O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia plena no regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias
e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.
O Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, traspasa á Comunidade Autónoma funcións e servicios da Administración do Estado en materia de educación.
A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, nos seus artigos 55 e) e 60.2º, establece que as administracións educativas garantirán a orientación educativa e profesional dos alumnos, especialmente no que se refire ás distintas opcións educativas e á transición do sistema educativo ó mundo laboral.
Neste sentido, o Decreto 120/1998, do 23 de abril, polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, garante a toda a poboación escolar a orientación persoal e educativa, así como a orientación profesional que lle facilite a toma de decisións responsables e a súa adaptación ás permanentes e cada vez máis dinámicas transformacións sociais, económicas e tecnolóxicas, que poñen de manifesto a necesidade de contar con recursos humanos cualificados e permanentemente actualizados, e así contribuír á xeración e mantemento do emprego.
Ademais, continuando coa liña establecida en anteriores convocatorias, é preciso regula-las axudas que permitan promover accións de integración laboral e estímulo de formación empresarial para alumnos que rematan estudios de formación profesional específica, educación secundaria obrigatoria ou bacharelatos LOXSE no curso 2000-2001. Estas actividades inclúense no programa operativo de Galicia para o período 2000-2006, cofinanciado polo Fondo Social Europeo.
Por conseguinte, as propostas que amparan esta orde pretenden contribuír a dinamiza-las iniciativas dos centros, dos axentes sociais e das institucións vencelladas ó mundo laboral, para lograr unha fluidez de información e actuacións de integración profesional con vistas a favorece-las decisións futuras dos mozos e mozas, o emprego e a competitividade das empresas do seu contorno. Trátase dunha adecuación das iniciativas recollidas no Libro Branco da Comisión, antes mencionado, presentado polo Consello Europeo en decembro de 1993 e recollidas no Plan de Crecemento e Emprego de Galicia 1998-2001 e recollidas nas accións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.
Polo que, en uso das facultades que teño atribuídas,
DISPOÑO:
Artigo 1º
A presente convocatoria ten por obxecto establecer axudas para o desenvolvemento das seguintes actividades:
-Reunións, xornadas, cursos, conferencias, seminarios nos que se traten temas de integración laboral e de busca activa de emprego.
Os destinatarios destas accións serán os alumnos dos seguintes cursos e niveis educativos por esta orde de preferencia: 3º FP2, 4º ESO, alumnos que rematen un módulo de nivel 2 ou un ciclo formativo de grao medio ou superior e bacharelatos LOXSE.
As actividades deberán levarse a cabo antes do 31 de xullo do ano 2001 en grupos de vinte alumnos como mínimo, e deberán desenvolverse en colaboración cos centros de educación secundaria a través dos seus:
-Departamentos didácticos, especialmente os relacionados coas familias profesionais.
-Departamentos das respectivas familias profesionais.
-Departamentos da área tecnolóxico-práctica e, en especial, os departamentos responsables da impartición da formación empresarial e da formación e orientación laboral.
-Departamentos de orientación educativa e profesional a través da elaboración e posta en práctica dun plan de orientación profesional establecido para o centro.
Artigo 2º
As referidas accións teñen os seguintes obxectivos:
a) Deseñar actividades ou programas para que o alumnado poida elabora-lo seu propio itinerario profesional de busca activa de emprego, facéndoo consciente de necesidade de formación permanente.
b) Estimular e axuda-lo profesorado na integración de orientación profesional no currículo, así como no establecemento de contactos co mundo productivo e empresarial, para incorpora-los mozos ó mundo laboral.
c) Evita-lo desemprego e a espera da incorporación ó traballo.
d) Potenciar e estimula-la creación de asociacións, cooperativas, ou o exercicio do traballo autónomo entre os mozos/as escolarizados nos cursos de fin de ciclo, etapa, previos á integración laboral.
e) Difundi-la existencia e funcionamento dos servicios públicos de emprego, así como doutras fontes de información sobre a oferta de emprego, tanto de carácter público, como de carácter privado e de autoemprego.
f) Facer un seguimento dos alumnos que rematan a súa formación nos centros de educación secundaria ou que abandonan o sistema educativo co fin de facilitárlle-la súa inserción laboral e, cando cumpra, a recualificación profesional.
g) Elaborar e actualizar unha base de datos co currículum vitae dos alumnos que abandonan o sistema educativo, así como establecer canles de comunicación coas empresas para posibles ofertas de emprego.
Artigo 3º
Poderán concorrer a esta convocatoria as asociacións, federacións e confederacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas da Comunidade Autónoma de Galicia que promovan actividades que teñan por obxectivos os sinalados no artigo anterior. As corporacións non poderán concorrer ás axudas previstas nesta orde.
En todo caso, terán prioridade para a concesión destas axudas as asociacións, federacións e confederacións sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a promoción da integración laboral e estímulo da formación empresarial, ou que veñan
colaborando coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no desenvolvemento do módulo de formación en centros de traballo.
Artigo 4º
As axudas económicas concederanse con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322S.480.3 do exercicio económico do ano 2001, ata un importe máximo de 23.070.000 pesetas. As axudas serán cofinanciadas por fondos comunitarios e fondos da Comunidade Autónoma de acordo coa porcentaxe legalmente establecida. Estas axudas son incompatibles con outras axudas provenientes de fondos comunitarios e están amparadas pola regra de minimis.
Artigo 5º
O/a titular ou representante legal da entidade solicitante presentará instancia por duplicado, no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo de San Caetano, s/n, ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 20 días hábiles a partir da publicación da presente orde.
Artigo 6º
As solicitudes, por duplicado, axustaranse ó modelo establecido no anexo I da presente orde e irán acompañadas dun proxecto e do orzamento de actividades, tamén por duplicado, conforme o anexo II desta orde.
Xuntaráselle á documentación sinalada o seguinte:
a) Certificación bancaria da conta corrente da entidade na que se desexe recibi-lo ingreso do importe da subvención.
b) Copia compulsada dos estatutos, da acta de constitución e da tarxecta de identificación fiscal.
c) Escrito de conformidade do consello escolar de cada centro docente no que se vaian realiza-las actividades de integración laboral e estímulo da formación empresarial.
d) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes.
De acordo co establecido no artigo 7 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para aquelas solicitudes que non acheguen os requisitos anteriormente sinalados, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días emende as faltas ou remita os documentos perceptivos; de non o facer, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.
Artigo 7º
As axudas concederanse de acordo coas seguintes prioridades:
a) Actividades con carácter innovador dirixidas á inserción do alumno/a no mundo laboral coa participación dos orientadores dos centros, profesorado de FOL, etc.
b) Accións destinadas a fomenta-la igualdade de oportunidades para as mulleres e os homes.
c) Iniciativas que desenvolvan sistemas de asesoramento e orientación profesional para os mozos/as, que lles axuden a coñecer e avalia-lo seu potencial profesional e a toma de decisións.
d) Proxectos que axuden a localizar información sobre a oferta formativo-profesional no ámbito local, autonómico, nacional, ou mesmo comunitario, tendo en conta que a libre circulación de traballadores constitúe un dereito fundamental dos cidadáns da Unión Europea.
e) Propostas tendentes a sensibiliza-los diferentes sectores económicos, servicios de emprego e formación, etc., a través de seminarios específicos de intercambio e publicación de medidas que canalicen toda a información sobre o emprego.
f) Accións que sirvan de reforzo ás políticas e ós programas comunitarios, en especial no ámbito do emprego, os recursos humanos e a integración no mercado de traballo.
Artigo 8º
A valoración das solicitudes será realizada por unha comisión de selección integrada polos seguintes membros:
Presidente: a subdirectora xeral de Formación Profesional e de Educación de Adultos.
Vocais: catro inspectores correspondentes ós servicios provinciais de Inspección, a xefa do servicio de Formación de Empresa e Orientación Laboral e o xefe do servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica.
Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, con voz e sen voto.
Os membros da comisión poderán percibir asistencias, axudas para gastos e locomoción por concorreren ás sesións conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).
Artigo 9º
A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación de subvencións e elevaraa ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá o que proceda.
Artigo 10º
A concesión ou denegación das axudas seralle notificada directamente á entidade solicitante pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Contra a resolución dictada os solicitantes poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
As solicitudes entenderanse denegadas de non dictarse resolución expresa no prazo de catro meses contados desde a publicación da presente orde.
Artigo 11º
As axudas concedidas irán destinadas a sufraga-los gastos de persoal que imparta as actividades, así como as axudas de custo e desprazamentos que xeren para o desenvolvemento delas de acordo coa normativa de aplicación na Administración pública que, como mínimo alcanzarán o 70% do importe total da axuda concedida e os gastos de funcionamento xerados polo proxecto que non superarán o 30% do importe total da subvención.
As axudas serán aboadas unha vez finalizadas as actividades, no momento da completa xustificación de acordo co establecido no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, por parte do beneficiario e da entrega da memoria de actividades, achegando certificación de ter realizado a actividade de acordo co establecido na presente orde e cos investimentos previstos, así como a certificación respecto da percepción ou non percepción doutras axudas e subvencións para a mesma finalidade, para efectos do disposto no artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa (DOG do 31). A devandita xustificación e memoria farase de acordo coas instruccións que para o efecto dicte a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que serán postas en coñecemento dos interesados na mesma data en que se lles comunique a
súa concesión.
No caso de as axudas non superaren o importe de 1.000.000 de pesetas poderán aboarse da seguinte forma:
1. Unha vez resolta a convocatoria e aceptada a subvención polos interesados, aboarase o 10% da súa contía, logo da xustificación provisional consistente na certificación de que deron comezo as actividades. Así mesmo, os solicitantes xuntarán relación nominal e DNI dos alumnos receptores, dos relatores e dos coordinadores da acción. Os grupos terán como mínimo 20 alumnos.
2. Libraranse, en concepto de pagos parciais, as cantidades que xustifiquen os beneficiarios, sen exceder, en ningún caso, do 70% da contía total da subvención.
3. A cantidade restante librarase unha vez rematada a actividade no momento da súa completa xustificación económica por parte do beneficiario e da entrega da memoria de actividades.
Artigo 12º
Dado que as actividades se realizan nos centros de ensino secundario, a inspección educativa velará polo desenvolvemento destas accións e asegurarase de que a súa realización sexa compatible coas actividades docentes dos centros educativos, cando se leven a cabo en período lectivo.
Artigo 13º
Os benefiarios que obteñan axudas no marco da presente convocatoria comprométense:
-Á gratuidade das actividades.
-Á xestión directa do proxecto subvencionado.
-A facilitar canta información demande a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.
-A que na publicidade e propaganda das accións subvencionadas, así como na convocatoria pública e nos lugares onde se realicen as referidas accións, figure que estas están cofinanciadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Fondo Social Europeo, ambas denominacións cos seus respectivos logotipos.
-Á cesión de cantos documentos e materiais deriven do proxecto para a súa publicación.
-Á xustificación dos gastos dos fondos recibidos no prazo que se determina.
-Á comunicación do número real de participantes e os axustes realizados.
-A achegar copia dos contratos, se é o caso, do persoal laboral contratado.
-En xeral, ó cumprimento do que establece a presente orde e a normativa laboral que lle sexa de aplicación.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 14º
Como remate de todo o proceso, os beneficiarios quedan obrigados a presentar, no Servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica antes do 15 de setembro do ano 2001, unha memoria detallada do seu desenvolvemento, que poderá servir como documento de difusión e debate. A memoria incluirá xustificación económica detallada (un orixinal e dúas copias).
Artigo 15º
A entidade queda sometida ás actuacións de comprobación e seguimento que realice a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, e, se é o caso, a Inspección Educativa. Igualmente, queda sometida ás accións de control financeiro que poidan realiza-la Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e as que poida efectua-la Comisión e o Tribunal de Contas da Unión Europea.
Artigo 16º
Procederá ó reintegro, total ou parcial, da subvención percibida e os xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:
a) Incumprimento da obriga de xustificación.
b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.
c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.
d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.
Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención,
illadamente ou en concorrencia coa subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.
Artigo 17º
O procedemento de reintegro da subvención, nos supostos previstos no artigo anterior, realizarase de acordo co establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.
Artigo 18º
Contra a presente orde os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Artigo 19º
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2001.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria