Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 21 de febreiro de 2001 Páx. 2.302

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PÚBLICA HOSPITAL VIRXE DA XUNQUEIRA

ANUNCIO de convocatoria de probas de selección de persoal facultativo e non facultativo, conforme a Lei 10/1996, do 5 de novembro (Diario Oficial de Galicia número 227, do 20 de novembro).

En cumprimento do establecido na Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación, a Dirección da Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira anuncia a convocatoria de probas de selección de persoal sanitario e non sanitario co fin de proceder á cobertura das prazas que mais abaixo

se indican, segundo acordo do padroado con data do 27-11-2000.

Na súa virtude, a dirección da fundación fai pública a convocatoria de selección para a cobertura inicial dos seguintes postos de traballo: 1 praza de responsable de recursos humanos (Ref. RH), 1 praza de adxunto á dirección (secretaría executiva) (Ref. Adx. Dir.), 2 prazas de pediatra (Ref. PED), 1 praza de traumatólogo (Ref. TRAU), 2 prazas de médicos de urxencias (Ref. MEUR), 1 praza de anestesista (Ref. ANE), 1 praza de radiólogo (Ref. RAD), 1 praza de dermatólogo (Ref. DERM), 1 praza de oftalmólogo (Ref. OFT) e 1 praza de medicina interna (Ref. MIR) segundo as seguintes bases:

Titulacións:

-Responsable de recursos humanos: licenciatura universitaria (preferiblemente dereito).

Adxunto á dirección (secretaría executiva): licenciatura en económicas, empresariais, dereito ou ciencias da comunicación.

-Anestesista, pediatras, traumatólogo, radiólogo, dermatólogo, oftalmólogo e medicina interna: as correspondentes vía MIR ou equivalente.

-Médicos de urxencias: médicos de familia vía MIR ou equivalente.

Experiencia e formación:

-Responsable de recursos humanos: formación e/ou experiencia en recursos humanos (preferentemente en institucións públicas). Formación posgrao.

-Adxunto á dirección (secretaría executiva): formación e/ou experiencia en comunicación e márketing. Máster en administración de empresas ou semellante.

-Anestesista, pediatras, traumatólogo, radiólogo, dermatólogo, oftalmólogo e medicina interna: experiencia vía MIR.

-Médicos de urxencias: imprescindible experiencia contrastada nos servicios de urxencia hospitalaria. Valorarase experiencia nos servicios de urxencias extrahospitalarias.

Tipo de contrato: a contratación do persoal que resulte seleccionado someterase ó disposto na Lei 63/1997, en materia de fomento da contratación indefinida e tamén ó disposto no artigo 15.1º do Estatuto dos traballadores.

Procedemento de selección: consistirá nunha proba eliminatoria sobre a especialidade profesional correspondente e posterior entrevista persoal con valoración de méritos relativos á formación e experiencia, cunha ponderación da valoración global do 45% e 55% respectivamente.

A selección será efectuada por unha comisión designada para o efecto.

Puntuación final e aspirantes seleccionados: coa suma das puntuacións outorgadas confeccionarase a lista final por orde de puntuación alcanzada por

cada aspirante, resultando seleccionado o aspirante de máxima puntuación.

De considerarse que os candidatos nalgunha das prazas non reunisen os requisitos mínimos, declararase deserta a convocatoria.

Igualmente, de modificarse a necesidade de cobertura das citadas prazas, a dirección da fundación poderá modifica-lo número de prazas que haxa que seleccionar dentro de cada unha das categorías convocadas.

Inicio das probas: as probas non serán realizadas antes dun mes contado desde a data de publicación desta convocatoria no DOG.

Solicitude de participación: os aspirantes deberán remitir o seu curriculum vitae detallado, con acreditación documental dos méritos alegados, á Dirección de Xestión, Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira, domiciliada na rúa Paseo Marítimo s/n. 15270 Cee-A Coruña, no prazo improrrogable de 20 días naturais, contados desde o mesmo día da publicación deste anuncio no DOG, indicando no sobre a referencia correspondente, logo do pagamento da cantidade de 2.000 pesetas, do que achegará xustificante de pagamento, en concepto de dereitos de exame, que se ingresarán na conta do Banco Bilbao Vizcaya, nº 0182-5947-11-001011112/4.

Teléfono de información: 981 70 60 10, extensión 1116.

Incorporación: a formalización do contrato e a incorporación definitiva dos seleccionados producirase segundo as necesidades dos correspondentes servicios do hospital.

Cee, 23 de xaneiro de 2001.

José Rey Aneiros

Director da Fundación Pública Hospital

Virxe da Xunqueira