Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 13 de marzo de 2001 Páx. 3.159

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2001, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Xesgalicia, Sociedad Gestora de Entidades de Capital Riesgo, S.A. (Código de convenio 1502422).

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Xesgalicia, Sociedad Gestora de Entidades de Capital Riesgo, S.A. (código convenio 1502422), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 10-1-2001, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social pola delegada de persoal, o día 20-12-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 17 de xaneiro de 2001.

P.S. (Decreto 161/2000, do 29 de xuño)

María Silva Costoya

Secretaria provincial da Coruña

Convenio colectivo de traballo Xesgalicia, Sociedad

Gestora de Entidades de Capital Riesgo, S.A.

Año 2000

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

As cláusulas deste convenio colectivo de traballo de carácter provincial terán forza obrigatoria para os traballadores que prestan os seus servicios na empresa Xesgalicia, Sgecr, S.A.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

Será de aplicación na provincia da Coruña e concretamente no centro de traballo da empresa, situado en Santiago de Compostela.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

O convenio afecta á totalidade do persoal ó servicio da empresa. O persoal pertencente ó cadro de persoal

de Sodica Galicia, SCR., S.A., antes Sociedade para o Desenvolvemento Industrial de Galicia, S.A. (Sodiga), foi asumido por Xesgalicia, Sociedad Gestora de Entidades de Capital Riesgo, S.A. en execución da sucesión empresarial que conforme a dereito procedeu.

Os activos de Sodiga Galicia, SCR., S.A. son xestionados pola devandita sociedade xestora, por acordo da xunta xeral de accionistas con data do 30 de abril de 1999.

Se por calquera circunstancia Xesgalicia, Sgecr, S.A. extinguise, substituíse ou por calquera outra eventualidade rematase a súa actividade, todo o persoal proveniente de Sodiga Galicia, SCR, S.A. pasaría a integrarse no cadro de persoal da entidade xurídica que a substitúa ou continúe a súa actividade.

Artigo 4º.-Vixencia, denuncia e revisión.

A totalidade dos artigos deste convenio entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2000, e a partir desa data iniciaranse tódolos seus efectos calquera que sexa o día da súa publicación no BOP, e a súa duración será ata o 31-12-2000.

A denuncia do convenio realizarase por escrito, con dous meses de antelación ó seu vencemento. No caso de revisión, proporán ámbalas partes negociadoras os puntos obxecto de posible negociación dentro dos mesmos prazos.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación, arbitraxe, conciliación e vixilancia do seu cumprimento, créase a comisión paritaria deste convenio.

Esta comisión comporase de dous vocais, representantes de cada unha das partes.

Ámbalas partes conveñen en dar coñecemento a esta comisión de cantas dúbidas e conflictos puidesen producirse como consecuencia da interpretación e aplicación do convenio, para que a comisión paritaria emita dictame e actúe na forma regulamentaria prevista.

A comisión paritaria emitirá a decisión ou resolución adoptada, se é o caso, de reunións ordinarias, no prazo de quince días, e, no caso de seren extraordinarias, no prazo de sete días.

Artigo 6º.-Normativa aplicable.

As relacións laborais de tódolos traballadores incluídos no ámbito de aplicación deste convenio regularanse polo que neste se establece. No non previsto nel, haberá que aterse ás disposicións legais e regulamentarias vixentes.

Artigo 7º.-Clasificación de persoal.

O persoal que presta os seus servicios na empresa Xesgalicia, Sgecr, S.A. clasificarase en atención ás funcións que desenvolva, coas excepcións que se conteñen neste convenio. Polo tanto, as categorías non consideradas neste convenio serán creadas cando as necesidades de organización e traballo así o aconsellen.

Establécense 2 niveis para a categoría de titulados superiores, 1 para a de axudantes non titulados, 3 para a categoría de administrativos e 1 para a categoría de subalternos.

Artigo 8º.-Xornada laboral.

a) Traballaranse 37,5 horas semanais, de luns a venres, co seguinte horario:

-Mañá, das 8 h ás 15 h.

-Unha tarde á semana, das 16 h ás 18.30 h.

b) Xornada de verán:

Traballaranse 35 horas semanais, de luns a venres (ámbolos dous incluídos), en réxime de xornada continuada co seguinte horario: das 8 h ás 15 h.

Esta efectuarase entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2000 (ámbolos dous incluídos).

Artigo 9º.-Calendario laboral.

A empresa confeccionará dentro do mes de xaneiro de cada ano o seu calendario laboral, no que se recollerán as festas retribuídas e non recuperables, conforme o que dispoña a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais sobre calendario laboral anual, así como de carácter local emitidas pola lei.

No Nadal, os traballadores desfrutarán de cinco días completos laborables con carácter de festa non recuperable, organizándose a distribución destes de acordo entre a empresa e os traballadores, acordo que necesariamente incluirá que a empresa se manteña aberta en todo momento. Durante a Semana Santa manteranse cubertos os servicios da empresa mediante aqueles traballadores que voluntariamente desexen cambiar estes días por outros durante o ano e para negociar coa dirección. Para o resto do cadro de persoal, estes días terán consideración de festivos non recuperables.

Durante a semana de festas locais do 25 de xullo, o horario será das 8 h ás 14 h. O martes de Entroido será festivo non recuperable.

Artigo 10º.-Vacacións.

Establécense para tódolos traballadores suxeitos a este convenio as vacacións anuais ininterrompidas durante o mes de agosto ou ben pactar, traballador e empresa, a conveniencia de ámbolos dous, outras datas, incluíndo a súa partición.

Artigo 11º.-Niveis de retribución e dereitos económicos.

Existen 7 niveis correspondentes á clasificación funcional nas 4 categorías descritas no artigo 7, con 2 niveis para a categoría de titulado superior, 1 para a categoría de axudantes non titulados, 3 para a categoría de administrativos e 1 para a categoría de subalternos.

Os dereitos económicos concrétanse nos seguintes conceptos:

1. Salario.

Considéranse partes integrantes do salario as seguintes:

a) Salario base

b) Antigüidade

c) Incentivos

2. Retribucións que non teñen consideración de salario.

Artigo 12º.-Táboa salarial.

a) Salario base.

CategoríaAnual

-Titulados superiores

Xefe de departamento2.261.938

Nivel A2.261.938

-Axudantes non titulados

Nivel A1.998.360

-Administrativos

Nivel A1.876.714

Nivel B1.876.714

Nivel C1.876.714

-Subalternos

Nivel A1.775.340

b) Incentivos.

As cantidades que se veñen devengando en concepto de incentivo quedarán consolidadas na cuantía en que veñen percibíndose á data da sinatura. Para os niveis A e B da categoría administrativos, actualmente sen persoal, o incentivo correspondente supón un incremento do 64,4% e 32,2%, respectivamente, con relación ó que actualmente percibe o nivel C.

Artigo 13º.-Incremento salarial 2000.

O incremento dos salarios foi do 2%, para o exercicio 2000, aplicado sobre os salarios de 1999. A táboa salarial detallada no artigo 12º xa recolle o citado incremento do 2%.

Artigo 14º.-Complemento por antigüidade.

Establécese un complemento por antigüidade para tódalas categorías, consistente en bienios do cinco por cento do salario base, e comezarase a devengar a principios do ano no que se cumpra o bienio.

-10% do salario base ata os 5.

-32% do salario base ata os 15.

-40% do salario base ata os 20.

-60% do salario base ata os 25 anos ou máis.

O tope pasa ó nivel seguinte, unha vez transcorrido o tempo fixado, pero con efectos desde o 1 de xaneiro do ano no que se produza.

Artigo 15º.-Distribución do salario anual e pagas extraordinarias.

Os salarios establecidos no artigo 12º, que inclúen as pagas extraordinarias, serán distribuídos en doce mensualidades.

Artigo 16º.-Retribucións que non teñen a consideración legal de salario.

a) Axuda de estudios.

Créase unha axuda de estudios de 30.000 pesetas brutas anuais, por cada fillo dos traballadores que estea percibindo calquera tipo de ensino, a partir dos 3 anos.

Así mesmo, créase igual axuda para os propios traballadores que se atopen na mesma situación. Estas axudas aboaranse nos primeiros días do mes de setembro de cada ano.

A empresa destinará á realización de cursos de formación do persoal, polo menos un 1% do total dos gastos de persoal (conta 64), sempre que exista unha suficiente demanda por parte dos traballadores. A regulación desta prestación levarase a cabo mediante nota de réxime interno redactada entre a dirección e o delegado de persoal.

A empresa aboará o 75% do curso de idiomas que calquera traballador desexe realizar. O custo deste curso inclúese entre os de formación do persoal.

b) Premio por nupcialidade e por natalidade.

O persoal que contraia matrimonio terá dereito á percepción dunha gratificación extraordinaria equivalente a 100.000 pesetas.

A empresa aboará o importe dunha prestación de 100.000 pesetas, que o traballador percibirá polo nacemento de cada fillo.

Así mesmo, no suposto de que os cónxuxes traballasen na mesma empresa, unicamente terá dereito a esta prestación o cónxuxe que acredite a súa condición de cabeza de familia.

c) Premio de vinculación.

O traballador que alcance a súa xubilación ou se atope en invalidez total, percibirá, en concepto de gratificación, o importe dunha mensualidade do seu salario real, sen prexuízo da correspondente liquidación de tódolos seus dereitos laborais a esas datas.

d) Préstamos ó persoal.

A empresa destinará para o persoal un fondo de 24 millóns de pesetas.

e) Seguro de vida e accidentes.

Todo o persoal disporá dun seguro de vida por un capital asegurado de 5 millóns de pesetas. O persoal que viaxe por necesidades do seu traballo disporá dun seguro por accidentes cun capital asegurado de 23 millóns de pesetas no caso de morte e 23 millóns de pesetas no caso de invalidez permanente. Para o resto do persoal existirá un seguro de accidentes por 8 millóns de pesetas en caso de morte e 8 millóns de pesetas en caso de invalidez permanente.

f) Plan de pensións.

Todo o persoal suxeito a este convenio colectivo adhírese ó fondo de pensións promovido por Xesgalicia, Sgecr, S.A. denominado Plan de Pensiones de empleo para Xesgalicia, Sgecr, S.A. e integrado no Fondo de Pensiones Caixavigo, F.P.

O promotor, Xesgalicia, Sgecr, S.A. fará anualmente unha achega ó plan citado.

O funcionamento rexerase segundo as especificacións propias do plan.

g) Seguro de enfermidade.

Todo o persoal suxeito a este convenio colectivo desfrutará dun seguro de enfermidade a partir do un de xaneiro de 2001.

A cota anual para satisface-la aseguradora será por conta da empresa.

Artigo 17º.-Axudas de custo e locomoción.

As axudas por desprazamento para o persoal que, por orde da empresa, teña necesidade de efectuar saídas fóra do concello de Santiago de Compostela, quedarán establecidas da seguinte maneira:

Axudas para gastos: 4.500 pesetas.

Artigo 18º.-Horas extraordinarias.

A regulación deste artigo quedará suxeita á normativa legal vixente e, en concreto, ó Estatuto dos traballadores e á súa posterior modificación, recollida no Real decreto 1/1995, do 24 de marzo de 1995.

Artigo 19º.-Permisos retribuídos.

Ós traballadores interesados concederánselles necesariamente os seguintes permisos retribuídos:

a) Por asuntos propios: 3 días.

b) Por matrimonio: 20 días.

c) Intervención cirúrxica ou enfermidade grave dos pais, pais políticos, fillos ou cónxuxe: 5 días.

d) Parto de esposa: 5 días.

e) Morte de cónxuxe, ascendentes, descendentes ou irmáns: de 5 a 8 días, que se concederán á xuízo da empresa se o óbito ocorrese en localidade distinta á do centro de traballo.

f) Cumprimento dun deber público: o tempo necesario para iso.

g) Exames para a obtención de títulos académicos: o tempo necesario.

h) Licencia a representantes sindicais: haberá que aterse ó disposto no vixente Estatuto dos traballadores.

i) Por traslado de vivenda: 2 días, e un máis cando o traslado sexa a máis de 50 km.

j) Os traballadores, por lactación dun fillo menor de nove meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións.

Artigo 20º.-Incapacidade laboral transitoria.

A empresa complementará as prestacións da Seguridade Social por enfermidade ou accidente ata o 100% da retribución do traballador, durante o período de vixencia das ditas prestacións.

A empresa comprométese a garanti-la cobertura salarial completa dos traballadores fixos que sexan declarados diminuídos físicos ou psíquicos pola autoridade competente e, que como consecuencia disto, non poidan presta-los seus servicios na empresa. Esta remuneración efectuarase durante o período transitorio de negociación coa autoridade competente ata que se determine o grao de invalidez.

Artigo 21º.-Permiso sen soldo.

Os traballadores que leven como mínimo un ano na empresa terán dereito a solicitar un permiso sen soldo por un máximo de 30 días unha vez ó ano.

Así mesmo, o traballador terá dereito a un permiso continuado sen soldo dun mes por cada ano de antigüidade, sen supera-lo permiso total de 12 meses. Unha vez transcorrido calquera dos tipos de permiso, o traballador reincorporarase automaticamente ó seu posto de traballo na mesma categoría laboral e con tódolos dereitos, como se estivese en activo. Os traballadores que estean desfrutando do permiso soli

citado terán dereito á incorporación ó posto de traballo, logo de notificación cun mínimo de 15 días de antelación.

Os traballadores que desfruten o permiso máximo ata 12 meses, terán que deixar transcorrer dez anos para xerar un novo dereito.