Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 24 de novembro de 2000 Páx. 15.686

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 8 de novembro de 2000 pola que se adapta ós regulamentos (CE) 1257 e 2603/1999 a Orde do 28 de outubro de 1999 desta consellería, pola que se convocan axudas para a conservación do contorno paisaxístico e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra.

A nova Política Agraria Común tende a fomenta-las medidas de desenvolvemento dunha agricultura menos intensiva, o emprego de prácticas de producción que diminúan os efectos contaminantes, a conservación de terras agrícolas abandonadas e a xestión con vista ó acceso do público e o ocio como instrumentos da política ambiental.

En particular, o Regulamento (CE) 2078/1992 do consello, do 30 de xuño, promovía métodos de producción agraria compatibles coas esixencias da protección do ambiente e a conservación do espacio natural, establecendo un réxime de axudas, cofinanciadas polo FEOGA-Garantía, para compensa-las perdas de renda orixinadas pola reducción da producción ou o aumento de custos que supoñen os ditos métodos.

O dito regulamento, no seu artigo 3, puntos 1º, 2º e 3º, regulaba a aplicación por parte dos estados membros do réxime de axudas a través de programas plurianuais de zona e, no punto 4, autorizaba que estes establecesen un marco regulamentario xeral, para a aplicación horizontal, na totalidade do seu territorio, dunha ou varias das axudas previstas.

De acordo co anterior, o Real decreto 51/1995, do 20 de xaneiro, estableceu un réxime de medidas horizontais para fomentar métodos de producción agraria compatibles coas esixencias da protección e a conservación do espacio natural.

Por outra parte, a decisión da Comisión C(95) 18, do 19 de xaneiro, aprobou o dispositivo de aplicación deste réxime de axuda en España, cun programa de medidas xerais aplicables en todo o territorio español e outro de medidas específicas aplicables en zonas seleccionadas, entre as que se atopan medidas para aplicar en zonas da Comunidade Autónoma de Galicia, con participación do FEOGA-Garantía nos gastos financeiros.

Neste marco, o sector agrario de Galicia debe combina-la súa adaptación a sistemas productivos máis eficientes co mantemento dunha cultura agraria propia, derivada dunha acción continua nun medio, ás veces hostil, que deu lugar a prácticas culturais como a construcción de socalcos para evitar unha erosión incontrolada, contribuíndo, en xeral, á conservación dunha paisaxe singular en harmonía co medio.

O viñedo é un cultivo especialmente importante nesta Comunidade Autónoma, tanto pola extensión da superficie cultivada, como polo número de traballadores empregados no sector, abarcando cinco denominacións de orixe en materia de viños.

Nos vales dos ríos Miño e Sil, nas provincias de Lugo e Ourense, existen zonas cunha paisaxe pecu

liar, caracterizada polo cultivo do viñedo en socalcos con muros de pedra, nas que a vide é coidada con métodos que evitan a erosión e aproveitan racionalmente as condicións naturais para a producción agrícola. Considérase necesario o establecemento dun programa de axuda que contribúa á permanencia desta paisaxe, ligado ó cultivo á man e a unha conservación cada vez máis custosa dos muros, práctica mantida secularmente desde a época romana, evitando o abandono do cultivo e a desaparición dos socalcos.

O Regulamento 2078/1992 foi derrogado polo Regulamento (CE) 1257/1999, do consello, do 17 de maio, sobre axuda ó desenvolvemento rural a cargo do FEOGA, que dedica os artigos 22, 23, e 24 ás medidas agroambientais.

Para facilita-la adaptación do anterior programa ás novas condicións e garanti-la súa continuidade, publicouse o Regulamento (CE) 2603/1999, da comisión, do 9 de decembro, polo que se establecen medidas transitorias para prorrogar, ata o 31 de decembro de 2000, os compromisos agroambientais contraídos ó abeiro de Regulamento (CEE) 2078/1992.

Segundo o anterior, é necesario aplica-lo período transitorio, para darlles cobertura legal, durante este ano 2000, a aquelas solicitudes novas presentadas ó abeiro do Regulamento 2078/1992 con anterioridade ó 30 de xullo de 1999.

De acordo co disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se creou o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, compételle a este a execución en Galicia das actuacións derivadas da aplicación da reforma da Política Agraria Común (PAC), inclusive as medidas de acompañamento, como neste caso as agroambientais, o que tamén se establece no artigo 5 do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que desenvolve a citada lei, así como no artigo 14 do Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e do propio Ilgga.

