Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 15 de marzo de 2001 Páx. 3.265

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2001 pola que se convocan 4 cursos básicos sobre manexo de embarcacións de recreo.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, conforme as funcións que ten encomendadas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización de 4 cursos básicos sobre manexo de embarcacións de recreo, que se desenvolverán conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dota-lo persoal voluntario de protección civil que asiste ós cursos dunha formación teórico-práctica que lle facilite a obtención das autorizacións pertinentes para o manexo de embarcacións de recreo.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia que previamente superasen o curso básico de protección civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nestes cursos presentarán, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 31 de marzo de 2001, ás 14 horas.

3. As instancias serán enviadas polo presidente da agrupación correspondente, á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, 36680, A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido.

O contido dos cursos é o seguinte: lexislación. Nomenclatura básica. Estructura e accesorios de embarcación. Seguridade. Navegación. Regulamentos internacionais. Balizamentos. Prácticas básicas de seguridade e navegación.

Duración e datas.

Os cursos realizaranse ó longo do ano 2001 e terán unha duración de 20 horas lectivas.

As datas de realización destes quedan por determinar en función do número e localización de solicitudes.

Prazas.

O número máximo de prazas ofertadas para cada curso é de 30.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 23 de abril de 2001 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

Por determinar en función das solicitudes recibidas.

Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, aínda cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas, determinará a cualificación de «non apto» no curso.

Certificado de aproveitamento.

Á fin do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a el e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 26 de febreiro de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade