Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 03 de abril de 2001 Páx. 4.223

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 27 de marzo de 2001 pola que se dictan normas para a concesión de equipos de comunicación Bases de Radio Trunking ós concellos de Galicia para misións de protección civil.

A Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e ó apoio en situacións de emerxencia; actitude fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de protección civil na maior parte dos concellos, para poder cumpri-la normativa vixente en materia de protección da súa comunidade veciñal.

Conforme o Decreto 161/2000, do 29 de xuño, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndenlle a esta consellería, entre outras competencias, as de protección civil.

De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se aproban as medidas de coordinación de protección civil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios en materia de protección civil, especialmente ós concellos de Galicia.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, consciente da magnitude e transcendencia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como as necesidades que se xeran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, quere dotar de medios axeitados os concellos de Galicia que dispoñan no seu termo municipal de Agrupación de Voluntarios de Protección Civil para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil, para comunicacións.

De acordo co exposto preténdese, por medio desta orde, regula-lo procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de equipos de comunicacións Bases de Radio Trunking para misións de protección civil ós concellos de Galicia.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, para colaborar cos concellos de Galicia na súa misión de protección á súa comunidade veciñal e para equipar cuns medios necesarios á protección civil, cederalles en propiedade equipos de comunicación Bases de Radio Trunking.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Para poder acceder ós beneficios outorgados mediante esta orde, os concellos de Galicia deberán dispoñer de Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, que deberá estar debidamente rexistrada e non

dispor, no momento da publicación desta orde, de equipos de comunicación Bases de Radio Trunking.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo ó que se refire esta orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará ata un límite de dez millóns de pesetas (10.000.000 de pesetas), con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.231A.623.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 2001.

Artigo 4º.-Solicitude.

1. Os concellos de Galicia que desexen acollerse ós beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no prazo de vinte días hábiles contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós interesados pola Dirección Xeral de Interior e Protección Civil da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, concedéndoselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrucción e resolución.

As solicitudes recibidas e a súa documentación serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, que emitirá o correspondente informe.

O director xeral de Interior e Protección Civil, á vista do informe, elevaralle a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo).

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, e na avaliación das solicitudes terase en conta o seguinte:

* Número de colaboracións realizadas, en materia de protección civil, coa Xunta de Galicia, especialmente co Servicio de Emerxencia 112, e nos plans de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia no sistema de protección civil de Galicia.

* Dispoñer de servicio de 24 horas na Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

Artigo 7º.-Notificación.

1. A resolución da consellería seralles notificada ós solicitantes ós que se lles concedese a cesión en propiedade dos equipos de comunicación, na forma

prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. No caso de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde, non se notificase resolución expresa, os concellos interesados poderán entenderse desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Así mesmo, a aqueles concellos ós que non se lles conceda ningún equipo de comunicación notificaráselles indicando que foi desestimada a súa petición. Contra a resolución, que resolve a convocatoria, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, ou ben recurso potestativo de reposición no prazo dun mes a partir da súa notificación.

Artigo 8º.-Aceptación.

1. O concello ó que se lle concede equipo de comunicación disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da resolución favorable, para comunica-la aceptación.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la dita resolución.

Artigo 9º.-Formalización de cesión.

Asinarase un convenio no que constará o acordo de cesión en propiedade e a aceptación do cesionario.

Artigo 10º.-Control.

Se o material cedido non se aplicase ó fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais estará dotada de facultades de vixilancia e control para comproba-lo cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión, e, de se-lo caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Será de aplicación supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvención públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2001.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais