:

a) Inexactitudes e omisións de datos e comprobantes, nos casos que sexan precisos para a inscrición nos distintos rexistros, sempre que non sexan determinantes para a inscrición.

b) Non comunicarlle antes dun mes ó Consello Regulador, desde o momento en que se produza, calquera variación que afecte os datos subministrados no momento da inscrición nos rexistros.

c) O incumprimento por inexactitude ou omisión do establecido neste regulamento sobre declaracións de producción, comercialización, transformación ou existencias de mexillón.

d) O incumprimento da normativa vixente na expedición de productos, en referencia ó citado no artigo 22º deste regulamento.

e) A falta de libros de rexistro, fichas de control ou cantos outros documentos sexan obrigatorios conforme o regulamento presente.

f) As restantes infraccións do regulamento na materia á que se refire este artigo.

2. As faltas administrativas sancionaranse con apercibimento ou con multa do 1 ó 10% da base por cada batea no caso da producción, ou do valor dos productos afectados.

Artigo 43º

1. Son infraccións das normas establecidas neste regulamento sobre producción, manipulación, comercialización, transformación e características do mexillón protexido, as seguintes:

a) O incumprimento das normas sobre prácticas de cultivo.

b) Expedir ou utilizar, para transformar, mexillón amparado con rendementos inferiores ou previamente descualificado.

c) Subministrar mexillón procedente de bateas non rexistradas no Consello Regulador.

d) O incumprimento das normas de manipulación e transformación.

e) A subministración de información ou documentación falsa.

f) As restantes infraccións que se produzan contra o disposto no regulamento na materia a que se refire este artigo.

2. Estas infraccións sancionaranse con multa do 2 ó 20% da base por cada batea no caso da producción, ou do valor dos productos afectados. Ademais neste último caso poderá ser aplicado o comiso.

Artigo 44º

1. Son infraccións por uso indebido da denominación de orixe ou por actos que poidan causarlle prexuízo ou desprestixio, as seguintes:

a) A utilización de nomes comerciais, marcas, símbolos ou emblemas que fagan referencia á deno

minación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia ou ós nomes protexidos por ela, na comercialización doutros mexillóns non protexidos, doutros productos de similar especie ou derivados deste non protexidos, así como as infraccións do artigo 21º.

b) O uso da denominación en mexillón que non fose producido, manipulado ou transformado conforme as normas establecidas pola lexislación vixente e por este regulamento, ou que non reúna as condicións establecidas nos artigos 12º e 13º del.

c) O emprego de nomes comerciais, marcas ou etiquetas non aprobadas polo Consello Regulador.

d) As infraccións do disposto no artigo 17º deste regulamento.

e) A indebida tenza, negociación ou utilización dos documentos, precintas, etiquetas, contraetiquetas, selos, etc., propios da denominación ou do Consello Regulador.

f) A existencia de mexillón nunha empresa inscrita sen a preceptiva documentación que ampare a súa orixe como producto protexido pola denominación, ou a existencia nunha empresa de documentación que acredite unhas existencias de mexillón ou productos transformados protexidos pola denominación sen a contrapartida destes productos. As existencias de mexillón na empresa deben coincidir coas existencias declaradas documentalmente, ben que o Consello Regulador non entenderá como infracción diferencias inferiores ó 2% máis ou menos.

g) A expedición de mexillón que non corresponda ás características de calidade mencionadas nos seus medios de comercialización.

h) La expedición, circulación ou comercialización de mexillón amparado en tipos de envases non aprobados polo Consello Regulador.

i) A expedición, circulación ou comercialización de mexillón amparado pola denominación desprovisto das precintas ou contraetiquetas numeradas, ou carentes dos medios de control establecidos polo Consello Regulador.

j) Efectua-la manipulación ou transformación de envases en locais que non sexan as empresas rexistradas e autorizadas polo Consello Regulador.

k) O incumprimento do establecido neste regulamento e no referente a envases, documentación, precintaxe e transporte de mexillón para a exportación.

l) Falsear ou omitir nas declaracións para a inscrición nos diferentes rexistros os datos e comprobantes que, en cada caso, sexan precisos, sempre que sexan determinantes para a inscrición.

m) A manipulación, traslado ou disposición en calquera forma da mercadoría intervida cautelarmente polo Consello Regulador.

n) Non ter pagado as exaccións parafiscais previstas no artigo 36º por parte dos suxeitos pasivos de cada unha delas.

o) En xeral calquera acto que contraveña o disposto neste regulamento e que prexudique ou desprestixie a denominación ou que supoña un uso indebido dela.

2. Estas infraccións sancionaranse con multa que irá desde vinte mil pesetas ata o dobre do valor da mercadoría ou productos afectados, cando este valor supere a dita cantidade, levando parello o comiso do producto en cuestión.

Artigo 45º

1. Son infraccións por obstrucción ás tarefas inspectoras ou de control do Consello Regulador, as seguintes:

a) A negativa ou resistencia a subministra-los datos, facilita-la información ou permitir o acceso á documentación requirida polo Consello Regulador, os seus axentes autorizados ou os das empresas contratadas para o cumprimento das funcións de información, vixilancia, investigación, inspección, tramitación e execución, nas materias a que se refire ou presente regulamento ou as demoras inxustificadas para facilita-los referidos datos, información ou documentación.

b) A negativa á entrada ou permanencia dos inspectores do Consello Regulador nas bateas, embarcacións, empresas e demais instalacións inscritas e os seus anexos.

c) Resistencia, coacción, ameaza, represalia ou calquera outra forma de presión ós inspectores ou representantes do Consello Regulador, así como a tentativa de exercer tales actos.

2. Estas infraccións sancionaranse de acordo co establecido no Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño.

Artigo 46º

1. As infraccións cometidas polas persoas non inscritas nos rexistros do Consello Regulador son:

a) Usar indebidamente a denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia.

b) Utilizar nomes comerciais, marcas, expresións, signos ou emblemas que pola súa identidade ou similitude gráfica ou fonética cos nomes protexidos pola denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia, ou con signos ou emblemas característicos dela, poidan inducir a confusión sobre a natureza e ou orixe dos productos, sen prexuízo dos dereitos adquiridos, que sexan debidamente recoñecidos polos organismos competentes.

c) Emprega-los nomes xeográficos protexidos por esta denominación de orixe en etiquetas e propaganda de mexillón e productos derivados, sen dereito a denominación, aínda que vaian precedidos polos termos «tipo» e outros análogos.

d) Calquera acción que cause prexuízo ou desprestixio á denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia e tenda a producir confusión no consumidor respecto dela.

2. Estas infraccións sancionaranse con multa que irá desde vinte mil pesetas ata o dobre do valor da mercadoría, cando este valor supere aquela cantidade, e ademais co seu comiso.

Artigo 47º

Para aplicación das sancións previstas nos artigos anteriores teranse en conta as seguintes normas:

1. Aplicaranse no seu grao mínimo cando:

a) Se trate de simples irregularidades na observancia das regulamentacións, sen transcendencia directa para os consumidores ou que non supoñan especial beneficio para o infractor.

b) Se emenden os defectos no prazo establecido para iso polo Consello Regulador.

c) Se probe que non existiu mala fe.

2. Aplicaranse no seu grao medio cando:

a) A infracción teña transcendencia directa sobre os consumidores ou supoña un beneficio especial para ou infractor.

b) Non se emenden os defectos no prazo sinalado polo Consello Regulador.

c) A infracción se produza por unha actuación neglixente, con inobservancia das normas de actuación expresamente acordadas polo Consello Regulador.

d) En tódolos demais casos en que non proceda a aplicación dos graos mínimo ou máximo.

3. Aplicaranse no seu grao máximo cando:

a) Se produza reiteración na negativa a facilitar información, prestar colaboración ou permitir o acceso á documentación esixida por este regulamento ou polos acordos do Consello Regulador.

b) Se probe manifesta mala fe.

c) Da infracción deriven graves prexuízos para a denominación, os seus inscritos e/ou os consumidores.

d) Se producise obstrucción ós inspectores do Consello na investigación da infracción.

4. Nos casos das infraccións tipificadas na alínea e) do artigo 43º.1; nas alíneas a), b), d), i), j) na súa primeira parte, l), m) e n) do artigo 44º.1 e nas alíneas a) na súa primeira parte, b) e c) do artigo 45º.1, poderase aplica-la suspensión temporal do uso da denominación ou sancionar coa baixa nos rexistros dela.

A suspensión do dereito ó uso da denominación de orixe levará parella a suspensión do dereito a obter certificados de orixe, precintas, contraetiquetas e demais documentos do Consello Regulador.

A baixa suporá a exclusión do infractor nos rexistros do Consello y, como consecuencia, a perda dos dereitos inherentes á denominación.

Artigo 48º

Considérase que hai reincidencia cando o infractor fose sancionado, mediante resolución en firme, por unha infracción das comprendidas no presente regulamento, durante os cinco anos anteriores.

En caso de reincidencia as multas serán superiores nun 50% ás máximas establecidas neste regulamento. Se o reincidente cometera nova infracción, as multas poderán ser elevadas ata o triple dos ditos máximos.

Artigo 49º

1. Poderá ser aplicado o comiso dos productos, como sanción única ou como accesoria doutra principal, se é o caso, ou o pagamento do importe do seu valor cando o comiso non sexa factible.

2. No caso de desaparición, cambio ou calquera manipulación efectuada sobre a mercadoría retida, intervida ou comisada aplicarase o disposto no Código penal.

Artigo 50º

1. O procedemento sancionador poderá iniciarse en virtude das actas levantadas polos inspectores do Consello Regulador, por comunicación dalgunha autoridade ou órgano administrativo ou por denuncia formulada polos particulares sobre algún feito ou conducta que poida ser constitutiva de infracción.

2. As actas de inspección levantaranse por triplicado e serán asinadas polo inspector e polo propietario ou representante da batea, establecemento ou empresa, ou encargado da custodia da mercadoría, en poder do cal quedará unha copia da acta.

Ámbolos dous asinantes poderán consignar no acta cantos datos ou manifestacións consideren convenientes para a estimación dos feitos que se consignen nela así como de cantas incidencias ocorran no acto de inspección ou levantamento da acta.

Os feitos contrastados polos inspectores e reflectidos nas actas terán valor probatorio, sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos e intereses poidan sinalar ou presentar os interesados.

Se o inspeccionado se negara a asinar a acta, farao constar así o inspector, procurando a sinatura dalgún axente da autoridade ou testemuña.

3. No caso de que se estime conveniente polo inspector, polo propietario da mercadoría ou polo representante desta, tomaranse mostras do producto obxecto de inspección. Cada mostra tomarase, polo menos, por triplicado e en cantidade suficiente para o exame e análise dela. Precintarase e etiquetará, quedando unha en poder do inspeccionado.

4. Cando o inspector que levante a acta o estime necesario, poderá dispoñer que a mercadoría etiquetas, contraetiquetas ou outros artigos queden retidos ata que polo instructor do expediente se dispoña o pertinente, dentro do prazo de corenta e cinco días hábiles a partir da data de levantamento da

acta de inspección. Cando esta medida se refira a mexillón fresco deberase ter en conta a súa característica de producto perecedoiro.

As mercadorías retidas consideraranse como mercadorías en depósito, non podendo por tanto ser trasladadas, manipuladas, ofrecidas en venda ou vendidas. Se é o caso de que se estime procedente poderán ser precintadas.

Artigo 51

1. A incoación e instrucción dos expedientes sancionadores corresponderalle ó Consello Regulador cando o infractor estea inscrito nalgún dos seus rexistros.

Nos demais casos o Consello Regulador poñerao en coñecemento dos órganos competentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, sen prexuízo das competencias que corresponderan ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

2. Con anterioridade á iniciación do procedemento sancionador, ou Consello Regulador poderá realizar actuacións previas, conseguindo os informes necesarios das persoas que considere convenientes, a fin de determinar se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación.

3. A resolución dos expedientes incoados polo Consello Regulador correspóndelle ó propio Consello, cando a sanción que se impoña non exceda de cincuenta mil pesetas. Se excedera desta cantidade, elevará a súa proposta á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, sen prexuízo das competencias que corresponderan ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Para os efectos de determina-la competencia a que se refire o apartado anterior adicionarase o valor do comiso ó importe da multa.

4. Nos expedientes de carácter sancionador incoados polo Consello Regulador deberá actuar como instructor o secretario do Consello, e como secretario exercerá o letrado deste ou, en caso de non o haber, unha persoa ó seu servicio, asegurando sempre a axeitada separación entre a fase de instrucción e resolución, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. A decisión sobre o comiso definitivo dos productos ou o destino destes corresponderalle a quen teña atribuída a facultade de resolve-lo expediente.

Artigo 52º

Das infraccións en productos envasados será responsable a firma ou razón social da que figure o nome na etiqueta. Sobre as que se teña producido en productos a granel, o posuidor destes. Verbo das que deriven do transporte de mercadorías, recaerá a responsabilidade nas persoas que determine a lexislación vixente.

Artigo 53º

Nos casos nos que a infracción concirna ó uso indebido da denominación de orixe, o Consello

Regulador, sen prexuízo das actuacións e sancións administrativas pertinentes, poderá acudir ós tribunais de xustiza, exercendo as accións civís e penais oportunas, debidamente recoñecidas pola lexislación vixente.