Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 01 de marzo de 2001 Páx. 2.611

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de febreiro de 2001 pola que se convocan e aproban as bases que rexen as convocatorias de bolsas e axudas de apoio á formación e actualización do profesorado universitario.

O Estatuto de sutonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988), transferiulle á Comunidade Autónoma de Galicia competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria polo Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril).

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do Sistema Universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade de Santiago de Compostela, a da Coruña e a de Vigo.

O artigo 3.2º e) da Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria (BOE do 1 de setembro), establece que a selección, formación e promoción do persoal docente de cada universidade é competencia da universidade, dentro da súa autonomía. A Comunidade Autónoma de Galicia ten competen

cia respecto da creación de centros e implantación de titulacións. Deste xeito, póñense en marcha accións que favorezan a calidade da docencia das ensinanzas autorizadas e efectivamente xa implantadas a través do contacto con profesores doutras universidades, como das autorizadas e aínda non impartidas. Precisamente por iso, as accións deseñadas son de apoio á formación, pois carecería de fundamento legal financiar bolsas para a formación nunha futura titulación, se as universidades non pensan imparti-los estudios conducentes a ela, ou se os departamentos entenderan que non precisaban formar máis persoal nesa materia determinada.

Froito da experiencia de anos anteriores, e das suxestións feitas polas propias universidades e da comisión nomeada para o efecto, procédese a convocar tres accións distintas, nas que se recollen as modificacións de tipo procedemental necesarias, orientadas á actualización do profesorado na materia que imparten, formación do profesorado en novas titulacións e axudas para o financiamento de estadías de profesores visitantes.

Neste tipo de accións son as universidades as que garanten a actualización, reciclaxe e promoción do seu profesorado, así como a liña na que queren favorece-la súa formación.

Con estas accións trátase, polo tanto, de executar accións que cumpran os marcos legais establecidos polo noso ordenamento e contribúan a mellora-la calidade do Sistema Universitario de Galicia, apoiando a formación e actualización do profesorado

universitario da Comunidade Autónoma. Cada unha das accións deseñadas contribúe a ese obxectivo.

Polo que antecede, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse bolsas e axudas, mediante o réxime de concorrencia competitiva, para apoio á formación e perfeccionamento do profesorado, e apróbanse as bases polas que se rexen as respectivas convocatorias que se inclúen como anexos á presente orde:

1. Bolsas para actualización do profesorado respecto da materia que imparten.

2. Axudas para a formación de profesores en novas titulacións.

3. Axudas para o financiamento de estadías de profesores visitantes.

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión das axudas convocadas na presente orde destinarase a cantidade total de 2.900.000 pesetas para os anexos I e II con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.480.3 e 17.700.000 pesetas para o anexo III con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.440.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2001. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá amplia-lo prazo ou facer pública unha nova convocatoria, no suposto de que as adxudicacións acordadas non cubrisen a totalidade do crédito orzamentado.

Artigo 3º.-Solicitudes.

As solicitudes, segundo os modelos oficiais que se recollen ó final da presente orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

Artigo 4º.-Comisión avaliadora.

Para a concesión destas axudas desígnase unha comisión avaliadora das bolsas e axudas de apoio á formación e actualización do profesorado universitario que estará integrada polas seguintes persoas:

Presidente:

-O director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

Vocais:

-Pola Universidade de Santiago de Compostela, o vicerrector de Profesorado.

-Pola Universidade da Coruña, o vicerrector de Organización Docente e Profesorado.

-Pola Universidade de Vigo, o vicerrector de Profesorado.

-Un representante do Servicio de Coordinación do Sistema Universitario.

Secretario:

-Un representante da Dirección Xeral de Universidades.

En caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Artigo 5º.-Resolución do concurso.

A selección dos bolseiros dos anexos I e II será realizada pola comisión avaliadora designada no artigo 4º da presente orde. Esta comisión elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta motivado ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución na que constará unha lista de reserva e das solicitudes denegadas coas causas de exclusión.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Para os efectos de información, os interesados poderán consulta-la páxina web da Xunta de Galicia no enderezo http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu/pub/bol.htm.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto na Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Terceira.-As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades de acordo coa lista de reserva que se estableza na resolución.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora, teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidesen asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra per-

soa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, producindo efectos desestimatorios a falta de resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO I

BOLSAS PARA ACTUALIZACIÓN DO PROFESORADO RESPECTO DA MATERIA QUE IMPARTEN

1. Obxecto e destinatarios.

O obxecto destas axudas é contribuír á actualización e reciclaxe do profesorado das universidades de Galicia respecto da materia que imparten, mediante o financiamento de estadías en centros e universidades situados fóra do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito tal que se favoreza a modificación parcial do programa da materia que imparten como consecuencia da viaxe.

As bolsas poderán ser solicitadas por tódolos profesores numerarios, interinos ou contratados que pertenzan a algunha das tres universidades da Comunidade Autónoma, sempre que estean impartindo clases teóricas, teñan dedicación a tempo completo e posúan unha antigüidade mínima de 3 anos na docencia.

2. Duración e período de desfrute.

Estas bolsas cobren estadías de 1 a 2 meses de duración. O seu inicio non poderá ser anterior ó día 1 de xaneiro nin posterior ó 31 de decembro do ano 2001.

3. Documentación.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, acompañadas da seguinte documentación:

3.1. Currículo vitae do solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados e especial referencia ós servicios docentes prestados.

3.2. Resumo das unidades temáticas da materia que imparte o solicitante e programa da materia.

3.3. Memoria na que xustifique o interese da estadía para a actividade docente do solicitante, facendo

consta-lo programa de actividades que se realizarán e as unidades temáticas que pretende incorporar ou modificar.

3.4. Aceptación do centro onde se vai realiza-la estadía.

3.5. Certificación do departamento correspondente, co visto e prace do director, no que conste que o solicitante reúne os requisitos ós que fai referencia o punto 1 desta convocatoria. Deberase facer referencia tamén á antigüidade na materia na que pretende formarse segundo o Plan de Organización Docente (POD) do departamento.

3.6. Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o código da conta de cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco, a oficina, o díxito de control e o número de conta.

3.7. Declaración xurada do solicitante con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

4. Criterios de selección.

A avaliación das solicitudes farase conforme os seguintes criterios:

-Interese das actividades que se van realizar en relación coa actividade docente do solicitante.

-Currículo do solicitante.

-Antigüidade como docente e antigüidade na materia que imparte e na materia que pretende actualizarse.

-A comisión considerará como solicitudes de especial interese aquelas que se propoñan ó abeiro dun convenio xa establecido entre a Xunta de Galicia e unha universidade ou centro de investigación no exterior.

5. Tramitación e resolución.

Os servicios da Dirección Xeral de Universidades comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é caso, as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas delegacións provinciais, no centro de información administrativa da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos dos vicerrectorados de Profesorado das universidades de Galicia, nos dos vicerrectorados dos campus de Ferrol, Ourense, Lugo e Pontevedra e en Internet no enderezo http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu/pub/bol.htm.

Esta lista estará exposta desde o 1 ó 10 de abril de 2001, podendo os interesados, durante ese mesmo prazo, formular reclamación para emendar erros e falta de documentos, ante a Dirección Xeral de Universidades, achegándose, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición logo de resolución, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

6. Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

6.1. Unha asignación mensual comprendida entre 103.000 e 225.000 pesetas brutas segundo as circunstancias do lugar no que se vai realiza-la estadía. No caso de que a estadía sexa menor a un mes considéranse os meses de 30 días, e a cantidade correspondente por día sería 1/30 da contía mensual.

6.2. Unha axuda institucional para gastos de desprazamento e seguro combinado de accidentes, durante o período de desfrute da estadía.

6.3. Os gastos de matrícula, de se-lo caso, cubriranse só se a comisión a que se alude no artigo 4º os considera oportunos e estiveran, en todo caso, convenientemente xustificados na solicitude.

7. Pagamento.

O importe das bolsas concedidas ós beneficiarios efectuarase en dous prazos, de acordo co disposto na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2001.

a) Un primeiro pagamento do 80% farase no momento da concesión.

b) Un segundo pagamento do 20% restante no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e condicións establecidas na presente orde.

8. Obrigas dos bolseiros e seguimento da axuda.

Os beneficiarios das bolsas están obrigados a comunicarlle á Dirección Xeral de Universidades a data de incorporación ó centro estranxeiro e, unha vez incorporados, deberán encontrarse, en todo momento, en condicións de xustifica-lo seu labor asiduo no centro de destino. Calquera interrupción ou aprazamento do período de desfrute dentro do prazo sinalado no punto 2 das bases da convocatoria deberá ser previamente autorizado pola Dirección Xeral de Universidades.

Non se admitirán cambios nos centros de destino salvo circunstancias excepcionais que así o aconsellen, logo do informe favorable, en todo caso, dos dous centros afectados.

Nos 20 días seguintes ó remate do período de desfrute deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Memoria final das actividades realizadas, que deberá incluír informe do director do centro de destino sobre o labor realizado, con indicación expresa do tempo de permanencia nel. Na memoria faranse constar, xustificadamente, as actividades que se realizarán como consecuencia da estadía, así como as leccións que se incorporarán no programa da súa materia. Xuntarase, así mesmo, o plan de estudios correspondente e a organización do centro no que se realizou a estadía.

b) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución.

En calquera momento, a Dirección Xeral de Universidades poderá reclamar do centro receptor un informe sobre o labor realizado polo bolseiro.

9. Publicación dos resultados obtidos.

Os resultados que, eventualmente, poidan obterse con ocasión do desfrute da bolsa serán propiedade dos seus autores, que, no caso de facelos públicos, deberán facer consta-la axuda recibida da Xunta de Galicia e terán que remitirlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria un exemplar da publicación na que se recolla.

ANEXO II

AXUDAS PARA A FORMACIÓN DE PROFESORES EN NOVAS TITULACIÓNS

1. Obxecto e destinatarios.

A finalidade desta convocatoria é apoia-la formación, noutros centros universitarios, de persoal docente especializado para as materias novas de carácter troncal ou obrigatorio, sempre que a universidade non teña xa profesorado preparado na área de coñecemento correspondente e as materias sexan de nova implantación ou correspondan a unha titulación aprobada ou de futura implantación nas universidades da Comunidade Autónoma, de xeito tal que se poida comeza-la impartición da materia garantindo un mínimo razoable de calidade docente.

Os solicitantes deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Te-la titulación que sexa precisa para imparti-la materia que se vai implantar (diplomado, licenciado ou doutor).

c) Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados ou recoñecidos na data de remate da convocatoria.

2. Duración e período de desfrute.

Estas bolsas cobren estadías de ata 8 meses de duración, como máximo, en centros situados fóra do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan o contido da materia que se quere impartir no noso sistema universitario, aínda que non teña a mesma denominación. O seu inicio non poderá ser anterior ó día 1 de xaneiro nin posterior ó 31 de decembro de 2001.

3. Documentación.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, acompañadas da seguinte documentación:

3.1. Currículo vitae do solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

3.2. Informe respecto da identificación da materia na que pretende formarse na viaxe e actividades que se realizarán durante a estadía que contribuirán á súa formación nela. No informe incluirase xustificación respecto da adecuación do centro de destino ós obxectivos da viaxe e as actividades que se vaian realizar. Así mesmo, deberá explicarse a identidade ou a semellanza entre a materia obxecto de especialización e a materia que se imparte na universidade receptora.

3.3. Informe realizado polo solicitante no que se faga consta-la motivación da solicitude de axuda, ben como reciclaxe profesional, formación inicial docente (inicio de docencia universitaria) ou cambio

voluntario de traxectoria como docente por interese na nova materia.

3.4. Informe do departamento ó que pertence o solicitante no que se faga consta-la necesidade de profesorado especializado para a nova materia de acordo coa dotación da área de coñecemento, no suposto de que quedara adscrita a materia ó departamento.

3.5. Informe da comisión delegada da Xunta de Goberno da correspondente universidade que é competente na materia, respecto da efectiva impartición da materia e da titulación nun futuro próximo, con referencia ás áreas de coñecemento ás que se adscribirá esa materia co fin de comproba-la coherencia da solicitude.

3.6. Aceptación do centro onde se vai desenvolve-lo traballo.

3.7. Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o código conta cliente comprensivo dos códigos que identifican ó banco, a oficina, o díxito de control e o número de conta.

3.8. Declaración xurada do solicitante con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días habiles contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

4. Criterios de selección.

A avaliación das solicitudes farase conforme os seguintes criterios:

-Plan de traballo e o seu interese segundo o establecido no punto 3.2.

-Currículo do solicitante.

-Informe do departamento ó que se refire o punto 3.4.

-A comisión considerará como solicitudes de especial interese aquelas que se propoñan ó abeiro dun convenio xa establecido entre a Xunta de Galicia e unha universidade ou centro de investigación no exterior.

5. Tramitación e resolución.

Os servicios da Dirección Xeral de Universidades comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde, e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é caso, as causas de exclusión nos taboleiros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas delegacións provinciais, no centro de información administrativa da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos dos vicerrectorados de Profesorado das universidades de Galicia, nos dos vicerrectorados dos campus de Ferrol, Ourense, Lugo e Pontevedra e en Internet no enderezo http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu/pub/bol.htm.

Esta lista estará exposta desde o 1 ó 10 de abril de 2001, podendo os interesados, durante ese mesmo prazo, formular reclamación para emendar erros e faltas de documentos, ante a Dirección Xeral de Universidades, achegándose, se é o caso, a documen-

tación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición logo de resolución, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

6. Contía das bolsas.

O importe da bolsa comprenderá:

6.1. Unha asignación mensual que estará comprendida entre 103.000 e 225.000 pesetas brutas segundo as circunstancias do lugar, a experiencia profesional do solicitante e as particularidades do plan de traballo que se vaia desenvolver. No caso de que a estadía sexa menor a un mes considéranse os meses de 30 días, e a cantidade correspondente por día sería de 1/30 da contía mensual.

6.2. Unha axuda institucional para gastos de desprazamento e seguro combinado de accidentes durante o período de desfrute.

6.3. Os gastos de matrícula, de se-lo caso, cubriranse só se a comisión á que se alude no artigo 4º, os considera oportunos e estiveran, en todo caso, convenientemente xustificados na solicitude.

7. Pagamento.

Unha vez concedida a subvención librarase a cantidade adxudicada de acordo co disposto na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2001:

1. Se a subvención concedida non supera o importe de 1.000.000 de pesetas poderá acordarse un primeiro pagamento do 80% no momento da concesión e un segundo pagamento do 20% restante, no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e condicións establecidas na presente orde.

2. Se a subvención concedida supera o importe de 1.000.000 de pesetas poderá acordarse pagamentos parciais a conta da liquidación definitiva, a medida que o beneficiario xustifique os gastos, ata un máximo do 80% da subvención concedida.

8. Obrigas dos bolseiros e seguimento da axuda.

Os beneficiarios das bolsas están obrigados a comunicarlle á Dirección Xeral de Universidades a data de incorporación ó centro estranxeiro e, unha vez incorporados, deberán encontrarse, en todo momento, en condicións de xustifica-lo seu labor asiduo no centro de destino. Calquera interrupción ou aprazamento do período de desfrute, dentro do prazo sinalado no punto 2 das bases da convocatoria, deberá ser previamente autorizado pola Dirección Xeral de Universidades.

Non se admitirán cambios nos centros de destino salvo circunstancias excepcionais que así o aconsellen, logo do informe favorable, en todo caso, dos dous centros afectados.

Os beneficiarios de bolsas con estadías de máis de 6 meses, antes de remata-lo segundo trimestre do período de desfrute da bolsa, deberán remitir á Dirección Xeral de Universidades un informe do labor realizado ata o momento.

Tódolos bolseiros, nos 20 días seguintes ó remate do período de desfrute, deberán xustifica-los gastos

recollidos nos puntos 6.1 e 6.2 e presenta-la seguinte documentación:

a) Informe final do traballo realizado, que deberá incluí-la copia dos traballos eventualmente publicados, facendo consta-la axuda recibida da Xunta de Galicia.

b) Informe do director do cento de destino sobre o labor realizado, con indicación expresa do tempo de permanencia no centro.

c) Proxecto docente relativo á materia na que se estivo a preparar.

d) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución.

Para os efectos da memoria, enténdese o proxecto docente como organización curricular da materia para un tempo fixado e nun plan de estudios concreto, en orde á ensinanza e á consolidación dos coñecementos nesa materia.

En calquera momento a Dirección Xeral poderá reclamar do centro receptor un informe sobre o labor realizado polo bolseiro.

9. Publicación dos resultados obtidos.

Os resultados obtidos con ocasión do desfrute da bolsa serán propiedade dos seus autores que, no caso de facelos públicos, deberán facer consta-la axuda recibida da Xunta de Galicia e terán que remitir á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria un exemplar da publicación na que se recolla.

ANEXO III

AXUDAS PARA O FINANCIAMENTO DE ESTADÍAS DE PROFESORES VISITANTES

1. Obxecto e destinatarios.

A finalidade destas axudas é apoia-la formación do profesorado universitario da Comunidade Autónoma financiando a estadía de profesores de recoñecido prestixio que desexen incorporarse temporalmente a unha das universidades galegas, con motivo de difundi-los seus coñecementos entre a nosa comunidade universitaria, e que as actividades que realicen redunden en beneficio do Sistema Universitario de Galicia na súa faceta de investigación e académica, dentro do espectro da autonomía universitaria.

As solicitudes, presentadas polas universidades, terán como beneficiarios profesores universitarios de recoñecido prestixio, pertencentes a centros situados fóra da nosa Comunidade Autónoma.

2. Duración e período de desfrute.

A duración da estadía dos profesores visitantes deberá ser superior a 1 mes e ata 8 meses como máximo. O seu inicio non poderá ser anterior ó 1 de xaneiro nin posterior ó 31 de decembro de 2001.

3. Documentación.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, acompañadas da seguinte documentación:

-Proposta de gasto correspondente á visita.

-Especificación da parte do gasto que se pensa financiar coa axuda concedida pola consellería.

-Declaración xurada do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

4. Selección.

Cada universidade poderá presentar, como máximo, o equivalente a dúas peticións de máxima duración, que se financiarán.

A Dirección Xeral de Universidades admitirá as dúas propostas seleccionadas por cada unha das universidades pois entende que, en virtude do establecido no artigo 3.2º da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, as universidades teñen autonomía para a selección, formación e promoción do persoal docente e investigador, así como a determinación das condicións nas que estes teñen que desenvolve-la súa tarefa.

A Dirección Xeral de Universidades elevará un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que resolva mediante orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que se publicará no Diario Oficial de Galicia e poñerá fin á vía administrativa.

5. Contía da axuda.

A contía da axuda asignada a cada beneficiario estará comprendida entre 188.000 e 368.750 pesetas. por mes de estadía.

6. Pagamento.

Unha vez concedida a subvención librarase á universidade correspondente a cantidade adxudicada de acordo co disposto na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2001:

6.1. Se a subvención concedida non supera o importe de 1.000.000 de pesetas poderá acordarse un primeiro pagamento á universidade do 80% no momento da concesión e un segundo pagamento do 20% restante, no momento da completa xustificación por parte da universidade do cumprimento da finalidade e condicións establecidas na presente orde.

6.2. Se a subvención concedida supera o importe de 1.000.000 de pesetas poderá acordarse pagamentos parciais a conta da liquidación definitiva, a medida que a universidade xustifique os gastos, ata un máximo do 80% da subvención concedida.

7. Xustificación.

Para efectua-lo derradeiro pagamento, a universidade presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes

Nos 20 días seguintes ó remate do período de desfrute, cada universidade remitirá á Dirección Xeral de Universidades un informe no que se detallen as actividades realizadas polo profesor visitante durante a estadía.