Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2001 Páx. 2.161

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2001, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se dispón a publicación do convenio de colaboración para o desenvolvemento do Plan Marco de Modernización do Comercio Interior celebrado entre o Ministerio de Economía e a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia.

Subscrito, logo da tramitación regulamentaria, entre o Ministerio de Economía e a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, o día 17 de outubro de 2000, o convenio de colaboración para o desenvolvemento do Plan Marco de Modernización do Comercio Interior celebrado entre o

Ministerio de Economía e a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, para o establecemento do marco no que se recolla unha estratexia común para todo o sector, no que queden encadradas as iniciativas que se inclúen neste convenio. En consecuencia, procede a publicación do dito convenio, que figura como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2001.

Víctor Tello Calvo

Director xeral de Comercio e Consumo

Convenio de colaboración para o desenvolvemento do Plan Marco de Modernización do Comercio Interior celebrado entre o Ministerio de Economía e a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia.

En Madrid, 17 de outubro de 2001.

REUNIDOS

Rodrigo Rato y Figaredo, vicepresidente segundo do Goberno para Asuntos Económicos e ministro de Economía, de conformidade coas competencias atribuídas pola disposición adicional décimo terceira da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción establecida pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Juan Rodríguez Yuste, conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, actuando en nome e representación da Xunta de Galicia ó abeiro das facultades que, para vincularse neste acto, teñen conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, da Xunta de Galicia e o seu presidente, e polo acordo de 27 de marzo de 1991 do Consello da Xunta de Galicia, feito público mediante Resolución do 8 de abril de 1991, da Consellería de Economía e Facenda (DOG nº 82, do 30 de abril).

Recoñecéndose, na representación que desempeñan, capacidade para formula-lo presente convenio,

EXPOÑEN:

Que ante o importante cambio estructural que se produciu no sector da distribución comercial nos últimos anos e o previsible mantemento desta tendencia nun futuro máis próximo, é necesario desenvolver un marco de actuación para o fomento do sector de distribución comercial, de forma que se proporcione ós pequenos comerciantes unha colaboración eficaz por parte dos poderes públicos para enfrontarse a este proceso de innovación.

O Plan Marco de Modernización do Comercio Interior, aprobado polo Consello de Ministros na súa reunión do 12 de maio de 1995 e a súa reforma, aprobada polo Consello de Ministros na súa reunión do 13 de decembro de 1996, recolle unha serie de medidas encamiñadas a mellora-la competitividade do comercio minorista.

Que esta reforma foi presentada e adoptada na Conferencia Sectorial de Comercio, celebrada o 19 de novembro de 1996, xa que a súa execución suporá a adopción dun conxunto de medidas e estímulos económicos que se programarán de maneira conxunta por cada Comunidade Autónoma co apoio da Administración xeral do Estado.

Que é vontade do Ministerio de Economía e da Consellería de Industria e Comercio, da Xunta de Galicia, impulsar e potencia-la colaboración, a corresponsabilidade e a coordinación dos diferentes niveis das administracións públicas na realización de actuacións previstas no Plan Marco de Modernización do Comercio Interior.

En virtude do exposto, en execución da competencia exclusiva do Estado prevista no artigo 149.1º.13 da Constitución e da competencia atribuída á Xunta de Galicia no artigo 30.1º.4 do seu Estatuto de autonomía, as partes asinantes

ACORDAN:

Primeiro.-As partes asinantes colaborarán para desenvolve-lo Plan Marco de Modernización do Comercio Interior, dentro do ámbito xeográfico da Xunta de Galicia, como marco no que se recolle unha estratexia común para todo o sector e no que quedan encadradas as iniciativas que se inclúen neste convenio.

Segundo.-En desenvolvemento do Plan Marco de Modernización do Comercio Interior, a Xunta de Galicia comprométese a convocar axudas nos seguintes programas:

a) Programa de cooperación empresarial, dirixido a outorgar axudas ás pequenas e medianas empresas comerciais, asociadas en organizacións que realicen funcións comerciais para a implantación de redes informáticas, a reforma de establecementos minoristas e a implantación ou renovación de establecementos maioristas.

b) Programa de apoio á ordenación territorial do comercio; destas axudas serán beneficiarios as asociacións de comerciantes, sempre que se orienten á súa creación ou ó seu desenvolvemento mediante a implantación de servicios comúns de xestión, así como á remodelación física dos establecementos colectivos e a adecuación dos locais particulares.

Tendo en conta as competencias que en materia urbanística teñen as corporacións locais, a partir deste convenio estimularase a participación da Administración local, como elemento indispensable, para poder senta-las bases dunha adecuada actuación territorial e, polo tanto, poderanse considerar como beneficiarios das axudas os concellos.

En canto ás actuacións para mellora e adecuación dos mercados minoristas, e tendo en conta a titularidade municipal destes mercados, os concellos poderán ser tamén beneficiarios destas axudas, mediante convenio con eles e, ocasionalmente, con

asociacións de comerciantes ou empresas públicas ou privadas.

c) Programa de apoio a comerciantes independentes, dirixido ás pequenas e medianas empresas de distribución comercial minorista para realizar investimentos na transformación física dos establecementos, a adquisición de equipamento comercial e de xestión, así como a formación de empregados.

Deste programa quedan excluídas as actividades comerciais que no espírito do plan marco non se consideran de interese prioritario, tal como se acordou na Conferencia Sectorial de Comercio Interior do 15 de decembro de 1998.

d) Poderán, así mesmo, ser obxecto das axudas deste convenio as actividades que aínda non previstas no plan marco se poidan relacionar de forma evidente co espírito del e contribúan co seu desenvolvemento á consecución da modernización da distribución.

Terceiro.-As actuacións que se acollan ó presente convenio serán cofinanciadas por ámbalas dúas partes.

A achega do Ministerio de Economía representará un máximo do 40% para o programa previsto no punto a); do 30% para os do punto b); do 20% para os do c) e do 30% para os do d), da axuda concedida pola Comunidade Autónoma.

Estas achegas do Ministerio de Economía financiaranse, dentro dos límites orzamentarios, con cargo á partida orzamentaria 751 (transferencias de capital ás Comunidades Autónomas-Plan de Modernización do Comercio Interior), Programa 763 A (ordenación e modernización das estructuras comerciais), Servicio 21 (Dirección Xeral de Comercio Interior).

A asignación de recursos á Xunta de Galicia é de 6,97431% da dotación territorializada da partida orzamentaria de transferencias ás Comunidades Autónomas do Ministerio de Economía, no concepto Plan Marco de Modernización do Comercio Interior; e que é o 75% do crédito orzamentario (isto é, 1.125.000.000 ptas., 6.761.386,17 euros) quedando o 25% restante para dispoñer del segundo se recolle na cláusula quinta, de conformidade co acordado na Conferencia Sectorial de Comercio Interior do 11 de abril de 2000 e formalizado en Consello de Ministros do 7 de xullo de 2000, equivalente a 78.460.988 pesetas (471.560,04 euros). As transferencias realizaranse a medida que a Xunta de Galicia conceda as correspondentes axudas públicas no ámbito do establecido no presente convenio.

Cuarto.-Cada Comunidade Autónoma aplicará as asignacións do Estado ós programas establecidos nos puntos a), b) e c) do punto segundo, na proporción que no plan marco se asigna a cada un dos ditos programas, e que son un mínimo do 10% da cantidade asignada para os do punto a) e do 30% para o b).

Quinto.-Con independencia dos recursos previstos no último parágrafo do punto terceiro, o Ministerio de Economía poderá cofinanciar, cun máximo do 50% do achegado pola Comunidade Autónoma, determinadas actuacións de especial interese polo seu efecto innovador ou porque constitúan unha acción piloto que exerza un efecto de arrastre para outras accións. A selección deste tipo de actividades a cofinanciar entre as solicitadas pola totalidade das Comunidades Autónomas farase mediante acordo en reunión de directores xerais de Comercio, como Comisión da Conferencia Sectorial, segundo delegación expresa realizada polo Pleno desta do 11 de abril de 2000.

Este cofinanciamento será tamén con cargo á partida orzamentaria 751, Programa 763-A, Servicio 21 da que se retivo un 25% do crédito para o efecto e a cantidade dispoñible para esta é de 375.000.000 pesetas.

Sexto.-A xestión das axudas realizarase de acordo co seguinte procedemento:

1. As solicitudes de concesión de axudas públicas presentaranse na unidade administrativa e nos termos que estableza a normativa de convocatoria que dicte a Administración da Xunta de Galicia.

2. A Administración da Comunidade Autónoma instruirá e resolverá o outorgamento das axudas solicitadas, de acordo co establecido no punto cuarto.

3. A Consellería de Industria e Comercio notificará a resolución das solicitudes ós interesados e realiza o control e seguimento dos proxectos aprobados.

4. Co fin de coñece-lo destino dado ás subvencións e para levar a cabo o seguimento e avaliación das actividades cofinanciadas por ámbalas dúas partes, o Ministerio de Economía, de acordo coas Comunidades Autónomas, establecerá o sistema de intercambio de información que se estime necesario. Isto entendese sen prexuízo do control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Administración do Estado e á fiscalización que corresponde ó Tribunal de Contas.

5. A Comunidade Autónoma poderá asignar excepcionalmente os recursos transferidos polo Estado ás resolucións favorables de expedientes de axudas, dos que os obxectivos coincidan cos do presente convenio, aprobados durante o exercicio de 2000, aínda que o fosen con anterioridade á súa sinatura, de acordo coa comisión de seguimento.

6. O pagamento ós perceptores do importe total das axudas será efectuado polo organismo pagador da Administración autonómica.

7. No suposto de que, unha vez analizado o seguimento dos compromisos financeiros adquiridos coa totalidade de comunidades autónomas, se verifique a existencia de crédito dispoñible na partida orzamentaria correspondente do Estado, ben porque algunha Comunidade Autónoma non esgotase os recursos que se lle asignaron ou se producira algunha

xeración de crédito, e a demanda presentada no territorio da Xunta de Galicia non puidese ser atendida na súa integridade, o Ministerio de Economía poderá incrementa-la súa achega inicial prevista.

A cuantificación desta achega complementaria levarase a cabo de acordo e en aplicación dos criterios obxectivos de distribución acordados na Conferencia Sectorial de Comercio Interior do 11 de abril de 2000 e formalizado en Consello de Ministros do 7 de xullo de 2000 e, exclusivamente, entre as comunidades autónomas que teñan un exceso de demanda de proxectos.

De acordo co previsto no plan marco, a determinación do crédito dispoñible realizarase cos expedientes remitidos ata o 30 de outubro de 2000.

Sétimo.-Os fondos achegados polo Ministerio de Economía acóllense ó Programa Operativo 2000-2006, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Por este motivo, a Xunta de Galicia só poderá solicitar retornos en calquera programa da Unión Europea, das actuacións cofinanciadas, da parte efectivamente financiada cos seus fondos, facilitándolle á Dirección Xeral de Política Comercial as correspondentes certificacións de pagamento para que esta poida solicita-los retornos correspondentes á achega do Estado.

Oitavo.-Crearase unha comisión de seguimento para o desenvolvemento do convenio, integrada por tres representantes de cada unha das partes asinantes designados, respectivamente, polo ministro de Economía e o conselleiro de Industria e Comercio.

Serán funcións desta comisión o seguimento da aplicación do presente convenio e de todas aquelas actuacións que se regulen ou deriven del e en particular as seguintes:

a) Analiza-las actuacións concretas que vaian considerarse integradas dentro do Plan Marco de Modernización do Comercio Interior, e aquelas ás que se refire o último paráfrafo do punto segundo.

b) Realiza-lo seguimento das actuacións que se desenvolven en execución do presente convenio e reflecti-lo seu grao de desenvolvemento.

c) Interpreta-lo presente convenio e dar solución ás dúbidas e controversias que no seu cumprimento poidan producirse.

Corresponde á Xunta de Galicia o control da execución e bo fin das actuacións seleccionadas para ser cofinanciadas en desenvolvemento do presente convenio, comunicando á comisión de seguimento as incidencias que se produzan e achega-las correspondentes certificacións de pagamento cando este se realizara. A Comunidade Autónoma comprométese, igualmente, a presentarlle á comisión de seguimento a información que esta lle solicite para a realización das funcións que se lle asignan.

Noveno.-Sen prexuízo do procedemento previsto e das funcións asignadas á comisión de seguimento, a xestión das actuacións para a difusión do plan

marco no ámbito da Comunidade Autónoma, corresponderá á Consellería de Industria e Comercio, da Administración autonómica da Xunta de Galicia.

Décimo.-O presente convenio entrará en vigor desde a data da súa sinatura e terá unha vixencia temporal ata o 31 de decembro do ano 2000. Non obstante, poderá producirse a súa resolución antes do prazo indicado, por mutuo acordo das partes, por incumprimento ou por denuncia dalgunha delas no prazo máximo de dous meses.

Undécimo.-O réxime xurídico aplicable a este convenio é o establecido no título I da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sendo de aplicación así mesmo as restantes normas de dereito administrativo en materia de interpretación, modificación e resolución das cuestións non recollidas no convenio que se subscribe.

As cuestións litixiosas que poidan xurdir na interpretación e cumprimento do presente convenio serán de coñecemento e competencia do orde xurisdiccional do contencioso-administrativo.

E, en proba de conformidade, asinan os intervenientes, no lugar e data indicados no encabezamento.

O vicepresidente segundo do Goberno para Asuntos Económicos e Ministro de Economía. Rubricado. O conselleiro de Industria e Comercio. Rubricado.