En consecuencia, ó abeiro do disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e o seu presidente.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto desta orde a regulación dos requisitos e o procedemento para establece-la prórroga, como máximo, ata o 31 de decembro de 2000, daqueles programas con solicitudes presentadas con anterioridade ó 31 de xullo de 1999. Este procedemento incluirá a tramitación, concesión e o pagamento das axudas para a conservación do contorno paisaxístico e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, no marco do fomento das prácticas agrícolas compatibles co ambiente, todo isto de acordo co disposto no artigo 3 do Regulamento (CE) 2063/1999, da comisión, do 9 de decembro.

Así mesmo, procédese ó pagamento dos compromisos, vixentes para este ano, daqueles programas aprobados con anterioridade ó 30 de xullo de 1999

ó abeiro do Regulamento (CEE) 2078/1992, do consello, do 30 de xuño, e que aínda non completaron os 5 anos de execución.

Artigo 2º.-Finalidade.

Os fins perseguidos co establecemento deste réxime de axudas son os seguintes:

1. Mante-la paisaxe peculiar que o cultivo do viñedo en socalcos proporciona nos vales dos ríos Sil e Miño na Ribeira Sacra.

2. Preve-la erosión nas ladeiras mantendo o sistema de cultivo con socalcos.

3. Mante-la actividade agrícola nestas terras evitando a invasión de matogueiras e o perigo de incendios.

4. Permiti-lo sostemento dunha poboación rural nunha zona na que a súa diminución é constante.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

Este programa aplicarase nos viñedos das ribeiras do Miño e Sil pertencentes á zona de denominación de orixe Ribeira Sacra.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas físicas ou xurídicas que teñan un programa aprobado con anterioridade ó 31 de decembro de 1999 e que cumpran os requisitos establecidos na Orde do 28 de outubro de 1999 pola que se establecen medidas para a conservación do contorno paisaxístico e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra.

Artigo 5º.-Contía da axuda.

Os beneficiarios deste programa poderán percibir unha axuda anual, por un período máximo de 5 anos, ata 70.000 ptas./ha.

En calquera caso, a subvención máxima por explotación e ano será de 2.500.000 ptas.

Artigo 6º.-Solicitude de pagamento e documentación complementaria.

Así mesmo, as solicitudes de axuda serán feitas polos titulares das explotacións en modelo oficial, conforme o anexo I desta orde, ou no anexo II se o programa foi aprobado antes do 31 de xullo do 1999.

No caso de existir modificación das parcelas en programa, deberá achegarse coa solicitude a seguinte documentación:

1. Relación das parcelas das que é titular e nas que se vai aplica-lo programa, coas súas referencias catastrais (anexo III) (rexistro vitivinícola).

2. Fotocopia do DNI/CIF do solicitante.

3. Plano do catastro das parcelas incluídas no programa.

4. Certificación do Consello Regulador acreditativa da pertenza á denominación de orixe.

5. Compromiso de desenvolvemento e seguimento do programa (anexo IV ).

Artigo 7º.-Tramitación e control administrativo.

A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e os órganos periféricos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria funcionalmente dependentes daquela realizarán as funcións de tra

mitación previas á resolución e pagamento, así como as inherentes ó servicio técnico.

Posteriormente informatizaranse as solicitudes e elaborarán a proposta correspondente para a súa aprobación polo director do Ilgga.

O prazo para dictar resolución rematará o 31 de decembro de 2000, podendo considerarse desestimadas, por silencio administrativo, as solicitudes non resoltas e comunicadas no dito prazo.

Unha vez aprobadas as axudas, formalizaranse os correspondentes contratos entre a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e os beneficiarios.

Artigo 8º.-Control e seguimento do programa.

O control da aplicación do programa en cada parcela e explotación será efectuado polo técnico competente do Consello Regulador, anotando as incidencias del.

Os servicios técnicos dependentes da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria efectuarán as comprobacións que coiden oportunas para garanti-la correcta execución do programa, tanto mediante o exame da documentación presentada como mediante controis sobre o terreo.

Non obstante, o Ilgga poderá demanda-la realización daquelas inspeccións e controis adicionais que considere necesario para comproba-lo cumprimento de calquera requisito esixido na normativa comunitaria, estatal ou autonómica que resulte de aplicación.

Artigo 9º.-Xustificación e aboamento da axuda.

1. A xustificación da execución do programa realizarase anualmente coa presentación dun informe técnico detallado das parcelas e explotacións nas que se desenvolve o programa satisfactoriamente e das incidencias habidas, asinado polo técnico responsable do seu seguimento e control antes do 30 de xuño de cada ano.

2. En todo caso, o pagamento anual da axuda estará supeditado ó informe técnico anual, elaborado polos servicios técnicos dependentes da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, da execución do programa e do cumprimento dos compromisos asumidos. A dita certificación servirá de base para que o Ilgga efectúe, se é o caso, o pagamento da axuda.

3. Para os efectos previstos no parágrafo anterior, os beneficiarios titulares das explotacións deberán colaborar nas medidas que se adopten para o control e seguimento do programa. En particular, deberán permiti-lo libre acceso á súa explotación, a toma de mostras e exame de datos e rexistros ós técnicos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

4. Se da verificación e control realizados se deduce unha execución non satisfactoria do programa e o incumprimento dos compromisos asumidos, reducirase, parcial ou totalmente, a axuda aprobada que vai percibi-lo solicitante.

4.1. Consideraranse como causa de perda da axuda para a parcela correspondente:

a) A existencia de muros destruídos nela, na data de finalización anual do programa.

b) A existencia de muros construídos con materiais alleos ós tradicionais de zona na data de finalización anual do programa.

c) A utilización de fertilización nitroxenada mineral ou herbicidas residuais.

4.2. Considerarase como causa da perda da axuda para a totalidade da explotación:

a) A existencia de muros destruídos ou construídos con materiais non adecuados, na data de finalización do programa, en máis do 50% das parcelas da explotación incluídas no programa.

b) A utilización de fertilización nitroxenada mineral ou herbicidas residuais en máis do 50% da superficie das parcelas incluídas no programa.

Artigo 10º.-Réxime sancionador.

10.1. Aplicaranse as sancións correspondentes, de acordo co establecido no punto seguinte deste artigo, cando se dea algún dos seguintes supostos:

1. Que exista discrepancia entre a superficie declarada e a comprobada.

2. Cando se observe incumprimento dos compromisos técnicos e ambientais.

3. A non presentación da solicitude anual de renovación dos compromisos plurianuais.

10.2. Ante falsa declaración, ben deliberada ben por neglixencia grave, rescindirase o contrato, e o beneficiario non poderá reincorporarse ó programa ata que transcorran dous anos.

En todo caso, será de aplicación o disposto no Regulamento CE 746/1996, en relación co establecido nos Regulamentos (CEE) 3887/1992, (CEE) 3508/1992 e (CEE) 1648/1995 e (CE) 2801/1999, da comisión, relativos ó sistema integrado de xestión e control.

Artigo 11º.-Compatibilidade e axudas máximas.

As axudas recollidas nesta orde serán compatibles coas relativas á protección integrada do viñedo mediante métodos biotecnolóxicos, conservación da paisaxe e prevención da erosión nos sistemas de pastoreo, e para o fomento das razas autóctonas en perigo de extinción.

Así mesmo, serán acumulables ata as contías máximas previstas no Regulamento (CEE) 2078/1992, do consello, do 30 de xuño de 1992.

Artigo 12º.-Prazo e lugar de presentación das solicitudes.

As solicitudes de axuda presentaranse, preferentemente, nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, ademais de nas oficinas e rexistros previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde.

Artigo 13º.-Financiamento das actuacións.

1. As accións previstas nesta orde financiaranse segundo os acordos das conferencias sectoriais, entre

a Comunidade Autónoma de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

2. O aboamento da axuda ó interesado poderá condicionarse á recepción pola Administración autonómica das transferencias correspondentes ás participacións do MAPA e do FEOGA-Garantía no seu financiamento.

3. No exercicio 2000 as axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.50.712 A.773.0 «Apoio á eficacia dos sistemas productivos» do orzamento de gastos do Ilgga para o dito exercicio, no que existe crédito adecuado para esta finalidade por un importe de 7,5 millóns de pesetas.

Disposición transitoria

De acordo co número 2 do artigo 3º do Regulamento (CEE) 2063/1999, da comisión, aqueles beneficiarios que se incorporaron ó programa no ano 1999 e que teñen asinado un contrato coa fórmula (1+5), que se prorroga mediante esta orde, como máximo ata o 31 de decembro de 2000, teñen a obriga de formalizar un novo compromiso quinquenal unha vez que se aprobe o programa de desenvolvemento rural presentado á comisión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cando nun mesmo ámbito territorial coincidan accións relacionadas coa aplicación desta orde con outras consecuencia da aplicación do Regulamento sobre forestación de terras agrarias, ou de axudas para fomentar investimentos forestais en explotacións agrarias e accións de desenvolvemento e aproveitamento dos bosques en zonas rurais, coordinaranse as actuacións precisas para a aplicación de ámbolos regulamentos.

Segunda.-Ás axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na redacción dada a este polo artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Terceira.-As resolucións que na aplicación desta orde dicte o director do Ilgga non esgotarán a vía administrativa e contra elas poderase interpor recurso de alzada ante o presidente do dito instituto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria