Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Xoves, 23 de novembro de 2000 Páx. 15.668

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DA CORUÑA

ANUNCIO (9/2000).

A Concellería de Urbanismo, con data do 4 de agosto de 2000, dictou a seguinte resolución:

Primeiro.-Incoar expediente para a aprobación de bases e estatutos da Xunta de Compensación que se vai constituír para a execución do polígono E7.01 do Plan Xeral de Ordenación Municipal vixente.

Segundo.-Aprobar inicialmente o proxecto de bases e estatutos presentado por José Freire Amador en nome e representación da comisión xestora constituída para estes efectos.

Terceiro.-Ordena-la citación persoal no expediente ós que aparezan como interesados na súa calidade de titulares de bens e dereitos afectados, así como a publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP do anuncio correspondente segundo o modelo oficial que se xunta, facultando a comisión, e no seu nome

a José Freire Amador como secretario dela, para a súa presentación e dilixenciamento perante o órgano correspondente.

O que se fai público de conformidade co disposto no artigo 133.4º en relación co 102, ámbolos dous da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia (BOE nº 103, do 30 de abril), para coñecemento das persoas que a seguir se citan:

Parcela: 4 e 5.

Nome: Álvarez Conchado e Hijos, S.A.

Domicilio: avenida Pasaxe, urb. Casablanca.

Parcela: 2.

Nome: Manuel Gulías Gulías.

Domicilio: r/ Principado de Asturias, 8, O Carballiño (Ourense).

Advertíndolles ós interesados que o expediente está ó seu dispor nas oficinas de Xestión do Servicio de Urbanismo, sitas na Avda. da Mariña, 18 entre as 12 e as 13.30 horas de luns a venres durante o prazo de 20 días contados a partir da publicación ou notificación do acordo que se cita, onde poderán consultalo e presentar cantas alegacións teñan por conveniente en defensa dos seus dereitos.

Esta publicación producirá tamén os efectos previstos no artigo 59.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común para aqueles supostos de interesados ós que non se lles poida practica-la notificación persoal.

A Coruña, 4 de agosto de 2000.

P.D.

O alcalde

Salvador Fernández Moreda

Xunta de Compensación polígono E7.01 Ronda de Outeiro I

Bases de actuación

Primeira.-Ámbito territorial e finalidade.

Estas bases de actuación refírense á Xunta de Compensación para o sector polígono E7.01 do solo urbano consolidado en Ronda de Outeiro I, e constitúen o instrumento obxectivo que determina os criterios para o cálculo de achegas e adxudicacións e a conseguinte repartición equitativa de beneficios e cargas, e demais aspectos funcionais que se recollen, no seu contido mínimo, no artigo 167 do Regulamento de xestión urbanística de agosto de 1978.

Segunda.-Criterios para valora-los predios achegados.

A valoración dos predios achegados axustarase ós requisitos establecidos nos artigos 133 e 101 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, tendo en conta, para os oportunos efectos, a superficie dos predios cos coeficientes correctores do valor do solo fixados na norma 10, coeficiente b) do Real decreto do 25 de xuño de 1993, sobre normas técnicas de valoración e cadro marco de valores do solo e das construccións para determina-lo valor catastral dos bens inmobles de natureza urbana, atribuíndo, en especial, en atención ás circunstancias urbanísticas de cada predio e en concreto a súa lonxitude a fachada, ó predio nº 1 o coeficiente 1, ó predio nº 2 o coeficiente 1, ó predio nº 3 o coeficiente

1, ó predio nº 4 o coeficiente 1 e ó predio nº 5 o coeficiente 0,60.

Por aplicación do criterio establecido no artigo 103 do Regulamento de xestión urbanística, en caso de discordancia entre os títulos e a realidade física dos predios, prevalecerá esta sobre aqueles.

Para os efectos de valoración teranse en conta tamén as características xeométricas dos predios, aplicándose a estes un coeficiente reductor do 0,85%.

A existencia de cargas ou gravames sobre os predios servirá igualmente de criterio corrector para efectos de aplicación de coeficientes reductores sobre as parcelas por tal concepto afectadas.

Terceira.-Criterios de valoración de dereitos reais sobre os predios, servidumes prediais e dereitos persoais que puidesen estar constituídos en razón delas.

Mediante subrogación real, as titularidades existentes sobre os antigos predios quedarán referidas, sen solución de continuidade ós correlativos predios resultantes, no seu mesmo estado e condicións, sen prexuízo da extinción dos dereitos e cargas que resulten incompatibles co planeamento; neste caso fixarase a indemnización correspondente a cargo do propietario respectivo.

Non obstante, as indemnizacións pola extinción de servidumes ou dereitos de arrendamento incompatibles co planeamento ou a súa execución consideraranse gastos de urbanización, correspondendo ós propietarios en proporción á superficie dos seus respectivos terreos.

A compatibilidade ou incompatibilidade dos dereitos e gravames coa nova ordenación, e as súas consecuencias para o traslado, valoración ou constitución dun dereito de crédito con garantía hipotecaria, rexerase polo establecido nos artigos 11 e 12 do Real decreto 1093/1997, do 4 de xullo.

A valoración das concesións administrativas está regulada no artigo 41 da Lei de expropiación forzosa. En canto á valoración de dereitos reais sobre inmobles, a referencia que o artigo 42 desta lei fai á lexislación do imposto sobre dereitos reais debe entenderse feita ó imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, sendo, polo tanto, de aplicación o artigo 10.1º do Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro.

En canto que a lexislación expropiatoria se limita a remitirse pola súa vez á lexislación de arrendamentos, e en defectos de normas máis específicas, procede aplica-los criterios dos xurados provinciais de expropiación, avalados pola xurisprudencia do Tribunal Supremo e o disposto no artigo 137 do Regulamento de xestión urbanística.

En todo caso serán de aplicación os criterios estimativos do artigo 43 da Lei de expropiación forzosa.

Cuarta.-Regras para a adxudicación de predios ós membros da xunta en proporción ós bens ou dereitos achegados, expresando os criterios de adxudicación en comunidade se procedese.

A adxudicación dos predios resultantes ós membros da xunta farase tendo en conta a relación de proporcionalidade entre os predios achegados por

cada un dos asociados, ou sexa, con relación á cota de participación de cada un.

Procurarase, en aplicación do establecido no artigo 95 do Regulamento de xestión urbanística, que os predios adxudicados estean situados no lugar máis próximo posible ó das antigas propiedades dos mesmos titulares. Esta regra non será necesariamente aplicable no caso de que as antigas propiedades estean situadas, en máis do 50% da súa superficie, en terreos destinados polo plan a vías, zonas verdes ou outros usos incompatibles coa propiedade privada.

Seguindo o contido do artigo 94 do Regulamento de xestión urbanística, cando a escasa contía dos dereitos dalgúns propietarios non permita que se lles adxudiquen predios independentes a todos eles, os soares resultantes adxudicaranse en pro indiviso a tales propietarios.

Esta mesma regra aplicarase en canto ós excesos cando, por esixencias da parcelación, o dereito de determinados propietarios non quede esgotado coa adxudicación independente que no seu favor se faga.

Sempre que o permitan as esixencias da parcelación, a adxudicación de predios independentes ó maior número posible de propietarios será preferible á adxudicación pro indiviso, e esta última á indemnización en metálico. Nas adxudicacións pro indiviso procurarase tamén a creación de comunidades do menor número posible de comuneiros.

Se a contía dos dereitos dalgún propietario non alcanzase o 15% da parcela mínima edificable, a adxudicación poderá substituírse por unha indemnización en metálico.

Quinta.-Supostos de incumprimento das obrigas dos membros da Xunta de Compensación que darán lugar á expropiación dos seus bens ou dereitos.

O incumprimento polos membros da Xunta de Compensación das obrigas e cargas impostas pola lei e desenvolvidas no Regulamento de xestión urbanística, mesmo cando o incumprimento se refira ós prazos para cumpri-los ditos deberes e cargas, habilitará a Administración actuante para expropia-los seus respectivos dereitos a prol da Xunta de Compensación, que terá a condición xurídica de beneficiaria.

Cando o incumprimento consista na negativa ou atraso no pagamento das cantidades adebedadas á xunta, esta poderá optar entre solicitar da Administración actuante a aplicación da expropiación ó membro moroso ou solicitar desta o cobramento da débeda pola vía de constrinximento.

Non poderá instarse ningún dos procedementos sinalados ata transcorrido un mes desde o requirimento de pagamento pola xunta.

O pagamento das cantidades que se lle deben á xunta, cos xuros e recargas que procedan, realizado en calquera momento anterior ó levantamento da acta de ocupación, dará lugar á cancelación do expediente expropiatorio.

Sexta.-Forma e prazos en que os propietarios de terreos ou titulares doutros dereitos teñen que realizar achegas á xunta, ben en metálico, ben en terreos ou en industria, se é o caso.

Os pagamentos á Xunta de Compensación deben realizarse no prazo máximo dun mes, contado desde o día seguinte ó recibo do requirimento que se realice para o efecto.

O pagamento farase normalmente en metálico, pero por acordo co obrigado, referendado en asemblea, poderá ser substituído por entrega de terreos ou prestacións persoais.

Sétima.-Regras para a distribución de beneficios e perdas.

A distribución de beneficios e perdas farase en función das cotas dos asociados.

Oitava.-Supostos de compensación en metálico nas diferencias de adxudicación.

De conformidade co establecido no artigo 101 da Lei do solo de Galicia, as compensacións económicas substitutivas ou complementarias por diferencias de adxudicación que, se é o caso, procedan, fixaranse atendendo ó prezo medio en venda das parcelas resultantes, sen incluí-los custos de urbanización.

Estatutos

Artigo 1º.-Denominación.

A Xunta de Compensación para o polígono E7.01 do solo urbano consolidado en Ronda de Outeiro I, constitúese con carácter administrativo, con personalidade xurídica propia e plena capacidade desde a súa inscrición no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras, segundo dispón o artigo 26.2º do Regulamento de xestión urbanística do 25 de agosto de 1978 e réxese polo disposto na lexislación urbanística estatal e da Comunidade Autónoma, polas demais normas legais que lle foran de aplicación e por estes estatutos.

Artigo 2º.-Domicilio.

O domicilio da Xunta de Compensación establécese no piso 2º esquerda da casa número 1 da rúa Marcial del Adalid, da cidade da Coruña.

Artigo 3º.-Obxecto.

A Xunta de Compensación ten por obxecto a xestión do polígono E7.01 do solo urbano consolidado para a Ronda de Outeiro I, previsto no Plan Xeral de 1998.

Artigo 4º.-Fins.

Os fins da xunta consisten en:

a) A xestión e execución polo sistema de compensación do polígono E7.01, Ronda de Outeiro I, delimitado no PXOM da Coruña, redactando o proxecto de compensación a través do cal se adxudican as parcelas resultantes ós seus membros e ós propietarios non incorporados en caso de que os seus terreos non sexan expropiados, en aplicación do disposto no artigo 134 da Lei do solo de Galicia, formalizándose tamén a través do dito proxecto as cesións para o uso e dominio público previstas na ordenación do citado polígono.

b) Asumi-la xestión e defensa dos intereses comúns dos seus membros, ante calquera autoridade e organismos da Administración pública, así como perante os xuíces e tribunais, en tódolos seus graos e xurisdiccións e fronte ós particulares.

c) En xeral o exercicio de cantos dereitos e actividades lle correspondan segundo os textos legais vixentes.

Artigo 5º.-Órgano urbanístico de control.

O órgano urbanístico baixo a tutela do cal utilizará a xunta segundo o artigo 134 da Lei do solo de Galicia e 162 e concordantes do Regulamento de xestión urbanística, é o Concello da Coruña.

Artigo 6º.-Duración e disolución.

1. Será a esixida polo cumprimento dos seus fins, comezando a actuar na data da súa inscrición no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras da Delegación Provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e durará ata que se cumpra totalmente o seu obxecto.

2. Non obstante, disolverase polas seguintes causas:

a) Por mandato xudicial, administrativo e prescrición legal.

b) Polo cumprimento total do seu obxecto e fins.

c) Voluntariamente, por ausencia de pluralidade de membros ou pola súa transformación en sociedade civil ou mercantil.

Constatada a causa polo órgano de goberno ou pola Administración actuante, procederase, se é o caso, á liquidación do seu patrimonio con aboamento, garantía ou subrogación do seu pasivo esixible e adxudicación do activo en terreos, dereitos ou metálico ós membros en proporción ás súas cotas.

Artigo 7º.-Membros da xunta. Incorporación. Efectos.

1. Serán membros propios da xunta os propietarios de terreos incluídos no seu ámbito e que, cumprindo os requisitos esixidos, se incorporen a ela en tempo e forma. Neste concepto formarán parte dela:

a) Os que promoven a súa constitución, en calidade de membros da comisión xestora.

b) Os demais propietarios que non se incorporen en calidade de membros da comisión xestora, promovendo a súa constitución, poderán solicita-la súa incorporación, conforme o artigo 134 da LSG, dentro do prazo dun mes a partir da notificación do acordo de aprobación definitiva destes estatutos e bases de actuación. Transcorrido o indicado prazo a incorporación só será posible se non entorpece o desenvolvemento do proceso e o aproba a Xunta de Compensación. Na solicitude de incorporación, realizada por escrito ó concello, farase constar expresamente a aceptación do sistema, dos estatutos e bases, e xuntaranse os títulos xustificativos da propiedade, con expresión da súa situación, superficie e estremas, declarando así mesmo as situacións xurídicas, cargas, gravames e arrendamentos que afecten os seus respectivos predios, indicando, se é o caso, os datos identificativos dos titulares nos ditos dereitos.

2. A efectiva incorporación requirirá o outorgamento da escritura pública de constitución ou da adhesión, se é o caso, de conformidade co artigo 163 RG.

3. A incorporación supón a ocupación e posesión dos terreos pola xunta, quen actuará como fiduciaria deles como pleno poder dispositivo.

4. Os propietarios do polígono que non se incorporen na forma indicada quedan suxeitos á expropiación forzosa en beneficio da xunta, podendo esta así mesmo solicitar no seu favor a ocupación dos ditos predios, de conformidade co previsto no artigo 134 LSG.

5. O Concello da Coruña, na súa calidade de Administración actuante, designará un representante no órgano rector da xunta, que actuará con voz e sen voto, agás o que lle corresponda, se é o caso, como titular de aproveitamento conforme a súa cota participativa.

Artigo 8º.-Dereitos e obrigas dos membros.

1. Son dereitos básicos dos membros:

a) Participar por si mesmo ou por representante no órgano rector da xunta emitindo o seu voto en proporción á súa cota participativa.

b) Obte-la xusta compensación na repartición de beneficios e cargas mediante a adxudicación de parcelas resultantes ou en metálico segundo proceda en proporción á súa cota.

2. É obriga básica dos membros participar en proporción á súa cota nos gastos que xere a actuación satisfacendo puntualmente as cantidades necesarias determinadas xustificadamente polo órgano rector.

Son tamén obrigas específicas dos membros:

a) Acreditar e facilitarlle á xunta cantos documentos e datos se refiran á súa propiedade e ós dereitos de terceiros que a limiten, e regularizar no necesario as ditas titularidades ou situacións.

b) Sinalar no momento da incorporación un domicilio para efectos de notificacións no termo municipal onde o teña a xunta ou onde está situado o ámbito de actuación e, se é o caso, a persoa que representa ó membro. No caso de cotitularidade dun predio ou dereito deberán designar unha soa persoa para o exercicio das súas facultades como membro da xunta e se non o designasen nomearao o órgano actuante.

c) Outorgar cantos documentos e autorizacións sexan necesarios para cumprir coas súas obrigas e co obxecto e fins da xunta.

O incumprimento das súas obrigas por un membro, que supoña obstáculo ou prexuízo á actuación física, xurídica ou económica da xunta lexitima a esta para promover no seu beneficio a expropiación forzosa do seu predio, a utilización da vía de constrinximento ou a aplicación dos efectos previstos para a ocupación forzosa no artigo 134 LSG.

Artigo 9º.-Goberno e administración da xunta.

1. A xunta será gobernada e administrada pola asemblea de membros, denominada órgano rector, que ten tódalas atribucións e as máis amplas facultades decisorias e executivas, sen ningunha limitación, sobre tódolos asuntos internos e externos concernentes á constitución, composición, participación, patrimonio, funcionamento, réxime xurídico e económico, actividade en xeral e disolución da xunta.

2. Tódolos membros da xunta, por si mesmos ou por representante, participarán no órgano rector calquera que sexa a súa cota participativa. En todo caso, o valor do voto de cada membro será equivalente ó da súa cota. A representación, que poderá ser ocasional ou permanente, deberá ser debidamente acreditada, e os representantes permanentes poderán substituír ocasionalmente a súa representación.

3. O órgano rector elixirá un presidente, vicepresidente e secretario da xunta, podendo desempeña-los ditos cargos os propios membros ou os seus representantes, tanto das persoas naturais coma xurídicas. O presidente, ou o vicepresidente en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou por delegación daquel, convoca e dirixe o desenvolvemento das reunións e executa os acordos do órgano rector, autoriza as actas e as certificacións e realizará tódolos demais actos para os que o faculte ou delegue con carácter xeral ou especial o órgano rector, desempeñando para o efecto a representación da xunta.

4. O secretario levanta a acta das reunións, expide as certificacións, realiza cantos actos de comunicación sexan necesarios e custodia toda a documentación da xunta levando, así mesmo, a xestión administrativa e económica desta. En caso de vacantes, ausencia ou enfermidade o órgano rector, ou provisionalmente o presidente, designarán o seu substituto.

5. A duración dos cargos será indefinida sen prexuízo da súa remoción en calquera momento mediante o pertinente acordo.

6. O órgano rector reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez ó ano para aproba-la memoria e as contas do exercicio anterior e os orzamentos do seguinte. Con carácter extraordinario reunirase cando o acorde o presidente ou o soliciten membros que teñan o 10% das actas de participación con expresión dos asuntos que se van tratar, debendo neste caso convocarse e ter lugar a reunión nos seguintes trinta días. Tamén poderá ter lugar unha reunión, con carácter de universal, estando presentes ou representados tódolos membros, sen necesidade de convocatoria previa e para tratar calquera asuntos e así se acorda por unanimidade.

7. As reunións serán convocadas polo presidente, sinalando lugar, día e hora, e asuntos que se van tratar, mediante carta certificada ou outro medio fidedigno, ós membros con cinco días de antelación. En primeira convocatoria quedará validamente constituída a reunión coa asistencia do 51% das cotas participativas; entendéndose unha hora despois validamente constituída en segunda convocatoria calquera que sexa o número de cotas presentes. Os acordos adoptaranse por maioría de cotas presentes agás para:

a) Modificar estatutos ou bases, para o cal se requirirá maioría absoluta de cotas participativas.

b) Aprobación do proxecto de compensación que requirirá acordo adoptado por maioría dos membros da xunta que pola súa vez represente os 2/3 das cotas de participación.

8. Para auxilia-lo desempeño das funcións do órgano rector e dos seus cargos contrataranse os medios

e servicios profesionais pertinentes, podéndose nomear un xerente da xunta coas facultades que se determinen no correspondente acordo.

Artigo 10º.-Réxime xurídico e económico.

1. A participación na xunta e na repartición de beneficios e cargas vén determinada polo valor dos predios achegados, expresándose nunha cota ou porcentaxe sobre o total de participacións. Esta cota define o valor do voto, así como determina o importe da participación nos gastos.

2. Son gastos da xunta os necesarios e requiridos pola execución da actuación, comprendéndose entre eles, sinaladamente, os de:

a) Constitución, funcionamento, disolución e liquidación da xunta, mesmo os producidos con anterioridade para os ditos fins.

b) Honorarios e prezos polos traballos e servicios contratados a terceiros, e en especial os derivados de estudios e asesoramentos técnicos, redacción de documentos urbanísticos, proxectos de obras e servicios e xestión xurídica, administrativa e económica.

c) Indemnizacións por expropiación ou supresión de bens e dereitos que afecten ós membros ou a terceiros.

d) Pagamento de tributos, dereitos e cargas de todo tipo derivados da actuación e do outorgamento de cantos actos, convenios ou documentos sexan necesarios.

3. Salvo acordo en contrario, o pagamento das cotas de contribución ós gastos realizarase no prazo de quince días desde que o órgano rector practique a notificación e requirimento, transcorrido o cal sen se ter realizado incorrerase nunha recarga do 10% en nun xuro moratorio ó tipo legal incrementado en dous puntos. Pasado un mes instarase da Administración a utilización da vía executiva ou a expropiación forzosa se en anterior ocasión foi necesario acudir a esta vía, aínda que estivese en curso; ou a aplicación dos efectos previstos no artigo 134 LSG.

4. Os acordos do órgano rector obrigan a tódolos membros da xunta, son inmediatamente executivos e non se suspenderán pola súa impugnación ou recurso. Contra estes acordos pode interporse recurso perante a Administración actuante no prazo dun mes desde a súa notificación ou coñecemento.