Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 16 de marzo de 2001 Páx. 3.391

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 8 de marzo de 2001 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de orientación profesional para o emprego.

A evolución do mercado de traballo, o aumento da poboación activa e a persistencia do desemprego fan necesario articular medidas que inclúan accións de atención constante e especializada dirixidas a aqueles colectivos con dificultades de inserción laboral.

Deste xeito, as directices de emprego da Unión Europea para 1999, o Plan nacional de acción para

o emprego e os acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia recollen como actuación prioritaria a mellora da capacidade de inserción laboral dos desempregados a través da orientación profesional personalizada.

Con este obxectivo, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude puxo en marcha un sistema de orientación laboral baseado en accións de información, orientación busca activa de emprego, coa finalidade de mellora-la ocupabilidade dos demandantes de emprego. Este sistema contempla a colaboración de entidades especializadas para incrementa-la capacidade e a calidade das accións, o seu achegamento ós usuarios e a atención a colectivos específicos.

No Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, establécese o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dispón que é esta o órgano da Xunta de Galicia ó que lle corresponde levar a cabo, entre outras, as funcións en materia de políticas activas de emprego, atribuíndolle, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, as competencias en materia de formación ocupacional e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral.

En virtude do exposto, e co fin de promove-las posibilidades de inserción laboral en Galicia, faise necesario articular unha vía de colaboración en materia de orientación laboral para o emprego con entidades externas que achegen os recursos humanos, técnicos e materiais necesarios para o desenvolvemento das citadas accións.

Por tanto, atendendo ó Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, á Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2001, o Decreto 377/1998, do 23 de decembro, polo que se establece o réxime xeral de axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e existindo crédito nas aplicacións 14.03.241A.482, 14.03.241A.470, 14.03.241A.460, 14.03.241A.440 e 14.03.241B.482 para o financiamento das presentes subvencións.

Dado que se deu audiencia ós axentes sociais representados no seo do Consello Galego de Relacións Laborais, e solicitados os informes preceptivos na tramitación, por proposta da Dirección Xeral de Formación e Colocación e en uso das facultades que me son conferidas de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o establecemento das bases e a convocatoria pública para a concesión

de subvencións por parte da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a entidades colaboradoras que realicen accións de orientación profesional para o emprego, articuladas en itinerarios de inserción ocupacional e dirixidas a mellora-las posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no servicio público de emprego.

Artigo 2º.-Programa de orientación profesional para o emprego. Accións.

A Dirección Xeral de Formación e Colocación, mediante o Servicio Galego de Colocación, directamente ou por medio de centros colaboradores distribuídos nas áreas funcionais determinadas, levará a cabo as accións de información e orientación profesional dirixidas ós demandantes de emprego.

Estas accións realizaranse de xeito personalizado, coa finalidade de avalia-lo perfil curricular de cada demandante, actuando a un tempo sobre as súas aptitudes e capacidades e establecendo actuacións tendentes a adecua-los seus intereses e motivacións á situación actual do mercado de traballo. Tamén poderán desenvolverse accións colectivas, dirixidas á adquisición das capacidades básicas que permitan ós demandantes articularen itinerarios activos e eficaces na busca de emprego: estas accións serán determinadas pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, que especificará a duración delas, o número de usuarios de cada acción e a metodoloxía que se empregue.

Capítulo II

Dos beneficiarios das accións

Artigo 3º.-Beneficiarios do programa de información e orientación laboral.

Serán beneficiarios do programa de información e orientación laboral tódolos demandantes de emprego inscritos no Servicio Público de Emprego ben cando o soliciten expresamente ben cando lles sexa ofertado polo propio servicio.

Capítulo III

Das entidades colaboradoras

Artigo 4º.-Definición.

Poderán ser entidades colaboradoras co Servicio Galego de Colocación no programa de información e orientación laboral as asociacións empresariais e sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma e as entidades sen ánimo de lucro, cun ámbito de actuación relacionado co mercado laboral, e que así se recolla nos seus estatutos ou normas de constitución. Todos eles deberán reuni-los seguintes requisitos no momento de realiza-la solicitude:

a) Dispoñer dun local con despacho para atención individual ós demandantes de emprego.

b) Dispoñer dun fax con liña dedicada a isto.

c) Dispoñer dunha liña ADSL ou doutra calidade equivalente ou superior, con conexión dedicada á Rede Corporativa da Xunta de Galicia, ou dispoñer dun acceso básico de Rede Dixital de Servicios Integrados.

d) Dispoñer dun hardware de comunicacións que posibilite a conexión de ordenadores persoais á Rede

Corporativa da Xunta de Galicia de acordo cos estándares definidos.

e) Dispoñer dun ordenador persoal con protocolo de comunicacións TCP/IP.

f) Acreditar experiencia en materia de orientación profesional, motivación cara ó emprego, técnicas de busca de emprego, acompañamento para a inserción e/ou xestión de bolsas de traballo.

Tanto o software de base instalado como as características do hardware do ordenador deberán posibilita-lo correcto funcionamento do aplicativo cliente do Servicio Galego de Colocación.

Artigo 5º.-Solicitude.

1. As entidades que, reunindo os requisitos establecidos no artigo anterior, desexen obte-lo recoñecemento como centro colaborador do Servicio Galego de Colocación na área de orientación laboral, deberán formaliza-la correspondente solicitude segundo o modelo oficial que se xunta como anexo á presente orde, subscrita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado e dirixida ó director xeral de Formación e Colocación.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Copia compulsada da escritura de constitución e dos estatutos da entidade.

b) Tarxeta de identificación fiscal.

c) Documentación acreditativa de representatividade suficiente para asina-la solicitude.

d) Título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións correspondentes.

e) Licencia municipal de apertura.

f) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 4º:

-Planos do local, con indicación expresa do despacho que se dedicará á realización das accións de orientación laboral.

-Facturas conformadas ou documentos que acrediten a existencia dun fax con liña dedicada, conexión ADSL, RDSI ou equivalente e protocolo de comunicación TCP/IP.

g) Proxecto-memoria das accións que se vaian realizar no que se indique:

-Recursos técnicos, humanos e materiais requiridos.

-Experiencia no desenvolvemento das accións solicitadas, detallando o tipo de accións realizadas, a metodoloxía empregada e o número de usuarios atendidos.

-Xustificación da necesidade das accións.

-Sistemas de avaliación dos servicios que se prestan ós demandantes de emprego.

-Currículum vitae suficientemente acreditado da persoa ou persoas propostas para a realización das accións.

h) Datos bancarios onde se desexe percibi-la subvención

i) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes de axudas presentadas ou concedidas para o mesmo

proxecto das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades.

3. As entidades que sexan centros asociados do Servicio Galego de Colocación estarán exentas de presenta-la documentación indicada nas alíneas a), b), c), d) e e) do número 2 deste artigo.

No suposto de que se producira algunha modificación na documentación que se acha en poder da Administración, as entidades recoñecidas como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación deberán remiti-la dita documentación convenientemente modificada.

4. Así mesmo, as entidades colaboradoras de titularidade dunha Administración pública estarán exentas da presentación do documento indicado na alínea a) do número 2 deste artigo.

5. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Criterios de adxudicación.

A adxudicación das subvecións previstas na presente orde ás entidades que reúnan os requisitos esixidos no artigo 4º realizarase conforme os seguintes criterios de prioridade:

a) Cobertura existente dentro do Servicio Público de Emprego segundo a área funcional na que se sitúe a entidade, en relación co número de demandantes de emprego de cada área funcional.

b) Experiencia acreditada da entidade solicitante no desenvolvementro das accións.

c) No caso de que a entidade solicitante sexa centro asociado ó Servicio Galego de Colocación, valoración do traballo desenvolvido.

d) Ter abordada a prospección do mercado de traballo.

Artigo 8º.-Tramitación.

1. A tramitación e instrucción dos expedientes realizarase na Dirección Xeral de Formación e Colocación conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O director xeral de Formación e Colocación, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dictará resolución motivada, e seralles notificada ós interesados.

3. A resolución dos expedientes deberá producirse nun prazo de seis meses contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

4. A resolución que finaliza os procedementos regulados na presente orde esgota a vía administrativa, polo que contra elas se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdiccional competente, na forma e prazo previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do citado recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición perante o mesmo órgano que dictou o acto administrativo, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

Artigo 9º.-Obrigas dos centros colaboradores.

Calquera centro colaborador do Servicio Galego de Colocación na área de orientación laboral estará obrigado a:

a) Presentar trimestralmente información relativa ás accións realizadas, na que constará sempre a sinatura dos participantes, e que se presentarán á Dirección Xeral de Formación e Colocación polos mecanismos que se establezan.

b) Comunicar á Dirección Xeral de Formación e Colocación calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

c) Facilitar, no prazo máximo de 10 días, os datos que a Dirección Xeral de Formación e Colocación requira sobre o desenvolvemento e resultado das accións cos demandantes de emprego inscritos no Servicio Público de Emprego.

d) Utiliza-las metodoloxías, documentos, táboas de axuda, programas informáticos, etc., que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación, sen prexuízo de que os centros colaboradores poidan utilizar metodoloxías propias, supervisadas e aprobadas pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

e) Utilizar axeitadamente as identificacións segundo as instruccións que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

f) Obter autorización previa por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación para a difusión publicitaria das accións previstas no artigo 2º, así como tamén respecta-las instruccións e utiliza-lo modelo de anuncio ou cartel publicitario que determine a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

g) Manter ó dispor do Servicio Galego de Colocación o expediente completo correspondente ó usuario demandante de emprego durante o período en que se executen as accións.

h) Informa-la Dirección Xeral de Formación e Colocación, previamente e por escrito, sobre calquera cambio que se puidera producir nos datos expresados polo centro no inicio da súa colaboración.

i) Non percibir retribución económica ningunha dos usuarios pola realización das accións desenvolvidas en colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no marco desta disposición.

j) Informar previamente a Dirección Xeral de Formación e Colocación sobre se perciben compensacións económicas doutras administracións por levar a termo accións iguais ou análogas ás reguladas na presente orde.

k) Garda-lo segredo profesional respecto ós datos contidos nos ficheiros automatizados de titularidade da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou rexistrados en soportes físicos susceptibles de tratamento automatizado. Esta obriga subsistirá cando finalice a súa colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación, de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os datos de carácter persoal obxecto do tratamento automatizado unicamente poderán ser cedidos para o cumprimento dos fins directamente relacionados coas accións do Servicio Galego de Colocación.

l) Facilitar información á persoa demandante de emprego do estado dos seus datos de carácter persoal incluídos nos ficheiros automatizados, con calquera das formas expresadas no artigo 15.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

m) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

n) Todas aqueloutras obrigas que se desprendan do articulado da presente orde.

o) En caso de cesamento das súas actividades, perda da súa condición de centro colaborador co Servicio Galego de Colocación na área de orientación laboral, ou de que a Consellería de Familia, e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude lle suprimira este servicio, o centro remitirá os expedientes dos usuarios que estean vixentes ó centro ou entidade que lle indique a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 10º.-Selección e contratación do persoal para a realización das accións.

1. A entidade colaboradora en materia de orientación laboral, unha vez dictada resolución estimatoria, realizará, en colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación ou coa delegación provincial correspondente, a selección de técnicos para o desenvolvemento das accións referidas no artigo 2º da presente orde. Os técnicos seleccionados poderán ter relación previa contractual coa entidade beneficiaria ou non, e, en todo caso, deberán posuí-lo título de diplomado ou licenciado universitario, preferentemente en psicoloxía, psicopedagoxía, pedagoxía, socioloxía ou educación social.

A entidade colaboradora deberá acredita-la experiencia do/s técnico/s seleccionados en materia de formación profesional e/ou ocupacional, orientación profesional, recursos humanos, motivación cara ó emprego, técnicas de busca de emprego, acompañamento para a inserción, xestión de bolsas de traballo ou outras disciplinas que garden relación directa co mercado laboral.

No caso de que a dita experiencia non poida ser acreditada, a selección realizarase en función das titulacións preferentes establecidas no parágrafo anterior e, en todo caso, a persoa ou persoas seleccionadas deberán supera-los requisitos establecidos no baremo de selección existente ó respecto na Dirección Xeral de Formación e Colocación.

2. A Dirección Xeral de Formación e Colocación realizará, sempre que se estime necesario, a formación inicial dos técnicos seleccionados. Igualmente organizará, con medios propios ou alleos, o perfeccionamento e actualización formativa dos técnicos que realizan as accións.

Capítulo IV

Contía das subvencións

Artigo 11º.-Contía.

1. As contías previstas na presente orde terán por obxecto subvenciona-las retribucións totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, por tódolos conceptos de persoal necesario para a execución das accións en función do convenio colectivo aplicable, ou de acordo coa normativa de aplicación nas administracións públicas para funcionarios nas contías seguintes:

a) Para os técnicos, titulados superiores ou medios, as retribucións establecidas na respectiva normativa de aplicación para cada categoría, nivel ou grupo profesional, ata un máximo de 4.160.000 pesetas (25.000,1 euros) por ano.

b) Para o persoal de apoio, as retribucións establecidas na respectiva normativa de aplicación para cada categoría, nivel ou grupo profesional, ata un máximo de 2.912.000 pesetas (17.501,4 euros) por ano.

2. Igualmente, subvencionarase ata un 10% do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, técnicos, axudas de custo e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións recollidas na presente orde.

3. As retribucións refírense á prestación de servicios a xornada completa. As retribucións acomodaranse proporcionalmente á xornada que se desenvolva no caso de que a prestación de servicios sexa a tempo parcial.

Artigo 12º.-Gastos imputables.

En relación co artigo anterior, considéranse gastos imputables ás accións realizadas en concepto de gastos xerais, materiais e técnicos necesarios, os seguintes:

a) Gastos de elaboración de material técnico.

b) Gastos en material de oficina, impresos e material funxible.

c) Gastos xerais para a realización das accións: alugueres (leasing excluído), seguros de responsabilidade civil, mantemento (se non está incluído no aluguer), subministración de enerxía eléctrica, auga, combustible para calefacción (se non está incluído no aluguer), comunicacións (teléfonos, correos), limpeza, seguridade e vixilancia.

d) Gastos que se orixinen por axudas de custo e desprazamentos necesarios para o desenvolvemento das accións, ata o máximo establecido para ámbolos conceptos pola Xunta de Galicia, ou polas normas legais ou regulamentarias, nos correspondentes convenios colectivos de aplicación ou contrato de traballo, no caso de que estes establezan contías inferiores.

Artigo 13º.-Forma de pagamento.

1. O aboamento da subvención realizarase segundo os criterios seguintes:

a) O 35 por 100 do importe da subvención concedida aboarase logo de certificación do inicio das accións por parte da entidade colaboradora, na que se farán consta-los datos do persoal obxecto da subvención.

b) Do 65 por 100 restante, aboaranse dous prazos do 20 por 100 do total da subvención cada un deles cando a entidade colaboradora teña certificado e xustificado, conforme o previsto no artigo 14º, a realización de gastos polos ditos importes.

c) Unha vez finalizadas as accións, transferirase o 25 por 100 restante ata completa-lo total da subvención concedida, unha vez xustificados os gastos polo importe total.

d) En todo caso, as certificacións e xustificacións presentadas polas entidades colaboradoras deberán axustarse ó disposto no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Cando algunha das accións non puidera executarse dentro do ano natural do exercicio orzamentario en que se concedeu a subvención, procederase a recoñece-la obriga con anterioridade ó 31 de decembro do dito ano natural e a realiza-lo pagamento unha vez xustificadas as accións.

Artigo 14º.-Requisitos para o aboamento.

1. Antes de proceder ó cobramento das subvencións establecidas nesta orde, as entidades beneficiarias, se é o caso, terán que acreditar que se atopan ó día nas súas obrigas tributarias e sociais, e no pagamento das súas obrigas coa Comunidade Autónoma, e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Unha vez finalizadas as actividades, as entidades beneficiarias deberán acreditar mediante certificación selada e asinada polo representante da entidade, a realización das accións descritas.

3. Así mesmo, finalizadas as accións, e antes de proceder ó último pagamento, a entidade beneficiaria deberá presentar unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas admi

nistracións públicas ou de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades.

Artigo 15º.-Prazo de execución das accións.

1. No suposto previsto no artigo 13º.2, as accións poderán executarse ata o 31 de marzo do ano natural seguinte ó da súa concesión. Neste caso, o proxecto conxunto de actuacións deberá terse iniciado antes do 31 de decembro do exercicio no que se concedeu a subvención.

2. No suposto anterior, procederase a recoñece-la obriga con anterioridade ó 31 de decembro e a realiza-lo último pagamento unha vez xustificadas as accións.

Artigo 16º.-Liquidación final.

1. Durante o mes seguinte ó de finalización da execución das accións obxecto da subvención, a entidade colaboradora presentará liquidación final dos gastos realizados no modelo que se poña ó seu dispor a Dirección Xeral de Formación e Colocación, que conterá, alomenos, os seguintes datos:

a) Accións realizadas, con especificación dos demadantes de emprego atendidos en cada unha delas.

b) Relación de facturas, acompañada das facturas orixinais ou copias compulsadas, na que consten os gastos realizados desagregados por conceptos.

Capítulo V

Seguimento e control

Artigo 17º.-Seguimento das accións.

1. Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá realiza-las comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normativas vixentes que resulten de aplicación.

Así mesmo, as delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderán realizar comprobacións e verificacións, presenciais e aleatorias co obxecto de avaliar cuantitativa e cualitativamenre o desenvolvemento das accións previstas na presente orde en calquera das entidades beneficiarias da subvención.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18º.-Reintegro das subvencións.

1. Procederá o reintegro das cantidades percibidas nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustifica-la realización da actividade.

b) Incumprimento da finalidade para a que a axuda foi concedida.

c) Incumprimento por parte da entidade colaboradora das obrigas sinaladas nesta orde.

d) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos na presente orde ou na normativa que a desenvolva.

2. Así mesmo, procederá o reintegro por parte da entidade colaboradora das cantidades que excedan da contía que se ten que percibir polas accións realizadas, unha vez deducidas outras subvencións ou axudas recibidas pola entidade colaboradora para a mesma finalidade e, en todo caso, observarase o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-As accións incluídas na presente orde financiaranse con cargo ás consignacións orzamentarias 14.03.241A.482, cun importe de 903.071.000 pesetas (5.427.566,02 euros), 14.03.241A.470, cun importe de 25.000.000 de pesetas (150.253,02 euros), 14.03.241A.460, cun importe de 116.368.000 pesetas (699.385,76 euros), 14.03.241A.440, cun importe de 70.652.000 pesetas (424.627,07 euros) e 14.03.241B.482, cun importe de 15.413.667 pesetas (92.638 euros). As ditas cantidades considéranse como contía estimativa, susceptible de ampliación en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Segunda.-A concesión das subvencións terá como límite global o crédito asignado para este fin nos orzamentos xerais de cada ano, da Comunidade Autónoma.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no director xeral de Formación e Colocación para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-En todo o non disposto na presente disposición, será de aplicación a normativa do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais relativa á orientación profesional para o emprego.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación e Colocación para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela 8 de marzo de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude