Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 20 de febreiro de 2001 Páx. 2.222

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída, a teor do artigo 27.21º do Estatuto de autonomía, a competencia exclusiva en materia de promoción e ordenación do turismo dentro da comunidade, e, polo tanto, a potestade de regulamenta-lo sector turístico no seu ámbito territorial.

A Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, supuxo dota-la Comunidade Autónoma dunha normativa turística xeral, fixándose deste xeito o marco legal adecuado para o desenvolvemento do sector, o cal vai adquirindo progresivamente un maior peso específico nos distintos parámetros da economía galega, a medida que as estructuras económicas de Galicia se van desenvolvendo e modernizando.

Seguindo a liña marcada pola Lei 9/1997, para regulariza-la materia turística dunha maneira unitaria e sistemática, cómpre ir desenvolvendo unha tarefa que unifique a normativa neste eido que ata agora se atopaba espallada en distintos decretos, co cal, pola súa vez, se desenvolve o programa de racionalización normativa que leva a cabo a Xunta de Galicia.

As materias que agora se refunden atopábanse dispersas na seguinte normativa: o Decreto 155/1989, do 22 de xuño, polo que se aproba o Regulamento das axencias de viaxes; a Orde do 26 de marzo de 1998, pola que se regulamenta a profesión de guía de turismo especializado de Galicia, que posteriormente tras algunha modificación foi tramitada como proxecto de decreto contando co dictame favorable do Consello Consultivo; e o Decreto 116/1999, do 23 de abril, polo que se regulamenta a actuación das empresas relacionadas coa organización de actividades de turismo activo.

No capítulo IV do título IV, da Lei 9/1997, regúlase baixo a rúbrica da actividade de intermediación turística (artigos 57 a 65) as axencias de viaxes. Dentro da estructura turística de Galicia, as axencias de viaxes cumpren unha misión fundamental non só no aspecto organizativo das viaxes cara ó exterior, senón tamén polo receptivo, en canto á súa relación dentro da complexidade do sector turístico.

Tratando de respecta-la rendibilidade como empresas das axencias de viaxes, en defensa dos profesionais do sector e co ánimo de protexe-los intereses dos usuarios ou consumidores, elaborouse o Regulamento de axencias de viaxes, que constitúe o título I do presente decreto, que é de obrigado cumprimento para tódalas axencias que desenvolvan a súa actividade profesional no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O título II regula a profesión de guía de turismo especializado de Galicia, desenvolvéndose deste xeito a previsión contida no artigo 68.2º da Lei 9/1997. Nesta regulación asegúrase que no exercicio desta profesión se respecten os principios de libre exercicio das actividades asalariadas, liberdade de establecemento e libre prestación de servicios consagrados no tratado da CEE e aqueloutras disposicións

comunitarias de dereito derivado aplicables á materia de recoñecemento de títulos.

Por outra banda, esta normativa pretende garantirlles ós usuarios turísticos a calidade da prestación dos servicios de información turística nos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, concretando o tipo de bens de patrimonio cultural de Galicia respecto dos que se esixe a habilitación de guías de turismo especializado de Galicia, seguindo así o criterio da sentencia do 22 de marzo de 1994 do Tribunal de Xustiza das comunidades europeas, o que sen dúbida contribúe a salvagarda-la identidade desta importante figura no eido turístico.

Finalmente, o título III regula a actuación das empresas relacionadas coa organización de actividades de turismo activo.

A práctica do turismo activo que ten como escenario a propia natureza comportou unha ampliación da oferta turística en determinadas comarcas de Galicia, un feito que ocasionou un aumento considerable de visitantes interesados neste tipo de actividades, como consecuencia das novas demandas sociais.

Ante o incremento crecente delas e o seu enorme interese como novo producto turístico, considérase necesario establecer unha serie de medidas esixibles ás empresas que as promovan, coa finalidade de eleva-lo nivel e as garantías de seguridade na súa práctica. Deste xeito, este decreto incorpora unha serie de medidas orientadas directamente a protexe-los dereitos e os intereses económicos dos usuarios que practiquen estas actividades.

Por todo isto, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, de conformidade co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de febreiro de dous mil un,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Axencias de viaxes

Capítulo primeiro

Natureza, actividade e clasificación

Artigo 1º.-Obxecto.

Regúlase por este decreto a natureza, actividade e clasificación das axencias de viaxe que desenvolvan a súa actividade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Natureza.

1. Teñen a consideración de axencias de viaxes as empresas que, en posesión do oportuno título-licencia, se dedican comercial e profesionalmente, en exclusividade ó exercicio das actividades de mediación e /ou organización de servicios turísticos, podendo utiliza-los medios propios na prestación deles.

2. A condición legal e a denominación de axencia de viaxes resérvase exclusivamente ás empresas referidas no parágrafo anterior. Os termos «viaxe» ou «viaxes» só poderán ser utilizados como todo ou parte do título ou subtítulo que rotule as súas actividades, de acordo co presente decreto.

3. As axencias de viaxes virán obrigadas a estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas.

Artigo 3º.-Actividade.

1. Son obxecto ou fins propios das axencias de viaxes os seguintes:

a) A mediación na venda de billetes ou reserva de prazas en tódalas clases de medios de transporte, así mesmo na reserva de cuartos e servicios nas empresas turísticas e particularmente nos establecementos hoteleiros e demais aloxamentos turísticos.

b) A organización e venda das denominadas «viaxes combinadas», entendéndose por tales, de acordo coa Lei 21/1995, do 6 de xullo, reguladora das viaxes combinadas, a combinación previa vendida ou ofrecida en venda conforme un prezo global de, polo menos dous dos seguintes elementos, cando a dita prestación supere as 24 horas ou inclúa unha noite de estadía: transporte, aloxamento, outros servicios turísticos non accesorios do transporte ou do aloxamento e que constitúan unha parte significativa da viaxe combinada.

c) A organización e venda dos «paquetes turísticos». Entenderase para os efectos deste decreto por «paquete turístico» o conxunto de servicios turísticos (manutención, transporte, aloxamento, etc.) previamente programados e ofertados ó público ou proxectados por solicitude do cliente, por un prezo global e que non teñan a consideración de viaxes combinadas.

d) A actuación como representante doutras axencias nacionais ou estranxeiras para a prestación no seu nome, á clientela delas, de calquera dos servicios fixados no presente artigo.

2. O exercicio das actividades referidas no punto anterior resérvase exclusivamente ás axencias de viaxes, sen prexuízo da facultade conferida pola lexislación vixente ós transportistas, hoteleiros e outras empresas turísticas para contrata-los seus propios servicios directamente cos clientes.

3. Ademais das actividades citadas, as axencias de viaxe poderán, na forma sinalada pola lexislación vixente, presta-los servicios seguintes:

a) Información turística e difusión dos materiais de propaganda.

b) Troco de divisas e venda e troco de cheques de viaxeiros.

c) Expedicións e transferencias das equipaxes por calquera dos medios de transporte.

d) Formaliza-las pólizas de seguro turístico, de perdas ou deterioración de equipaxes, e outras para cubri-los riscos derivados das viaxes.

e) Aluga-los vehículos con ou sen conductor.

f) Reserva, adquisición e venda de billetes ou entradas de tódolos tipos de espectáculos, museos e monumentos.

g) Aluga-los útiles e equipos destinados á práctica do turismo deportivo.

h) Freta-los avións, barcos, autobuses, trens especiais e outros medios de transporte para realiza-los servicios turísticos propios da súa actividade.

i) Prestación de calquera outro servicio turístico que complemente os citados no presente artigo.

4. A contratación das axencias de viaxes coas empresas hoteleiras e as de aloxamentos turísticos, transportistas e prestadoras de servicios turísticos, de tódolos tipos, situadas no resto das comunidades autónomas, axustarase á lexislación específica aplicable en cada caso.

Artigo 4º.-Clasificación.

As axencias de viaxes clasificaranse en tres grupos:

a) Maioristas.

Son aquelas que proxectan, elaboran e organizan tódalas clases de servicios e paquetes turísticos para ofrecelos ás axencias retallistas, non podendo comercializa-los productos directamente co usuario ou consumidor.

b) Retallistas.

Son aquelas que ou ben comercializan o producto das axencias maioristas coa venda directa ó usuario ou consumidor, ou ben proxectan, elaboran, organizan e/ou venden toda clase de servicios e paquetes turísticos directamente ó usuario, e non poden ofrece-los seus productos a outras axencias.

c) Maioristas-retallistas.

Son aquelas que poden simultanea-las actividades dos dous grupos anteriores.

Capítulo segundo

Obtención e revogación da licencia.

Autorización de sucursais

Artigo 5º.-Trámite previo.

Os interesados en obte-lo título-licencia de axencias de viaxes, poderán, como trámite previo á presentación da solicitude á que se refire o artigo seguinte, solicita-lo informe relacionado coa concesión, da correspondente delegación provincial da consellería competente en materia de turismo. Neste sentido deberán presenta-la seguinte documentación:

1. No caso de empresarios individuais:

a) Documento nacional de identidade do empresario.

b) Documento acreditativo de ter solicitada a súa inscrición no correspondente rexistro mercantil.

c) Certificación do Rexistro da Propiedade Industrial no que se acredite ter solicitado o nome comercial e o rótulo do establecemento na denominación que pretende adopta-la axencia. Do mesmo organismo presentarase informe previo de antecedentes rexistrais.

d) Estudios de viabilidade financeira da futura empresa proxectada.

2. Se a empresa é unha sociedade mercantil:

a) Proxecto de escritura de constitución da sociedade e dos estatutos dela onde consten claramente os requisitos esixidos no punto 3 do artigo seguinte, para tales empresas.

b) E ademais os documentos ós que se fai referencia nas letras c) e d) do punto 1 deste artigo.

Artigo 6º.-Solicitude do título-licencia.

O outorgamento do título-licencia das axencias de viaxes poderano solicita-los interesados na consellería competente en materia de turismo, a través da delegación provincial correspondente por calquera dos medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acompañando a seguinte documentación:

1. Documentación para presentar tanto se a empresa é individual ou sociedade mercantil:

a) Póliza de seguro para afianza-lo normal desenvolvemento da súa actividade que garanta os posibles riscos da súa responsabilidade, que será directa ou subsidiaria, segundo a utilización de medios propios ou non na prestación do servicio.

A póliza do seguro deberá cubri-los tres bloques de responsabilidades seguintes:

-A responsabilidade civil da explotación do negocio.

-A responsabilidade civil indirecta ou subsidiaria.

-A responsabilidade por danos patrimoniais primarios.

Estas coberturas terán que incluí-la totalidade dos sinistros: danos corporais, danos materiais e os prexuízos económicos causados.

A póliza para cada un dos tres bloques de responsabilidade terá que cubri-la contía mínima de 25.000.000 pesetas (150.253,02 euros). A axencia queda obrigada ó mantemento en permanente vixencia da devandita póliza.

b) Copia fidedigna dos contratos debidamente formalizados a nome da empresa ou títulos que proben sobradamente a dispoñibilidade da sede social e dos locais abertos ó público a favor da persoa física ou xurídica que solicite a licencia, os cales deberán reuni-las seguintes características:

-Destinaranse única e exclusivamente ó obxecto ou fins das axencias de viaxes de acordo co establecido no artigo 3.

-Estarán, se é o caso, independizados dos locais de negocios contiguos. Excepcionalmente, a consellería competente en materia de turismo poderá autoriza-lo desenvolvemento da actividade en locais que non cumpran este requisito, sempre e cando estean situados en edificios singulares onde se realicen actividades comerciais en conxunto, en vestíbulos de hoteis, nos recintos feirais ou en estacións e terminais de servicios públicos de transporte terrestre, marítimo ou aéreo.

-Deberá atendelos o persoal propio da empresa.

-No exterior do local en que se atope instalado o establecemento deberá figura-lo rótulo onde conste

claramente o nome da axencia, grupo a que pertence e o código de identificación.

c) Contrato entre a axencia e o director.

O nomeamento de director ou directores deberá cumpri-los requisitos esixidos na normativa vixente sobre esta materia.

d) Documento acreditativo da constitución da fianza ou da inclusión da axencia no fondo de garantía na forma e contía previstas neste regulamento.

e) Certificación expedida polo Rexistro da Propiedade Industrial que acredite a solicitude do nome comercial e rótulo do establecemento correspondente ó nome que pretenda adopta-la axencia, e informe previo dos antecedentes rexistrais expedido polo mesmo organismo.

f) Estudio da viabilidade económico-financeira da empresa proxectada.

g) Fotocopia compulsada da licencia municipal de apertura ou no seu defecto, da súa solicitude.

2. As empresas individuais ademais deberán presentar:

-Documento nacional de identidade.

-Documento acreditativo de ter solicitada a súa inscrición no correspondente rexistro mercantil.

3. As empresas que revistan a forma de sociedades mercantís deberán ademais presentar: copia legalizada da escritura de constitución da sociedade mercantil de acordo coa lexislación vixente, mailos estatutos da sociedade, na que conste a inscrición no rexistro mercantil, así como dos poderes dos solicitantes, cando estes non se deduzan claramente da escritura. Na escritura e mais nos estatutos sociais farase constar de maneira expresa, que o obxecto único e exclusivo da sociedade é o exercicio das actividades propias das axencias de viaxes.

Deberá igualmente consta-lo capital mínimo desembolsado de 30.000.000 de pesetas (180.303,63 euros) para o grupo de maioristas-retallistas, de 20.000.000 de pesetas (120.202,42 euros) para o grupo de maioristas e de 10.000.000 de pesetas (60.101,21 euros) para o grupo de retallistas.

Artigo 7º.-Resolución.

Unha vez recibida a documentación esixida, na correspondente delegación provincial da consellería competente en materia de turismo, tramitarase, xunto cun informe dos servicios de inspección de turismo, ó centro directivo competente en materia de turismo para efectúa-la proposta de resolución. A resolución pola que se conceda o título-licencia deberá indica-lo grupo ó que pertence a axencia e o código de identificación correspondente.

O prazo máximo no que debe notificarse a resolución expresa non poderá exceder de seis meses. No caso de que a resolución sexa denegatoria, deberá ser motivada e poderá recorrerse contra ela na vía administrativa. O vencemento do prazo máximo sen notificación da resolución expresa lexitima o interesado para entende-la solicitude estimada por silencio administrativo.

Artigo 8º.-Actuacións das axencias posteriores á resolución.

A partir da data do Diario Oficial de Galicia no que se publique a resolución de outorgamento do correspondente título-licencia, a axencia terá que realiza-las actuacións seguintes:

a) Antes do comezo das actividades, cumpri-lo establecido nas disposicións vixentes en materia de follas de reclamación e libros de inspección.

b) No prazo dun mes, comeza-las actividades e presenta-la copia da alta na licencia fiscal no epígrafe correspondente.

c) No prazo dun ano, presenta-la documentación acreditativa da concesión polo Rexistro da Propiedade Industrial do nome comercial e do rótulo do establecemento.

Se no prazo indicado no punto anterior non recaese resolución, deberá presenta-la certificación expedida polo Rexistro da Propiedade Industrial acreditativa da situación dos expedientes.

A presentación desta certificación prorrogará por períodos anuais o prazo sinalado no punto anterior.

Se o nome comercial e o rótulo do establecemento non fose outorgado polo Rexistro da Propiedade Industrial, no prazo dun mes contado a partir da data de denegación en firme, deberán solicita-lo cambio de denominación da axencia ó centro directivo competente en materia de turismo a través da delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de turismo e presenta-la nova documentación esixida no presente artigo e empezarán de novo a conta-los prazos sinalados.

Artigo 9º.-Modificacións.

1. As empresas deberán comunica-los cambios de director ou directores ou locais á consellería competente en materia de turismo a través da delegación provincial correspondente, no prazo dun mes contado a partir da data na que se produciu, achegando a oportuna documentación acreditativa, co obxecto de obte-la correspondente autorización do centro directivo competente en materia de turismo.

2. Así mesmo, no caso de sociedades mercantís, calquera modificación dos seus estatutos sociais, nos seus aspectos substantivos, designación ou substitución de representantes da sociedade, modificación do capital ou cambio de denominación social deberán comunicalo en igual forma e prazo que no parágrafo anterior.

3. Os titulares das axencias de viaxes poderán solicitar do centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo a través das correspondentes delegacións provinciais a reclasificación da axencia de viaxes noutro grupo distinto do que tivera outorgado, achegando para iso os documentos que se relacionan no artigo 6º.1. d) e 6º.3.

4. A titularidade das axencias de viaxes pode transmitirse por calquera dos medios válidos en dereito. Os interesados deberán solicitar do correspondente centro directivo da consellería competente en materia de turismo a través das respectivas delegacións provinciais, a autorización dos cambios de titula

ridade, para os efectos do exercicio da actividade das axencias de viaxes achegando para iso fotocopia compulsada da documentación acreditativa da dita transmisión.

Artigo 10º.-Marca comercial.

No caso de que as axencias de viaxes desexen utilizar no desenvolvemento das súas actividades unha marca comercial co nome diferente ó seu, deberán comunicalo previamente ó centro directivo competente en materia de turismo a través da delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de turismo xuntando a certificación rexistral e na súa utilización deberá colocarse ó lado do código de identificación o nome da axencia de viaxes.

Artigo 11º.-Apertura de sucursais.

1. Cando unha axencia de viaxes xa autorizada desexe abrir novos establecementos, deberá solicita-la oportuna autorización para cada un deles ante o centro directivo competente en materia de turismo a través da delegación provincial correpondente da consellería competente en materia de turismo, xuntando a documentación esixida no artigo 6.1.c) e d).

2. De acordo co número de establecementos xa autorizados da mesma axencia de viaxes, terase que acreditar, se é o caso, ter feito o incremento na cantidade que corresponda á garantía prevista no artigo 16º deste decreto.

3. O procedemento de autorización de establecementos será o establecido no artigo 7º.

Artigo 12º.-Revogación do título-licencia.

A revogación do título-licencia das axencias de viaxe faraa a consellería competente en materia de turismo mediante propostas de resolución do centro directivo competente en materia de turismo, logo da tramitación do correspondente procedemento, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Contra a dita resolución poderá recorrerse en vía administrativa.

Artigo 13º.-Causas de revogación.

Poderán ser causas de revogación do título-licencia das axencias de viaxes:

a) Tódalas previstas no ordenamento xurídico do Estado para a extinción de sociedades mercantís.

b) Non realiza-las actuacións previstas nos artigos 8º, 9º e 10º deste decreto, dentro dos prazos previstos.

c) Non repoñe-la garantía na contía e prazo previsto no artigo 16º.

d) Reduci-lo capital social por debaixo dos importes indicados no artigo 6º.3.

e) Non mante-la actividade da axencia ó longo dun ano continuado sen causa xustificada.

Capítulo terceiro

Das axencias estranxeiras

Artigo 14º.-Axencias estranxeiras.

As axencias de viaxes estranxeiras poderán:

a) Encomenda-la súa representación, con carácter permanente ou simplemente para accións concretas

a unha ou máis axencias de viaxes da Comunidade Autónoma de Galicia. Cando a representación sexa outorgada con carácter permanente a unha axencia de viaxes de Galicia, esta está obrigada a acreditalo ante a consellería competente en materia de turismo a través da correspondente delegación provincial.

b) Contrata-las prazas de aloxamento ou outros servicios turísticos directamente.

c) Establecer unha ou varias delegacións, de acordo co disposto no artigo seguinte, co exclusivo obxecto de atende-los clientes do exterior.

Estas facultades enténdense sen prexuízo de aplica-la normativa derivada das obrigas internacionais asumidas polo Estado.

Artigo 15º.-Título-licencia das axencias estranxeiras.

1. O título-licencia que cómpre para a apertura das delegacións de axencias de viaxes estranxeiras será outorgado pola consellería competente en materia de turismo, logo de solicitude da axencia interesada, na correspondente delegación provincial.

2. As axencias de viaxes estranxeiras que desexen abri-las devanditas delegacións, ademais do sometemento á lexislación que lles afecte como empresa, deberán presenta-la seguinte documentación, na delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de turismo:

a) Certificación acreditativa da existencia legal da axencia de viaxes estranxeira, e informes da súa solvencia económica e profesional, todo iso visado pola representación diplomática ou consular do Estado no país da axencia peticionaria.

b) Contrato subscrito entre a axencia e a persoa designada como director de cada delegación. O nomeamento de director deberá cumpri-los requisitos esixidos na lexislación vixente.

c) Xustificante acreditativo da constitución dunha garantía de 20.000.000 de pesetas (120.202,42 euros) que poderá revestir calquera das formas previstas no artigo seguinte.

d) Documento que acredite a dispoñibilidade do local de acordo co previsto no artigo 6º 1.b).

e) Póliza de seguro nos termos sinalados no artigo 6º.1 a).

3. As delegacións en Galicia das axencias de viaxes estranxeiras, deberán cumpri-las normas, requisitos e prescricións deste decreto que lles sexan de aplicación.

Capítulo cuarto

Das garantías

Artigo 16º.-Garantías.

1. As axencias de viaxes quedarán obrigadas a constituír e manter en permanente vixencia unha garantía que poderá revesti-las dúas formas seguintes:

a) Garantía individual: mediante o ingreso na caixa xeral de depósitos, aval bancario, póliza de caución

ou título de emisión de débeda pública á disposición da consellería competente en materia de turismo. Estas garantías cubrirán as contías seguintes:

-Maioristas: 20.000.000 de pesetas (120.202,42 euros).

-Retallistas: 10.000.000 de pesetas (60.101,21 euros).

-Maioristas-retallistas: 30.000.000 de pesetas (180.303,63 euros).

b) Garantía colectiva: mediante a inclusión voluntaria das axencias de viaxes a través das asociacións legalmente constituídas nun fondo solidario de garantía.

A contía desta garantía colectiva será do 50% da suma das garantías que as axencias de viaxes individualmente consideradas deberían constituír, de acordo co punto anterior e o seu importe global non poderá ser inferior a 400.000.000 de pesetas (2.404.048,41 euros) por asociación de carácter estatal e a mesma cantidade para cando o seu ámbito corresponda dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Calquera modificación nesta garantía colectiva comunicarase de inmediato ó centro directivo competente na materia a través da correspondente delegación provincial da consellería competente en materia de turismo.

Os xeitos de constituír esta garantía serán análogos ós sinalados para garantía individual, a cal, unha vez formalizada estará á disposición da consellería competente en materia de turismo.

2. As contías referidas no punto 1.a) deste artigo cubrirán as aperturas de seis establecementos. Por cada novo establecemento que supere a cifra anterior haberase de incrementa-la garantía individual na cantidade de 2.000.000 de pesetas (12.020,24 euros) e a colectiva na de 1.000.000 de pesetas (6.010,12 euros).

3. En caso de executarse a garantía, a axencia ou asociación afectada quedará obrigada a repoñela no prazo de quince días na cantidade suficiente para cubrir novamente a totalidade dela.

4. A garantía non poderá ser cancelada durante a tramitación dun expediente de revogación, renuncia ou baixa de licencia, nin ata despois de transcorrido un ano desde que a resolución correspondente ó expediente sexa firme.

5. A garantía quedará afectada á resolución firme en vía xudicial declarativa de responsabilidades económicas das axencias de viaxes derivada da prestación dos servicios proporcionados ós seus clientes.

Capítulo quinto

Do exercicio das actividades das axencias de viaxes

Artigo 17º.-Propaganda.

En toda a propaganda impresa, correspondencia, documentación e publicidade realizada por unha axencia de viaxes, calquera que sexa o medio utilizado, indicarase o código de identificación, o nome,

e se é o caso, o nome da marca comercial rexistrada, así como o seu enderezo.

Artigo 18º.-Folletos e programas.

Os folletos e programas editados polas axencias de viaxes responderán a criterios de utilidade, precisión e veracidade e non poderán incluír publicidade falsa ou enganosa.

Artigo 19º.-Depósito do custo dos servicios.

Ó contratar cos seus clientes, as axencias deberanos informar previamente do custo dos servicios que se presten, sobre os cales poderán esixir un depósito non superior ó 40% da totalidade do custo previsto, contra o que deberán entrega-lo recibo ou documento xustificante no que consten as cantidades recibidas a conta e os conceptos correspondentes.

Artigo 20º.-Tipos de contratos.

1. As viaxes combinadas que organicen ou vendan as axencias de viaxes regulamentaranse pola Lei 21/1995, do 6 de xullo, reguladora das viaxes combinadas e pola demais normativa que lles puidera ser de aplicación.

2. Para os efectos deste decreto, os demais tipos de contratos que se concerten, entre as axencias de viaxes e os usuarios ou consumidores poden ser:

a) De servicios soltos, cando se facilitan a comisión os elementos illados dunha viaxe, ou unha estadía.

b) De paquetes turísticos, cando sen acada-la condición de viaxes combinadas definidas na devandita Lei 21/1995, do 6 de xullo, se reúne un conxunto de servicios previamente programados ó público por un prezo global ou proxectados mediante solicitude do cliente tamén por un prezo global.

Artigo 21º.-Servicios soltos.

1. Nos contratos de servicios soltos, as axencias non poderán percibir dos seus clientes máis có prezo que corresponde a tales servicios, ó que se poderá engadir unha recarga polos gastos de xestión derivados da operación.

2. No momento da perfección do contrato, a axencia de viaxes deberá entregarlle ó usuario ou consumidor os títulos ou bonos correspondentes ós servicios encargados, xunto coa factura na que ademais de figura-lo prezo total aboado polo cliente, deberá especificar separadamente e claramente o prezo de cada un dos servicios e a recarga correspondente polos gastos de xestión.

Artigo 22º.-Paquetes turísticos.

1. Nos contratos de paquetes turísticos a axencia de viaxes deberá confeccionar e poñer á disposición do público un programa e oferta pertinente completa, no que se deberá facilitar unha clara e exacta información sobre destinos, duración e calendario da viaxe; prezo do paquete e o prezo estimado das excursións facultativas, medios de transporte, mencionando as súas características e clase, así como a relación dos establecementos de aloxamento, indicando a súa categoría. Conterán tamén as cláusulas aplicables a posibles responsabilidades, cancelacións e demais condicións da viaxe.

2. No momento da perfección do contrato entregaranse ó usuario ou consumidor os títulos ou bonos de transporte, bono de aloxamento, se é o caso, e demais documentos que sexan necesarios para a realización completa dos servicios que configuran o paquete turístico, así como unha factura na que ademais de figura-lo prezo global do paquete, conste unha referencia da oferta correspondente, en relación cos devanditos programas do número anterior.

Artigo 23º.-Revisión dos prezos.

1. A axencia respectará os prezos a tanto global fixados e acordados co cliente nos paquetes turísticos, que non poderán ser superiores ós que consten nos folletos de información ó público. Soamente se permitirá revisa-los prezos por modificacións nas tarifas de transporte e por trocos substanciais producidos por fluctuacións no tipo de troco de moedas, cando conste no contrato o tipo de troco aplicado na formación do prezo.

2. En tódolos casos, cando a repercusión supere o 15% do prezo establecido, o cliente poderá desistir de face-la viaxe con dereito ó reembolso dos pagamentos que fixese, agás os de xestión e anulación se os houbese.

Artigo 24º.-Desistimento dos servicios.

1. En todo momento o usuario ou consumidor pode desistir dos servicios solicitados ou contratados, tendo dereito á devolución das cantidades que aboara, tanto tratándose do prezo total, como do depósito ó que fai referencia o artigo 19º pero deberá indemniza-la axencia nos casos e contías seguintes:

a) No caso de servicios soltos, aboará os gastos de xestión e os de anulación debidamente xustificados.

b) No caso de paquetes turísticos, aboará os gastos de xestión, os de anulación se os houbese e unha penalización consistente no 5% do total da viaxe, se o desistimento se produce con máis de dez e menos de quince días de antelación á data de comezo da viaxe; o 15% entre os días tres e dez; e o 25% dentro das 48 horas anteriores á saída. De non se presenta-la hora prevista para a saída, non terá dereito á devolución ningunha da cantidade aboada, salvo causa de forza maior que se poida demostrar ou acordo entre partes noutro sentido.

c) No caso de que algúns dos servicios soltos ou o paquete turístico estivese suxeito a condicións económicas especiais de contratación, tales como fretamento de avións, buques, tarifas especiais, os gastos de anulación por desestimento estableceranse de acordo coas condicións acordadas entre as partes.

2. As axencias de viaxes quedarán obrigadas a facilita-la totalidade dos servicios contratados nas condicións e características estipuladas cos seus clientes.

3. Só se eximirán desta obriga as axencias de viaxes por forza maior ou causa suficiente.

Artigo 25º.-Causas de desistimento.

Para os efectos do establecido no artigo anterior consideraranse causas suficientes:

a) Os supostos nos que as axencias, malia actuaren coa previsión ou dilixencias debidas, non puidesen

facilita-los servicios contratados por razóns que non lles sexan imputables.

b) Cando nas viaxes organizadas ou paquetes turísticos non se alcance o número suficiente de inscricións, sempre que o dito número mínimo fose especificado nas condicións da viaxe e que a anulación sexa anunciada ós viaxeiros polo menos con dez días de antelación ó de saída.

Artigo 26º.-Imposibilidade de prestación dos servicios.

Se existise a imposibilidade de prestar algún dos servicios nas condicións pactadas, a axencia ofreceralle ó usuario a posibilidade de optar polo reembolso total do aboado, ou a substitución por outro de similares características en canto á súa categoría e calidade. Se desta substitución, o servicio resulta de inferior categoría ou calidade, a axencia deberá reembolsa-la diferencia.

Artigo 27º.-Dereito ó reembolso.

1. Se as causas indicadas no artigo 24º ou as de forza maior se producen antes do comezo da viaxe, impedindo o cumprimento da operación, o cliente terá dereito ó reembolso da cantidade aboada, salvo os posibles gastos que, baixo esta condición, pactasen.

2. Se as devanditas causas sobreveñen despois de comezada a viaxe, a axencia virá obrigada a proporcionarlle ó seu cliente, en tódolos casos, a volta ata o punto da orixe e a devolve-las cantidades que correspondan proporcionalmente.

Capítulo sexto

Da protección das actividades profesionais

das axencias de viaxes: infraccións e sancións

Artigo 28º.-Intrusismo profesional.

A realización ou publicidade, por calquera dos medios de difusión, de actividades mercantís propias das axencias de viaxes, sen estar en posesión da correspondente licencia terá a consideración de intrusismo profesional e será sancionada administrativamente.

Artigo 29º.-Viaxes sen ánimo de lucro.

1. As persoas físicas ou xurídicas, institucións, organismos e entidades de calquera orde, públicas ou privadas, que oferten ó público a realización das viaxes, haberán de facelo a través dunha axencia de viaxes legalmente constituída.

2. Poderán, nembargantes, realiza-la organización das viaxes aquelas entidades, asociacións, institucións e organismos que cumpran todos e cada un dos requisitos seguintes:

a) Que se fagan sen ánimo de lucro.

b) Que sexan dirixidos única e exclusivamente ós seus membros e non ó público en xeral.

c) Que non utilicen os seus medios publicitarios para a súa promoción nin sexan de xeral coñecemento.

3. Excepcionalmente, a consellería competente en materia de turismo, poderá autorizar determinados

organismos públicos, para a organización e a promoción das viaxes sen ánimo de lucro, en función de acordos ou da súa participación en organismos internacionais que esixan esta condición.

Artigo 30º.-Responsabilidade administrativa.

As infraccións que se cometan en contra do preceptuado neste decreto e demais normativas que sexan de aplicación, darán lugar á correspondente responsabilidade administrativa, que se fará efectiva mediante a imposición dalgunha ou varias das sancións establecidas na normativa vixente, todo iso sen prexuízo das responsabilidades civís ou penais que puidesen corresponder.

TÍTULO II

A profesión de guía de turismo especializado

de Galicia

Artigo 31º.-Definición.

Considérase guía de turismo especializado aquel que preste, con carácter retribuído, servicios de información turística sobre os bens de interese cultural de Galicia a que fai referencia a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e que figuren inscritos no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, creado polo Decreto 430/1991, do 30 de decembro.

Artigo 32º.-Habilitacións.

A actividade definida no artigo anterior só poderá ser exercida polos que dispoñan da preceptiva habilitación outorgada pola consellería competente en materia de turismo.

A devandita habilitación outorgarase ós que cumpran os requisitos esixidos e superen as correspondentes probas, expedíndoselles un carné xunto cun distintivo que deberán levar en lugar visible durante o exercicio da súa actividade.

O ámbito territorial da habilitación será o da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do mantemento transitorio da vixencia das habilitacións para ámbitos territoriais inferiores ó autonómico.

Nas habilitacións deberán figurar, ademais do ámbito territorial, o seu alcance funcional e os idiomas a que se estendan.

Artigo 33º.-Período de validez da habilitación.

As habilitacións que se outorguen terán unha validez de cinco anos renovables por iguais períodos de tempo, sempre que o interesado acredite a asistencia a un ou varios cursos de formación, actualización ou perfeccionamento, que para tal efecto organice ou homologue a consellería competente en materia de turismo e que sumen un mínimo de 70 horas durante os cinco anos de vixencia da habilitación anterior.

Artigo 34º.-Rexistro.

Os guías de turismo especializados de Galicia, unha vez obtida a necesaria habilitación, inscribiranse de oficio no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia, creado polo Decreto 82/1987, do 26 de marzo.

Os ditos profesionais deberán comunicarlle á consellería competente en materia de turismo, no prazo de quince días, as baixas que voluntariamente se produzan, aínda que sexan temporais, ou calquera outra modificación dos datos cos que consten inscritos.

Artigo 35º.-Exclusión da habilitación.

Non se considera actividade profesional suxeita a habilitación administrativa á que fai referencia este decreto, a consistente na prestación dos seguintes servicios:

a) Os de información turística realizados nos lugares distintos ós dos bens de interese cultural de Galicia a que fai referencia o artigo 31º deste decreto.

b) Os de acompañamento e asistencia en ruta que non impliquen a prestación de servicios de información turística sobre os devanditos bens mencionados no artigo 31º deste decreto.

c) Os prestados por persoal ó servicio dunha administración pública, ou por profesionais do ensino que realicen actividades de información con carácter ocasional como consecuencia das súas actividades respectivas de acompañamento institucional ou formación do alumnado, sempre que non perciban ningunha remuneración por ese concepto.

d) Os realizados polos empregados de museos ou monumentos histórico-artísticos que no seu interior faciliten información sobre eles ós visitantes, sen percibir retribución por este concepto e sen que ofrezan os seus servicios mediante anuncio ou publicidade.

Artigo 36º.-Convocatoria das probas.

A consellería competente en materia de turismo convocará mediante orde, polo menos cada tres anos, probas para obte-la habilitación de guía de turismo especializado.

Nesa orde determinaranse os requisitos que os interesados deben reunir, a documentación que deberán achegar para poder participar nas probas, a composición do tribunal cualificador, o procedemento selectivo que se vai seguir e calquera outra circunstancia que se considere necesaria.

As probas tratarán alomenos sobre os seguintes temas:

a) Xestión, asesoramento e asistencia a grupos turísticos. Preparación e desenvolvemento de itinerarios turísticos.

b) Coñecementos histórico-artísticos, xeográficos, culturais e ecolóxicos de Galicia.

c) Coñecementos normativos e socioeconómicos do Estado español, e en especial, da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Idiomas castelán e galego e os estranxeiros que se determinen.

O programa que rexerá nestas probas publicarase xunto coa orde na que se convoquen os correspondentes exames.

Artigo 37º.-Requisitos para participar nas probas.

Poderán participar nas probas a que se refire o artigo anterior as persoas físicas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade.

b) Te-la nacionalidade dun país membro da Unión Europea, dun país asociado ó Acordo sobre o Espacio Económico Europeo ou dun país con convenio de reciprocidade con España neste ámbito.

c) Estar en posesión, como mínimo, dalgún dos seguintes títulos:

-Técnico superior en información e comercialización turística.

-Técnico en empresas e actividades turísticas.

-Calquera outro título superior universitario, licenciatura ou doutoramento.

No caso de títulos estranxeiros a autoridade competente deberá acredita-la a súa homologación.

d) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física que poidan ser incompatibles coas funcións de guía de turismo.

c) Acredita-lo dominio dalgunha das linguas estranxeiras que se determinen na convocatoria, ademais das cooficiais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 38º.-Validación de coñecementos.

Os profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia, como guías ou guías-intérpretes de turismo para un ámbito territorial inferior ó autonómico, que desexen amplia-la súa habilitación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, poderán ser eximidos das probas de idiomas que consten nas súas habilitacións, así como daqueloutras materias que se considere que xa foron avaliadas e que se determinarán nas correspondentes convocatorias de exames.

Os guías de turismo habilitados para todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que desexen amplia-la súa habilitación a outros idiomas distintos ós que consten nela, tan só deberán supera-las correspondentes probas de idiomas.

Artigo 39º.-Recoñecemento profesional.

Os nacionais dun país membro da Unión Europea, ou dun país asociado ó acordo sobre o espacio económico europeo que posúan o título ou conxunto de títulos, que os habiliten para exerce-la profesión de guía de turismo especializado nos seus países de procedencia, poderán solicita-lo recoñecemento desa profesión para exercela nesta comunidade autónoma.

Igual recoñecemento se poderá efectuar respecto ós cidadáns españois que posúan unha habilitación expedida por outra Comunidade Autónoma.

O procedemento que hai que seguir para realiza-lo devandito recoñecemento de títulos será o previsto no Real decreto 1396/1995, do 4 de agosto, polo que se recepcionou no ordenamento interno español a Directiva 92/51/CEE do Consello das Comunidades Europeas, do 18 de xuño de 1992, e permitiralles

ós nacionais mencionados no parágrafo 1, ben exerce-la profesión na Comunidade Autónoma de Galicia sen necesidade de someterse a exame ou ben, de considerarse a súa formación incompleta, someterse a unha proba de aptitude limitada ás materias que nunca cursaron ou a un período de prácticas, segundo se determinará nas correspondentes disposicións.

Artigo 40º.-Dereitos.

Os guías de turismo especializados, no exercicio da súa profesión, terán os seguintes dereitos:

a) A contratar libremente os seus servicios con empresas, entidades e particulares, tanto en réxime profesional como laboral.

b) Á percepción dos honorarios libremente estipulados pola prestación dos seus servicios.

c) Ó acceso ós bens de interese cultural de Galicia, de conformidade co disposto nas correspondentes disposicións aplicables, situados dentro do seu ámbito de actuación, durante as horas sinaladas para a visita do público.

Artigo 41º.-Obrigas.

Son obrigas dos guías de turismo:

a) Informa-los usuarios con obxectividade.

b) Informa-los usuarios antes da contratación do servicio das condicións deste e do prezo que lles será aplicado.

c) Actuar con dilixencia e profesionalidade e cumpri-lo programa nos termos contratados.

d) Cumprir coas obrigas empresariais, laborais e fiscais que se requiran para o exercicio da profesión, de acordo coa normativa específica que o regule.

e) Levar consigo durante o exercicio da súa actividade profesional o carné e exhibi-lo distintivo ó que fai referencia o artigo 32º.

f) Comunicarlles ás correspondentes delegacións provinciais da consellería competente en materia de turismo os prezos dos seus honorarios, dentro dos tres primeiros meses de cada ano, e cada vez que sexan modificados.

A falta de comunicación nese prazo suporá a vixencia dos últimos prezos comunicados.

TÍTULO III

Actuación das empresas relacionadas coa

organización de actividades de turismo activo

Artigo 42º.-Definición.

Enténdese por empresas de turismo activo aquelas que teñen como actividades propias as relacionadas co turismo deportivo a que fai referencia o artigo 25.2º letra g) da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, que se practiquen servíndose basicamente dos recursos que ofrece a propia natureza no medio no que se desenvolven e ás que é inherente o factor risco ou un significativo grao de destreza ou esforzo físico, tal como se relacionan na disposición adicional segunda.

Artigo 43º.-Requisitos.

1. Para a organización das actividades de turismo activo será preciso obter previamente a autorización

turística do centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo.

2. As empresas constituídas por persoas físicas ou xurídicas que se dediquen profesionalmente á organización destas actividades para a súa oferta en venda será preciso que acrediten ante a Administración turística a súa constitución como tales, e o cumprimento dos requisitos e condicións que a continuación se determinan, así como do resto dos establecidos neste decreto:

a) Dispoñer dun local aberto ó público.

b) Contar entre o seu persoal con técnicos ou monitores titulados conforme o sinalado no artigo 45º deste decreto.

c) Constituír e manter en permanente vixencia unha póliza de responsabilidade civil que garanta o normal funcionamento da súa actividade, que cubrirá nunha contía mínima de 65.000.000 de pesetas (390.657,86 euros), os riscos dos seus clientes na práctica das actividades de turismo activo, excluíndose calquera tipo de franquía

Esta cobertura terá que abranguer tódolos prexuízos que se poidan derivar de posibles danos, incluíndo os persoais, materiais e os económicos. O límite por danos persoais será de 30.000.000 de pesetas (180.303,63 euros) e por danos materiais de 10.000.000 de pesetas (60.101,21 euros).

A permanente vixencia da póliza de responsabilidade civil acreditarase presentando coa periodicidade que corresponda no centro directivo da consellería competente en materia de turismo os recibos de pagamento.

d) Dispoñer de libro de inspección turística e follas de reclamacións.

Artigo 44º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de autorización turística destas empresas tramitaranse a través das correspondentes delegacións provinciais da consellería competente en materia de turismo, que as trasladarán para a súa resolución ó centro directivo competente desa consellería no prazo de dez días. Xunto coas solicitudes remitirase o resto da documentación, así como un informe da delegación sobre a actividade que desenvolven esas empresas e o seu nivel de interese turístico.

2. As empresas xuntarán á solicitude de autorización, que se formulará segundo o modelo que figura no anexo I deste decreto, a seguinte documentación:

a) Se a empresa pertence a unha persoa física, fotocopias compulsadas do documento nacional de identidade do empresario e do documento acreditativo de ter solicitada a súa inscrición no correspondente rexistro mercantil.

Se a empresa pertence a unha sociedade, fotocopia compulsada da escritura de constitución na que conste a inscrición no rexistro mercantil, e mais dos estatutos e do CIF.

b) Memoria, o máis ampla posible, das actividades e estructura da empresa.

c) Fotocopia compulsada da licencia municipal de apertura do local.

d) Relación do persoal con que conta a empresa, na que se especificará o posto ocupado por cada persoa, así como fotocopia compulsada da documentación que acredite a posesión por parte do persoal técnico das titulacións esixidas neste decreto.

e) Fotocopia compulsada do título ou contrato que probe a libre dispoñibilidade do local por parte do solicitante.

f) Póliza de seguro ou fotocopia compulsada dela, coa cobertura, contía e demais requisitos establecidos neste decreto.

3. O prazo máximo no que debe notificarse a resolución expresa non poderá exceder de seis meses. No caso de que a resolución sexa denegatoria, deberá ser motivada e poderá recorrerse contra ela na vía administrativa. O vencemento do prazo máximo sen notificación da resolución expresa lexitima o interesado para entende-la solicitude estimada por silencio administrativo.

Artigo 45º.-Persoal técnico.

1. As empresas facilitarán un número suficiente de técnicos ou monitores co fin de asesorar e acompaña-los grupos organizados que queiran practica-las actividades definidas no artigo 42º.

Estes técnicos ou monitores contarán cos títulos de técnico deportivo ou técnico deportivo superior na modalidade deportiva de que se trate segundo establece o Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, polo que se configuran como ensinanzas de réxime especial as conducentes á obtención de titulacións de técnicos deportivos, se aproban as directrices xerais dos títulos e das correspondentes ensinanzas mínimas.

2. Os monitores, cando acompañen a grupos organizados, teñen que levar caixa de primeiros auxilios e un aparello de comunicación para manter contacto directo cos responsables da empresa coa finalidade de da-lo correspondente aviso en caso de accidente ou por calquera outra necesidade.

Artigo 46º.-Equipos e material.

Os equipos e o material que as empresas poñan á disposición dos que practiquen as actividades físico-deportivas de aventura teñen que estar homologados polos organismos competentes, segundo a actividade, e reuni-las condicións de seguridade e garantías necesarias para o uso a que estean destinados.

