Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 20 de febreiro de 2001 Páx. 2.196

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 39/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de Consello Galego de Turismo, declaración de municipio turístico galego e declaración de festas de Galicia de interese turístico.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída, a teor do artigo 27.21º do Estatuto de autonomía, a competencia exclusiva en materia de promoción e ordenación do turismo dentro da comunidade, e, polo tanto, a potestade de regula-lo sector turístico no seu ámbito territorial.

A Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, supuxo dota-la Comunidade Autónoma dunha normativa turística xeral, fixándose deste xeito o marco legal adecuado para o desenvolvemento do sector, o cal vai adquirindo progresivamente un maior peso específico nos distintos parámetros da economía galega, a medida que as estructuras económicas de Galicia se van desenvolvendo e modernizando.

Seguindo a liña marcada pola Lei 9/1997 para regulariza-la materia turística, dunha maneira unitaria e sistemática, cómpre ir desenvolvendo unha tarefa que unifique a normativa neste eido, que ata agora se atopaba espallada en distintos decretos, co cal pola súa vez se desenvolve o programa de racionalización normativa que leva a cabo a Xunta de Galicia.

As materias que agora son obxecto de refundición atopábanse dispersas na seguinte normativa: o Decreto 224/1998, do 17 de xullo, polo que se regula o Consello Galego de Turismo; o Decreto 239/1998, do 30 de xullo, polo que se regula a declaración de municipio turístico galego; e o Decreto 203/1998, do 25 de xuño, polo que se regulan as declaracións de festas de Galicia de interese turístico.

No artigo 7 da Lei 9/1997, defínese o Consello Galego de Turismo, creado mediante o Decreto 90/1989, do 11 de maio, como o órgano consultivo, asesor e colaborador da Xunta de Galicia en materia turística, determinándose pola súa vez neste artigo as funcións do Consello Galego de Turismo. De acordo co disposto nesa lei o presente decreto no seu capítulo I vén regula-la composición, organización e funcionamento do Consello Galego de Turismo.

Co obxecto de promove-la maior participación e colaboración posible de tódolos sectores implicados no desenvolvemento turístico de Galicia, establécese unha composición moi ampla, de xeito que quedan debidamente representadas as distintas administracións públicas galegas, os sectores económicos e sociais e mailos organismos relacionados co turismo.

No capítulo II deste decreto, regúlase o procedemento para a declaración de municipio turístico

galego. Na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e maila Lei 9/1997, do 21 de agosto, sinálanse cales son os requisitos cuantitativos de afluencia turística e de establecementos de aloxamento que deben reuni-los municipios galegos para poderen obte-la súa declaración como turísticos.

Ademais, establécense outros criterios referentes á prestación de servicios e infraestructuras municipais que determinan o grao de compromiso efectivo de cada concello coa súa vocación turística e que, polo tanto, deberán ser tidos en conta, co obxecto de garantirlles ós seus residentes e á poboación turística en xeral uns mínimos niveis de calidade.

Neste decreto establécese o procedemento que se debe seguir para obter esa declaración, determínanse as consecuencias e obrigas que supón e fíxanse os supostos en que cabería a súa revogación.

Finalmente, no capítulo III do presente decreto, regúlase a declaración de festas de Galicia de interese turístico, desenvolvéndose deste xeito a previsión contida no artigo 72 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, no que se prevé que a Xunta de Galicia poida instituír e declarar festas de Galicia de interese turístico como estímulo promocional aquelas manifestacións que supoñan unha valoración da cultura e as tradicións populares que teñan unha especial importancia como atractivo turístico.

Este decreto vén desenvolver pois esa previsión legal, concretando os requisitos legais de antigüidade, singularidade e arraigamento, requisitos que serán valorados ademais, en función doutros criterios como a dotación dos suficientes equipamentos e infraestructura básica, o adecuado coidado dos contornos urbanos, monumentais e paisaxísticos, a afluencia de visitantes e a calidade dos actos que configuran a celebración.

Ademais do anteriormente indicado, detállase o procedemento de declaración, as súas consecuencias administrativas, promocionais e de fomento e a posibilidade de revogación daquela como garantía da permanencia da calidade dos eventos beneficiados.

Por todo isto é polo que, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de febreiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Capítulo I

O Consello Galego de Turismo

Artigo 1º.-Natureza e composición.

O Consello Galego de Turismo é un órgano consultivo, asesor e colaborador da Xunta de Galicia en materia turística que se adscribe, sen prexuízo da súa autonomía funcional, á consellería competente en materia de turismo.

O Consello Galego de Turismo terá a seguinte composición:

a) Presidente: o conselleiro competente en materia de turismo.

b) Vicepresidente: o titular do centro directivo competente en materia de turismo.

c) Vocais:

-Un representante da consellería competente en materia de política territorial, obras públicas e vivenda.

-Un representante da consellería competente en materia de ambiente.

-Un representante da consellería competente en materia de desenvolvemento rural.

-Un representante da consellería competente en materia de sanidade e servicios sociais.

-Un representante da consellería competente en materia de economía e facenda.

-Un representante da consellería competente en materia de pesca, marisqueo e acuicultura.

-Un representante da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia (Turgalicia, S.A.).

-Un representante da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.

-Un representante da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

-Un representante dos pazos de congresos e organizadores profesionais de congresos.

-Un representante dos centros oficiais de formación profesional de hostalería, proposto polo conselleiro competente en materia de educación.

-Un representante das asociacións de usuarios e consumidores, proposto polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

-Un representante do Instituto Galego de Consumo.

-Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade autónoma, de empresarios de aloxamentos hoteleiros, proposto polas respectivas asociacións.

-Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de aloxamentos de turismo rural, proposto polas respectivas asociacións.

-Un representante das asociacións, con implantación en todo o territorio da Comunidade autónoma, de empresarios de acampamentos de turismo, proposto polas respectivas asociacións.

-Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de restaurantes, proposto polas respectivas asociacións.

-Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de cafeterías, cafés, bares, tabernas, discotecas e salas de festas, proposto polas respectivas asociacións.

-Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de catering e de colectividades, proposto polas respectivas asociacións.

-Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de axencias de viaxes, proposto polas respectivas asociacións.

-Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de establecementos balnearios, proposto polas respectivas asociacións.

-Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de guías de turismo especializados.

-Catro representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias, propostos pola referida federación.

-Os presidentes das deputacións provinciais de Galicia, ou deputados provinciais nos que deleguen.

-Un representante das Cámaras de Comercio, Industria e Navegación de Galicia, proposto polo Consello de Cámaras de Galicia.

-Un representante de cada Universidade de Galicia, por proposta dos rectores de cada unha delas.

-Un representante de cada unha das tres centrais sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia.

-Tres vocais designados polo conselleiro competente en materia de turismo, entre persoas de recoñecido prestixio e experiencia en temas de turismo.

d) Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario do centro directivo competente en materia de turismo, proposto polo titular do dito centro directivo.

Artigo 2º.-Nomeamento dos membros e duración dos cargos.

Os membros do Consello Galego de Turismo serán nomeados polo conselleiro competente en materia de turismo e desempeñarán os seus cargos por un período de catro anos. Se algún membro perde o carácter de representividade do sector que o elixiu, este deberá proceder a elixir outro vocal-representante no prazo máximo dun mes, polo período que lle restaba a aquel, para o seu posterior nomeamento polo conselleiro competente en materia de turismo.

Artigo 3º.-Funcións do Consello Galego de Turismo.

Son funcións do Consello Galego de Turismo:

a) Informar e asesora-la Administración turística autonómica naquelas cuestións relacionadas cos

intereses xerais de turismo nesta Comunidade Autónoma.

b) Propoñe-la realización de estudios, investigacións e publicacións que se consideren necesarios para o desenvolvemento turístico de Galicia.

c) Emitir informes no trámite de audiencia sobre os plans turísticos previstos na Lei de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

d) Propoñe-las accións que considere de interese para a consecución dos seguintes obxectivos:

-Formación e actualización de recursos humanos no sector turístico.

-Dinamización do emprego no sector turístico.

-Defensa, conservación e recuperación dos recursos turísticos.

-Diversificación da oferta turística.

-Configuración de novos productos turísticos.

-Modernización e mellora da calidade e da competitividade da oferta turística.

-Desestacionalización turística

-Promoción turística.

e) Elaborar un informe anual sobre a situación turística de Galicia.

f) Propoñer calquera outra acción non prevista anteriormente que poida contribuír ó fomento e desenvolvemento turístico e á planificación da política turística de Galicia.

Artigo 4º.-Funcionamento do Consello.

O Consello Galego de Turismo funcionará en pleno e en comisións de traballo.

Artigo 5º.-O Pleno do Consello.

1. O Pleno estará integrado por tódolos seus membros.

2. O Pleno quedará validamente constituído en primeira convocatoria cando concorran a metade máis un dos seus membros, e en segunda convocatoria, que se celebrará unha hora despois, abondará coa asistencia da terceira parte dos seus membros.

3. Cando a orde do día o requira, a presidencia poderá invitar a participar nas reunións do Pleno, con voz pero sen voto, aquelas entidades ou expertos de turismo que coide oportuno para o mellor asesoramento nos temas concretos que se van debater.

4. Os acordos do Pleno tomaranse por maioría dos membros presentes.

Artigo 6º.-As comisións de traballo.

As comisións de traballo constituiranse para estudiar temas concretos e disolveranse cando estes rematen. Estas comisións estarán integradas polos membros do consello mailos técnicos e profesionais do turismo, non membros do consello que a pre

sidencia do consello designe por proposta da vicepresidencia.

Artigo 7º.-Colaboración de técnicos.

Por disposición da presidencia do consello, logo da proposta da vicepresidencia, poderán tomar parte nos traballos do consello, en temas concretos, con voz pero sen voto, os técnicos do centro directivo competente en materia de turismo e do centro directivo ou unidade competente en materia de promoción do Camiño de Santiago.

Así mesmo, a presidencia do consello poderá reclama-la colaboración de técnicos doutras consellerías cando os asuntos que se van tratar así o requiran.

Artigo 8º.-Reunións do consello.

O Pleno do Consello reunirase en sesión ordinaria unha vez cada seis meses, ou en sesións extraordinarias por decisión da presidencia ou por solicitude dun tercio dos seus membros.

Capítulo II

Declaración de municipio turístico galego

Artigo 9º.-Declaración de municipio turístico galego.

Poderán declararse municipios turísticos galegos:

a) Aqueles nos que pola afluencia periódica ou estacional a media ponderada anual de poboación turística sexa superior ó vintecinco por cento do número de veciños ou cando o número de aloxamentos turísticos e máis de segundas residencias sexa superior ó cincuenta por cento do número de vivendas de residencia primaria.

b) Os que acrediten contar dentro do seu territorio con algún servicio turístico susceptible de producir unha atracción turística de visitantes nunha cantidade cinco veces superior á súa poboación, computada ó longo dun ano e repartida, cando menos, en máis de trinta días.

Artigo 10º.-Prestación de servicios.

Para a declaración de municipio turístico galego terase en conta a actuación municipal destinada a garanti-la prestación dos servicios seguintes:

a) Rede de sumidoiros e tratamento de augas residuais.

b) Recolla e tratamento de residuos.

c) Protección da salubridade pública.

d) Seguridade en lugares públicos.

e) Protección civil.

f) Ordenación urbanística.

g) Oficina de información turística, polo menos durante a época de maior afluencia turística.

h) Medidas eficaces de protección e recuperación do contorno natural, da paisaxe e do ambiente en xeral.

Artigo 11º.-Iniciación dos procedementos.

1. Os procedementos de declaración de municipio turístico galego iniciaranse por petición dos propios concellos ou por iniciativa da Administración turística autonómica. En todo caso, será preceptivo o acordo plenario do concello en cuestión para o cal se debe achega-la certificación correspondente.

2. A iniciación de oficio efectuarase mediante acordo do centro directivo competente en materia de turismo ou de calquera outro órgano superior con competencias en materia turística.

Con anterioridade ó acordo de iniciación abrirase un período de información previa, no que preceptivamente se lle dará audiencia ó concello correspondente, co fin de coñece-las circunstancias do caso concreto e determina-la conveniencia ou non de inicialo.

3. Os procedementos iniciados de oficio seguirán a mesma tramitación que os iniciados por instancia dos concellos, debendo a administración turística solicitar destes a documentación a que alude o artigo 13º deste decreto.

Artigo 12º.-Solicitudes de declaración de municipio turístico galego.

As solicitudes dirixiranse ó centro directivo competente en materia de turismo, podendo presentarse nos rexistros das delegacións provinciais da consellería competente na dita materia e nos demais órganos e oficinas que corresponda, de conformidade co establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13º.-Documentación.

As solicitudes de declaración de municipio turístico galego deberán vir acompañadas da seguinte documentación:

A) Certificación municipal do acordo plenario referente á formulación da solicitude.

B) Respecto da poboación e número de aloxamentos:

1. Certificación municipal do número de veciños que conforman o padrón municipal de habitantes.

2. Certificación municipal do contido dos documentos da entidade local nos que se cuantifique a afluencia turística anual ó concello, desagregada por meses, e nos que se describirán os criterios utilizados para efectuar esa cuantificación.

3. Certificación municipal do número de vivendas de residencia primaria e secundaria.

4. Certificación municipal da relación de aloxamentos turísticos do municipio, segundo a enumeración que se efectúa no artigo 29 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, e ós que se lles teña outorgado a preceptiva licencia municipal de apertura.

C) No referente ós recursos turísticos do municipio:

1. Relación dos recursos turísticos susceptibles de produciren unha atracción turística de visitantes.

2. Certificación municipal dos documentos da entidade local nos que se cuantifique, se é o caso, o número de visitantes atraídos por tales recursos turísticos nunha cantidade cinco veces superior á poboación do municipio. Tal cantidade computarase durante un ano e repartirase, cando menos, en máis de trinta días. Deberán consta-los criterios utilizados para efectuar esa cuantificación.

D) A prestación dos servicios expresados no artigo 10º deste decreto por parte do municipio deberase acreditar mediante unha ou varias certificacións municipais, nas que se constate o seguinte:

-Rede de sumidoiros existente, con descrición da súa cobertura no termo municipal.

-Respecto ó tratamento de augas residuais: sistema de depuración utilizado, estacións depuradoras que se atopen en funcionamento e descrición da súa cobertura no termo municipal.

-Prestación do servicio de recolla e tratamento de residuos con descrición da súa cobertura no termo municipal. Especificarase a incorporación ou non do concello ó Plan de residuos sólidos da Xunta de Galicia.

-En relación á prestación da salubridade pública: servicios que se atopan en funcionamento e medidas adoptadas polo concello, especialmente naquelas datas en que se produce unha maior afluencia turística.

-No referente á seguridade en lugares públicos: existencia ou non dun corpo de policía local, con descrición do seu esquema organizativo, cadro de efectivos e plan de actuación vixente, especialmente nas épocas de maior afluencia turística; e existencia ou non dunha xunta local de seguridade.

-En canto á protección civil: sistema organizativo existente e plans municipais homologados.

-Respecto da ordenación urbanística: enumeración dos plans urbanísticos vixentes, con especial referencia á existencia ou non de plan xeral de ordenación municipal, proxecto de ordenación do medio rural, plans especiais de protección de recintos históricos, plans especiais de protección da paisaxe, plans especiais de mellora do medio rural e plans especiais de reforma interior en solo urbano.

-Oficinas ou puntos de información turística existente cando menos durante a época de maior afluencia turística, con descrición da súa situación, dotación e infraestructura.

-Medidas efectivas adoptadas polo concello en relación cos parques naturais inscritos nos rexistros correspondentes, cos espacios naturais en réxime de protección xeral, e cos espacios naturais que figuran catalogados nas normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia correspon

dente e, en xeral, aqueloutras medidas tendentes á protección, recuperación, conservación e posta en valor do seu patrimonio natural e cultural.

E) Calquera outro documento que, a xuízo da corporación local, se considere conveniente achegar co fin de xustifica-lo cumprimento dos requisitos esixidos legalmente para a declaración de municipio turístico.

Artigo 14º.-Tramitación do procedemento.

1. Recibidas as solicitudes e a documentación completa, a correspondente delegación provincial da consellería competente en materia de turismo iniciará os expedientes de declaración e elevaraos co seu informe ó centro directivo competente nesta materia.

2. O centro directivo competente en materia de turismo remitirá unha copia das solicitudes e da documentación presentada ás consellerías competentes nas materias de administración local, sanidade, seguridade, protección civil, ambiente, cultura e ordenación do territorio, co obxecto de que emitan informe sobre elas no prazo de quince días contados desde a recepción da dita documentación.

Estes informes non terán carácter vinculante e versarán sobre os aspectos relativos á prestación de servicios dos concellos que teñan relación coas competencias específicas de cada consellería.

Así mesmo, remitirase copia das solicitudes e da documentación á deputación provincial correspondente, co fin de que no prazo de quince días contados desde a súa recepción, emita o seu propio informe en relación coas súas competencias específicas recollidas na normativa vixente reguladora da administración local.

De non se emitiren os informes no prazo sinalado, proseguirase a tramitación das solicitudes.

3. A seguir, os expedientes serán examinados no centro directivo competente en materia de turismo por unha comisión de valoración, que constatará o cumprimento dos requisitos esixidos legal e regulamentariamente para o outorgamento da declaración, debendo ter en conta, ademais, a prestación dos servicios a que fai referencia o artigo 13º alínea D) deste decreto.

4. Para facilita-la súa valoración, e para o caso de que a documentación presentada non xustifique suficientemente o cumprimento dos requisitos e condicións esixidas nesta disposición, a comisión poderalles requirir ós solicitantes que aclaren ou completen nalgún extremo a devandita documentación.

Así mesmo, a comisión poderá solicitar informes de expertos relacionados co sector turístico e de personalidades de recoñecido prestixio.

5. Instruídos os procedementos e inmediatamente antes de redacta-la proposta de resolución, poránselles de manifesto ós interesados ou, se é o caso, ós seus representantes, para que aleguen o que coiden oportuno, segundo se establece no artigo 84 da

Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A comisión de valoración, no prazo de catro meses desde a recepción das solicitudes ou, se é o caso, desde a data do acordo de iniciación de oficio formulará proposta de resolución á consellería competente en materia de turismo, que a elevará ó Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 15º.-Composición da comisión.

A comisión de valoración do centro directivo competente en materia de turismo, estará composta polos seguintes membros:

a) Presidente: o titular do centro directivo competente en materia de turismo.

b) Vocais: o correspondente delegado provincial da consellería competente en materia de turismo.

-O subdirector xeral competente en materia de ordenación do turismo

-O subdirector xeral competente en materia de fomento e cooperación institucional

-Os xefes de servicio con competencias en materia de fomento, promoción, investimentos e supervisión técnico-turística

-Un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

c) Secretario: o xefe de servicio con competencias en materia de ordenación do turismo.

Artigo 16º.-Resolución.

1. A declaración de municipio turístico galego efectuarase mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia que se publicará no Diario Oficial de Galicia e notificaráselle ó concello correspondente.

2. O prazo para resolve-los expedientes de declaración é de seis meses desde a súa incoación. Se a incoación se efectuou por instancia dos municipios, a falta de resolución expresa dentro dese prazo terá efectos desestimatorios da solicitude de declaración.

Artigo 17º.-Suxeición ó plan de ordenación turística.

1. As directrices que se conteñan no plan de ordenación turística de Galicia que afecten o desenvolvemento turístico dos municipios declarados turísticos serán vinculantes para estes.

2. O incumprimento de tales directrices por parte dos concellos dará lugar á revogación das súas declaracións como municipios turísticos, de acordo co estipulado no artigo 21º deste decreto.

Artigo 18º.-Promoción turística.

A declaración dun municipio galego como turístico levará consigo a súa inclusión no Plan Galego de Promoción do Turismo a que fai referencia a Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

Artigo 19º.-Beneficios da declaración.

1. A declaración de municipio turístico suporá un criterio específico de prioridade nos beneficios que poidan derivar dos plans de desenvolvemento e mellora do sector turístico que acometa a Xunta de Galicia.

2. Igualmente, implicará a súa inclusión, con carácter preferente, nos plans provinciais de cooperación de obras e servicios para aqueles que con carácter obrigatorio están establecidos por lei.

3. Tamén outorgará prioridade na concesión de axudas e subvencións que puidese establecer a Administración turística para a potenciación de programas locais de desenvolvemento e de potenciación e promoción dos recursos turísticos.

Artigo 20º.-Información turística.

Os municipios galegos declarados turísticos deberán facilitarlle á Administración turística, con carácter anual ou cunha periodicidade inferior que esta poida determinar, os datos relativos á afluencia turística rexistrada no seu termo municipal, así como calquera outra información referente á prestación de servicios e demais requisitos e condicións conforme os cales se outorgou esa declaración.

Artigo 21º.-Revogación das declaracións.

1. As declaracións de municipios turísticos terán carácter indefinido. Non obstante, o Consello da Xunta de Galicia poderá revoga-las devanditas declaracións se deixasen de concorre-los requisitos e condicións nas que se baseou o outorgamento.

2. No procedemento de revogación deberá consta-lo informe do centro directivo competente en materia de turismo, o do concello correspondente e mailo das consellerías referidas no artigo 14.2º deste decreto.

Capítulo III

Declaración de festas de Galicia

de interese turístico

Artigo 22º.-Declaración de festas de Galicia de interese turístico.

A Xunta de Galicia poderá instituír e declarar como festas de Galicia de interese turístico aquelas manifestacións ou acontecementos de carácter festivo que, celebrados no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, supoñan unha valoración da cultura e das tradicións populares e teñan unha especial importancia como atractivo turístico.

Artigo 23º.-Requisitos.

A declaración efectuarase en función do cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Antigüidade: as manifestacións ou acontecementos de carácter festivo a que se refiran as peticións deberán ter no momento da solicitude unha antigüidade mínima de dez anos. As súas celebracións efectuaranse periodicamente e en datas facilmente determinables.

A antigüidade mínima poderá ser dispensada cando unha valoración conxunta dos requisitos e criterios recollidos na presente regulamentación así o aconsellen.

b) Singularidade: as festas de que se trate deberán conter aspectos orixinais e de calidade que as singularicen respecto a outras similares que poidan ter lugar noutras localidades.

c) Arraigamento: elementos esenciais da celebración serán o arraigamento popular no ámbito territorial correspondente e o carácter participativo da poboación, excluíndose aquelas festas orixinadas por simples intereses particulares.

d) Valor cultural: as celebracións dos eventos de que se trate xirarán en todo caso, arredor das manifestacións de interese cultural: artísticas, relixiosas, gastronómicas, deportivas ou de calquera outro tipo.

Artigo 24º.-Iniciación do procedemento.

Os procedementos de declaración de festas de Galicia de interese turístico iniciaranse por solicitude da persoa ou entidades interesadas ou de oficio por acordo da consellería competente en materia de turismo.

Artigo 25º.-Solicitudes.

1. Poderán solicita-la declaración de festas de Galicia de interese turístico os concellos do lugar onde se celebren as festas, as asociacións ou organizacións relacionadas co sector turístico, calquera entidade pública ou privada e os particulares interesados.

2. As solicitudes, dirixidas ó centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo, poderán presentarse nos rexistros das delegacións provinciais desa consellería ou nos demais órganos e oficinas que correspondan, de conformidade co establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As solicitudes deberán vir acompañadas da seguinte documentación:

a) Memoria explicativa, que xustifique o cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 23º, e na que, co contido e amplitude que os solicitantes consideren oportuno, se deberá expresar, en todo caso:

-A data ou época de orixe da festa e a historia resumida da súa institución e desenvolvemento.

-A data de celebración.

-Unha descrición detallada dos actos que compoñen a festa na actualidade.

-A afluencia de visitantes.

-A existencia na localidade na que se celebre ou nas localidades próximas de infraestructuras e equipamentos suficientes para a celebración e a recepción de visitantes.

-A realización polas entidades organizadoras de accións promocionais suficientes para a atracción de correntes turísticas.

b) Fotografías, carteis, programas, folletos, libros, referencias bibliográficas, material audiovisual e, en xeral, canta información gráfica se considere oportuna para apoia-la petición.

c) Acordo do pleno do concello no que radique a festa ou acontecemento ou do órgano municipal que teña asignada esta atribución.

d) Cando a solicitude a curse directamente o concello, deberanse describi-las accións deste para o mantemento, dignificación e promoción da festa.

Artigo 26º.-Tramitación do procedemento.

1. Recibidas as solicitudes e a documentación completa, a correspondente delegación provincial da consellería competente en materia de turismo iniciará o expediente de declaración e elevarallo co seu informe ó correspondente centro directivo.

2. As solicitudes serán examinadas no devandito centro directivo por unha comisión de valoración que procederá á súa valoración en función dos seguintes criterios:

a) Cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 23º deste decreto. En particular, teranse en conta aquelas manifestacións ou acontecementos que fagan revivir costumes e tradicións populares.

b) Dotación dos suficientes equipamentos e infraestructuras básicas e turísticas da localidade ou áreas xeográficas próximas onde teña lugar a celebración.

c) Adecuado coidado dos contornos urbanos, monumentais ou paisaxísticos onde se desenvolva, segundo a súa natureza.

d) Afluencia de visitantes.

e) Calidade dos actos que configuren a celebración.

f) Creatividade.

g) Calquera outro aspecto que se derive da presente regulamentación.

3. Para facilita-la súa valoración, e para o caso de que a documentación presentada non xustifique suficientemente o cumprimento dos requisitos e condicións esixidas nesta disposición, a comisión poderalles requirir ós solicitantes que aclaren ou completen nalgún extremo a devandita documentación.

Así mesmo, a comisión poderalles solicitar informes a expertos relacionados co sector turístico e a personalidades de recoñecido prestixio.

4. Instruídos os procedementos e inmediatamente antes de redacta-la proposta de resolución, cumprirase o trámite de audiencia a favor dos interesados e, en todo caso, do concello correspondente, conforme o establecido no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. A comisión de valoración, no prazo de tres meses desde a recepción das solicitudes, trasladaralle a proposta de resolución á consellería competente en materia de turismo que a elevará ó Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 27º.-Composición da comisión de valoración.

A comisión de valoración estará composta polos seguintes membros:

a) Presidente: o titular do centro directivo competente en materia de turismo.

b) Vocais: o delegado provincial correspondente da consellería competente en materia de turismo.

O subdirector xeral competente en materia de ordenación do turismo

O subdirector xeral competente en materia de fomento e cooperación institucional.

Os xefes de servicio con competencias en materia de ordenación, fomento, formación e cooperación institucional turística.

Un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

c) Secretario: un funcionario do centro directivo competente en materia de turismo designado polo seu titular

Artigo 28º.-Resolución.

1. A declaración efectuarase mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e que se lle notificará ás persoas ou entidades organizadoras da festa e ó concello correspondente.

2. O prazo para resolve-los expedientes é de seis meses desde a súa incoación. Se a incoación se efectuou por instancia dos municipios, a falta de resolución expresa dentro dese prazo terá efectos desestimatorios da solicitude de declaración.

Artigo 29º.-Revogación das declaracións.

1. As declaracións de festas de Galicia de interese turístico terán carácter indefinido. Non obstante, o Consello da Xunta de Galicia poderá revoga-las ditas declaracións se deixasen de concorre-las características e circunstancias nas cales se baseou o outorgamento.

2. No procedemento de revogación deberá consta-lo informe do centro directivo competente en materia de turismo e do concello correspondente, debéndoselles dar audiencia ós interesados.

Artigo 30º.-Inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas.

A declaración de festa de Galicia de interese turístico comportará a súa inscrición automática no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 31º.-Axudas e subvencións.

Para recibi-las axudas e subvencións que para este tipo de acontecementos puidese establece-la Xunta de Galicia, valorarase a súa declaración como festa de Galicia de interese turístico.

Artigo 32º.-Promoción turística.

A declaración dunha festa de Galicia como de interese turístico levará consigo a súa inclusión no Plan Galego de Promoción do Turismo a que fai referencia a Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo o non previsto no presente decreto, o Consello Galego de Turismo adecuará o seu funcionamento ó establecido para os órganos colexiados na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-A declaración de municipio turístico galego non implica a de zona de grande afluencia turística para os efectos previstos no artigo 4 do Decreto 365/1996, do 26 de setembro, polo que se regulan os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Son festas de Galicia de interese turístico as declaradas pola Administración turística estatal como de interese turístico nacional e local.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 224/1998, do 17 de xullo, polo que se regula o Consello Galego de Turismo, o Decreto 239/1998, do 30 de xullo, polo que se regula a declaración de municipio turístico galego e o Decreto 203/1998, do 25 de xuño, polo que se regulan as declaracións de festas de Galicia de interese turístico.

Disposicións derradeiras

Primeira.

1. Consello Galego de Turismo, reunido en Pleno, elaborará o seu regulamento, que establecerá o funcionamento do pleno e das comisións de traballo.

2. Este regulamento será sometido á aprobación do conselleiro competente en materia de turismo.

Segunda.-Facúltase o conselleiro competente en materia de turismo, para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Terceira.-O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de febreiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo