Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 07 de febreiro de 2001 Páx. 1.615

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2001, do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, pola que se establecen as bases reguladoras aplicables que rexerán as axudas e subvencións para a creación de empresas e a integración laboral da muller como estímulo a mulleres emprendedoras de Galicia (Programa Emega) e pola que se procede á súa convocatoria.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polos decretos 117/1999, do 23 de abril, e 202/2000, do 21 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, determina no artigo 1 que a devandita consellería é o órgano da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de familia, menores, muller, xuventude, formación ocupacional e promoción do emprego, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía e nos termos sinalados na Constitución española.

Ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, creado pola Lei 3/1991 do 14 de xaneiro, correspóndelle, entre outras funcións, a de elaborar plans de actuación, programas piloto e plans-ponte para fomenta-lo emprego e facilita-la formación profesional das mulleres (artigo 3.8º).

Por outra banda, no III Plan de Igualdade de Oportunidades das Mulleres Galegas, dedícase unha área específica á formación e ó emprego e, dentro dela, un dos obxectivos prioritarios é o fomento do acceso das mulleres ó emprego e á creación de empresas.

Se ben é certo que a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude vén promulgando anualmente unha serie de ordes dirixidas á promoción do emprego, resulta conveniente elaborar unha norma específica que permita incorpora-la muller ó mercado laboral en igualdade de condicións có home e que, ó mesmo tempo, contribúa a supera-la situación de illamento e marxinación en que moitas veces se atopan as ditas mulleres.

Esta resolución pretende fixa-lo concepto de muller emprendedora, estimulándoa mediante a concesión dunha serie de axudas económicas para que se estableza como empresaria e deste xeito acade a súa propia integración laboral e contribúa á creación de postos de traballo.

As iniciativas empresariais que ó abeiro desta resolución poidan promove-las mulleres baixo fórmulas de asociación en cooperativas, sociedades laborais e autoemprego como traballadoras autónomas ou mediante a constitución de calquera tipo de socie

dade normativamente prevista, son medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos e corrección de desequilibrios rexionais que sirvan para reduci-la taxa de paro feminino que certamente segue sendo máis elevada cá do home.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécense os requisitos xerais ás subvencións concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente resolución, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

As accions incluídas nesta resolución financiaranse con cargo á consignación orzamentaria 14.50.212A.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2001 e cos fondos reflectidos no marco comunitario de apoio da Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo e o importe global destinado a elas ascende a 266.325.000 pesetas.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas, e para a súa debida aplicación nos créditos orzamentarios para o fin para co que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente resolución é establece-las bases que rexerán a concesión de axudas e subvencións en réxime de concorrencia competitiva para o establecemento da muller como empresaria, como medio axeitado para a súa integración laboral, baixo calquera forma de sociedade, cooperativa, ou establecemento como traballadora autónoma, con domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, e proceder á súa convocatoria.

Artigo 2º.-Beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As mulleres individualmente consideradas que, atopándose en situación de desemprego cunha antigüidade mínima de 3 meses inmediatamente anteriores ó inicio da actividade, se establezan como traballadoras autónomas ou se constitúan baixo unha forma societaria de carácter unipersoal e creen alomenos un posto de traballo por conta allea desempeñado por unha muller.

b) As mulleres que, atopándose en situación de desemprego, e alomenos unha delas cunha antigüidade mínima de 3 meses inmediatamente anteriores ó inicio da actividade, se unan ou asocien, e creen postos de traballo de, alomenos, dúas das mulleres,

tendo que ser unha delas obrigatoriamente a que leve os tres meses desempregada.

Os postos de traballo que se creen ó abeiro do previsto nas letras a) e b) deste artigo deberán estar cubertos por un período mínimo de cinco anos, contados desde o inicio da actividade.

Artigo 3º.-Axudas.

1. As axudas consistirán nunha subvención, e por unha soa vez, que como máximo será de tres millóns (3.000.000) de pesetas. Esta subvención non poderá supera-lo 50% do orzamento total do proxecto reflectido no programa de investimentos (anexo II) deducido o importe correspondente á provisión de fondos e a súa concesión será compatible con calquera outra axuda establecida con cargo a outros programas elaborados polas administracións públicas, sen que a suma total das axudas percibidas para o desenvolvemento do proxecto empresarial poidan exceder do 55% do seu custo total, tendo en conta o establecido no artigo 4º da presente resolución e na súa disposición adicional segunda, e non procederá este tipo de subvención cando se tivese percibido con anterioridade.

2. A axuda irá destinada a sufraga-los gastos derivados da posta en marcha da actividade e do funcionamento das empresas que teñan o inicio da súa actividade entre o 1 de abril de 2000 e o 31 de marzo de 2001. Incluiranse todos aqueles gastos destinados á man de obra empregada na reforma ou adecuación do local, adquisición de primeiras compras co límite máximo de 500.000 pesetas, material funxible, arrendamento do local e maquinaria, gastos correntes (auga, luz, teléfono...) e o cartel informativo nos termos previstos no artigo 11º. Quedarán excluídos das axudas os que se deriven das obrigas tributarias, taxas por autorizacións administrativas, stock, construcción de edificios, leasing, gastos de persoal, e todos aqueles que poidan ser considerados como investimentos en capital fixo.

Artigo 4º.-Criterios de valoración.

A concesión e contía da axuda fixarase seguindo preferentemente os criterios seguintes:

a) A viabilidade do proxecto con base en criterios técnico-económicos.

b) O número de postos de traballo que se vaian crear, tendo en conta a duración e características do contrato, na súa totalidade e con consideración especial para aqueles que vaian ser desempeñados por mulleres.

c) Que as mulleres que se vaian contratar sexan desempregadas e paradas de longa duración con especiais dificultades de acceso ó mercado laboral.

d) O estado de execución do proxecto no momento da solicitude.

e) A achega de carácter privado que vaia efectua-la promotora do proxecto, que como mínimo ha de ser por unha contía igual ó importe da axuda solicitada

ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

f) O interese da acción que se vai executar desde o punto de vista do desenvolvemento económico da área beneficiada, para os efectos da cal se terán en conta aquelas empresas que se implanten en zonas menos favorecidas e con maior índice de desemprego na actividade que se pretenda desenvolver, tanto no ámbito urbano coma no rural.

g) O carácter innovador do proxecto e a incorporación de tecnoloxía avanzada.

h) A utilización de materias primas autóctonas.

i) A adaptación e mellora ambiental.

j) A localización dos proxectos de nova instalación en parques empresariais.

Artigo 5º.-Solicitudes.

As solicitudes, cubertas no modelo normalizado que figura como anexo I da presente resolución, poderanse presentar no rexistro xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ou na forma prevista no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e deberán ir acompañadas, por duplicado exemplar, un deles orixinal ou copia compulsada, da documentación que se relaciona:

a) Se a solicitante é persoa física, fotocopia compulsada do DNI e acreditación do NIF; se é persoa xurídica, fotocopia compulsada do DNI de tódalas socias, poder bastante da representante para actuar en nome da entidade e CIF da empresa.

b) Acreditación mediante certificación da vida laboral da situación de desemprego da/das solicitantes e, se é o caso, parte de alta na Seguridade Social.

c) Memoria descritiva do proxecto da actividade, segundo o anexo II da presente resolución que permita a avaliación da súa viabilidade.

d) Compromiso expreso de creación de alomenos un posto de traballo e de creación de emprego da/s solicitante/s de acordo co establecido no artigo 2º (anexo III).

e) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo IV).

f) Declaración expresa de aceptación das actuacións de supervisión e control do Fondo Social Europeo, a Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda, as previstas na lexislación do Consello de Contas

e as daqueloutros organismos públicos que, se é o caso, procedan (anexo V).

g) Certificado bancario de existencia de conta a nome da beneficiaria (anexo VI).

Artigo 6º.-Obrigas.

As solicitantes, no caso de obteren a subvención prevista, quedarán obrigadas a:

a) Inicia-la actividade antes do 1 de abril do ano 2001 e a comunicar calquera variación na posta en marcha da empresa no prazo de 15 días desde que esta se produza. Para estes efectos entenderase como data de inicio da actividade a da alta da empresa no imposto de actividades económicas, sen prexuízo da facultade do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller de comproba-la realización material das actuacións propias da empresa de que se trate fronte ó público en xeral.

b) Face-lo investimento previsto para a creación da empresa, tendo que devolve-lo importe da subvención ou axuda no suposto de que o dito investimento non fose realmente efectuado, ou non tivera unha permanencia na actividade mínima de cinco anos. Durante este tempo deberá permanecer exposto o cartel ó que se refire o artigo 11º.

c) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma galega, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 7º.-Prazo.

1. O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 31 de marzo do ano 2001.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou de que a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, o órgano competente requirirá o solicitante para que, no prazo de dez (10) días, achegue os documentos preceptivos ou emende os erros detectados, con indicación de que, se así non o fixese, considerarase que desistitiu da súa petición, logo da resolución, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do prodedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 8º.-Procedemento.

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrucción dos expedientes será o establecido no artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 do novembro, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

2. Unha vez realizados os trámites sinalados no artigo 9 do mencionado decreto, os expedientes remitiranse á comisión de valoración para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación ó órgano competente para resolver.

3. Para o disposto no parágrafo anterior a comisión de valoración estará composta pola secretaria do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, que a presidirá, e serán vocais o xefe do Servicio de Cooperación, Estudios e Programas e o xefe do Servicio de Administración Xeral, que actuará como secretario.

4. A comisión de valoración, á hora de barema-las solicitudes, terá en conta os criterios fixados no artigo 4º desta resolución.

Artigo 9º.-Resolución.

1. A resolución das subvencións, unha vez emitido informe pola comisión de valoración e fiscalizada a proposta pola intervención delegada, correspóndelle á directora do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición perante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa notificación.

2. A notificación das resolucións deberá producirse no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte á publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, esta entenderase desestimada.

Artigo 10º.-Pagamento.

Unha vez concedida a axuda ou subvención e iniciada a actividade, o seu pagamento quedará condicionado a que as beneficiarias presenten por duplicado exemplar, sendo un deles orixinal ou copia compulsada, a seguinte documentación:

a) Certificación de que se atopan ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

b) Certificación acreditativa do cumprimento total do orzamento previsto no proxecto.

c) Facturas xustificativas da execución dos gastos para os que se concedeu a axuda polos conceptos subvencionables sinalados no artigo 3º.

d) Acreditación da alta fiscal da empresa ou, se é o caso, da empresaria, no imposto de actividades económicas.

e) A inscrición da empresa no sistema da Seguridade Social.

f) No suposto de que a empresaria fose persoa física, alta no réxime especial de traballadores autónomos ou mutualidade profesional. De ser persoa xurídica, altas das socias no correspondente réxime, segundo proceda.

g) Documentos de alta na Seguridade Social dos/as traballadores/as por conta allea e copia compulsada dos contratos correspondentes.

h) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

A xustificación deberá referirse a gastos efectuados ata o 31 de decembro de 2001, sen que en ningún caso poida exceder dun ano desde o inicio da actividade, e necesariamente presentarase antes do 31 de xaneiro de 2002.

Artigo 11º.-Publicidade.

Nas accións que se leven a cabo deberá figurar, no lugar onde se realicen e de forma visible, un cartel informativo no que se indique que a acción está financiada pola Xunta de Galicia, Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e Fondo Social Europeo, cos seus respectivos anagramas.

Artigo 12º.-Modificación resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificción da resolución de concesión.

Artigo 13º.-Reintegro.

Procederá o reintegro total ou parcial da axuda percibida e os xuros de demora desde o momento do seu pagamento, de acordo co establecido no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da subvención ou axuda pública.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión da subvención regulada nesta resolución terá como límite global o crédito consignado nos orzamentos xerais para 2001 da Comunidade Autónoma para o fin que se persegue e os compromisos que se reflicten no marco comunitario de apoio provenientes do Fondo Social Europeo.

Segunda.-A presente resolución e as axudas outorgadas ó abeiro dela cumprirán as directrices establecidas na comunicación da comisión relativa ás axudas de mínimas.

Terceira.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, o Fondo Social Europeo, a Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderán realiza-las comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Cuarta.-O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá dictar resolucións de concesión de axudas de carácter complementario, cando existisen fondos provenientes de remanentes de subvencións inicialmente concedidas.

Quinta.-O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nesta resolución.

Sexta.-O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá asinar convenios de colaboración con entidades públicas ou privadas para desenvolve-las accións de avaliación da viabilidade dos proxectos presentados ó amparo do programa Emega, así como o seguimento dos proxectos seleccionados.

Sétima.-Se por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo/a funcionario/a que para o efecto designe a directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e, sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer noutro/a funcionario/a do mesmo servicio có substituído/a.

Oitava.-Nas solicitudes que se presenten ó abeiro da presente resolución, indicarase expresamente se se ten solicitado ou se van solicita-las axudas dos programas de autoemprego individual ou colectivo da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Novena.-Ós beneficiarios das axudas reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións, previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira

Única.-A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2001.

Aurora Montes Santa-Olalla

Directora xeral do Servicio Galego de Promoción

da Igualdade do Home e da Muller