As empresas serán responsables de manter en condicións de uso adecuado os equipos e o material.

Artigo 47º.-Información escrita.

As empresas que organicen actividades de turismo activo deberán poñer á disposición dos seus clientes un programa ou folleto informativo que conteña por escrito unha clara e precisa información sobre as seguintes cuestións:

-Destinos, itinerarios ou traxecto que se vai percorrer.

-Medidas que se van adoptar para preserva-lo contorno.

-Coñecementos que se requiren, dificultades que implica a práctica das actividades e comportamentos que hai que seguir en caso de perigo.

-Medidas de seguridade previstas.

-Materiais que hai que utilizar.

-Prezos dos servicios ofertados, con especificación de se inclúen ou non os impostos aplicables. Neste último caso, deberán detalla-la porcentaxe aplicable.

-Existencia dunha póliza de responsabilidade civil, así como da posibilidade de entregarlle unha fotocopia dela ó cliente cando este o solicite da empresa.

-Existencia de follas de reclamación á disposición dos clientes.

Artigo 48º.-Obrigas das axencias de viaxes.

As axencias de viaxes que organicen servicios turísticos referidos á práctica de actividades de turismo activo non precisarán a autorización mencionada no artigo 43º deste decreto.

Non obstante deberán cumpri-las obrigas que se establecen nos artigos 43º.2 c) ,45º, 46º e 47º do presente decreto.

Artigo 49º.-Modificacións da titularidade, requisitos e demais características das empresas.

Para realizar calquera modificación nunha empresa relacionada coa organización de actividades de turismo activo que afecte a súa titularidade ou calquera dos requisitos ou características de acordo cos cales se lle outorgou autorización turística, será precisa a autorización previa do centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo, presentando a documentación acreditativa de cada modificación xunto co modelo de solicitude que figura como anexo II.

Artigo 50º.-Cesamento das actividades.

1. Os titulares das empresas relacionadas coa organización de actividades de turismo activo teñen a obriga de comunicarlle á delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de turismo o cesamento das súas actividades, no prazo de dez días, conforme o modelo de solicitude que figura no anexo III.

2. Establécese a baixa de oficio por parte da correspondente delegación provincial, logo de trámite de audiencia ó interesado, cando a administración turística teña constancia do cesamento das actividades.

3. A delegación provincial, unha vez autorizada a baixa, dará traslado do expediente ó correspondente centro directivo da mencionada consellería para a cancelación da inscrición da empresa de que se trate no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 51º.-Revogación da autorización turística.

O incumprimento das obrigas establecidas neste decreto por parte das empresas poderá dar lugar

á revogación da súa autorización turística por parte do centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo, sen prexuízo da correspondente responsabilidade administrativa en que puidesen incorrer de conformidade co disposto na Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo do que establece esta normativa, cando algunha das actividades de turismo activo estea asumida por algunha federación deportiva galega, a súa práctica realizarase, ademais, de acordo coas normas e programas que teña establecidas a federación correspondente.

Segunda.

O turismo activo engloba as seguintes actividades:

a) Parapente: modalidade de voo libre que consiste en lanzarse desde a pendente dunha montaña, en dirección ó val, suspendido dun planeador ultralixeiro flexible de peso inferior ó do piloto, que permite elevarse e aterrar de pé.

b) Á delta: modalidade de voo libre, que consiste en lanzarse desde a pendente dunha montaña, en dirección ó val, suspendido dun planeador ultralixeiro flexible de estructura metálica en forma triangular.

c) Descenso de barrancos: práctica deportiva que consiste en segui-lo curso dun río a través do barranco e que combina a natación e as técnicas de escalada para salva-los obstáculos naturais da ruta.

d) Descenso en bote: práctica deportiva que consiste en descender por augas vivas nunha embarcación pneumática.

e) Hidrozorra: práctica deportiva que consiste en descender por augas vivas nun vehículo en forma de zorra que sostén o practicante sobre a auga de cintura para arriba, mentres as pernas quedan somerxidas na auga.

f) Piragüismo: deporte náutico que consiste en navegar con piragua ou canoa en augas vivas.

g) Salto desde a ponte/pontismo: práctica deportiva que consiste en lanzarse desde unha ponte suxeito por unha corda elástica que deixa suspendido o saltador no aire.

h) Salto con elástico: práctica deportiva que consiste en lanzarse desde un lugar alto, suxeito por unha goma elástica que fai subir e baixa-lo saltador varias veces.

i) Escalada: actividade que consiste en subir ou gabear por paredes verticais naturais ou artificiais.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os guías de turismo e os guías intérpretes de turismo habilitados polo Estado ou pola Xunta de Galicia para o exercicio das súas actividades no ámbito desta Comunidade Autónoma ó

abeiro da normativa anterior conservarán vixente esa habilitación ata o 14 de abril de 2003.

Non obstante, serán considerados como guías de turismo especializados, e como tales poderán trocar nese prazo a habilitación de que dispoñan pola de guías de turismo especializados nos idiomas e para o ámbito que consten na anterior habilitación.

Segunda.-Transcorrida a referida data, deberán acredita-la asistencia ós cursos de formación a que fai referencia o artigo 33º deste decreto

Terceira.-No referente ás empresas de turismo activo, serán válidos tódolos títulos, diplomas e certificados outorgados polas federacións correspondentes, se é o caso, e demais títulos oficiais mentres non se desenvolvan as previsións do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, polo que se configuran como ensinanzas de réxime especial as conducentes á obtención de titulacións de técnicos deportivos, se aproben as directrices xerais dos títulos e das correspondentes ensinanzas mínimas, e se determinen os títulos, diplomas e certificados susceptibles de seren validados ou homologados.

Para o caso de que non exista unha titulación, diploma ou certificado relativo á modalidade deportiva de que se trate, bastará o título de socorrista ou de primeiros auxilios.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as seguintes normas: o Decreto 155/1989, do 22 de xuño, polo que se aproba o Regulamento das axencias de viaxes; a Orde do 26 de marzo de 1998, pola que se regulamenta a profesión de guía de turismo especializado de Galicia e o Decreto 116/1999, do 23 de abril, pola que se regulamenta a actuación das empresas relacionadas coa organización de actividades de turismo activo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de turismo para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Igualmente queda facultado o conselleiro competente en materia de turismo para incluír fundadamente, mediante orde, novas actividades de turismo activo, ás que lles será aplicable o réxime establecido neste decreto.

Terceira.-O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de febreiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo